Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 30 de xullo de 1997 Páx. 7.380

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 7 de xullo de 1997 pola que se establece o procedemento para a execución e posta en servicio das instalacións eléctricas de baixa tensión.

O artigo 12.5º da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, recoñece ás comunidades autónomas con competencia lexislativa en materia de industria a capacidade para introducir requisitos adicionais en materia de seguridade industrial cando se trate de instalacións establecidas no seu territorio.

O Regulamento electrotécnico para baixa tensión, aprobado polo Decreto 2413/1973, do 20 de setembro e modificado polo R.D. 2295/1985, do 9 de outubro, e as instruccións técnicas complementarias do dito regulamento, aprobadas pola orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 31 de outubro de 1973, constitúen as normas básicas de carácter xeral que definen o ámbito e as características das instalacións electrotécnicas de baixa tensión.

Por outra parte, a disposición derradeira primeira do R.D. 2135/1980, do 26 de setembro, sobre liberalización en materia de instalación, ampliación e traslado de industrias, determina que as instalacións eléctricas e, en xeral, calquera instalación industrial en construccións urbanas ou rurais se rexerá polo establecido no artigo 2º desta disposición, cos requisitos que estableza o Ministerio de Industria e Enerxía, establecendo xunto coa orde do dito departamento, do 19 de decembro de 1980, un procedemento que modifica dalgunha maneira o disposto no Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

No uso das competencias que o Estatuto de autonomía de Galicia outorga en materia de industria, esta consellería promulgou a Orde do 11 de febreiro de 1997, pola que se establece o procedemento para a execución e posta en servicio das instalacións eléctricas de baixa tensión, co obxecto de regula-lo dito procedemento conxugando o establecido ó respecto no Regulamento electrotécnico para baixa tensión e nas súas instruccións técnicas complementarias co disposto no real decreto sobre liberalización industrial e na orde que a desenvolve, soluciona-las dúbidas surdidas na aplicación da ITC MIE BT 041 e unifica-los criterios de actuación nas delegacións provinciais desta consellería.

O tempo transcorrido desde a entrada en vigor da mencionada orde puxo de manifesto a necesidade de corrixi-los erros detectados no texto publicado no DOG e, ó mesmo tempo, proceder á súa modificación parcial para clarifica-lo procedemento de autorización das instalacións de carácter ambulante.

Por outra parte, esta consellería considera oportuno modifica-lo texto da citada orde, tratando, os supostos de edificios e bloques de vivendas e/ou locais, edificios e galerías destinados a uso comercial e/ou de servicios

con máis dun usuario, en réxime de propiedade horizontal, no sentido de esixir un documento que conteña os datos e características particulares de cada vivenda ou local que son necesarios para que o usuario poida contrata-la subministración (o boletín de instalación), toda vez que en tales supostos a utilización dun único documento para contratar simplifica e evita posibles erros de interpretación nos puntos de contratación que teñen as empresas subministradoras, sendo para o solicitante máis áxil a obtención do boletín conformado que a autorización de posta en servicio.

Polo demais, a futura promulgación dunha disposición que regulará o mantemento e as revisións das instalacións eléctricas de baixa tensión e o feito de que o Regulamento electrotécnico de baixa tensión e a ITC MIBT 042 establecen xa o procedemento para a súa inspección e revisión, aconsella a derrogación do artigo 9 da orde en cuestión.

Así mesmo, razóns de eficacia e coherencia aconsellan evitar unha excesiva dispersión normativa. Por iso resulta necesario proceder á promulgación dunha nova norma que, reproducindo a orde anterior, corrixa os erros detectados nela e introduza no seu texto as oportunas modificacións.

En consecuencia, de acordo coas competencias que en materia de industria outorga o Estatuto de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento para a execución e/ou posta en servicio das instalacións eléctricas de baixa tensión na Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo I

Execución e posta en servicio das instalacións eléctricas de baixa tensión

Artigo 2º.-Clasificación de instalacións.

1. As instalacións eléctricas de baixa tensión, atendendo ó grao de risco de accidente e de complexidade que poidan presentar e para os efectos de establece-la documentación necesaria e o procedemento a seguir para a súa execución e posta en servicio, clasifícanse en tres tipos:

1.1. Instalacións tipo A: instalacións complexas ou de alto risco que precisan documentación técnica (proxecto) para identificala e xustificar sen ambigüidades o cumprimento da regulamentación de seguridade vixente, así como certificación de dirección de obra ou de inspección técnica de obra, segundo o caso, que garanta a súa concordancia coa documentación técnica indicada e a adaptación á citada regulamentación. Comprende dous subtipos:

A1: instalacións que requiran presentación previa de proxecto e que precisan ser dirixidas e certificadas por técnico titulado competente (certificado de dirección de obra).

A2: instalacións que requiran presentación previa de proxecto e que precisan ser certificadas en canto á súa execución final por técnico titulado competente (certificado de inspección técnica).

1.2. Instalacións tipo B: instalacións simples que precisan para a súa identificación unha memoria técnica simplificada (carpeta) que por si soa permite constata-lo cumprimento da regulamentación de seguridade vixente nos aspectos esenciais ou básicos. Comprende dous subtipos:

B1: instalacións que requiren presentación de memoria técnica simplificada e certificado de inspección técnica de obra, emitida polo técnico titulado competente.

B2: instalacións que precisan carpeta e poden ser dirixidas polo instalador autorizado.

1.3.Instalacións tipo C: instalacións simples realizadas segundo normas repetitivas coñecidas, que quedan suficientemente identificadas polo boletín de instalación.

2. No anexo I desta orde inclúese unha relación das instalacións de baixa tensión máis frecuentes e o tipo en que quedan clasificadas.

3. Se unha instalación non se encontra de forma explícita no anexo 1, o instalador ou técnico titulado competente, segundo corresponda, asignaralle o tipo que agrupe instalacións similares a ela, para o cal atenderá ó grao de risco de accidente e a súa complexidade.

4. Se unha instalación presenta partes que correspondan a tipos distintos, asignaráselle á totalidade dela o tipo que implique unha maior esixencia na documentación.

Artigo 3º.-Procedemento para a execución e posta en servicio de instalacións de baixa tensión de tipo A.

Estructúrase en dúas fases:

1. 1ª fase:

A) O titular ou quen o represente presentará na correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio (en diante, delegación provincial) a seguinte documentación:

-Un exemplar da carpeta de solicitude normalizada cos datos administrativos consignados.

-Un exemplar do proxecto redactado por técnico titulado competente e visado polo colexio oficial correspondente.

-Para as instalacións do subtipo A1, xustificante de conforme foi encargada a dirección de obra da instalación a técnico competente.

B) A delegación provincial disporá dun prazo de 1 mes, contado desde a presentación do proxecto, para revisalo e para sinalar ou pedi-las aclaracións que considere necesarias. Se transcorre o dito prazo e a delegación provincial non realizara ningunha manifestación, entenderase que non hai inconveniente para a execución do proxecto, sen que iso supoña, en ningún caso, a súa aprobación técnica.

No suposto de que a delegación provincial solicite algunha aclaración ou modificación, o prazo indicado interrómpese e procederase de conformidade co disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. 2ª fase:

A) O titular do representante, unha vez realizada a instalación, presentará por exemplar duplicado, na delegación provincial o certificado final de dirección de obra ou de inspección técnica, segundo a instalación corresponda ó subtipo A1 ou A2 respectivamente, asinado polo técnico titulado competente e visado polo colexio oficial correspondente, que acredite que a instalación se encontra terminada, se adapta ó proxecto presentado e se axusta ó disposto no Regulamento electrotécnico para baixa tensión e instruccións técnicas complementarias, así como ás normas particulares para instalacións de enlace da empresa subministradora. Así mesmo, presentará por exemplar cuadruplicado o boletín de instalación cuberto polo instalador autorizado.

O certificado da dirección de obra ou o de inspección técnica, segundo sexa o caso, conterá tódolos datos e características que definan as instalacións completamente.

B) Se procede, a delegación provincial conformará e selará o certificado de dirección de obra ou o de inspección técnica, segundo sexa o caso e o boletín de instalación.

C) O certificado de dirección de obra ou o de inspección técnica, así conformado, será o documento que se presentará ante a empresa subministradora para realiza-las probas regulamentarias e, se é o caso, contrata-la subministración.

Non obstante o anterior, no caso de edificios e bloques de vivendas e/ou oficinas, edificios e galerías destinados a uso comercial e/ou de servicios, con máis dun usuario en réxime de propiedade horizontal, o boletín de instalación de cada vivenda ou local comercial será o documento que se presentará ante a empresa subministradora para os mencionados efectos.

Realizadas as probas regulamentarias pola empresa subministradora, con resultado favorable, procederase a contrata-la subministración. En caso contrario, a empresa subministradora notificará esta circunstancia ó instalador e á delegación provincial no prazo de sete días.

D) As instalacións eléctricas do tipo A deberán executarse e terminarse totalmente nun prazo máximo dun ano a partir da data de iniciación do expediente na delegación provincial. Se, transcorrido este prazo e as prórrogas que se puideran conceder, o titular ou o seu representante non acreditou a terminación da instalación mediante a presentación do correspondente certificado de dirección de obra ou de inspección técnica, entenderase que non se levará a cabo a súa execución e a delegación provincial correspondente procederá ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 4º.-Procedemento para a execución e posta en servicio de instalacións de baixa tensión do tipo B.

Unha vez realizada a instalación, as actuacións que se realizarán para a súa posta en servicio son as seguintes:

A) O titular ou o seu representante presentará, ante a delegación provincial, a seguinte documentación:

-Para as instalacións do subtipo B1, a carpeta, exemplar duplicado do certificado de inspección técnica expedido polo técnico titulado competente e visado polo colexio oficial correspondente e exemplar cuadruplicado do boletín de instalación, cuberto polo instalador autorizado.

-Para as instalacións do subtipo B2, a carpeta normalizada e exemplar cuadruplicado do boletín de instalación, cuberto polo instalador autorizado.

A carpeta incluirá, de acordo co modelo do anexo II, a solicitude e unha memoria técnica simplificada da instalación.

B) Para as instalacións que a continuación se indican a carpeta irá acompañada da documentación complementaria seguinte:

a) Garaxes privados, incluídos os de comunidade, con ventilación natural e de ata 10 prazas: plano a escala coa distribución das prazas do garaxe e coa situación e características da ventilación.

b) Iluminación pública fóra do núcleo urbano, sen báculos metálicos e ata 10 puntos de luz: esquema unifilar e planos de situación e de distribución en planta.

c) Maquinaria auxiliar de obra:

-Planos da rede de terras do edificio que se vai construír.

-Declaración do constructor afirmativa en caso de instalación de guindastre-torre e negativa no caso contrario. En caso afirmativo a empresa autorizada tamén asinará a declaración.

-Xustificante de inscrición no Rexistro Industrial do constructor e, se é o caso, copia do contrato coa empresa alugadora do guindastre-torre.

Nas instalacións de obra monofásicas dunha potencia instalada inferior ou igual a 5,5 kW non será necesario xustifica-la inscrición no Rexistro Industrial.

d) Rótulos ou luminosos con lámpada de descarga a tensión superior a 250 V con respecto a terra (neón e similares) situados en fachada e normalmente inaccesibles: planos a escala coa situación e forma do rótulo ou luminoso, certificado de instalación da empresa rotulista e certificado de inspección técnica asinado por técnico titulado competente e visado polo colexio oficial correspondente, acreditativo de que a instalación do rótulo se axusta á documentación presentada e ó Regulamento electrotécnico para baixa tensión e instruccións complementarias.

C) O persoal técnico da delegación provincial revisará a documentación presentada no prazo de 5 días hábiles e, se procede, conformarase e selará o certificado de inspección técnica e o boletín de instalación.

O orixinal quedará en poder da delegación provincial e as copias devolveránselle o interesado.

D) O certificado de inspección técnica nas instalacións do subtipo B1 ou o boletín de instalación, nas do subtipo B 2, así conformados, serán os documentos que se presentarán ante a empresa subministradora para realiza-las probas regulamentarias e, se é o caso, contrata-la subministración.

Non obstante o anterior, no caso de edificios e bloques de vivendas e/ou oficinas, edificios e galerías destinados a uso comercial e/ou de servicios, con máis dun usuario en réxime de propiedade horizontal, o boletín de instalación de cada vivenda ou local comercial será o documento que se presentará ante a empresa subministradora para os mencionados efectos.

A empresa subministradora procederá segundo o disposto no artigo 3, 2ª fase, apartado C, en canto ás probas regulamentarias.

E) No caso de instalacións de maquinaria auxiliar de obra nas que estea prevista a instalación de guindastre-torre, logo de revisión da documentación e no prazo sinalado anteriormente, a delegación provincial poderá autoriza-lo enganche provisional da obra por un prazo de 30 de días.

A autorización definitiva quedara suxeita á aportación, dentro do dito prazo, da documentación necesaria para autoriza-lo guindastre-torre, a cal se presentará, en todo caso, antes da súa posta en funcionamento.

F) En instalacións de carácter ambulante, a autorización das instalacións do tipo B consideradas nos puntos 9.3 e 9.4 do anexo I, serán válidas como máximo por un ano, para efectos de poder contrata-la subministración nos distintos lugares da Comunidade Autónoma de Galicia onde vaian estar situadas as ditas instalacións. A fotocopia da autorización, que a empresa subministradora cotexará co orixinal, será o documento válido para realiza-las probas regulamentarias e, se é o caso, contrata-la subministración.

O titular ou usuario da instalación será o responsable de que no uso dela e nas sucesivas montaxes se manteñan as condicións de seguridade regulamentarias e de contratar, se é preciso, o mantemento da instalación a unha empresa autorizada.

Artigo 5º.-Procedemento para a execución e posta en servicio de instalacións de baixa tensión do tipo C.

Unha vez executada a instalación, as actuacións que se realizarán para a súa posta en servicio son as seguintes:

A) O titular ou o seu representante presentará o boletín de instalación por exemplar cuadriplicalo, na delegación provincial.

B) A delegación provincial conformará e selará os catro exemplares o mesmo día da súa presentación.

C) O boletín así conformado será o documento que se presentará ante a empresa subministradora para contrata-la subministración.

D) A empresa subministradora procederá segundo o disposto no artigo 3, 2ª fase, apartado C, en canto ás probas regulamentarias.

Artigo 6º.-Inspeccións.

O persoal técnico da delegación provincial inspeccionará as instalacións seguindo os criterios establecidos no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e na instrucción técnica complementaria ITC MIE BT 042.

Se o resultado da inspección non fora favorable, a delegación provincial farallo saber así ó titular ou usuario da instalación, ó instalador autorizado que a realizou e ó técnico que a certificara, sinalando as modificacións que procedan, o prazo para a súa execución e se se suspende a subministración. Ademais, se procede, incoará o oportuno expediente sancionador de acordo co establecido na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

Capítulo II

Ampliacións, modificacións ou reformas de importancia

Artigo 7º.-Xeneralidades.

As modificacións de instalacións que alteren as súas características técnicas esenciais (ampliacións de potencia, cambios de tensión, ampliación ou reforma do local) clasifícanse nalgúns dos tipos A, B, ou C en función do tipo de instalación existente, do local onde estea instalada e da tensión e potencia da parte da instalación modificada.

O procedemento que se seguirá para a execución e posta en servicio será o que corresponde ó tipo de instalación en que quede clasificada de acordo coas novas características (anexo I), coma si se tratara dunha nova instalación.

Na documentación que se presentará na delegación provincial sinalarase se se trata dunha ampliación, dunha reforma ou dun cambio de tensión.

Se a actividade ou a instalación estivera inscrita anteriormente nun rexistro da delegación provincial, na solicitude mencionarase o número de rexistro e/ou de expediente que teña asignado.

Artigo 8º.-Cambios de uso ou de actividade.

Cando se produza un cambio de actividade nos locais ou un uso da enerxía distinto ó que tiñan autorizados e que altere as condicións de seguridade da instalación existente, terase en conta a potencia total resultante e o tipo da nova actividade, se procede, para efectos da súa clasificación.

O procedemento que se seguirá e a documentación necesaria para a execución e posta en servicio será

o que corresponde ó tipo de instalación en que quede clasificada de acordo coas súas novas características (anexo I), como se se tratara dunha nova instalación.

Se a actividade ou a instalación estivera inscrita anteriormente nun rexistro da delegación provincial, comunicarase a súa baixa, con indicación do número de rexistro e/o de expediente que tiña asignado anteriormente.

Artigo 9º.-Traslados.

O traslado de actividades fixas a un novo local considerarase en todo caso como unha nova instalación.

Se a actividade estivera inscrita anteriormente nun rexistro da delegación provincial, na solicitude mencionarase o número de rexistro e/o de expediente que tiña asignado.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo aquilo que non estea previsto nesta orde aplicarase o disposto no Regulamento electrotécnico para baixa tensión e instruccións técnicas complementarias.

Segunda.-As actividades ou instalacións reguladas por unha normativa específica ademais de polo Regulamento electrotécnico para baixa tensión (industrias, instalacións frigoríficas, máquinas de elevación e transporte, aparellos de raios X, etc.), deben presentar na delegación provincial, ademais da documentación que se sinala nesta orde, a que sexa esixida pola dita normativa complementaria.

Terceira.-As delegacións provinciais poderán expedir copia cotexada dos orixinais dos boletíns de instalacións eléctricas que están no seu poder no suposto de que ó usuario final non se lle facilite a copia que debe presentar á compañía subministradora para que esta proceda ó enganche.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor desta orde quedará derrogada a Orde do 11 de febreiro de 1997, pola que se establece o procedemento para a execución e posta en servicio das instalacións eléctricas de baixa tensión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase a Dirección Xeral de Industria para dicta-las disposicions necesarias para o desenvolvemento, interpretación e aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 1997.

Antonio Couceiro Mendez

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO I

Clasificación de instalacións

Símbolos utilizados:

C: capacidade do local (segundo NBE-CPI).

P: potencia da instalación.

InstalaciónsTipo

1. Edificios e bloques de vivendas

1.1. De máis de 12 plantas ou que teñan centralizacións en plantas inter (c.p.i.), cualquera potenciaA1

1.2. Resto edificios

-P)100 kWA2

-50'Pn100kWB1

-Pn50 kWC

2. Vivendas de:

-P)50 kWA2

-8,8'pn50kWB2

-Pn8,8kW C

3. Edificios e bloques de oficinas cunha previsión total (usos comúns e instalacións de enlace ós locais), de:

-P)50kWA2

-Pn50kWB2

4. Oficinas en xeral: bancos, seguros, xestorías,etc.

-P)50kWA2

-Pn50kWB2

5. Locais de espectáculos:

-Estadios e pavillóns deportivos, hipódromos, canódromos, prazas de touros, parques de atraccións e feiras fixas, auditorios, centros sociais ou de cultura con salón ou salóns de actos de uso múltiple, cines, teatros, tablaos, cafés-teatro, cafés-concerto, karaokes, salas de festa, salas de baile e discotecas con espectáculo, restaurantes con espectáculo e, en xeral, calquera local destinado total ou parcialmente a espectáculos, calquera potenciaA1

6. Locais de reunión:

6.1. Salas de baile, discotecas, disco pubs, pubs, bares especiais e similares, todos eles sen espectáculos, calquera potencia de:

-C)100 persoasA1

-Cn100 persoasA2

6.2. Casinos, bingos e salas de xogos, de:

-P)15 ó C)100 persoasA1

-Pn15 e Cn100 persoasA2

6.3. Hoteis, hostais, residencias, albergues, campings e similares, de:

-Capacidade superior a 50 prazasA1

-Capacidade ata 50 prazasA2

6.4. Centros de ensino, academias e garderías de:

-P)50 kW ó C)300 persoasA1

-10A2

-De Pn10 kWB2

6.5. Edificios e galerías destinados a uso comercial e/ou de servicios, con máis dun usuario, cunha previsión total (usos comúns e instalacións de enlace ós locais) de:

-P)150kWA1

-50'P'150kWA2

-Pn50kWB2

InstalaciónsTipo

6.6. Establecementos e locais comerciais ou de servicios: hipermercados, supermercados, tendas, bares, cafeterías, mesóns, restaurantes, salóns de bodas, perruquerías, etc. de:

-P)50 kW ó C)300 persoasA1

-15'Pn50 kW e C'300 persoasA2

-Pn15kWB2

6.7. Outros locais de reunión:

Estacións de viaxeiros, aeroportos, bibliotecas, salas de conferencias, salas de exposicións, museos, centros sociais e de cultura sen salóns de actos de uso múltiple, igrexas, boleiras, frontóns; campos de tiro, ximnasios, etc.. de:

-P)50 ó C)300 persoasA1

-10'Pn50 e Cn300 persoasA2

-Pn10KWB2

7. Establecementos sanitarios:

7.1. Hospitais, clínicas, sanatorios, ambulatorios, centros de saúde, centros de urxencias, consultorios médicos e, en xeral, todo local destinado a fins análogos, exceptuando os indicados no punto seguinte, calquiera potenciaA1

7.2. Consultorios médicos ou centros de saúde que non teñan salas de urxencias, aparatos de raios X de P)1 kW ou outras instalacións especiais de:

-10'Pn50 kW e Cn300 persoasA2

-P'10 kWB2

8. Garaxes, calquera potencia:

8.1. De uso público, calquera número de prazasA1

8.2. De uso privado (incluídos os da comunidade) con ventilación mecánica, calquera número de prazasA2

8.3. De uso privado con ventilación natural e máis de 10 prazasA2

8.4. De uso privado con ventilación natural e ata 10 prazasB2(*)

9. Instalacións temporais:

9.1. Obras, de:

-P)100 kWA2

-50'Pn100kWB1(*)

-Pn50kWB2

9.2. Feiras e verbenas en sitios abertos. Espectáculos ó aire libre de:

-P)100kWA2

-50'Pn100kWB1

-Pn50kWB2

9.3. Postos e atraccións de feira, nos que o público se encontra ó exterior de:

-P)100kWA2

-50'Pn100kWB1

-Pn50kWB2

9.4. Circos. Carpas para exposicións, feiras, atraccións, bailes, etc, e en xeral calquera recinto cuberto, desmontable, con múltiples saídas de:

-P)50kW ó C)300A2

-10'Pn50 y Cn300B1

-Pn10B2

10. Piscinas:

-Públicas de calquera capacidadeA1

-Privadas, incluídas as da comunidade, cunhas instalacións de:

P)10kWA2

Pn10kWB2

InstalaciónsTipo

11. Establecementos de baños, saunas públicas e iluminación de fontes públicas, de:

-P)10kWA2

-Pn10kWB2

12. Iluminación pública:

12.1. Iluminación pública en xeral, exceptuando os recollidos no punto seguinte:

-P)20kWA1

-Pn20kWA2

12.2. Iluminación pública fora de núcleo urbano, sen báculos metálicos e ata 10 puntos de luz.

-P)20kWB1

-Pn20kWB2

13. Centrais telefónicas de:

-P)50kWA1

-15'Pn50kWA2

-Pn15kWB2

14. Máquinas de elevación e transporte () A1

15. Instalacións a tensións especiaisA1

16. Aparatos de Raios x (!) de:

-P)1kWA1

-Pn1kWB2

17. Lámpadas de descarga a tensión superior a 250V con respecto a terra calquera potencia

17.1. En xeral, exceptuando o indicado no punto seguinteA2

17.2. Rotulos luminosos (neón e similares), situados en fachada e normalmente inaccesiblesB1(*)

18. Quentadores de auga nos que esta forme parte do circuito eléctrico ou que estean provistos de elementos de caldeo desnudos somerxidos en augaA2

19. Conductores de caldeoA2

20. Cercas eléctricas e aparellos para a súa alimentaciónA2

21. Xeradores e convertidores, de:

-P)10kWA2

-Pn10kWB2

22. Redes de distribución pública de propiedade particular ou colectiva e redes de distribución privada de:

-P)100kWA1

-Pn100kWA2

23. Instalacións de liñas de baixa tensión con apoios comúns con liñas de alta tensión.A2

24. Industrias, talleres e almacéns, sen resgo especial de:

-P)200kWA1

-20kW'Pn200kWA2

-Pn20kWB2

25. Industrias, talleres, locais, almacéns ou emprazamentos con ambientes húmidos, mollados, poeirentos ou corrosivos (industrias frigoríficas e almacéns frigoríficos (!) piscifactorías, cetarias, matadoiros, electrobombas de elevación ou extracción de auga, depuradoras, estacións de lavado de coches, granxas, instalacións á intemperie, machucadoras de pedra, baterías de acumuladores, etc.) de:

-P)100kWA1

-10kW'Pn100kWA2

-Pn10kWB2

InstalaciónsTipo

26. Industrias, talleres, locais, almacéns ou emprazamentos clasificados con risco de incendio ou explosión, en xeralA1

26.1. Estacións de servicio, locais onde se manipulen ou almacenen gases inflamables, disolventes, pinturas, polvos combustibles ou inflamables. Calquera potenciaA1

26.2. Talleres de reparación de vehículos, industrias téxtiles, talleres de confección, serradoiros, carpinterías, granxas avícolas para engorda non mecanizada, etc.

-P)100kWA1

-Pn100kWA2

Resumo da documentación que se debe presentar

Símbolos:

B: boletín ou boletíns de instalación.

Ca: carpeta cuberta nos seus datos administrativos.

Ct: carpeta cuberta na súa totalidade (datos técnicos e administrativos).

D: certificado de dirección de obra.

E: xustificante do encargo da dirección de obra.

I: certificado de inspección técnica.

Pr: proxecto de instalación.

TipoDocumentación

inicial

Documentación

final

A1Pr+Ca+ED+B
A2Pr+CaI+B
B1--Ct+I+B
B2--Ct+B
C--B

As instalaciones do tipo B marcadas con (*) na relación do anexo I, precisan ademais da carpeta, da documentación complementaria que se indica no artigo 4º.

As instalaciones marcadas con (!) na relación do anexo I, precisan ademais, a documentación que esixe a norma específica que as regula.

ANEXO II

-Carpeta.-Aceptación de dirección de obra.-Certificado de dirección de obra.-Certificado de inspección de obra.

5692