Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 24 de xullo de 1997 Páx. 7.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 196/1997, do 18 de xuño, polo que se sanciona o Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Social da Universidade de Vigo e se ordena a súa publicación.

A disposición adicional segunda da Lei 5/1987, do 27 de maio, reguladora do Consello Social da Universidade dispón que, unha vez aprobado polo Consello Social da Universidade o seu Regulamento de organización e funcionamento interno, se elevará á Xunta de Galicia para a súa sanción e publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Consello Social da Universidade de Vigo, en reunión celebrada o día 11 de xuño de 1996, aprobou o citado Regulamento de organización e funcionamento interno.

Na súa virtude, por instancia da institución correspondente e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo de 1983), reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro de 1988) e logo de deliberación do Con

sello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Acórdase a sanción e a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Social da Universidade de Vigo que figura como anexo no presente decreto.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

TÍTULO I

Do Consello Social e das súas competencias

Artigo 1º

O Consello Social da Universidade de Vigo é órgano colexiado de participación da sociedade, a través dos seus diversos sectores, no goberno e administración da Universidade.

Artigo 2º

Correspóndenlle ó Consello Social as seguintes funcións:

1. Aprobar, se procede, a programación plurianual da universidade, por proposta do claustro, tralo informe da Xunta de Goberno, no prazo improrrogable de sesenta días contados desde a recepción por parte do Consello.

2. Aprobar, se procede, por proposta do claustro, tralo informe da Xunta de Goberno, o proxecto de orzamento anual que desenvolve a programación plurianual no prazo de corenta e cinco días contados desde a recepción por parte do Consello.

3. Exercer directamente, ou solicitala externamente, a auditoría e o control interno das contas da universidade e, en xeral, o exame dos procedementos administrativos e de xestión orzamentaria, de execución do orzamento e dos custos e rendementos dos distintos servicios.

4. Promove-la colaboración da sociedade no financiamento da universidade.

5. Propoñerlle á Xunta de Galicia, logo do informe do Consello de Universidades, a creación e supresión de facultades, escolas técnicas superiores, escolas universitarias, escolas de especialización profesional e dos institutos universitarios, así como a aprobación dos convenios de adscrición á universidade de institutos universitarios, institucións ou centros de docencia e investigación ou creación artística de carácter público ou privado.

6. Coñece-los plans de estudios elevados polo claustro ó Consello.

7. Fixa-las normas que regulen a permanencia na universidade daqueles estudiantes que non superen as probas correspondentes nos prazos que se determinen de acordo coas características dos respectivos estudios, tralo informe do Consello de Universidades.

8. Propoñe-la política de bolsas, axudas e créditos ós estudiantes e as modalidades de exención e bonificación do pagamento das taxas académicas.

9. Acorda-la asignación, con carácter individual, dos conceptos retributivos adicionais ó profesorado universitario por actividades docentes e investigadoras ou demais méritos relevantes, logo da proposta da Xunta de Goberno da universidade.

10. Fixa-las taxas académicas correspondentes ós estudios conducentes a títulos non oficiais.

11. Aproba-las transferencias de gastos correntes a gastos de capital por proposta da Xunta de Goberno. Aproba-las transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo por proposta da Xunta de Goberno, trala autorización da Xunta de Galicia.

12. Aproba-los suplementos de créditos extraordinarios, oída a proposta da Xunta de Goberno.

13. Autoriza-la disposición dos bens de dominio público, así como dos patrimoniais, e autorizar, se procede, as cesións do dereito de superficie, así como a constitución de hipotecas ou de calquera outra fianza real, logo da proposta da Xunta de Goberno e de conformidade coas normas xerais que rexan nesta materia; así como dicta-las normas regulamentarias relativas á administración dos bens de titularidade da universidade, tanto os de dominio público como os patrimoniais, así como os procedementos para a súa adquisición e cesión.

14. Propoñe-lo establecemento de convenios con empresas, sindicatos e outras entidades, públicas e privadas, que contribúan a perfeccionar e completa-la formación dos membros da comunidade universitaria.

15. Coñece-lo cadro de persoal docente e de administración e servicios da universidade.

16. Emitir informe sobre o nomeamento, por parte do rector, do xerente da universidade.

17. Aproba-la creación de entidades de carácter universitario de apoio á docencia e investigación, así como as de creación artística.

18. Apoia-lo desenvolvemento das manifestacións culturais que se produzan no seo da universidade, así como fomenta-las relacións e procura-lo seu enraizamento coa sociedade galega.

19. Desenvolver, ademais das anteditas, cantas outras funcións lle sexan recoñecidas polo ordenamento xurídico, en especial polos estatutos da universidade.

Artigo 3º

O Consello Social, no exercicio das súas competencias, goza de plena independencia.

Artigo 4º

O Consello Social dispoñerá dos recursos económicos suficientes para o cumprimento das súas funcións, e terá asignadas partidas propias nos orzamentos xerais da universidade.

TÍTULO II

Dos membros do Consello

Artigo 5º

O Consello Social da Universidade de Vigo está composto por vintecinco conselleiros, dez en representación da Xunta de Goberno da universidade e quince en representación dos intereses sociais de Galicia.

Artigo 6º

1. Os representantes da Xunta de Goberno da universidade serán os seguintes:

a) O rector.

b) O secretario xeral.

c) O xerente.

d) Sete vocais elixidos pola universidade de entre os seus membros, de conformidade cos seus estatutos.

2. Os quince conselleiros representantes dos intereses sociais no Consello Social designaranse do xeito seguinte:

a) Seis polo Parlamento de Galicia, por proposta dos grupos parlamentarios e por maioría de tres quintos dos deputados que forman a cámara.

b) Cinco designados pola Xunta de Galicia.

c) Dous designados polos sindicatos que teñan consideración de máis representativos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, de conformidade coa normativa vixente.

d) Dous designados polas organizacións empresariais de maior implantación en Galicia.

Artigo 7º

1. Son dereitos dos conselleiros:

a) Asistir con voz e voto ás reunións dos órganos dos que formen parte.

b) Coñecer e recibir información de canto aconteza no Consello Social.

c) Ter acceso ós datos e documentos necesarios para o exercicio dos seus cometidos, tanto da universidade como da administración educativa.

A secretaría do Consello Social proverá os medios necesarios para o desenvolvemento deste dereito.

d) Presentar propostas ó Pleno ou ás comisións para a adopción dos correspondentes acordos.

2. Son deberes dos conselleiros:

a) Asistir ás sesións do Pleno así como ás das comisións das que forman parte.

b) Cumprir cantos cometidos lles sexan encomendados.

c) Gardar segredo das deliberacións internas, así como das xestións que leve a cabo por encargo do Pleno ou da Comisión pertinente.

Artigo 8º

De acordo co establecido no artigo 7.2º da Lei 5/1985, do 21 de marzo, a Comisión Permanente, ou no seu defecto o Pleno do Consello Social, establecerá as compensacións económicas que perciban os vocais do Consello Social por asistencia ás reunións.

Artigo 9º

1. A condición de conselleiro en representación dos intereses sociais é incompatible coa de membro da comunidade universitaria, agás para quen se atope en situación de excedencia voluntaria ou xubilación con anterioridade á data da súa designación.

2. A condición de membro do Consello Social é incompatible en todo caso coa condición de parlamentario ou alto cargo das administracións públicas. E igualmente incompatible con calquera tipo de participación, intervención administrativa ou económica en empresas ou sociedades que contraten coa universidade obras, servicios ou subministracións.

Artigo 10º

Perderase a condición de conselleiro do Consello Social por algunha das seguintes causas:

a) Por cumprimento do prazo polo que foron elixidos.

b) Falecemento.

c) Incapacidade declarada por resolución xudicial.

d) Renuncia.

e) Substitución por reiterado e grave incumprimento das obrigas propias do cargo.

f) Respecto dos vocais natos, polo cesamento no respectivo cargo.

g) Os vocais designados polos sindicatos e asociacións empresariais poderán ser substituídos en todo momento polo sindicato ou asociación que os designou.

Artigo 11º

O mandato do presidente e dos demais conselleiros do Consello Social representantes dos intereses sociais será de catro anos, renovables por unha soa vez.

Artigo 12º

O Pleno poderalle propoñe-lo cesamento dun conselleiro á autoridade ou órgano que o designou nos supostos seguintes:

a) Se no prazo de tres meses desde que concorra nun conselleiro unha causa de incompatibilidade, e este non elixise un posto ou outro no dito prazo.

b) A inasistencia non xustificada de máis de dúas sesións seguidas ó Pleno ou a inasistencia descontinua e inxustificada a máis de catro sesións do Pleno nun ano.

c) A inasistencia non xustificada a máis de tres sesións seguidas da Comisión á que pertenza ou a inasistencia descontinua e inxustificada a seis sesións da Comisión nun ano.

d) A inasistencia inxustificada ás sesións nas que se debata o orzamento ou a programación plurianual.

e) Por incumprimento reiterado dos deberes inherentes ó seu cargo.

Artigo 13º

A substitución dos conselleiros levarase a cabo seguindo o procedemento previsto no artigo 9 da Lei do 27 de maio de 1987. Para os representantes da Xunta de Goberno da universidade terase en conta o establecido nos estatutos da Universidade de Vigo.

TÍTULO III

Dos órganos do Consello

Artigo 14º

Os órganos do Consello Social son:

a) O Pleno.

b) A Comisión Permanente e outras comisións, se as houber.

c) O presidente.

Artigo 15º

O Pleno, integrado por tódolos conselleiros, é o máximo órgano de deliberación do Consello, correspondéndolle tódalas atribucións previstas no artigo 2º do presente regulamento.

Artigo 16º

O Pleno do Consello Social, se o volume de traballo así o aconsella, poderá constituír, por acordo da maioría dos seus conselleiros, unha comisión permanente, facendo constar expresamente as materias da súa competencia.

Artigo 17º

A comisión permanente estará composta polo presidente do Consello ou conselleiro no que delegue entre os de representación social, o rector, o secretario xeral e un mínimo de tres membros, en representación dos intereses sociais, elixidos polo Pleno. Asistirá o secretario do Consello Social con voz pero sen voto.

Artigo 18º

A comisión permanente terá tódalas facultades que lle delegue o Pleno e na forma en que este o faga.

Artigo 19º

A comisión permanente será convocada polo presidente, aplicando as normas de convocatoria, quórum de asistencia e adopción de acordos previstos para o Pleno.

Artigo 20º

O Pleno do Consello Social poderá constituír comisións para estudio e análise de asuntos determinados, con carácter temporal ou permanente, que estarán presididas polo presidente ou conselleiro no que delegue entre os representantes dos intereses sociais e polos conselleiros no número que se considere apropiado, pero respectando, en todo caso, os criterios de representatividade que inspira a composición do Consello Social elixidos polo presidente. Para o seu funcionamento, polo que fai referencia ás convocatorias, quórum de asistencia e votacións, aplicaranse, no posible, as normas deste regulamento para o Pleno do Consello.

Artigo 21º

O presidente do Consello Social será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia de entre os conselleiros representantes dos intereses sociais, por proposta do conselleiro de Educación.

Artigo 22º

O presidente do Consello Social ten para tódolos efectos a representación deste.

Artigo 23º

Son funcións do presidente:

a) Convocar, fixando a orde do día, e presidi-las sesións do Consello e das comisións.

b) Abrir e levanta-las sesións, dirixi-los debates, concedendo e denegando a palabra, e decidir co seu voto os empates.

c) Executa-los acordos adoptados polo Consello.

d) Nomear e dispo-lo cesamento do secretario do Consello.

e) Invitar ó Pleno, con voz pero sen voto, a todas aquelas persoas que considere oportuno en razón dos temas que se traten.

f) Delegar, en caso de ausencia, vacante ou enfermidade no conselleiro que designe de entre os membros que representan os intereses sociais.

g) Reclamar das autoridades académicas, administracións públicas ou de calquera outra entidade privada, cantos informes, estudios e dictames considere oportunos.

h) Coordina-las actividades dos conselleiros e dos órganos do consello.

i) Dirixi-lo funcionamento dos servicios do Consello Social e a execución do seu orzamento.

l) Calquera outra que lle atribúan as disposicións reguladoras, os estatutos da universidade, o presente regulamento e cantas poidan resultar útiles para o bo funcionamento do consello.

Artigo 24º

No caso de ausencia, vacante ou enfermidade do presidente este será substituído provisionalmente polo conselleiro no que delegase formalmente e se non, polo conselleiro de máis idade, dos representantes dos intereses sociais.

Artigo 25º

Correspóndelle ó secretario:

a) Asistir con voz e sen voto ás sesións do Pleno, da comisión permanente e das comisións do Consello Social, redactando acta delas e dos acordos adoptados e certificando e notificando estes ós organismos e órganos competentes ou interesados en cada caso.

b) Exerce-la xefatura directa e organización dos servicios administrativos internos do Consello, sen prexuízo da superior autoridade do presidente.

c) Leva-lo rexistro do Consello Social.

d) Distribuír entre os conselleiros os documentos e información necesarios para o exercicio das súas funcións.

e) Elabora-lo anteproxecto de orzamento do Consello.

f) Prepara-la memoria das actividades do Consello.

g) Calquera outra función que lle sexa encomendado polo Consello ou polo seu presidente.

TÍTULO IV

Do funcionamento do Consello

Artigo 26º

O goberno do Consello Social correspóndelle ó seu Pleno. O Pleno do Consello Social reunirase, como mínimo catro veces no ano, e sempre que o decida o presidente, ou o soliciten mediante escrito asinado e con indicación dos temas obxecto da convocatoria, un número de membros non inferior a oito: neste caso o Pleno reunirase nun prazo máximo de quince días. A comisión permanente será convocada polo presidente ou por pedimento por escrito da metade máis un dos seus membros, facendo constar neste caso os temas obxecto da convocatoria.

Artigo 27º

1. As reunións convocaraas o presidente mediante comunicación escrita ou calquera outro medio telemático, de acordo co previsto no artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixíndoa a tódolos vocais cunha antelación de, alomenos, sete días á celebración da sesión e con indicación da orde do día.

2. No caso de urxencia ou gravidade, o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas.

Artigo 28º

1. A orde do día dos plenos ou a comisión permanente, fixaraas o presidente; considerando, de se-lo caso, os pedimentos dos demais membros formulados coa debida antelación, de acordo co estipulado no artigo 27 deste regulamento. Incluiranse obrigatoriamente aqueles puntos que fosen presentados por escrito, avalados mediante a sinatura de oito membros no caso do Pleno e de dous para a comisión permanente.

2. O Consello en Pleno non poderá tomar acordos, aínda que si deliberar sobre asuntos que non fosen previamente fixados na orde do día. Non obstante, excepcionalmente, estando presentes tódolos conselleiros do Consello, se así o acordasen por unanimidade e valorada a urxencia dun asunto, poderán adoptarse acordos que non figuren incluídos na orde do día.

Artigo 29º

Para tomar acordos en primeira convocatoria será necesaria a asistencia á reunión da metade máis un dos conselleiros. En segunda convocatoria será suficiente cun tercio dos conselleiros do Consello. Entre a primeira e segunda convocatoria deberá transcorrer, polo menos, unha hora.

Artigo 30º

1. As sesións do Pleno serán presididas polo presidente do Consello ou se non por quen lle corresponda segundo o previsto no artigo 24º do presente regulamento.

2. A ausencia do secretario non impedirá a válida constitución do Pleno, exercendo en tal caso as súas funcións a persoa que designe o presidente e se non o vocal de menos idade.

Artigo 31º

1. As decisións do Consello adoptaranse por maioría dos conselleiros presentes, agás nos supostos nos que se esixa unha maioría cualificada. No caso de empate decidirá o voto do presidente.

2. Esixirase maioría absoluta dos conselleiros que compoñen o Consello para adopta-las seguintes decisións:

a) Aproba-lo orzamento e a programación plurianual.

b) Aproba-lo requirimento e a proposta de cesamento dun conselleiro a que se refire o artigo 12º do presente regulamento.

c) Aprobación das normas que regulan a permanencia dos estudiantes na universidade.

d) A reforma do regulamento.

e) Nos demais casos nos que o Pleno, por maioría simple dos asistentes, así o decida.

Artigo 32º

Os acordos poderán adoptarse por votación pública ou secreta. Serán secretas cando así o decida o presidente, por iniciativa propia ou por pedimento dalgún dos conselleiros e, en todo caso, nos supostos previstos polo artigo 12º do presente regulamento.

Artigo 33º

1 De cada sesión redactarase acta que conterá, como mínimo, as circunstancias de lugar e tempo no que se celebrou, número e identificación das persoas que asistiron, os puntos principais da deliberación, a forma e resultado da votación e o contido dos acordos.

2. Os conselleiros presentes na votación poderán facer constar na acta o seu voto contrario ó acordo adoptado e os motivos que o xustifiquen, así como calquera outra circunstancia que coiden pertinente.

Artigo 34º

As actas serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente e aprobaranse, se procede, na seguinte sesión ordinaria do Pleno. As actas serán remitidas xunto coa orde do día da sesión en que deban ser aprobadas.

Artigo 35º

Os distintos órganos universitarios deberán remiti-las informacións que lles sexan requiridas dentro da súa competencia polo Consello Social, así como realiza-los trámites necesarios para o exercicio das funcións deste coa maior celeridade posible.

Artigo 36º

1. Os acordos que adopte o Consello Social serán inmediatamente executivos e notificaránselles, de se-lo caso, ó interesado ou interesados na forma pertinente.

2. As resolucións do Consello Social esgotan a vía administrativa e contra elas poderase recorrer directamente perante os tribunais de Xustiza.

TÍTULO V

Do réxime económico e financeiro

Artigo 37º

O Consello Social, dentro da súa independencia, elaborará anualmente o seu orzamento, que se incluirá no orzamento da Universidade de Vigo.

Artigo 38º

Os gastos que tivesen os conselleiros, así como o seu secretario, no exercicio das súas funcións, con autorización e xustificación previa, serán satisfeitos con cargo ó orzamento do Consello.

Artigo 39º

1. O Consello Social disporá dunha secretaría que dependerá funcionalmente do secretario/a do Consello Social.

2. O persoal de apoio ó Consello Social figurará nas correspondentes relacións de postos de traballo de Administración e servicios da Universidade de Vigo.

TÍTULO VI

Da reforma do regulamento

Artigo 40º

1. A iniciativa para a reforma do Regulamento pode ser adoptada polo presidente do Consello ou mediante unha proposta asinada por oito membros do Consello Social.

2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas.

3. Para que a reforma sexa adoptada cumprirá que reciba o voto da maioría absoluta do Pleno do Consello. De non ser así, a proposta de reforma considerarase rexeitada e non se poderá interpoñer unha reforma idéntica ata que transcorra un prazo de dous anos, salvo que medie acordo dos 2/3 dos membros do Consello.

4. Á reforma do regulamento deberáselle tamén aplica-la disposición adicional segunda punto 2, da Lei 5/1987, para a súa sanción pola Xunta de Galicia e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

O presente regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos estatutos da Universidade de Vigo, e da Lei de reforma universitaria así como nas demais normas legais e regulamentarias do ensino universitario, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como do resto do ordenamento xurídico que fose de aplicación.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor a partir da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

5809