Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 25 de agosto de 1997 Páx. 8.146

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 1997 pola que se convocan dúas bolsas de investigación sobre patrimonio sonoro galego.

O Concello da Cultura Galega, considerando a importancia que ten para o mundo da cultura a localización, organización e difusión selectiva das fontes sonoras existentes no noso país e a preparación de materiais específicos que no mundo da cultura contribúan a un mellor coñecemento da faceta oral da nosa tradición, acordou:

Convocar dúas bolsas cunha contía mensual de 115.000 ptas. cada unha, cunha duración de seis meses, para traballar na localización, ordenación catalogación e transcrición de materiais sonoros e demais tarefas inherentes ós labores do programa Arquivo Sonoro.

Das dúas bolsas, unha dedicarase preferentemente a labores de localización, ordenación e transcrición de fondos etnográficos e históricos e outra, á revisión e catalogación dos fondos documentais sonoros do programa.

1. Orzamento.

Para atender ó gasto que supoñen as bolsas existe crédito suficiente nas aplicacións 03.01.111D.480 do orzamento vixente.

2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas tódolos cidadáns comunitarios, maiores de idade e con plena capacidade para obrar que reúnen os seguintes requisitos:

a) Non seren traballadores por conta propia ou allea nin recibiren remuneración de ningún tipo ou gozaren dunha bolsa ou axuda semellante.

b) Non teren sido separados do servicio de ningunha administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

c) Seren licenciados en filoloxía, historia, antropoloxía ou formaren parte, con ampla experiencia demostrada, de grupos de investigación estable sobre a cultura tradicional.

3. Solicitudes.

Os solicitantes entregarán (horario de 10 ás 14 horas) na sede do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi 2ª planta, Santiago de Compostela, dentro do prazo de dez días hábiles contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Instancia de solicitude dirixida ó presidente do Consello da Cultura Galega.

-Fotocopia do expediente académico correspondente.

-Currículum vitae con indicación dos estudios, actividades e documentación acreditativa de tódolos méritos que se aleguen.

-Declaración xurada de non estar desempeñando ningún traballo por conta propia ou allea e de non ter sido separado do servicio de ningunha administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

4. Selección dos bolseiros.

Para a selección dos bolseiros considerarase mérito e valorarase de acordo coa súa significación, a experiencia en traballos de localización, clasificación e xestión de documentación sonora, a participación en proxectos de recollida e transcrición de cultura popular de tradición oral e o dominio da base de datos Access de Microsoft.

5. Comisión avaliadora.

A comisión que avaliará as solicitudes e entenderá na súa resolución estará composta por dous membros da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega e mailo coordinador do Programa Sonoro de Galicia do propio Consello.

6. Nomeamento.

Os bolseiros serán nomeados polo presidente do Consello da Cultura Galega por proposta da comisión avaliadora, quen tamén seleccionará os suplentes que xulgue oportunos. Os/as bolseiros/as seleccionados/as deberán presentarse na sede do Consello dentro dos dez días seguintes ó da notificación da súa selección co obxecto de recolleren as súas credenciais e comezaren a súa actividade.

7. Desenvolvemento da investigación.

Os bolseiros desenvolverán a súa actividade baixo as indicacións do director do programa Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, quen sinalará o tempo de dedicación, o modo de realiza-lo traballo e dictará tódalas directrices necesarias para o seu desenvolvemento. Neste sentido poderán establecer un horario fixo máximo de traballo que en

ningún caso poderá exceder das 40 horas semanais e que se desenvolverá na sede do Consello da Cultura Galega ou onde for preciso. Estes bolseiros deberán elaborar mensualmente un informe da súa actividade que xunto co aval do coordinador do programa, servirá de base para xustifica-lo pagamento da bolsa.

8. Pagamento das bolsas.

O pagamento das bolsas realizarase en seis mensualidades logo de informe do coordinador do programa conforme os traballos se desenvolven con nomalidade e de acordo coas prescricións técnicas establecidas.

9. No caso de incumprimento continuado das tarefas obxecto da bolsa, o coordinador do programa elevará un informe ó presidente do Consello, quen despois da audiencia do interesado, adoptará a decisión que corresponda.

A solicitude de bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

A condición de bolseiro/a non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1997.

Mª Xosé Rodríguez Galdo

Secretaria do Consello da Cultura Galega

6125