Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 12 de agosto de 1997 Páx. 7.854

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de xullo de 1997 pola que se convoca a undécima edición dos Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dentro da programación establecida no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, elaborou as bases do Programa de Prevención do Consumo de Drogas e o Documento Marco de Prevención en Drogodependencias. Nelas recollíase a necesidade de potenciar un xornalismo que desenvolvese un tra

tamento da problemática do consumo de drogas que incidise positivamente na súa prevención, tendo en conta a influencia da prensa, a radio e a TV na poboación, xa que modulan a percepción social que esta ten sobre a realidade na que vive a persoa. Sinalábase como fin último conseguir que cando un medio informe sobre algún aspecto relacionado coas drogas, o faga sen dramatizar nin alarmar, proporcionando unha información veraz sobre as dimensións da problemática das drogas e facendo especial fincapé no esclarecemento dos mitos e estereotipos creados.

Como unha das accións comprendidas na área da prevención, e cos obxectivos antes sinalados, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais decidiu crea-los Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias de acordo co documento das bases do Programa de Prevención do Consumo de Drogas e o Documento Marco antes sinalados e aprobados no seu día pola Comisión Galega de Prevención e Loita contra a Drogodependencia.

Trala décima edición dos premios, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais considera conveniente convocalos de novo para mante-la dita liña de actuación.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 da Ley 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e no artigo 3 do Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, pola que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e de conformidade co establecido no Acordo da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991,

DISPOÑO:

Artigo único.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais convoca a décimo primeira edición dos Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias nas modalidades de prensa escrita, radio e televisión, de acordo coas seguintes, bases:

Primeira.-O tema será libre e versará sobre a problemática do consumo de drogas e a drogodependencia. Teñen preferencia os traballos referidos a Galicia.

Segunda.-Poderán optar a estes premios tódolos profesionais dos medios de comunicación do Estado español nas modalidades de prensa, radio ou TV.

Terceira.-Os orixinais que se presenten a concurso deberán utiliza-lo galego normativizado ou o castelán.

Cuarta.-Os traballos terán que ser publicados ou emitidos desde o 15 de outubro de 1996 ata o día 16 de outubro de 1997, ámbolos dous inclusive, e terán como data tope de entrada no Rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o 31 de outubro do presente ano.

Quinta.-Os traballos enviaranse en sobre pechado ó rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais co seguinte enderezo: Premios Xunta de Galicia de Xornalismo sobre Drogodependencias. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, Edif. Administrativo San Caetano, bloque 2-2º, Santiago de Compostela. No sobre no que se inclúe o traballo, figurará un lema ou pseudónimo e noutro sobre tamén pechado, figurará no exterior o mesmo lema ou pseudónimo e no seu interior conterá o/os nome/s do/s autor/es, así como o medio no que foi publicado ou emitido.

Sexta.-No caso de prensa escrita, remitiranse tres orixinais do xornal ou revista completos. No caso da radio, enviaranse tres cintas de casete coa correspondente certificación do director da emisora, onde constará a data e hora da emisión. No caso de televisión, enviaranse tres copias en sistema VHS coa correspondente certificación do director da emisora, onde constará a data e hora da emisión.

Sétima.-A contía do 1º premio para calquera das modalidades descritas será de 400.000 ptas. e placa acreditativa.

A contía do 2º premio para calquera das modalidades descritas será de 300.000 ptas. e placa acreditativa.

A contía do 3º premio para calquera das modalidades descritas será de 200.000 ptas. e placa acreditativa.

Estes premios irán con cargo á aplicación orzamentaria 11.01.313A.640.1, existindo crédito orzamentario suficiente.

Oitava.-Os premios poderán ser declarados desertos nunha ou en tódalas súas modalidades.

Novena.-O xurado estará integrado por:

Presidente: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Vicepresidente: o comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

Vocais: un representante da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. O xefe do Gabinete do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais. O xefe do Gabinete de Prensa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. O xefe do Servicio de Saúde Mental e Programas Especiais do Servicio Galego de Saúde.

Secretario: un técnico da Oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

A decisión do xurado será inapelable.

Décima.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais reserva para si o dereito de publicar tanto os traballos premiados coma os non premiados.

Décimo primeira.-A presentación dos traballos supón a plena aceptación de tódalas bases desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1997.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

6016