Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 12 de agosto de 1997 Páx. 7.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de xullo de 1997 sobre axudas ós estudios náutico e marítimo-pesqueiros nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para o curso académico 1997-1998.

O R.D. 4189/1982, do 29 de decembro, ó amparo das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 206/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura atribúe á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a organización e xestión nas ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

Co obxecto de fomentar e potencia-la formación da poboación mariñeira, é necesario artella-las accións que faciliten o acceso á formación náutico e marítimo-pesqueira, con especial incidencia na formación permanente de adultos, ciclos formativos de grao medio e superior e formación profesional de 2º grao. Neste sentido, é fundamental a dotación de axudas ó transporte, de comedor e residencia. Esta acción é cofinanciada polo Fondo Social Europeo.

En virtude das atribucións conferidas no artigo 24 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo para os alumnos que cursen estudios de formación náutico e marítimo-pesqueira nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O pagamento do presente programa de axudas farase a cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. formación profesional F.S.E. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997. Esta orde regula a súa concesión dentro dos preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

Artigo 2º.-Fins.

Os estudios para os que se poderán solicitar axudas no curso académico 1997/1998 son os seguintes:

a) Marítimo-pesqueiros:

-Formación profesional de 2º grao, nas especialidades de máquinas, pesca marítima e navegación de cabotaxe.

-Ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica.

b) Náutico-pesqueiros:

-Mecánico naval maior, mecánico naval 1ª e 2ª clase, capitán de pesca, patrón de pesca de altura, patrón de 1ª clase pesca de litoral, patrón maior de cabotaxe e patrón de cabotaxe.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas tódolos alumnos que cursen os estudios sinalados no artigo 2º en centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser cidadán de calquera país da Unión Europea.

-Reuni-los requisitos académicos e profesionais esixidos polo ordenamento xurídico vixente.

-Non estar en posesión de título académico que habilite para actividades profesionais, a non ser que o dito título supoña un nivel ou grao inferior ó dos estudios que se pretendan realizar ou que estes estudios constitúan unha especialización dos xa realizados.

-Que a puntuación do baremo establecida para o efecto obtida polo alumno se sitúe dentro do crédito dispoñible.

Artigo 4º.-Clases e contía das axudas.

As axudas poderán te-los seguintes compoñentes:

a) Axuda para gastos determinados por razón da distancia entre o domicilio familiar do bolseiro e o centro docente.

b) Axudas para gastos derivados da residencia do alumno durante o curso escolar, fóra do domicilio familiar.

c) Axudas de manutención para alumnos que cursen estudios nos centros de Ribeira e A Illa de Arousa sempre que reúnan os requisitos esixidos.

Artigo 5º.-Axudas para transporte.

As axudas por razón da distancia no transporte diversificaranse na súa contía segundo a seguinte escala:

De 5,00 a 10,00 km: 21.000 ptas.

De 11,00 a 30,00 km: 42.000 ptas.

De 31,00 a 50,00 km: 85.000 ptas.

Máis de 50,00 km: 104.000 ptas.

En ningún caso serán compatibles as axudas por razón da distancia no transporte interurbano coa axuda de residencia.

Artigo 6º.-Axudas por residencia.

1. Para a adxudicación de axudas para gastos derivados da residencia do alumno fóra do domicilio familiar, requirirase que o solicitante acredite que, por razón da distancia entre o domicilio familiar e o centro docente e os medios de comunicación existentes, ten que residir fóra do domicilio familiar durante o curso. Para estes efectos os órganos de selección de bolseiros poderán considerar como domicilio da familia o máis próximo ó centro docente, aínda que non coincida co domicilio legal.

2. A contía das axudas por razón de residencia fóra do domicilio familiar será de 230.000 ptas.

3. Poderá ser denegada esta axuda cando existan prazas vacantes nas residencias dos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura onde o alumno vai cursa-los seus estudios.

Artigo 7º.-Axudas de manutención.

A axuda de manutención defínese como os gastos derivados da comida do mediodía do alumno fóra do seu domicilio habitual por razón da distancia ós centros de ensino de Ribeira e da Illa de Arousa dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

1. Poderán solicitar axuda de comedor os alumnos que acrediten documentalmente te-lo domicilio familiar a unha distancia superior a 10 km do centro docente ou ben que, aínda sendo inferior, acrediten a imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

2. A axuda de comedor será incompatible coa axuda para gastos por razón da residencia do alumno durante o curso escolar fóra do domicilio familiar.

3. A contía máxima da axuda de manutención será de 34.500 ptas.

Artigo 8º.-Adxudicación de axudas.

A adxudicación das axudas farase conforme un baremo no que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico, tempo de embarque para a modalidade de formación permanente de adultos, idade e outras circunstancias familiares que se poidan xustificar. A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das axudas convocadas.

1. Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas nas que existan cualificacións globais por curso aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das disciplinas cursadas, obtense a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan de 1 ó 10, séguense as equivalencias que a continuación sinalamos:

10: matrícula.

9: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

2. Tempo de embarque para a modalidade de formación permanente de adultos.

-Máis de 700 días: 5 puntos.

-De 500 a 700 días: 4 puntos.

-De 300 a 499 días: 3 puntos.

-De 100 a 299 días: 2 puntos.

-De 50 a 99 días: 1 punto.

3. Idade na formación permanente de adultos.

-Maiores de 25 anos: 3 puntos.

-Entre 20-25 anos (ámbolos dous inclusive): 2 puntos.

-Menores de 20 anos: 1 punto.

4. Renda familiar.

a) Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 1996 por tódolos membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia, incluíndo no caso de bens de natureza urbana o 2% do seu valor catastral.

b) No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

c) A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos a conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións á Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias, o 5% sobre os ingresos íntegros por rendementos do traballo cun tope máximo de 250.000 pesetas.

d) Os titulares de explotacións agrarias ou pesqueiras computarán, ademais, como ingresos os productos que utilicen para o seu propio consumo.

e) Considéranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns menores de 23 anos, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinteseis anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos

ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros da unidade familiar o cónxuxe ou, se é o caso, a persoa coa que estea unido por análoga relación así como os fillos se os houbera.

f) No caso de que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta circunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o alugueiro da vivenda e os medios económicos con que conta.

g) Ó cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 525.000 ptas: 10 puntos.

De 525.001 a 600.000: 8 puntos.

De 600.001 a 675.000: 7 puntos.

De 675.001 a 750.000: 6 puntos.

De 750.001 a 825.000: 5 puntos.

De 825.001 a 900.000: 4 puntos.

De 900.001 a 975.000: 3 puntos.

De 975.001 a 1.050.000: 2 puntos.

De 1.050.001 a 1.125.000: 1 puntos.

Máis de 1.125.000: 0 puntos.

h) Poderanse denega-las axudas cando a comisión considere que a renda da unidade familiar é elevada.

5. Circunstancias familiares.

a) Ós aspirantes que teñan irmáns cursando estudios de FP2º grao, formación profesional específica, BUP ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselles 3 puntos por cada un deles.

b) Ós aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c) Ós aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase 1 punto, de 2ª clase e honra, 2 puntos.

d) Ós aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 3 puntos.

Tódolos apartados referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 9º.-Regras de procedemento.

1. Tódolos alumnos que soliciten axuda deberán cubri-lo impreso oficial que figura no anexo I.

2. Tódolos solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presenta-la seguinte documentación:

-DNI do solicitante e demais membros da unidade familiar maiores de idade.

-Certificado de estudios, se fose o caso.

-Certificado de ter formalizada a matrícula.

-Libreta de navegación, se fose o caso.

-Certificado de empadroamento e residencia habitual.

-Fotocopia autenticada completa das declaracións polo imposto sobre a renda das persoas físicas dos compoñentes que integran a unidade familiar e que teñan a obriga de realizala, correspondentes ó ano 1996, ou declaración, segundo o modelo que se adxunta no anexo II, do cabeza de familia ou solicitante (se alegase a súa independencia familiar e económica), cando os ingresos obtidos sexan de contía inferior ós establecidos para a obrigatoriedade da presentación da declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos centros docentes onde os solicitantes vaian segui-los seus estudios durante o curso académico 1997-1998.

2. Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou ben a través dos mecanismos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de dous meses, contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. Para o estudio das solicitudes presentadas e selección de posibles bolseiros, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o delegado territorial correspondente.

Vocais: director do centro. Xefe de estudios. Un representante da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación. Dous profesores membros do consello escolar do centro docente. Un representante dos pais de alumnos, membro do consello escolar.

Secretario: o secretario do centro docente, que actuará como secretario da comisión, con voz e sen voto.

2. Das reunións celebradas polas comisións a que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

3. O funcionamento destas comisións axustarase ó disposto nas normas contidas para o efecto no capítulo II punto II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As solicitudes de bolsa deberán ser estudiadas e comprobadas para selecciona-las que deban ser atendidas, tendo prioridade a formación permanente de adultos e as de renovación dentro do ciclo.

5. A comisión de valoración cursará a denegación ós solicitantes que non reúnan ou acrediten os requisitos esixibles para seren bolseiros. Na notificación da denegación farase consta-la causa desta e informarase ó solicitante dos recursos que pode interpoñer, así como as revisións que poida solicitar.

6. Transcorrido o prazo de 10 días naturais, os ditos órganos elaborarán unha lista de solicitantes, tendo en conta a prelación segundo o baremo establecido para o efecto, que será remitido á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, á vista das listas referidas no artigo anterior, determinará o número total de bolsas que poden ser concedidas en función dos recursos dispoñibles e ordenará a confección das listas de pagamento correspondentes.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá denega-la axuda se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos aportados, así como que a familia do solicitante dispoña dunha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e, en consecuencia, a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

2. No caso de que os solicitantes obtiveran o mesmo coeficiente, terá preferencia o de renda familiar máis baixa sobre o de renda máis alta.

3. A lista definitiva de adxudicatarios farase pública nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos. Esta resolución porá fin á vía administrativa.

4. Os alumnos ós que se lles denegara inicialmente a súa solicitude, ou como consecuencia da revisión formulada, poderán interpoñer, no prazo de un mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que será substanciado pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

5. A falta de notificación no termo de tres meses determinará a súa denegación presunta.

Artigo 13º.-Pagamento.

Os pagamentos faranse dunha soa vez polo importe concedido, unha vez rematado o curso para o que solicitou a axuda e logo de certificación do centro

de que os alumnos beneficiarios asistiron regularmente ás clases e se presentaron ós exames.

Artigo 14º

1. Os fillos dos que ostenten a condición de residentes no estranxeiro poderán participar na convocatoria de bolsas e axudas ó estudio cando vaian realizar estudios comprendidos na mesma, nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. O limiar de renda familiar per cápita multiplicarase polo coeficiente que corresponda segundo a táboa seguinte:

Países: Estados Unidos, Noruega, Suecia, Suíza, Alemaña e Dinamarca. Coeficiente: 2,3.

Países: Francia, Austria, Italia, Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Australia, Canadá e Reino Unido. Coeficiente: 1,5.

Demais países. Coeficiente: 1,0.

3. As solicitudes de bolsa, que deberán ser formuladas no impreso oficial para o efecto, poderán consigna-los ingresos da familia en moeda propia do país en que se obteñan. O cálculo do seu contravalor en pesetas farase aplicando o tipo oficial que dea un resultado menor e que tivera a moeda respectiva o primeiro día hábil de 1997.

4. Os servicios diplomáticos e consulares de España no estranxeiro, especialmente as consellerías de Educación, informarán e prestarán a axuda necesaria para cubrir correctamente os impresos oficiais de solicitude, que deberán presentarse nos centros docentes onde se vaian face-los estudios, momento a partir do cal serán sometidas as solicitudes ós trámites ordinarios da convocatoria.

5. O desfrute de bolsa da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura será, en todo caso, incompatible co desfrute de beneficios de análogo carácter procedentes da Dirección Xeral de Migracións.

Artigo 15º

Ningún alumno poderá percibir máis dunha bolsa, aínda que realice simultaneamente outros estudios. As bolsas e axudas ó estudio convocadas pola presente orde son incompatibles con calquera outro beneficio da mesma finalidade que poida recibirse doutras entidades ou persoas públicas ou privadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

6161