Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 23 de xullo de 1997 Páx. 7.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 8 de xullo de 1997 pola que se modifica a do 16 de decembro de 1996 sobre axudas á promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

A Orde do 16 de decembro de 1996 (DOG nº 249, do 23 de decembro) establece para 1997 axudas ós investimentos en promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Rematado o prazo de solicitude de axudas e á vista do alto volume de peticións recibidas, así como das súas características parece oportuno amplia-lo orzamento previsto inicialmente e os posibles beneficiarios delas.

Por todo iso e de acordo co disposto no artigo 20.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regulamentadora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o apartado 1.b do artigo 2 da Orde do 16 de decembro de 1996 que queda redactado da seguinte maneira:

«1.b) - Feiras e certames comerciais.

-A organización de feiras e certames do sector agrario e agroalimentario en Galicia, excluídas as referentes a concursos, exposicións e feiras de gando, e sempre que estean promovidas por corporacións locais, consellos reguladores e agrupacións de productores e de industrias agrarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto.»

Artigo 2º.-Engádese un parágrafo ó apartado 2º do artigo 3º da Orde do 16 de decembro de 1996, coa seguinte redacción:

«No caso de corporacións locais, a subvención poderá acada-lo 30% dos investimentos cun límite de 200.000 ptas. Este límite poderá superarse no caso de certames nos que colaboran consellos reguladores, e agrupacións de productores e industrias asociadas para mellora-la calidade dun producto.»

Artigo 3º.-Modifícase o apartado 1) do artigo 5º da Orde do 16 de decembro de 1996, que queda redactado da seguinte maneira:

«1) Xustificantes dos investimentos efectuados, logo de presentar facturas orixinais para realizar a toma de razón, entregarase fotocopia acompañada da súa relación.

No caso de corporacións locais admitirase como xustificante dos investimentos efectuados, certificación do secretario (interventor ó respecto)».

Artigo 4º.-Modifícase o artigo 6º da Orde do 16 de decembro de 1996, que queda redactado da seguinte maneira:

«A data máxima de presentación de solicitudes será o 16 de agosto de 1997».

Artigo 5º.-Modifícase a disposición adicional da Orde do 16 de decembro de 1996 que quedará redactada da seguinte maneira:

«O aboamento das subvencións fixadas na presente orde establecerase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.615 A.770.0 (231.970.094 ptas.), 09.03.615 A.760.0 (10.000.000 de ptas.) e 09.03.615 A.780.0 (17.931.000 ptas.) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997».

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

97-5532