Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 24 de xullo de 1997 Páx. 7.243

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre.

O artigo 10 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, sinala que o exercicio por toda persoa física ou xurídica das actividades de pesca, marisqueo e cultivos mariños require un título habilitante previo.

A citada Lei 6/1993 dedícalle, así mesmo, a sección cuarta do capítulo quinto á acuicultura na zona terrestre, indicando que os establecementos de acuicultura e auxiliares na zona terrestre requirirán o oportuno permiso de actividade, sen prexuízo dos demais permisos, licencias e autorizacións que corresponda e engadindo que regulamentariamente se determinarán as condicións de outorgamento do dito permiso.

O permiso de actividade configurarase, pois, como o instrumento básico para a regulación dos establecementos situados na zona terrestre, permitindo determinar tódolos que se encontran en funcionamento e explotación na dita zona.

Por outra parte, a protección do dominio público marítimo-terrestre esixe que todos aqueles establecementos de acuicultura e auxiliares cun sistema que non faga imprescindible a súa instalación na zona marítima o marítimo-terrestre, deben situarse preferentemente na zona terrestre, fóra da zona de servidume de tránsito do dominio público marítimo-terrestre.

Por conseguinte, oído o Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A posta en funcionamento e explotación dos establecementos de cultivos mariños e auxiliares, situados nos terreos de dominio privado ou público que non sexan marítimos ou marítimo-terrestres, requirirá, de conformidade co disposto no artigo 10 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, o previo outorgamento do permiso de actividade por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2º

Os solicitantes do permiso de actividade deberán dispoñer da capacidade técnica adecuada ós requi

rimentos do establecemento do que se trate, así como xustifica-la rendibilidade da explotación.

Mediante disposición regulamentaria, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura determinará os criterios de capacidade técnica e rendibilidade económica que se esixirán cada tipo de establecemento.

Artigo 3º.

O permiso de actividade outorgarase por un prazo máximo de dez anos, prorrogables por períodos máximos doutros dez anos, logo da petición do interesado presentada dentro dos sesenta días anteriores ó do remate da súa vixencia.

No caso de que a instalación do establecemento precise da ocupación de terreos de dominio público, o outorgamento do permiso de actividade estará supeditado á previa obtención da concesión administrativa necesaria para a ocupación dos ditos terreos.

Artigo 4º

Os establecementos amparados polo permiso de actividade poderán ser transmitidos conxuntamente con este, logo da autorización da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O adquirente deberá xustificar que dispón da capacidade técnica á que se refire o artigo 2º.

Artigo 5º

Os titulares dos permisos de actividade están obrigados a proporcionarlle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura os datos estatísticos que regulamentariamente se determinen, de conformidade co disposto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

Artigo 6º

O permiso de actividade extinguirase, ademais de polas causas recollidas no artigo 72 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, polas seguintes:

a) Pola extinción, se é o caso, da concesión da ocupación do dominio público.

b) Pola non remisión reiterada dos datos estatísticos á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo de requirimento para o efecto.

c) Polo non pagamento dos canons establecidos cando o seu importe non poida facerse efectivo por vía de constrinximento.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de rango igual ou inferior se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar, dentro do ámbito das súas competencias, as disposicións oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

5531