Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 08 de agosto de 1997 Páx. 7.727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 22 de xullo de 1997 pola que se convocan os cursos básico e medio, de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5.1 dispón que a lingua propia de Galicia é o galego.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 4º,1, establece que, «O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma...».

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, no seu artigo 1º, dispón: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, redactaranse en lingua galega».

E no seu artigo 2º, punto 2.1 di: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega», e no punto 2.2, establece: «Sen prexuízo do parágrafo anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega».

Así mesmo, a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, creada polo Decreto 221/1990, determinou a urxente necesidade de proceder á potencia-la normalización lingüística no eido da Administración local.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co fin de dar cumprimento a estas disposicións e recomendacións, proseguindo coa súa liña de cooperación coas corporacións locais, coa finalidade de impulsa-la normalización lingüística na Administración local, e como continuación ó plan integral de estudos iniciado en 1990, mediante o que se pretende que en tódalas corporacións locais exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos sinalados no artigo 1º da citada Lei 5/1988, convoca os seguintes cursos de linguaxe administrativa galega.

Por todo isto, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca para o ano 1997:

a) Oito cursos de nivel medio para o cadro de persoal dos concellos e deputacións, como continuación ó curso básico convocado en 1996.

Neles poderán participar todos aqueles funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais e que participasen nos cursos de nivel básico celebrados a finais do pasado ano, e obtivesen no correspondente exame a cualificación de apto.

b) Seis cursos de nivel básico para o cadro de persoal dos concellos e deputacións.

Poderán participar tódolos funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais que, ou ben non superasen as probas realizadas ó remata-los cursos básicos celebrados ata a presente data, ou ben non participasen nalgún dos cursos ata agora convocados.

Para acceder os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel básico é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

Para acceder ó curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio é requisito indispensable ter aprobados ou validados os cursos de iniciación e perfeccionamento ou ter superado o de nivel básico.

2. Os cursos van dirixidos a formar funcionarios; seleccionarase un por cada corporación local, en municipios con menos de 10.000 habitantes; dous funcionarios, en municipios entre 10.000 e 50.000 habitantes; e catro funcionarios, en municipios con máis de 50.000 habitantes de todo o territorio da Comunidade Autónoma galega.

3. A eles poderá asistir, independentemente do disposto no parágrafo anterior e por razóns de eficacia administrativa, o secretario da corporación correspondente.

4. No caso de que soliciten participar nos cursos máis funcionarios dunha mesma corporación dos sinalados nos parágrafos anteriores, a súa solicitude deberá acompañarse dunha certificación expedida polo secretario xeral, relativa ó acordo do órgano competente mediante o que se realice a selección daqueles funcionarios que, polos labores que desempeñan, a súa asistencia resulte máis beneficiosa, en favor da entidade local.

5. Os cursos comenzarán a partir do mes de setembro de 1997 e rematarán antes do 31 de decembro de 1997.

6. Os cursos celebraranse nas seguintes localidades:

-A Coruña:

A Coruña.

Santiago de Compostela.

Ferrol.

-Lugo:

Lugo.

-Ourense:

Ourense.

-Pontevedra:

Pontevedra.

Vigo.

Realizada a selección dos posibles asistentes, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá decidi-lo desdobramento dos cursos segundo o número de alumnos, e, igualmente, a súa desaparición ou organización noutra localidade. A asignación ós distintos cursos faraa a consellería en función das peticións recibidas.

7. Durante a súa celebración realizaranse ademais: sesións conxuntas, seminarios e conferencias nas que intervirán expertos en linguaxe administrativa.

Artigo 2º

O financiamento destes cursos será por conta das aplicacións orzamentarias 13.02.226.06, e 13.02.480.0, programa 353F, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, ata un límite de seis millóns cincocentas mil pesetas (6.500.000 ptas.) e cinco millóns de pesetas (5.000.000 de ptas.) respectivamente.

A través da aplicación 13.02.226.06, programa 353F, aboaranse os gastos que orixine a organización dos cursos; e con cargo á aplicación 13.02.480.0, programa 353.F, os gastos relativos a axudas que se lles conceden ós alumnos para desplazamentos.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas, nas que se inclúen: fase teórica, fase práctica, seminarios e todo tipo de actividades.

2. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde.

Artigo 4º

Os programas destes cursos serán os que aprobe a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística.

Artigo 5º

Ó remata-lo curso realizaranse as probas oportunas. Ó persoal que as supere, tendo en conta ademais o rendemento ó longo do curso, outorgaráselle unha certificación coa calificación de apto, expedida, conxuntamente, pola Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) e pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local (Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais).

Artigo 6º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá aboarlles axudas para desprazamentos ós asistentes ós cursos. O pagamento realizarase unha vez que se presenten os oportunos xustificantes.

Artigo 7º

As instancias, segundo o modelo que figura como anexo I a esta disposición, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, na correspondente delegación provincial, ou nalgunha das formas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

O prazo de presentación de instancias será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5867