Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 31 de xullo de 1997 Páx. 7.427

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 1997 pola que se convoca concurso-oposición libre para o ingreso nas clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde.

En cumprimento do establecido no dereito transitorio da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma; no Decreto 303/1990, do 31 de maio, que a desenvolve; no Decreto 5/1992, do 16 de xaneiro, que integra ós funcionarios do ámbito da inspección sanitaria transferido xunto co Insalud; no Decreto 269/1995, do 5 de outubro, polo que se aproba a oferta de emprego para o ano 1995 do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da dita lei e no Decreto 76/1997, do 10 de abril, polo que se modifica o anterior para amplia-lo número de prazas ofertadas na clase de inspectores médicos, con motivo da integración do Instituto Social da Mariña no Servicio Galego de Saúde a través do Real decreto 212/1996, do 9 de febreiro, logo de acordo da ponencia constituída para o efecto na Mesa Sectorial de Negociación do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma e co informe da Comisión de Persoal, este centro

directivo, en uso das competencias que ten delegadas polo artigo 5 c) da Orde do 22 de maio de 1996 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde, convoca concurso-oposición libre para o ingreso nas clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, de acordo coas seguintes,

BASES:

Primeira.-Normas xerais.

1. Convócase concurso-oposición libre para o ingreso nas clases de inspectores médicos e inspectores farmacéuticos do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e admi

nistración sanitaria, e na clase de subinspectores sanitarios do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria.

2. O número de postos de traballo que se a van cubrir neste concurso-oposición, segundo o establecido no anexo do Decreto 269/1995, do 5 de outubro, e no Decreto 76/1997, do 10 de abril, é o seguinte:

-Clase de inspectores médicos: 26, dos que 20 pertencen á quenda de acceso libre e 6 á de promoción interna.

O contido da fase de concurso e o da fase de oposición para os aspirantes da quenda de promoción interna será o mesmo que para o resto dos aspirantes da quenda de acceso libre.

Os aspirantes só poderán participar nunha das quendas, polo que, se da instancia que presenten non se deducise a súa opción, entenderase que participan pola quenda de acceso libre.

Os postos de traballo non cubertos pola quenda de promoción interna acumularanse ó sistema de acceso libre.

-Clase de inspectores farmacéuticos: 1 (acceso libre).

-Clase de subinspectores sanitarios: 10 (acceso libre).

3. Ó proceso selectivo que se convoca a través da presente resolución seranlle aplicables a lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e as súas modificacións posteriores, coa salvidade das súas disposición transitorias, a Lei 17/1989, do 23 de outubro, o Decreto 303/1990, do 31 de maio; o Decreto 5/1992, do 16 de xaneiro; o Decreto 269/1995, do 5 de outubro; o Decreto 76/1997, do 10 de abril, e, supletoriamente, no non previsto nas presentes bases, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o regulamento de selección de persoal ó servicio da Comunidade Autónoma.

Segunda.-Requisitos dos candidatos.

Para ser admitidos ás probas selectivas, con carácter xeral, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Acceso libre:

1. Ser español.

2. Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

3. Non padecer enfermidades ou limitacións físicas ou psíquicas que o incapacite para o desempeño das funcións correspondentes.

4. Non ser separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentencia firme.

5. Estar en posesión da titulación que, para cada unha das clases que se convocan, se especifican a continuación ou estar en condición de obtela na

data en que remate o prazo de presentación de instancias para tomar parte no concurso-oposición:

-Clase de inspectores médicos: licenciado en medicina e cirurxía.

-Clase de inspectores farmacéuticos: licenciado en farmacia.

-Clase de subinspectores sanitarios: ATS/DUE.

6. Sen prexuízo do establecido no número 1 do apartado a) da presente base e de conformidade co establecido na Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Comunidade Europea, os estranxeiros ós que lle sexa de aplicación a dita lei, poderán concorrer ó concurso-oposición para o acceso ás distintas clases que se convoquen nas mesmas condicións que o resto dos aspirantes, debendo acreditar ademais non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado de orixe, o acceso á función pública.

b) Promoción interna (só aspirantes á clase de inspectores médicos):

Ademais dos requisitos establecidos no apartado a) da presente base, os aspirantes que participen nesta quenda deberán posuí-los seguintes requisitos na data de comezo do prazo de presentación das instancias:

1. Te-la condición de funcionario de carreira do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, na escala de saúde pública e administración sanitaria.

2. Ter completado dous anos de servicios na Administración Autónoma galega como funcionario de carreira do corpo e escala referidos no parágrafo anterior.

Terceira.-Instancia.

1. Os que desexen participar no concurso-oposición deberán de cubrir necesariamente, segundo as instruccións para enche-la documentación, o modelo de instancia xunto co modelo de autoliquidación de taxas, que será facilitado gratuitamente nos seguintes lugares:

a) Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.

c) Delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

d) Direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

2. A dita instancia deberá cubrirse conforme o establecido nas instruccións que se establecen.

En todo caso, ás dúas follas do exemplar para a Administración do modelo de instancia, que será debidamente rexistrada, poderánselle grampar na

súa parte superior esquerda o exemplar para a Administración do modelo de autoliquidación de taxas unha vez realizada a transferencia na entidade correspondente nos termos previstos no número 6 da presente base e unha fotocopia do documento nacional de identidade. Os aspirantes polo sistema de promoción interna deberán achegar, ademais, unha certificación acreditativa, emitida polo órgano competente, dos requisitos esixidos no apartado b) da base segunda da presente resolución. Así mesmo, os participantes na fase de concurso xuntarán á anterior documentación a certificación ou certificacións de servicios prestados nos termos previstos na base sexta da presente resolución, con referencia á data de inicio, exclusive, de presentación de instancias.

As ditas certificacións deberán solicitarse exclusivamente nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

3. O prazo para a presentación das instancias será o dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias para participar no concurso-oposición deberán de presentarse nalgún dos seguintes lugares:

a) No rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sito en San Caetano, bloque 2-2º, en Santiago de Compostela.

b) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

d) A través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Por imperativo legal, conforme co disposto no artigo 30. Un da Lei 11/1996, do 31 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, que modifica o apartado 0.3 do artigo 18 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo III do título II da Lei 13/1991, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán satisfacerse dereitos de exame que ascenderán á cantidade de 9.460 pesetas, para as clases pertencentes ó grupo A (inspectores médicos e inspectores farmacéuticos), e 8.270 pesetas para a clase pertencente ó grupo B (subinspectores sanitarios), que serán ingresadas mediante transferencia bancaria nunha das entidades bancarias relacionadas no reverso do modelo de autoliquidación de taxas que se facilitarán xunto coa instancia, indicando os seguintes datos: Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, código 11; Delegación de Servicios

Centrais, código 13; Servicio de Secretaría, código 03; taxa de inscrición nas convocatorias para a selec

ción de persoal da Comunidade Autónoma, clave 30.03.00.

6. Para tal efecto, os aspirantes á hora de efectua-lo ingreso da cantidade que corresponde na entidade bancaria ou de aforro para a súa transferencia, deberán de xunta-lo exemplar para a Administración do modelo de autoliquidación de taxas debidamente validado pola entidade correspondente.

7. A simple transferencia do ingreso non suporá, en ningún caso, a substitución do trámite de presentación do modelo de instancia no prazo e na forma prevista na presente base.

8. A consignación de datos falsos na instancia ou na documentación achegado polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do aspirante tanto o erro na súa consignación, como a comunicación ó Servicio Galego de Saúde de calquera cambio deste.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

1. Rematado o prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde procederá á clasificación e revisión das presentadas para cada unha das clases convocadas. Rematado o dito proceso, o mesmo centro directivo dictará resolución na que declare con carácter provisional os aspirantes admitidos e excluídos, co motivo da exclusión, para cada unha das citadas clases.

2. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e nos taboleiros de anuncios dos organismos e institucións ós que fai referencia o apartado 1 da base terceira, e deberá de indica-lo lugar ou lugares nos que se poderán examina-los listados de aspirantes admitidos e excluídos.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Á vista das peticións de emenda presentadas, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará na forma descrita no apartado 2 da presente base, as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos para cada clase. Para tal efecto a estimación ou, se é o caso, desestimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución que publique as ditas listas definitivas.

5. Devolveranse os dereitos de exame ós aspirantes excluídos definitivamente do concurso-oposición sempre e cando o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución a que se refire o

apartado anterior e utilicen para isto o modelo que figura como anexo II á presente resolución, xuntando fotocopia do exemplar para o interesado do modelo de autoliquidación de taxas.

Quinta.-Tribunais.

1. Os tribunais cualificadores do concurso-oposición, para cada unha das clases que se convocan, serán nomeados pola autoridade convocante, publicándose para o efecto a oportuna resolución no Diario Oficial de Galicia e, cando polo número de aspirantes fose necesario, poderá nomearse máis dun tribunal para xulga-las probas nalgunha das clases convocadas, polo que o tribunal número 1 terá, para estes efectos, atribuídas as funcións de dirección e coordinación doutro ou doutros tribunais no desenvolvemento das probas selectivas.

Non obstante, rexerá o disposto no artigo 7.1 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, para a participación nestes dun representante das organizacións sindicais.

O secretario do tribunal terá, en todo caso, voz e voto.

Correspóndenlles ós tribunais as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas e a cualificación dos aspirantes, tanto na fase de oposición como na de concurso e, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas en orde ó desenvolvemento concreto das probas selectivas. Así mesmo, deberán resolver, en ámbalas dúas fases, tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación das presentes bases, así como as situacións derivadas daqueles casos non recollidos nelas, axustándose, en todo momento, ó establecido na lexislación do procedemento administrativo común.

2. Os tribunais terán a súa sede, para efectos de comunicacións e incidencias, na sede da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, sita en San Lázaro s/n, en Santiago de Compostela, podendo dispoñer que nesta sede unha persoa, membro ou non dos mesmos, ou unha unidade administrativa, atenda, no posible, cantas cuestións sexan formuladas en relación co concurso-oposición.

3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos dos asesores especialistas que estime oportunos. Os ditos asesores limitaranse a presta-la súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto, e deberán posuír titulación académica do nivel igual ou superior á esixida para o ingreso na clase correspondente.

4. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concorra neles algunhas das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou cando nos cinco anos anteriores á convocatoria realizaran tarefas específicas de preparación de aspirantes para o ingreso na mesma clase. O presidente poderá soli

citar dos membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incurso nas circunstancias ás que se fai referencia neste apartado. Así mesmo os aspirantes poderán recusar ós membros do tribunal cando, ó seu xuízo, concorran as ditas circunstancias.

5. A autoridade convocante publicará, se é o caso, no Diario Oficial de Galicia, resolución pola que se nomee ós novos membros do mesmo que teñan que substituír ós que perderon a súa condición por algunha das causas previstas, así como ós substitutos daqueles.

6. Despois da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal con asistencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá, para actuar validamente, a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá acorda-la autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que celebre sen necesidade de citación por escrito ós seus membros.

7. Os tribunais que actúen no presente concurso-oposición terán unha das categorías previstas no artigo 26.2 do Decreto 299/1990, do 24 de febreiro, que haberá de corresponder ó grupo de clasificación da respectiva clase de persoal, conforme o acordado polo órgano competente na materia.

Sexta.-Procedemento de selección.

Conforme co establecido no artigo 3 do Decreto 269/1995, do 5 de outubro, o sistema de selección será o de concurso-oposición libre.

A) Fase de concurso.

1. O tribunal valorará, segundo as certificacións citadas no apartado 2 da base terceira, o tempo de servicios prestados como persoal interino en postos de traballo do corpo, escala e clase correspondente, así como no desempeño doutros postos de traballo que, sen seren propios da inspección sanitaria, fosen desenvolvidos por persoal pertencente ó ámbito da inspección sanitaria con vínculo interino, tanto na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e no Servicio Galego de Saúde como na Administración estatal, I.S.M. ou Insalud, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade coa disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, o cómputo da baremación establecerase mediante a aplicación do 0,75 % da puntuación total alcanzable na fase de oposición, por cada mes de servicios prestados, ata un máximo do 45% da dita puntuación total. Coas fraccións de mes debidamente totalizadas efectuarase unha división enteira entre 30.

En todo caso, nin se valorarán os servicios prestados antes do día 18 de maio de 1981, nin os prestados como persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde ou do Insalud, nin os servicios prestados como persoal laboral temporal que fose ou que se encontre contratado con cargo a créditos consignados

no capítulo VI dos orzamentos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou do Servicio Galego de Saúde. Si se valorarán os servicios prestados como persoal temporal contratado expecificamente para o desempeño de funcións da inspección sanitaria.

2. En ningún caso, a puntuación obtida na fase de concurso poderá ser aplicada para supera-los exercicios da fase de oposición.

3. Rematada a fase de oposición e respecto dos aspirantes que superaron a dita fase, o tribunal procederá á baremación desta fase de concurso e publicarase no Diario Oficial de Galicia, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal incluiraas no acordo definitivo que conteña a relación de aspirantes que superaron o concurso-oposición para os efectos previstos na base sétima da presente resolución.

B) Fase de oposición.

1. De conformidade co artigo 4º.2 do Decreto 269/1995, do 5 de outubro, a fase de oposición considerarase superada por quen obteña o 50% da puntuación máxima alcanzable no conxunto dos exercicios que a compoñen.

2. Os tribunais adoptarán as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que sexan escritos e non deban ser lidos por ou perante o tribunal, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, excluíndose aqueles que teñan exercicios nos que figuren marcas ou figuras que permitan coñece-la identidade do opositor.

3. Os diversos exercicios da fase de oposición realizaranse no lugar ou, se é o caso, nos lugares e á hora que se fixe nun acordo que o respectivo tribunal haberá de publicar no Diario Oficial de Galicia.

Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídos do concurso-oposición os que non comparezan.

Non obstante o anterior, o tribunal, por razóns de índole organizativa, poderá decidir executar en unidade de acto o terceiro e cuarto exercicio, podendo altera-la súa orde de realización.

4. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polos membros do tribunal coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

Se o tribunal tivera coñecemento de que algún dos aspirantes non cumpre un ou varios dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia do interesado, debe propoñe-la súa exclu

sión á autoridade convocante. Do mesmo xeito o tribunal deberá dar conta das inexactitudes ou falsidades nas que puideran incorre-los aspirantes, para os efectos procedentes.

5. A publicación das puntuacións dos distintos exercicios na fase de oposición realizaranse nos taboleiros de anuncios dos organismos ós que se fai referencia no apartado 1 da base terceira.

6. Cando se trate de exercicios que deban ser lidos perante o tribunal, a orde de chamamento dos aspirantes para a realización do acto de lectura que, en todo caso, deberá ser pública, iniciarana aqueles dos que o seu primeiro apelido comece pola letra R, conforme co sorteo celebrado para o efecto pola Dirección Xeral da Función Pública, anunciado por resolución do 9 de marzo de 1995 (DOG nº 67, do 5 de abril).

7. Se o tribunal, de oficio ou en base ás reclamacións presentadas, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao publicamente mediante acordo no Diario Oficial de Galicia. O tribunal poderá acordar nos exames tipo test a inclusión de preguntas reserva que deberán ser contestadas obrigatoriamente polos aspirantes, ampliándose en tal suposto e de forma proporcional o tempo de realización do exercicio. Do mesmo xeito, o tribunal poderá valorar negativamente as respostas erróneas do primeiro exercicio da fase de oposición.

8. Rematadas as probas selectivas que compoñen a fase de oposición, o tribunal fará pública nos taboleiros de anuncios dos organismos ós que se refire o apartado 1 da base terceira, a relación de aspirantes que superaron a fase de oposición pola orde de puntuación alcanzada no conxunto dos exercicios.

9. Os exercicios da fase de oposición son os reflectidos no anexo I da presente resolución. O programa das respectivas clases foi aprobado pola resolución do 18 de setembro de 1996 (DOG nº 190, do 27 de setembro).

Sétima.-Lista de aprobados.

1. Rematadas as probas selectivas, o tribunal elevará á Dirección Xeral de Recursos Humanos o acordo que conteña a relación alfabetizada de aspirantes que superaron o concurso-oposición, indicando a puntuación obtida en cada unha das fases e a puntuación total que será a suma de ámbalas dúas. A Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución que declare concluso o concurso-oposición e a dita relación de aspirantes seleccionados coa súa orde de puntuación.

2. Os empates na puntuación final resolveranse en favor do aspirante que obtivera maior puntuación na fase de concurso. De persisti-lo empate, este dirimirase en favor do aspirante que obtivese maior puntuación nos exercicios da fase de oposición, atendendo á súa orde de realización. De manterse aínda

o empate, este dirimirase definitivamente en favor do aspirante con maior idade.

3. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron o concurso-oposición un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas. Tal declaración será nula de pleno dereito.

Oitava.-Presentación de documentación.

1. Na mesma resolución á que se refire o apartado 1 da base anterior, a autoridade convocante disporá que os aspirantes seleccionados presenten, nun prazo de vinte días naturais a contar desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para o ingreso na correspondente clase, segundo o disposto na base segunda A) 5, anexo I, da presente resolución.

c) Declaración xurada ou promesa de non ser separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Certificado médico en modelo oficial, acreditativo de non estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que imposibiliten para o desempeño das funcións correspondentes á praza que vaia desempeñar.

e) Declaración xurada ou promesa de que non incorre en incompatibilidade consonte á lexislación vixente.

2. Os aspirantes aprobados que tiveran a condición de persoal fixo, por calquera vínculo ó servicio das Administracións públicas ou dos servicios de Saúde, estarán exentos de acredita-las condicións e requisitos xa xustificados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do organismo de que dependan acreditando a súa condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal. En todo caso, achegarán os documentos a que fan referencia os parágrafos c) e d) do apartado anterior.

3. A documentación dirixirase ó director xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde e poderá presentarse en calquera dos organismos previstos no apartado 4 da base terceira da presente resolución.

4. Os que dentro do prazo fixado, e salvo casos de forza maior libremente apreciada pola autoridade convocante, non presentaren a documentación, ou do exame desta se deducira que carecen dalgúns requisitos esixidos para seren nomeados funcionarios quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puideran incorrer por falsidade na súa instancia.

5. Igualmente perderán os dereitos derivados da súa participación no concurso-oposición os aspirantes seleccionados que, sen causa xustificada, non

tomen posesión da praza correspondente, en atención ó disposto, para determinación da condición de funcionario, no artigo 45 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e de conformidade co previsto na base novena desta convocatoria.

6. Nos supostos dos apartados 4 e 5 desta base, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde adoptará e publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución procedente e cubrirá as ditas prazas cos aspirantes que cumpran as condicións esixidas nestas bases, que superasen a fase de oposición e non fosen seleccionados nos termos previstos na base sétima.

A dita cobertura realizaraa a autoridade convocante segundo a orde de puntuación acadada polos aspirantes no proceso selectivo quedando expresamente facultada esta para, nestes supostos, altera-la proposta inicial do respectivo tribunal.

O persoal así seleccionado deberá cumprir igualmente os trámites previstos nesta base para o resto do persoal seleccionado.

Novena.-Adxudicación de destinos.

1. Os aspirantes seleccionados quedarán en expectativa de nomeamento ata que se lles adxudique un posto de traballo con destino provisional en atención ás vacantes que se vaian producindo na clase respectiva, pola orde de puntuación final do concurso-oposición.

Para estes efectos, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que se anuncie a relación de prazas que se ofrecen ós aspirantes seleccionados e se lles cite a estes para o acto de elección de destino.

Os destinos definitivos outorgaranse mediante o correspondente concurso de traslados, no que, obrigatoriamente, terán que participar tódolos aspirantes que resultasen seleccionados no proceso selectivo, coa obriga de solicitar tódalas vacantes existentes, pola orde de saída da oposición.

2. En todo caso, tanto na adxudicación provisional como no concurso de traslados posterior, terán preferencia para cubri-las vacantes os aspirantes seleccionados que accedan polo sistema de promoción interna.

3. A toma de posesión do posto de traballo polo persoal seleccionado no presente concurso-oposición levará aparellada, se é o caso, o cesamento do persoal interino que veña desempeñando temporalmente o posto de traballo.

4. Non obstante o disposto no apartado anterior, tamén cesará o persoal que desempeñe un posto de traballo con vínculo interino, en cumprimento do disposto na disposición transitoria primeira, parágrafo primeiro, do Decreto 5/1992, do 16 de febreiro, no suposto de que o persoal incluído no seu ámbito de aplicación non fose seleccionado no proceso selectivo regulado pola presente resolución e non

poida seguir desenvolvendo un posto de traballo da clase respectiva por non existiren vacantes.

5. Por último, con carácter excepcional, unha vez resolto este concurso-oposición e adxudicados os destinos na forma prevista nos apartados anteriores, no suposto de se producir novamente vacantes en postos de traballo das clases convocadas e sendo urxente a súa cobertura por razón das necesidades do servicio, para estes únicos efectos, terán preferencia para cubrilos os aspirantes que, superando a fase de oposición, non fosen seleccionados nos termos previstos na base sétima e no apartado 6 da base oitava da presente resolución, segundo a súa relación ordinal derivada deste proceso selectivo. Este chamamento farao a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde en atención ó enderezo e teléfono de contacto que o interesado manifestou na súa instancia, estando obrigado, pois, a advertir a este centro directivo de calquera cambio que se produza neles.

Décima.-Norma derradeira.

1. A presente convocatoria e as súas bases vinculan á Administración, ós tribunais encargados de xulga-lo concurso-oposición e ós que participen nel.

2. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polos tribunais ou pola autoridade convocante, poderán ser impugnados polos interesados de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Igualmente, a Administración poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal, conforme o previsto nas leis.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1997.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

A) Clase de inspectores médicos. Clase de inspectores famacéuticos.

1º exercicio:

Contestación por escrito dun cuestionario de 150 preguntas con respostas alternativas, sobre o contido do grupo I do programa, nun prazo máximo de 3 horas.

Este exercicio será valorado de 0 a 75 puntos.

2º exercicio:

Nun prazo máximo de 4 horas, os aspirantes terán que desenvolver por escrito 2 temas, elixidos entre

os 3 sorteados ó chou polo tribunal, relativos ó grupo II do programa.

Neste exercicio valoraranse, especialmente, o coñecemento e a orde de ideas, así como a calidade da expresión escrita.

Posteriormente, os aspirantes serán convocados para proceder á súa lectura pública perante o tribunal, que poderá dialogar co opositor durante 10 minutos sobre aspectos dos temas desenvolvidos.

Este exercicio será valorado de 0 a 60 puntos.

3º exercicio:

Resolución por escrito dun ou varios supostos prácticos propostos polo tribunal, relacionados co contido de calquera parte ou partes do programa no tempo máximo de 4 horas. Para a realización deste exercicio, os aspirantes poderán utilizar toda clase de textos que se consideren axeitados, sempre que non sexan comentados. Nesta proba valorarase o rigor analítico, a sistemática, a claridade de ideas e o conxunto de razoamentos utilizados polo aspirante.

Este exercicio será valorado de 0 a 45 puntos.

4º exercicio:

Consistirá na realización por escrito dunha dobre traducción, directa e inversa, de galego-castelán no tempo máximo de 30 minutos.

Cada traducción será valorada de 0 a 10 puntos, cun máximo de 20 puntos.

B) Clase de subinspectores sanitarios.

1º exercicio:

Contestación por escrito dun cuestionario de 120 preguntas con respostas alternativas, sobre o contido do grupo I do programa, nun prazo máximo de 2 horas e 30 minutos.

Este exercicio será valorado de 0 a 60 puntos.

2º exercicio:

Nun prazo máximo de 4 horas, os aspirantes terán que desenvolver por escrito 2 temas, elixidos entre os 3 sorteados ó chou polo tribunal, relativos ó grupo II do programa.

Neste exercicio valoraranse, especialmente, o coñecemento e a orde de ideas, así como a calidade da expresión escrita.

Posteriormente, os aspirantes serán convocados para proceder á súa lectura pública perante o tribunal, que poderá dialogar co opositor durante 10 minutos sobre aspectos dos temas desenvolvidos.

Este exercicio será valorado de 0 a 50 puntos.

3º exercicio:

Resolución por escrito dun ou varios supostos prácticos propostos polo tribunal, relacionados co contido de calquera parte ou partes do programa no tempo máximo de 4 horas. Para a realización deste exercicio, os aspirantes poderán utilizar toda clase de

textos que se consideren axeitados, sempre que non sexan comentados. Nesta proba valorarase o rigor analítico, a sistemática, a claridade de ideas e o conxunto de razoamentos utilizados polo aspirante.

Este exercicio será valorado de 0 a 35 puntos.

4º exercicio:

Consistirá na realización por escrito dunha dobre traducción, directa e inversa, de galego-castelán no tempo máximo de 30 minutos.

Cada traducción será valorada de 0 a 7,5 puntos, cun máximo de 15 puntos.

6014