Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 06 de agosto de 1997 Páx. 7.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 200/1997, do 24 de xullo, polo que se autoriza e declara ó centro de formación profesional de hostelería e turismo Berlarmino Fernández Iglesias de Sober (Lugo) como centro singular experimental de innovación no eido da formación profesional.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece, no seu artigo 31, que é de competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e prazos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

Vista a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), polo que se establece a

ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos, Decreto 252/1983, do 15 de decembro (corrección de erros do DOG 14-2-1984) polo que se regulan os centros experimentais.

Ó considera-la crecente demanda dos servicios de hostelería e especialmente as necesidades xurdidas polas innovacións no sector procedentes dos novos servicios turístico-culturais, entre os que cabe subliña-lo turismo rural, medio ambiente, congresos, etc., faise necesario un esforzo para mellora-la calidade destes servicios. Esta mellora require procesos permanentes de innovación a través da posta en marcha de novos proxectos e desenvolvemento de experiencias educativas que contribúan a aproxima-la formación profesional ás necesidades reais de cualificación do mundo productivo.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autorízase o centro de formación profesional de hostelería e turismo Berlarmino Fernández Iglesias de Sober (Lugo), do que é titular a Fundación Belarmino Fernández Iglesias, como centro singular experimental de innovación no campo da formación profesional.

Artigo 2º

Sen prexuízo da súa peculiaridade de carácter singular experimental e de innovación no eido da formación profesional, o centro quedará suxeito ó disposto na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito a educación, na Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e na demais normativa que resulte de aplicación por mor da especificidade do centro.

Disposicións derradeiras

Primera.-Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para determina-las condicións de apertura e funcionamento ás que deberá aterse o centro.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para acordar un convenio de colaboración coa Fundación Belarmino Fernández Iglesias co fin de establecer aqueles aspectos necesarios para o bo funcionamento do centro e, pola súa vez, para determina-la achega económica

da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para sufraga-los gastos que comporta esta experiencia innovadora.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

6099