Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 12 de agosto de 1997 Páx. 7.844

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 219/1997, do 24 de xullo, polo que se modifica a composición da Comisión Galega de Medio Ambiente e do Comité de Traballo da Comisión Galega de Medio Ambiente.

Polo Decreto 185/1984, do 27 de decembro, créase a Comisión Galega do Medio Ambiente, ampliándose, posteriormente, as funcións súas e competencias polo Decreto 156/1987, do 24 de xuño e polo Decreto 179/1991, do 30 de maio, e outras normas de desenvolvemento.

O tempo transcorrido desde a aparición da primeira normativa que regula a composición da Comisión Galega do Medio Ambiente ata o momento actual aconsella introducir modificacións na composición desta, así como na do Comité de Traballo da indicada Comisión. As razóns destas modificacións xustifícanse, dunha banda, polos cambios nas estructuras orgánicas de diferentes departamentos da Xunta de Galicia e doutra banda está motivada pola asunción de novas competencias en materia ambiental pola Administración autonómica de Galicia.

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, o órgano ambiental da Xunta de Galicia competente para realiza-las declaracións ambientais é a Comisión Galega do Medio Ambiente. Posteriormente promulgouse a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental

de Galicia, na que se recollen, entre outros, os principios de prevención, de avaliación de impacto ambiental, de información pública obxectiva permanente e completa, con base nunha efectiva participación cidadá, sendo a Comisión Galega do Medio Ambiente o órgano ambiental da Administración autonómica de Galicia con competencia para coordinar estes principios enunciados na lei. A heteroxeneidade dos proxectos e actividades que se someten ó procedemento de avaliación ambiental aconsella que a Comisión Galega de Medio Ambiente estea composta polos representantes de tódalas unidades administrativas da Xunta de Galicia con competencia en materia ambiental.

Por todo isto, considérase pertinente adapta-la estructura da Comisión Galega de Medio Ambiente e do seu Comité de Traballo á situación actual co obxecto de consegui-lo obxectivo da protección ambiental de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 1º do Decreto 179/1991, do 30 de maio, de modificación da composición e estructura da Comisión Galega de Medio Ambiente, que quedará redactado da seguiente maneira:

«Artigo 1º

1. O Pleno da Comisión Galega de Medio Ambiente estará composto por:

Presidente: o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Vicepresidente: o secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

Vocais:

-O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

-Director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios.

-Director xeral de Obras Públicas e Transportes.

-Director xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo

Director xeral de Industria.

-Director xeral de Montes e Medio Ambiente.

-Director xeral de Patrimonio Cultural e Documental.

-Director xeral de Saúde Pública.

-Director xeral de Marisqueo e Acuicultura.

-Director xeral de Xustiza e Administración local.

Secretario: O subdirector xeral de Protección Ambiental.

O secretario da Comisión poderá estar asistido polo xefe do Servicio de Disciplina Ambiental, que actuará como secretario de actas da Comisión Galega de Medio Ambiente.

2. Poderán asistir ás reunións, cando así como acorde o presidente, aqueles secretarios xerais e directores xerais, cando na orde do día se inclúan asuntos relacionados coas competencias dos seus respectivos centros directivos. Actuarán con voz e con voto nos acordos que se adopten sobre os asuntos da súa competencia.

3. En ausencia, vacante ou enfermidade do presidente, este será substituído polo vicepresidente.

4. A Secretaría da Comisión Galega de Medio Ambiente exerceráa a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente».

Artigo 2º

Modifica-los puntos 1 e 2 do artigo 3º do Decreto 156/1987, do 24 de xuño, de modificación da composión , estructura e competencias das comisións de medio ambiente, no que se indica a composión do Comité de Traballo da Comisión Galega de Medio Ambiente, que quedarán redactados da seguinte maneira:

«Artigo 3º

1. O Comité de Traballo, que quedará adscrito á Comisión Galega de Medio Ambiente, estará composto por un representante das Secretarías Xerais e das direccións xerais que forman parte da Comisión Galega do Medio Ambiente, con rango de subdirector xeral.

2. Estará presidido polo secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, sendo o vicepresidente o subdirector xeral de Protección Ambiental. Actuará como secretario do Comité de Traballo o xefe do Servicio de Disciplina Ambiental.

Cando o tema presente unha especial relevancia ou se considere insuficiente a información dispoñible, pódense crear grupos de traballo, que estarán integrados por un ou varios membros do Comité de Traballo ou persoal do seu departamento en que deleguen, por representantes doutras dirección xerais e por persoas seleccionadas no ámbito universitario, en órganismos públicos ou privados relacionados co medio ambiente, en asociacións de protección do medio ambiente e entre aquelas persoas que teñan coñecementos específicos sobre o tema que se vai considerar. Estes grupos de traballo estarán presididos polo subdirector xeral de Protección Ambiental, actuando como secretario o xefe do Servicio de Disciplina Ambiental».

Disposición derrogatoria

Derróganse o artigo 1º do Decreto 179/1991, do 30 de maio; os puntos 1 e 2 do artigo 3º do Decreto

156/1987, do 24 de xuño; o punto 1 do artigo 1º e o punto 4 do artigo 3ª da Orde do 23 de outubro de 1987 pola que se desenvolven as funcións do Comité de Traballo da Comisión Galega do Medio Ambiente.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5888