Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 23 de xullo de 1997 Páx. 7.201

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 192/1997, do 3 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de estrada provincial As Sinas-Vilanova.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día 2 de maio de 1996, aprobou o proxecto de estrada provincial As Sinas-Vilanova e na sesión do 25-10-1996, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no Rexistro Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de maio de 1997, baixo o número 6427.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no Rexistro Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13 de xuño de 1997, baixo o nº 8242.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a razón que en definitiva motiva a solicitude do excepcional procedemento do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, radica na obriga desta deputación provincial de remiti-los xustificantes de ter executado a obra, ó Ministerio para as Administracións Públicas, antes do 30 de outubro de 1997, posto que ó tratarse dunha obra cofinanciada pola CEE e o propio ministerio, de non cumprirse o prazo de execución, se perderían as cantidades asignadas a obras por tales organismos, co conseguinte prexuízo para o interese público provincial que isto suporía.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación pola Deputación Provincial de Pontevedra, para efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de estrada provincial As Sinas - Vilanova.

Santiago de Compostela, tres de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente en funcións

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

4701