Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Luns, 21 de xullo de 1997 Páx. 7.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 7 de xullo de 1997 pola que se establece un programa de axudas ós proxectos empresariais de investimento que contribúan á creación e mantemento de emprego estable.

A creación de emprego é un dos obxectivos fundamentais en calquera política de desenvolvemento sendo, polo tanto, preciso deseñar e aprobar pro

gramas de apoio públicos que contribúan ó logro dese obxectivo.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 23 de novembro de 1995, aprobou o Decreto 309/1995, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, norma que ten como finalidade actualiza-lo marco normativo dos incentivos á actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais das diversas consellerías da Xunta de Galicia. Esta norma é declarada compatible co Mercado Común segundo decisión da Comisión Europea (axuda estatal nº 21/1995, do 31 de xullo de 1995).

Dentro do conxunto de axudas previstas no Decreto 309/1995 atópanse xa operativas as seguintes:

-Programas de subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos para investimento, reestructuración de pasivos e ampliación de capital, así como os de subsidiación a operacións de leasing mobiliario e inmobiliario (Orde do 18 de abril de 1996 pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas, modificada pola Orde do 24 de febreiro de 1997).

-Programa de axudas á formación e á contratación de persoal especializado (Orde do 24 de xullo de 1996).

-Programa de axudas á cooperación empresarial (Orde do 24 de xullo de 1996).

Ó mesmo tempo, os programas de avais e de investigación e desenvolvemento veñen contribuír á solución do problema de acceso ó crédito e reforza-los procesos de investigación e desenvolvemento da empresa galega.

Todo este esquema incentivador da actividade económica ten un marcado carácter horizontal, coa finalidade de dar cobertura a aquelas necesidades estructurais máis amplamente demandadas polo empresariado galego tales como o custo do diñero e a súa adecuación á dos países do noso contorno, a corrección dos desequilibrios financeiros entre o endebedamento a curto e longo prazo, a capitalización da empresa, a formación e dotación de recursos humanos, a cooperación interempresarial, o acceso ó credito e os apoios á actividade de investigación e desenvolvemento.

A presente orde constitúe un paso máis no esquema de axudas ó investimento mediante a creación dun novo programa de subvencións directas sobre o investimento para aqueles proxectos que vaian desenvolver algunha das actividades recollidas no artigo 4, do Decreto 309/95, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este novo programa está dirixido fundamentalmente a impulsar proxectos empresariais xeradores de emprego, e a aqueloutros que contribúan ó seu mantemento, establecendo límites mínimos de investimento e emprego e unha discriminación positiva de

contido territorial cara a aqueles que se establezan en zonas desfavorecidas. Igualmente serán apoiados aqueles proxectos considerados estratéxicos ben polo seu volume de investimento ou ben polo seu alto grao de integración con outras actividades económicas e o seu potencial xerador de riqueza e emprego no futuro.

Establécese ó mesmo tempo unha consideración especial en canto ás contías mínimas de investimento e emprego requiridos para:

-Proxectos innovadores promovidos, especialmente por mozos empresarios, que reúnan as condicións establecidas na Orde do 24 de febreiro de 1997 pola que se establece o programa de fomento de emprendedores de iniciativas empresariais, Programa Lanza, como medida de fomento de autoemprego e das vocacións empresariais.

-Proxectos que supoñan a posta en marcha de instalacións de empresas que cesaron na súa actividade así como aqueloutros xurdidos como consecuencia de procesos concursais e/ou de empresas en dificultades e que incorporen, en relación ó seu cadro de persoal, unha cantidade significativa de empregos anteriores.

Preténdese, en definitiva, dar apoio e estímulo ós creadores de emprego, así como fomentar novas iniciativas que favorezan a aparición de empresas e empresarios.

Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

A partir da entrada en vigor desta orde poderán formularse peticións de apoio mediante o programa de subvención a fondo perdido previsto no artigo 7.2º a) do Decreto 309/1995, do 23 de novembro para aqueles proxectos empresariais que teñan algunha das seguintes características:

a) Sexan considerados estratéxicos.

b) Supoñan un importante volume de creación de emprego.

c) Sexan promovidos por titulares acollidos ó programa Lanza de acordo á Orde do 24 de febreiro de 1997.

d) Permitan o mantemento e/ou recolocación de empregos perdidos como consecuencia de dificultades de viabilidade empresarial.

Artigo 2º.-Concesión, xestión das axudas e dotación orzamentaria.

A concesión e xestión das axudas previstas nesta orde serán efectuadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con cargo á súa aplicación orzamentaria 0299 71110 77001, cunha dotación orzamentaria de 1.220.000.000 pesetas, quedando subordinada a súa concesión en exercicios futuros ás dispoñibilidades orzamentarias que anualmente se establezan.

A concesión das axudas previstas estará supeditada ó cumprimento das características esixidas nesta orde para cada categoría de proxectos e á existencia de crédito orzamentario suficiente, procedéndose, en caso de esgotarse este, ó arquivo das solicitudes de axuda mediante resolución administrativa con notificación ó interesado de tal circunstancia.

Mentres se atope vixente esta orde, poderán ser atendidas cos créditos orzamentarios do exercicio, aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos para a obtención das axudas e que sendo presentados en exercicios anteriores non puidesen ser atendidas por falta de crédito no dito exercicio. Nestes casos, o investimento deberá ser realizado con posterioridade á data da primeira solicitude de axuda.

Os expedientes resolveranse por orde de data do rexistro de entrada. Os proxectos cualificados como estratéxicos e aqueloutros situados en zonas de localización preferente, terán prioridade orzamentaria para a súa resolución sobre calquera outro.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito territorial.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os empresarios individuais, sociedades, asociacións, agrupacións de empresarios que realicen actividades cualificadas como incentivables e que teñan establecido o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O ámbito territorial desta orde é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo realizarse no dito territorio os proxectos subvencionables.

Artigo 4º.-Actividades incentivables.

1. Son incentivables ó abeiro desta orde as actividades seguintes:

a) As de extracción, de procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora, o comercio, o turismo, a artesanía, a industria cinematográfica e de vídeo e os servicios de apoio industrial.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outras de avanzada tecnoloxía.

f) A investigación técnica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización, homologación, certificación, xestión, control e mellora da calidade.

g) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionados con calquera das actividades anteriormente citadas.

h) Os servicios de carácter social, sanidade, educación, e aqueloutros que polo seu alto nivel de emprego poidan ser considerados de especial interese polo Consello de Dirección do Igape.

i) Para os proxectos Lanza serán subvencionables tódalas actividades comprendidas no artigo 4º do Decreto 309/1995, do 23 de novembro de 1995.

2. Para as actividades que se atopan comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nesta orde axustaranse en cada caso á normativa específica vixente en cada momento.

Artigo 5º. Zonas de localización preferente.

Terán preferencia na determinación da contía da axuda os proxectos que se localicen en zonas que polas súas particulares características socioeconómicas, elevado índice de desemprego, despoboamento e racionalidade na ordenación do territorio, se cualifiquen como preferentes, considerándose para estes efectos como tales as seguintes:

a) Zonas afectadas pola crise dun sector industrial declarado en reconversión, ou en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas da actividade das cales dependese de forma importante a poboación desa zona, en particular serán preferentes os municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

b) Zonas desfavorecidas onde exista un especial abandono de poboación, entendéndose como tales aqueles municipios nos que existe un abandono de poboación superior ó 15% segundo os dous últimos censos oficiais de poboación e que se relacionan no anexo I á presente orde. A relación de municipios contida no anexo I será actualizada mediante resolución do Igape de acordo coas revisións e as actualizacións dos censos oficiais.

c) As provincias de Lugo e Ourense.

d) Parques empresariais de promoción pública.

e) Zonas onde existan produccións de materias primas, bens de equipo, ou industrias complementarias ou similares, e exista unha tradición de fabricación sobre a actividade de que se trate.

Artigo 6º.-Proxectos de investimento incentivables.

1. Os proxectos de investimento susceptibles de acollerse ás axudas da presente orde deberán estar encadrados nalgunha das seguintes clasificacións:

a) Proxectos estratéxicos: Son aqueles proxectos os que o importe de investimento subvencionable é como mínimo de 2.000 millóns de pesetas, e que a súa actividade implique un efecto dinamizador considerable na economía da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán así mesmo ser considerados estratéxicos aqueles proxectos dos que o importe de investimento estea comprendido entre 1.000 e 2.000 millóns de pesetas e que sexan de especial importancia para a consolidación do tecido empresarial da Comunidade Autónoma polo seu alto contido tecnolóxico, porque a súa localización resulte estratéxica e sexa altamente competitiva ou por calquera outra circuns

tancia de carácter técnico, económico, financeiro ou comercial.

Para proxectos de investimento de ata 5.000 millóns de pesetas, a cualificación do proxecto como estratéxico correspóndelle ó Consello de Dirección do Igape, para proxectos de contías superiores a cualificación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia.

b) Proxectos xeradores de emprego: enténdese por tales aqueles en que a ratio investimento postos de traballo a crear sexa inferior a 15 millóns de pesetas. O importe mínimo de investimento subvencionable fíxase en 100 millóns de pesetas e en 10 os empregos netos a crear e manter durante o prazo que se estableza na orde de resolución individual da concesión da axuda.

c) Proxectos Lanza: enténdese por tales aqueles promovidos por empresarios, especialmente mozos, cualificados como Lanza de acordo co artigo 21 da Orde do 24 de febreiro de 1997, e que creen polo menos 3 empregos dentro do prazo de vixencia que se estableza na resolución individual de concesión da axuda.

d) Proxectos de relanzamento da actividade: considéranse tales os proxectos xurdidos como consecuencia do cesamento da actividade ou de procesos de concursos de sociedades nos que se teña en conta o relanzamento da actividade por un novo ou novos empresarios de recoñecida solvencia empresarial e que reempreguen, polo menos, un 25% dos traballadores procedentes do cadro de persoal existente antes do cesamento da actividade ou do proceso concursal. Esta condición non sería necesaria se o cesamento da actividade é superior a cinco anos.

Igualmente poderán ter tal carácter aqueloutros proxectos promovidos para o reflotamento de empresas en dificultades sempre que se produza a entrada dun novo ou novos socios de recoñecida solvencia empresarial que pasen a ser titulares da maioría accionarial e asuman o compromiso de manter polo menos o 40% do cadro de persoal existente.

Tamén serán subvencionables os proxectos promovidos por traballadores ou ex-traballadores que asuman a xestión da empresa en dificultades ou que a súa actividade cesase, e constitúan polo menos o 25% do cadro de persoal existente antes do cesamento da actividade ou do proceso concursal, ou o 40% para o caso de reflotamento de empresas en dificultades, e que en ámbolos dous casos se constitúan baixo a forma xurídica dunha sociedade anónima laboral ou cooperativa, e adquiran a través das citadas formas societarias os activos da empresa ou a maioría do capital.

Para os efectos anteriores, considéranse empresas en dificultades aquelas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

-Que, como consecuencia das perdas diminuísen o seu patrimonio neto por debaixo do 66% do capital

ou reducisen o seu cadro de persoal en máis dun 20%.

2. Con carácter excepcional, e logo de motivación detallada, o Consello de Dirección do Igape poderá considerar como subvencionables aqueles proxectos que aínda non acadando os límites mínimos do punto anterior, contribúan de maneira significativa ó logro dos obxectivos sinalados no Decreto 309/1995.

Artigo 7º.-Requisitos dos proxectos de investimento incentivables.

1. Para ser subvencionables ó abeiro desta orde, os proxectos de investimento encadrados nalgunha das clasificacións do artigo 6º deberán ademais reuni-los seguintes requisitos:

a) Que estean comprendidos nalgunha das actividades económicas cualificadas como subvencionables no artigo 4º desta orde.

b) Que se consideren viables técnica, económica e financeiramente polo Igape.

c) Que teñan un autofinanciamento de polo menos un 30% do importe do investimento aprobado, e debéndose mante-la dita porcentaxe de autofinanciamento en relación ó seu inmobilizado final ata a terminación do prazo de vixencia que se estableza na resolución individual de concesión da axuda.

2. Que polo menos o 25% do emprego neto a crear se faga mediante contratos de duración indefinida.

Artigo 8º.-Contía da axuda e criterios de valoración.

1. Contía.

O importe máximo de subvención a conceder, en termos de subvención neta equivalente, non poderá supera-lo 60% do investimento subvencionable nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra e nos municipios da Zona Industrializada en Declive de Ferrol, regulada no Real decreto 21/1988, do 21 de xaneiro, que comprende Ferrol, Narón, Fene, Neda, Mugardos, Ares, Pontedeume, Cabanas, Valdoviño e San Sadurnino, e o 50% no resto da provincia da Coruña, sen que en ningún caso o importe máximo de axudas públicas para cada proxecto poida supera-las ditas porcentaxes.

Establécese unha subvención máxima para cada un dos tipos de proxecto de ata 6 millóns de pesetas por emprego creado, con independencia do volume de investimento, agás para os proxectos cualificados como estratéxicos, ós que non lles será de aplicación este límite.

Para os proxectos recollidos no artigo 6.1º d) e que sexan cualificados como empresas en dificultades poderase subvencionar ata 3 millóns de pesetas por cada posto de traballo que se manteña a partir do 40% do cadro de persoal existente a data de presentación da solicitude de axuda, cun límite máximo de subvención de 150 millóns de pesetas.

2. Criterios de valoración.

Para a cualificación do proxecto investidor como subvencionable e a determinación da contía da axuda teranse en conta os seguintes factores:

2.1. Características do proxecto:

a) O tipo de proxecto de que se trate: primeiro establecemento, ampliación ou traslado.

b) O valor engadido que xere. O carácter dinamizador do proxecto para a economía da zona na que se implante. Utilización de materias primas autóctonas. Orientación da producción cara á exportación.

c) Adaptación e mellora medioambiental. Incorporación de tecnoloxía avanzada.

d) Creación e mantemento de emprego en relación ó investimento subvencionable. Incorporación de traballadores de empresas disoltas ou en procesos concursais.

2.2. Localización:

Por localización preferente dos proxectos de acordo co establecido no artigo 5 desta orde incrementarase a subvención, con carácter xeral, ata un 20% e ata un 30% para os localizados nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Os proxectos que resulten subvencionados ó abeiro desta orde e que se sitúen nun polígono industrial de promoción pública, sempre que se adquira o solo directamente ó organismo promotor, gozarán para a súa adquisición dunha subvención de polo menos un 25% do seu valor de adquisición.

Naqueles casos nos que a implantación sexa consecuencia dun cambio de localización ou traslado dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, subvencionarase a adquisición de solo industrial só cando os terreos da antiga localización teñan a cualificación de industrial ou rústico. O valor base sobre o que se aplicará a subvención será o que resulte da diferencia entre o prezo de adquisición dos novos terreos e o valor de taxación do solo da antiga localización. Só se admitirá informe de taxación realizado por sociedades de taxación homologadas.

A contía máxima do solo subsidiable non superará cinco veces a superficie en planta das edificacións.

2.3. Cooperación empresarial.

Os proxectos promovidos en cooperación por dúas ou máis empresas do mesmo sector de actividade ou complementario, e sempre que estas participen individualmente no capital da sociedade promotora con polo menos un 10% do capital, terán un incremento de subvención de ata o 20%.

Artigo 9º.-Compatibilidade.

As axudas establecidas nesta orde serán compatibles con outras establecidas por calquera Administración pública sempre e cando non se superen, en termos de subvención neta equivalente, as porcentaxes establecidas no apartado 1 do artigo anterior sobre o investimento subvencionable.

Non obstante o anterior, o nivel máximo de axudas establecido reducirase na medida en que os límites establecidos pola Unión Europea o fagan no marco da revisión do mapa de axudas con finalidade rexional en España.

Artigo 10º.-Investimentos subvencionables.

1. Son subvencionables os investimentos directamente relacionados coa actividade da empresa que estean incluídos segundo a definición establecida polo Plan Xeral de Contabilidade aprobado polo Real decreto 1643/1990, do 20 de decembro, nas seguintes contas:

-215 Aplicacións informáticas.

-220 Terreos e bens naturais.

-221 Construccións.

-222 Instalacións Técnicas.

-223 Maquinaria.

-224 Ferramenta.

-225 Outras instalacións.

-226 Moblaxe.

-227 Equipos para Procesos de Información.

-228 Elementos de Transporte.

-229 Outro inmobilizado material.

-Activos intanxibles ligados ó investimento en contía non superior ó 25% do investimento total aprobado do proxecto.

2. Os investimentos deberán realizarse en bens novos ou de primeiro uso permitindo as seguintes excepcións:

-Con carácter xeral: a adquisición de edificios e outras construccións. Conta 221.

-Con carácter particular: tódolos activos incluídos nas contas do Plan Xeral de Contabilidade do punto 1 anterior, sempre que se trate de proxectos incluídos no artigo 6.1º d).

En ámbolos dous casos, computarase como valor o de adquisición, incrementado nas revalorizacións que lle correspondesen e descontada a amortización segundo a súa vida útil, así como as subvencións netas percibidas pola empresa anterior nos cinco últimos anos se as houbese. O valor así resultante deberá acreditarse con certificado de auditor externo, para tódolos activos sobre os que se solicite subvención.

3. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos ditos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado ou de arrendamento financeiro, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo concedido para a execución do proxecto.

4. O importe do investimento subvencionable determinarase excluíndo os impostos que gravan a adquisición dos bens.

5. Só seran subvencionables os investimentos realizados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda. Para efectos de acreditar estes extremos, será necesario o levantamento de acta notarial de presencia despois da data de presentación da solicitude onde quede constancia fidedigna da non iniciación do proxecto ou do estado de execución del, agás a adquisición de edificios e outras construccións usadas. (Conta 221 do Plan Xeral de Contabilidade).

6. Para os proxectos incluídos no artigo 6.1.d), non será necesario o levantamento de acta notarial respecto ós activos usados, debéndose acredita-la relación e a valoración deles, segundo o criterio establecido no punto 2 deste artigo, mediante informe de auditoría externo. A solicitude de axuda deberá presentarse previamente á adquisición de activos ou como máximo dentro dos seis meses seguintes á adquisición da maioría do capital social, podendo facerse previamente se existise acordo debidamente legalizado entre o adquirente e a empresa.

Artigo 11º.-Emprego subvencionable.

1. Para empresas existentes, o emprego a manter será o resultante de dividi-la suma total de horas traballadas nos últimos doce meses anteriores á data de solicitude entre o número de horas/ano por posto de traballo regulado no correspondente convenio de aplicación, salvo no caso de que o número de postos de traballo, resultante de dividi-la suma das horas traballadas no último mes inmediatamente anterior ó da data de solicitude multiplicado por doce, entre o número de horas/ano por posto de traballo regulado polo correspondente convenio, resultase superior, no dito caso, tomarase como número de emprego a manter este último e será á súa vez o número de referencia a partir do que se computará a creación de emprego neto. Ó longo de cada ano o prazo de vixencia da axuda, atendendo ó cálculo definido anteriormente, deberá cumprirse o número de postos de traballo a manter, e así mesmo, esta cifra de emprego a manter deberá existir ó remata-lo dito prazo ou, se é o caso, antes se estivesen

cumpridas tódalas condicións da resolución individual.

En canto a creación de emprego, computarase a partir da cifra de emprego a manter e comprobarase ó remate do prazo de vixencia, ou antes se estivesen cumpridas tódalas condicións da resolución individual, debéndose acredita-la creación de postos de traballo indefinidos e/ou con contratos de duración, como mínimo, de tres anos. Para efectos de creación de emprego, computarase o posto de traballo creado e mantido, como mínimo, durante tres anos, para iso considerarase o tempo transcorrido desde a súa creación, resultado de dividi-la suma das horas traballadas pola xornada anual establecida no convenio de aplicación, ou regulación de aplicación, así como o que quede pendente en virtude dos contratos en vigor.

2. Para os proxectos acollidos segundo o disposto no artigo 6.1º d) desta orde deberán, segundo os casos, acredita-lo reemprego de polo menos o 25% dos traballadores procedentes do cadro de persoal existente antes do cesamento, agás no suposto de que o cesamento da actividade sexa superior a cinco anos, e no caso de empresas en dificultades que deberán acreditar polo menos o mantemento do 40% dos traballadores do cadro de persoal existente.

3. Os postos de traballo creados ou comprometidos a teor do establecido no artigo 6.1º d) desta orde deberán manterse durante o período mínimo de 3 anos.

4. En todo caso polo menos o 25% dos empregos creados deberán selo mediante contratos de duración indefinida.

5. A cifra resultante da aplicación destas porcentaxes de emprego redondearase ó número enteiro máis próximo.

Artigo 12º.-Tramitación.

1. Presentación de solicitudes.

As solicitudes das axudas previstas nesta orde presentaranse nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, con anterioridade á realización dos investimentos, utilizando a instancia de solicitude que figura como anexo II acompañado da documentación relacionada a continuación, sempre que esta non constase xa actualizada no Igape:

1) Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante:

-No caso de que sexa persoa física: fotocopia do documento nacional de identidade e número de identificación fiscal.

-No caso de que sexa persoa xurídica xa constituída: fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, copia da escritura ou documento de constitución e estatutos debidamente inscritos, escritura de apoderamento do representante legal e certificado do órgano de administración onde se faga consta-los socios con participación igual ou superior ó 10%, especificando os seus nomes e apelidos ou razón social e participación respectiva.

-No caso de persoas xurídicas en constitución: proxecto de estatutos e fotocopia do documento nacional de identidade e número de identificación fiscal dos promotores.

2) Fotocopia da alta no imposto de actividades económicas e último recibo pagado por este imposto para empresas en actividade. Para as empresas de nova creación o dito documento deberá ser aportado á presentación do cobro da subvención.

3) Balance e conta de resultados dos dous últimos exercicios pechados ou declaracións do imposto

sobre sociedades ou, se é o caso, do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes ós ditos exercicios.

4) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitidas polo organismo competente.

5) Certificación de non ter débedas contraídas coa Xunta de Galicia.

6) Declaración xurada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, especificando o organismo ó que a solicitou, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

7) Fotocopia dos TC1 e TC2 dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de tódolos centros de traballo da empresa en Galicia.

8) Resumo de datos básicos da empresa e memoria do proxecto de investimento segundo os modelos normalizados que sexan establecidos polo Igape.

9) Compromiso de recolocación e mantemento do emprego para proxectos incluídos no artigo 6º.1º d) desta orde, que deberá ser subscrito por persoa con poderes suficientes.

10) No caso das solicitudes denegadas por insuficiencia orzamentaria segundo o artigo 2º desta orde, as novas solicitudes realizaranse utilizando a instancia que figura como anexo III, sen máis documentación que a referida ós certificados de estar ó corrente con Facenda Pública, Seguridade Social e Xunta de Galicia, salvo que xa consten no Igape e que non teñan unha antigüidade superior a 6 meses.

11) Calquera outra documentación ou información adicional que o Igape considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

2. Emenda e mellora da solicitude.

O Igape comprobará que as solicitudes estean debidamente cubertas, requirindo o interesado para que, se é o caso, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos no prazo de dez días, con indicación de que se así non o fixera terase por desistido na súa petición, arquivándose sen máis trámite, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º da dita lei.

3. Estudio e avaliación da solicitude.

As solicitudes presentadas serán avaliadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

4. Concesión.

Corresponde ó Consello de Dirección do Igape resolver sobre as solicitudes de axudas previstas nesta orde, debendo contar con previo informe favorable da Comisión Delegada de Asuntos Económicos para aqueles proxectos cun investimento subvencionable superior a 5.000 millóns de pesetas.

Na resolución de concesión farase consta-lo importe dos investimentos subvencionables a xustificar, a contía e porcentaxe da subvención concedida, as condicións e prazos de execución do proxecto subvencionado, así como a obriga por parte do perceptor da subvención de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e, se é o caso, pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

En canto ó emprego, e dependendo do tipo de proxecto farase constar na resolución o seguinte:

-Para os proxectos de investimento recollidos no artigo 6.1º a), b), e c): a cifra de postos de traballo a manter e os postos de traballo a crear, así como o número de contratos fixos destes últimos.

-Para proxectos comprendidos no artigo 6.1º d): o número de traballadores que incorporan do anterior cadro de persoal ou no caso de empresas en dificultades o número de traballadores que debería manter. No caso de que o proxecto xere novos investimentos e emprego, a resolución fará constar ademais as condicións de emprego establecidas no parágrafo anterior para os proxectos de investimento.

O Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de tres meses desde a data na que a solicitude se cubrise debidamente. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo consideraranse desestimadas.

5. Notificación ó interesado e aceptación da subvención.

O Igape notificará ós solicitantes a resolución individual recaída para cada proxecto.

Nos casos de resolución de concesión da subvención o beneficiario deberá manifesta-la súa aceptación á resolución recaída e ás condicións establecidas na mesma dentro do prazo de 15 días a contar desde a súa notificación.

Trascorrido o dito prazo sen que o beneficiario manifeste a súa aceptación quedará sen efecto a concesión da subvención.

A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumpri-las condicións e obrigas establecidas na resolución, nesta orde e demais disposicións que sexan de aplicación.

6. Persoas xurídicas en constitución.

Cando os beneficios se concedan a unha persoa xurídica en constitución, na resolución individual outorgarase un prazo máximo de 3 meses para que o beneficiario presente a documentación acreditativa da súa constitución e as circunstancias rexistrais, no caso de que non fora presentada anteriormente. O dito prazo poderá ser prorrogado por un período análogo logo de petición xustificada do beneficiario.

Transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior ou, se é o caso, a prórroga del, sen presenta-la docu

mentación terase ó interesado decaído nos seus dereitos, arquivándose o expediente sen máis trámite.

Artigo 13º.-Execución dos proxectos.

Os proxectos subvencionados deberán executarse dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución individual de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas na dita resolución, na presente orde ou demais normativa de aplicación. Excepcionalmente, os prazos poderán ser prorrogados logo petición razoada das causas que impidan o seu cumprimento.

Artigo 14º.-Xustificación.

1. A xustificación ante o Igape da execución do proxecto e do cumprimento de tódalas condicións realizarase polo beneficiario como máximo dentro dos catro meses seguintes ó vencemento do prazo concedido para a execución del.

Na resolución individual de concesión poderanse fixar prazos parciais para que o beneficiario acredite a execución, como mínimo, dunha determinada porcentaxe do investimento subvencionado ou o cumprimento doutras condicións.

No caso de que trascorridos os prazos anteriores sen que se cumprise o establecido, o Igape poderá conceder unha prórroga ou, se é o caso, declarar ó beneficiario decaído nos seus dereitos, coa conseguinte perda da subvención e arquivo do expediente.

2. Sen prexuízo das facultades de comprobación concedidas ó Igape no apartado seguinte, a xustificación da execución do proxecto e cumprimento de condicións farase mediante a presentación, dentro do prazo de catro meses establecido, da seguinte documentación:

a) Creación e mantemento do emprego. O cumprimento da condición relativa á creación e mantemento a determinada data dos postos de traballo acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

b) Investimentos realizados. Os investimentos realizados en adquisición de terreos serán acreditados mediante a escritura pública de compravenda, debidamente liquidada dos seus correspondentes impostos. Os demais investimentos acreditaranse coa aportación dos contratos ou facturas nos que queden descritos e identificados os bens adquiridos, os seus prezos, as condicións de pagamento, así como a xustificación conforme á práctica mercantil dos pagamentos realizados e a súa contabilización.

Non obstante, co obxecto de axiliza-la tramitación e como alternativa dos xustificantes sinalados no parágrafo anterior, o Igape poderá aceptar revisións de auditorías que conteñan como mínimo a información necesaria para que poida considerarse xustificada a realización dos investimentos.

Cando exista vinculación, conforme o disposto na Lei do imposto sobre sociedades, entre o beneficiario da axuda e quen entregue os bens que constitúen o investimento subvencionable, ditas operacións valoraranse segundo os prezos que serían acordados en condicións normais de mercado entre sociedades independentes.

c) Nivel de autofinanciamento ou recursos propios.- O nivel de autofinanciamento quedará concretado nos fondos propios do beneficiario, conforme as definicións establecidas no Plan Xeral de Contabilidade, aprobado mediante R.D. 1643/1990, do 20 de decembro, polo que tanto a súa existencia como o seu mantemento ata o final do prazo de execución do proxecto xustificarase mediante a aportación dos oportunos balances de situación.

d) Outra documentación acreditativa do cumprimento doutras condicións impostas ó beneficiario.

Dentro do mesmo prazo, o beneficiario deberá xustificar ademais o cumprimento das súas obrigas fiscais e fronte a Seguridade Social e que non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia, mediante a presentación de certificacións neste sentido emitidas polos organismos competentes.

3. En todo caso, para os efectos de aclara-los extremos concernentes á xustificación dos investimentos e o cumprimento das condicións, o Igape poderá requiri-la documentación e peritaxes ou realiza-las actuacións ou inspeccións que considere convenientes.

4. Para os efectos de que o Igape expida informe positivo do cumprimento de condicións será necesario ter obtido as autorizacións administrativas que, para a instalación e ampliación das industrias, esixan as ordenanzas municipais e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 15º.-Incidencias e modificacións do proxecto.

O Igape resolverá as incidencias do proxecto producidas no expediente de concesión, e en especial, os supostos de: cambios de titularidade, cambios de localización, modificacións da actividade, prórrogas para a execución do proxecto e para o cumprimento das condicións particulares da concesión, así como as modificacións do proxecto inicial, sempre e cando estas non supoñan variación da subvención concedida, do importe do investimento aprobado ou do número de postos de traballo a crear que exceda dos límites establecidos na resolución de concesión da axuda.

As modificacións do proxecto inicial que supoñan variación da subvención, do importe de investimento aprobado ou do número de postos de traballo a crear que excedan dos límites autorizados que se establecesen na resolución de concesión, someteranse ós trámites establecidos para a valoración e aprobación dun novo proxecto, sen que sexa de aplicación neste caso o requisito de non iniciación dos investimentos no momento de presenta-las modificacións.

Non obstante o disposto nos apartados anteriores, o Igape poderá aceptar modificacións dos diversos capítulos do investimento aprobado, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o investimento total aprobado.

O Igape resolverá sobre as solicitudes de modificación no prazo de dous meses entendéndose que o transcurso deste prazo sen resolver determina a desestimación da petición.

Artigo 16º.-Aboamento das subvencións.

1. O aboamento das subvencións realizarase unha vez o Igape considere xustificada a realización total ou parcial do proxecto e o cumprimento das condicións impostas.

2. O pagamento efectuarase nalgunha das seguintes modalidades:

a) Como liquidación única da subvención, unha vez rematado o prazo de vixencia e dentro do prazo máximo de catro meses, deberá acreditarse a execución da totalidade do proxecto e o cumprimento total de condicións establecidas na resolución individual.

Así mesmo, poderase efectuar un pagamento único da subvención dentro do prazo de vixencia, aínda cando quede pendente de acreditar algunha condición, unha vez xustificada a execución da totalidade do proxecto subvencionado e o cumprimento daquelas condicións que o seu prazo vencera con anterioridade á presentación da solicitude de cobro. Neste caso, o cobro da subvención estará condicionado á previa presentación das oportunas garantías esixidas polo Igape nos termos indicados no apartado 4 deste artigo. Antes de remata-lo prazo de vixencia, o beneficiario deberá acreditar que foron cumpridas tódalas condicións da resolución individual, autorizándose, neste momento, o levantamento do aval.

b) Mediante liquidacións parciais. Dentro do prazo de vixencia e a medida que se vaia xustificando a realización do investimento subvencionado ou o cumprimento de condicións. Os cobros parciais de subvención non poderán ser inferiores a 5.000.000 de pesetas, agás das solicitudes catalogadas no apartado 1º c) do artigo 6º desta orde, das que o mínimo será de 2.000.000 de pesetas. Neste caso, o beneficiario deberá aportar garantías nos termos indicados no apartado 4. deste artigo.

As liquidacións parciais están suxeitas ós límites establecidos no artigo 40.dous. B) da Lei de orzamentos de Galicia para 1997. Este artigo establece entre outras as limitacións seguintes:

-Cando a cifra de subvención sexa superior a cinco millóns de pesetas o importe do pagamento parcial non poderá exceder do 80% da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

-Para a concesión dun pagamento parcial será necesario que o beneficiario acredite que aplicou

ó proceso investidor recursos propios na mesma proporción que representa o pagamento parcial respecto da subvención concedida.

3. Para o cobro da subvención o beneficiario deberá presentar ó Igape unha solicitude de cobro axustada ó modelo que se xunta como anexo IV, e a documentación establecida no artigo 14º da presente orde, acompañada do resgardo de constitución da garantía correspondente no caso de que sexa preceptiva a súa constitución ou compromiso da presentación dela antes do pagamento efectivo da axuda.

4. No caso de liquidacións parciais ou únicas sen cumprimento de condicións, o beneficiario debe aportar aval bancario a favor do Igape que asegure o reintegro da cantidade que a dita liquidación se solicita, máis os intereses legais que correspondan incrementados nun 20% en previsión de oscilacións do tipo de xuro e outros posibles gastos adicionais.

Para o cálculo dos xuros utilizarase o período comprendido entre a data de presentación da solicitude de cobro da subvención e o final do prazo de execución do proxecto e cumprimento das condicións sinalado na resolución individual de concesión de subvención incrementado en catro meses. No caso de prórroga do prazo de execución, deberá aportarse aval complementario que cubra os xuros correspondentes á prórroga concedida.

A garantía a aportar deberá adopta-la modalidade de aval bancario prevista no artigo 36 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, con suxeición ó establecido no capítulo III do Real decreto 390/1996, do 1 de marzo, de desenvolvemento parcial desta lei. En todo caso, o aval bancario deberá axustarse ó modelo que se xunta como anexo V e constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia.

Artigo 17º.-Obrigas.

1. Os beneficiarios das subvencións quedan obrigados a comunicar ó Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que estas foron concedidas.

2. Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, a Consellería de Economía e Facenda e o Igape, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designen, poderán efectuar tódalas actuacións ou inspeccións que consideren convenientes para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento das condicións delas.

Artigo 18º.-Controis e acreditacións da Comunidade Autónoma.

O Igape, examinadas a documentación presentada polo beneficiario e realizadas as comprobacións que estime pertinentes, emitirá:

1) O informe de acreditación de investimentos, que será expedido polo órgano competente do Igape,

segundo modelo que se xunta como anexo VI a esta orde e incluirá a proposta da liquidación parcial ou total da subvención.

2) Se procede, o informe positivo de cumprimento de condicións, segundo anexo VII, onde se acreditará que os investimentos realizáronse conforme o proxecto aprobado e que se cumpriron todas e cada unha das condicións esixidas.

A dita acreditación entenderase concedida provisionalmente, a partir do informe positivo de cumprimento de condicións, ata transcorridos cinco anos contados desde a data na que conclúa o período de vixencia, prazo durante o que o Igape poderá realiza-la inspección e comprobación necesarias para vixia-la correcta aplicación das axudas.

Artigo 19º.-Reintegro das cantidades percibidas.

Procederá o reintegro total ou parcial da axuda ou subvención percibida e os xuros de demora nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para iso.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións ou obrigas impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

e) Obte-la subvención por unha contía da que o importe, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados sobrepase o tope máximo de axudas establecido no artigo 9º desta orde.

Artigo 20º.-Incumprimento.

1. En caso de que como consecuencia de actuacións comprobadoras ou inspectoras, por comunicación do interesado ou por calquera outro motivo, quedase establecido que o proxecto non se executou de acordo coas condicións fixadas, procederase a analiza-las causas e alcance do incumprimento, podendo concederse unha prórroga para a execución do proxecto ou, se é o caso, inicia-lo procedemento de incumprimento.

2. Procedemento de incumprimento.

O procedemento de incumprimento iniciarase polo Igape mediante a comunicación ó beneficiario das causas determinantes del e as posibles consecuencias do dito incumprimento. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ó trámite de audiencia, aducir alegacións ou aportar documentos ou outros elementos de xuízo.

Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, porase de manifesto ós interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presenta-los documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape dictará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

O prazo máximo para resolve-los procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación.

3. Incumprimento parcial.

Nos casos en que o incumprimento non sexa de grande entidade, non sexa imputable ó beneficiario, ou circunstancias de interese público así o aconsellen e sempre que se cumpran os requisitos ou condicións mínimas esixidas na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance e a obriga de reintegro do percibido de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos do investimento, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó investimento deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se o incumprimento superara o 50% do investimento ó que se obrigase o beneficiario, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse tódalas cantidades percibidas. Tamén se considerará incumprimento total naqueles casos nos que o investimento acreditado sexa inferior ó mínimo establecido para os proxectos definidos no artigo 6º.1.b), salvo nos casos en que a correspondente resolución individual estableza outros límites.

b) Tratándose de condicións referentes á creación e mantemento de postos de traballo, o alcance do incumprimento determinarase na proporción en que a dita condición quedase incumprida relacionando os postos non creados ou non mantidos cos que o beneficiario quedase obrigado ou se comprometerá na resolución correspondente. Salvo que a resolución individual estableza outras condicións, o incumprimento será total, segundo os casos, cando:

-Non cree o mínimo de postos de traballo recollidos no artigo 6.1º b) e 1º c).

-Non se cree o 50% do emprego comprometido ou tivera como resultado a destrucción do emprego a manter.

-Non se reempreguen polo menos o 25% dos traballadores procedentes do cadro de persoal existente antes do cesamento da actividade ou do proceso concursal, salvo que o cesamento da actividade fose superior a cinco anos, ou concorresen causas obxectivas de imposibilidade de reemprego por parte dos traballadores non imputables á empresa contratante.

-Non se cumpra o compromiso de manter polo menos o 40% do cadro de persoal existente no

momento da solicitude da axuda formulada por empresas en dificultades definidas no artigo 6.1º d).

-Non se acredite que polo menos o 25% dos postos de traballo teñan contratos indefinidos atendendo ó establecido no artigo 11º.4 desta orde.

c) No caso de que o incumprimento se refira a obtención da subvención por unha contía da que o importe, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas supere os topes máximos legalmente permitidos, procederá o reintegro do exceso obtido sobre os ditos topes máximos.

d) Se o incumprimento derivara da inobservancia dalgunha condición ou supostos distinto dos previstos nos apartados anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

e) A concorrencia de distintas causas de incumprimento ou incidencias dará lugar á aplicación a cada unha delas das regras previstas neste apartado.

4. O establecido neste artigo enténdese sen prexuízo do réxime de infraccións e sancións administrativas ou penais que sexa aplicable de acordo coa lexislación vixente.

Disposición adicional

Corresponde ó Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nesta orde, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten en aplicación dela.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Provincia da CoruñaProvincia de Pontevedra

MoecheCotobade

Somozas (As)Lama (A)

MonferoVila de Cruces

MesíaEstrada (A)

SobradoForcarei

Val do DubraCovelo (O)

Toques

Cesuras

Paderne

Boqueixón

Mañón

Vilarmaior

Vilasantar

Baña (A)

Laxe

Ortigueira

Capela (A)

5411