Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 21 de agosto de 1997 Páx. 8.067

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 12 de agosto de 1997 pola que se derrogan as ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, reguladoras do réxime xurídico das autorizacións de transporte público de mercadorías e de viaxeiros.

O réxime xurídico do outorgamento, modificación e extinción das autorizacións de transporte de viaxeiros e mercadorías da competencia exclusiva da comunidade autónoma atópase regulado por ordes do 7 de marzo de 1996.

A referida normativa autonómica atopa cobertura na Lei 16/1987, do 30 de xullo, (LOTT) e no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, que aprobou o seu regulamento (ROTT) e comparte, polo tanto, as liñas mestras da regulación contida nesta normativa estatal.

Por Real decreto 1136/1997, do 11 de xullo, procedeuse á modificación parcial do ROTT. A referida modificación afecta de maneira esencial o réxime de outorgamento e vixencia das autorizacións de transporte, tanto de viaxeiros como de mercadorías.

O cambio cualitativo que se produce coa modificación do regulamento, unido ó feito da interrelación existente entre as autorizacións de diferente ámbito, e mesmo de competencia de distintas administracións, determina a necesidade de reformula-la normativa autonómica.

Neste sentido resulta especialmente relevante o feito de que as autorizacións de transporte residenciadas en Galicia, polo principio de territorialidade, poden, aínda sendo do mesmo ámbito, ser de competencia unhas autonómicas e outras estatais, dado que unha gran parte das locais residenciadas en Galicia abranguen territorios de máis dunha comunidade autónoma.

Por outra banda, non se pode descoñecer que a nova regulación do ROTT nesta materia, tendente á concentración empresarial e a conseguir nos operadores de transporte dimensións que favorezan a súa competitividade, implica unha radical modificación dos orzamentos sobre os que descansaban as ordes autonómicas.

Na súa virtude, vista a Lei 16/1987, do 30 de xullo, e os reais decretos 1211/1990, do 28 de setembro, e 1136/1997, do 11 de xullo, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Quedan derrogadas as ordes do 7 de marzo de 1996 reguladoras das autorizacións de transporte

discrecional de mercadorías e de viaxeiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

2. As autorizacións concedidas ó abeiro da normativa autonómica, así como aqueloutras que se outorguen no sucesivo, rexeranse polo disposto nas ordes ministeriais reguladoras do réxime xurídico das autorizacións de transporte.

Para tales efectos será de aplicación ás autorizacións de ámbito local e provincial o réxime previsto para as locais pola normativa estatal, en tanto que as autorizacións de ámbito territorial se rexerán polo previsto na citada normativa para as comarcais.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 1997.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

6271