Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 28 de xullo de 1997 Páx. 7.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 9 de xullo de 1997 pola que se modifica o regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador.

Por Orde do 17 de marzo de 1988, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes recoñeceu a denominación de orixe Rías Baixas para os viños producidos nesta zona vitivinícola. Seguidamente, por Orde do 4 de xullo de 1988, aprobouse o regulamento desta denominación e do seu consello regulador.

Recentemente, por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 23 de outubro de 1996, aprobouse o novo regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador, derrogando a anterior norma.

No texto deste novo regulamento advertíronse determinadas imprecisións, polo que, tralo informe do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e por proposta do consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas, se procede a realiza-las oportunas modificacións.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30.I.3º e 4º do Estatuto de autonomía de Galicia,

e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse os artigos 22.2º, 35.3º e 46.4º do anexo da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 23 de outubro de 1996, pola que se aproba o regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador. Os ditos artigos quedan redactados tal como se expresa a continuación:

1. Artigo 22º, apartado 2:

«O consello regulador poderá determina-los tipos e medidas dos envases para a comercialización do viño, que non prexudiquen a súa calidade e prestixio, facendo obrigatoria a súa utilización para ser protexido. Estes envases serán de vidro, das capacidades autorizadas na normativa vixente ó respecto, con exclusión expresa das botellas dun litro».

2. Artigo 35º, apartado 3:

«A comisión de cualificación, que actuará por delegación do consello regulador, á vista dos informes técnicos preceptivos do comité de cualificación, acordará a decisión que proceda e, se é o caso, a non cualificación do viño. O interesado poderá recorrer no prazo de dez días seguintes á súa comunicación, presentando recurso ante o consello regulador, quen en Pleno resolverá o que proceda, unha vez efectuados os exames analítico e/ou organoléptico solicitados. Este novo exame organoléptico sería realizado por un comité de apelación, que se constituirá para o efecto».

3. Artigo 46º, apartado 4:

«Poderase aplica-la suspensión temporal do uso da denominación ou a baixa nos rexistros dela, sempre que se respecte o establecido no artigo 129 da Lei 30/1992, e no título V da Lei 25/1970 e do Decreto 835/1972.

A suspensión do dereito ó uso da denominación de orixe levará consigo a suspensión do dereito a obter certificados de orixe, precintos, contraetiquetas e demais documentos do consello regulador.

A baixa suporá a exclusión do infractor nos rexistros do consello e, como consecuencia, a perda dos dereitos inherentes á denominación.»

Disposicións derradeiras

A modificación da Orde do 23 de outubro de 1996, aprobada pola presente orde, entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

5651