Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Mércores, 16 de xullo de 1997 Páx. 7.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 186/1997, do 3 de xullo, polo que se regulan os procesos de provisión de prazas e selección de persoal estatutario no ámbito da atención primaria do Servicio Galego de Saúde como consecuencia da posta en funcionamento da ordenación da atención primaria deseñada polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.

Unha vez producido o traspaso das competencias en materia de asistencia sanitaria á Comunidade Autónoma de Galicia con efectos 1-1-1991, considerouse imprescindible acometer unha tarefa de ordenación e desenvolvemento do primeiro nivel de asistencia, debidamente cohonestada coas necesidades asistenciais da poboación da nosa Comunidade.

Para tal fin, a Administración sanitaria principiou un proceso amplo de negociación e consultas cos axentes sociais, ultimado cun moi estimable grao de consenso que se plasmou na publicación do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia en materia organizativa e competencial. Con posterioridade fóronse publicando, co mesmo rango, normas esenciais de regulamentación retributiva e atención urxente extrahospitalaria, e outras de carácter instrumental para o tratamento de aspectos máis concretos do sector. Deste xeito está practicamente conclusa a tarefa normativa da problemática do nivel de atención primaria da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, a devandita norma ordenadora recolle un proceso de integración dos profesionais das antigas modalidades no novo sistema de atención primaria, que xa foi posto en marcha a través da Orde do 23 de xullo de 1996. Neste momento xa se constata a virtualidade da aludida integración de moitos deses profesionais no eido da nosa Comunidade Autónoma, coa constitución e funcionamento dun número importante de unidades e servicios.

Xa que logo, convén a continuación executa-lo mandato contido na disposición adicional primeira da citada norma, que refire os procesos de provisión e selección das vacantes do nivel de Atención Primaria.

Os sistemas de provisión e selección para o acceso ás prazas do novo modelo de atención primaria, que se configuran nos seus alicerces pola presente norma, veñen motivados polos antecedentes expostos, as características das prazas e a situación dos profesionais que as ocupan.

Estes aspectos impelen a que se establezan diversas particularidades na execución dos sistemas, que aparezan reflectidos no seu articulado. Así, na confección das bases e baremos de méritos para a resolución do concurso de traslados terase moi en conta a necesidade de propulsar e facilita-lo proceso de integración dos profesionais no novo modelo, a través da súa localización nas unidades de querencia: de aí a esixencia explícita de que os concursantes acrediten a súa integración, alomenos formal, nas unidades constituídas, ou, para os que pertenzan ó resto do Sistema Nacional de Saúde, nos equivalentes equipos de Atención Primaria (tal requisito sinalase no apartado 4º, parágrafo 1º da disposición transitoria 1ª do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, trala nova redacción operada en virtude do Decreto 161/1996, do 25 de abril); e que tamén as estructuras e contías aplicadas ós diferentes baremos na convocatoria se poidan ver influídas pola procura desa finalidade integradora, coa

asignación dunha maior relevancia ós servicios prestados no nivel de atención primaria.

Por outra banda, resulta de indefectible concorrencia na análise e tratamento desta temática o feito de que exista un conxunto importante de profesionais que prestan servicio en réxime de interinidade nas institucións sanitarias de Atención Primaria desde hai varios anos, xa con anterioridade en moitos casos ó proceso de transferencia. E que tales profesionais - que polo seu número e importancia serven de verdadeira base á implantación do novo sistema, sen que tivesen ata a data a opción de vencellarse de xeito definitivo a el a través do proceso selectivo correspondente - son susceptibles de cesamento no seu cometido, por mor da resolución do concurso de traslados de ser adxudicada a praza a persoal fixo.

Tales circunstancias fan razoable, lexítimo e equitativo fixar, co rango normativo suficiente, unha garantía de estabilidade do persoal afectado con vínculo temporal ata que se ultime, trala súa vehiculación, o proceso selectivo destas categorías.

En canto á regulamentación que se fai do proceso selectivo, convén indicar que recolle, en liñas esenciais, o tratamento desta materia en anteriores procesos, a través do sistema de concurso-oposición, coa concorrencia, iso si, das particularidades inherentes ó concreto nivel de atención obxecto de análise.

Non se pode esquecer, no caso do persoal facultativo, a problemática suscitada por mor da configuración do baremo que rexerá a fase de concurso do proceso selectivo, tendo en conta a estructura regrada que para este se establece no artigo 30.1º do R.D. 118/1991, do 25 de xaneiro, -precepto de carácter básico para o Sistema Nacional de Saúde - e á súa difícil e non pacífica interpretación en canto algún dos seus apartados. Para solventar ou polo menos minorar tal problemática estase a procura no eido do Sistema Nacional de Saúde a través do organismo interterritorial pertinente, de obter un consenso básico nos aspectos esenciais, tanto para a homologación de títulos académicos como para a concreción de baremos ponderados de méritos. Así mesmo, nese ámbito de negociación, coordinación e proposta, estase a tratar sobre a oportunidade de que sexan convocados de xeito simultáneo os procesos selectivos en tódolos servicios de saúde do Sistema Nacional de Saúde.

Por iso, parece necesario demorar, alomenos por un tempo razoable, o tratamento da mencionada problemática ata que no marco estatal se acade o desexado e imprescindible consenso respecto á súa solución.

Finalmente cabe salientar que o número de prazas e porcentaxes que levan asignadas cada un dos procesos, obedecen a razóns estructurais: prazas vacantes do novo sistema; e de oportunidade: concilia-los desexos lexítimos dos profesionais fixos á súa mobilidade dentro do nivel coa articulación dun proceso selectivo que oferte un número suficiente de prazas para atinxi-la vinculación definitiva dos profesionais co sistema.

A materia obxecto da presente norma foi analizada e debatida suficientemente no marco das mesas de negociacións coas organizacións sindicais lexitimadas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto regula-los procesos de provisión de prazas e selección de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde como consecuencia da posta en funcionamento da ordenación da atención primaria, en execución das previsións do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.

Artigo 2º

As prazas das categorías pertencentes ás unidades e servicios de atención primaria nas que se executarán os ditos procesos son as seguintes:

a) Médicos xerais.

b) Pediatras.

c) Odontólogos.

d) ATS/DUE.

e) Fisioterapeutas.

Artigo 3º

1. Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a convocatoria dos procesos de provisión de prazas e de selección de persoal, así como a determinación concreta do número e características das prazas convocadas.

2. A respectiva convocatoria e as súas bases serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.

3. En todo o non previsto no presente decreto e nas correspondentes convocatorias rexerán, con carácter supletorio, os preceptos non básicos do dito Real decreto 118/1991.

Provisión de prazas

Artigo 4º

Proveranse por concurso de traslados as prazas básicas das unidades e servicios de atención primaria de cada categoría, que determine a convocatoria, sen que poida exceder da porcentaxe do 50 por cento da totalidade das prazas que se oferten polos dous procesos.

Artigo 5º

1. A adxudicación das prazas convocadas no concurso de traslados efectuarase de acordo cun baremo de méritos, que valorará principalmente o tempo de servicios prestados nas administracións e servicios públicos desempeñando postos de traballo de igual contido funcional cá praza obxecto de concurso, tendo en conta de xeito preferente os servicios prestados en réxime de continuidade e permanencia con destino definitivo na correspondente categoría ou clase no ámbito da atención primaria.

2. O devandito baremo valorará, tamén, a acreditación do coñecemento da lingua galega.

Artigo 6º

Para participar no concurso de traslados será necesaria, ademais da concorrencia dos requisitos de carácter xeral que resulten imprescindibles, a acreditación nos participantes dalgún dos seguintes:

1. De se tratar de persoal estatutario fixo das categorías obxecto do concurso pertencente ó nivel de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde en activo ou con reserva de praza:

a) Ben ter efectuado xa a opción de integración conforme o previsto na Orde do 23 de xullo de 1996 (DOG nº 149, do 31 de xullo), pola que se regula a integración do persoal que presta os seus servicios no ámbito da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia na ordenación deseñada polo dito Decreto 200/1993.

b) Ben se esixirá, nos termos que preveña a convocatoria, a previa aceptación da oferta de integración na dita ordenación da atención primaria nos termos previstos no apartado 4, parágrafo 1º da dis

posición transitoria primeira do devandito Decreto 200/1993, na redacción dada a esta polo artigo 3.2º do Decreto 161/1996, do 25 de abril, de reforma do anterior.

2. De se tratar de persoal estatutario fixo en activo ou con reserva de praza doutra institución do ámbito da atención primaria do Sistema Nacional de Saúde:

a) Estar integrado, na súa Administración de orixe, no momento en que remate o prazo de presentación de instancias para tomar parte no concurso, nun equipo de atención primaria regulado no Real decreto 137/1984, do 11 de xaneiro, sobre estructuras básicas de saúde, ou de conformidade coa norma equivalente de ámbito autonómico.

3. De se tratar de persoal en situación distinta á de activo, sen reserva de praza, que pretenda acceder a unha praza da mesma categoría e, se é o caso, especialidade, esixirase:

a) Se a praza na que se obtivo a excedencia pertence a unha institución do Servicio Galego de Saúde, requirirase que a dita praza estivese xa integrada nunha unidade ou servicio de atención primaria ou que se subscriba, nos termos que prevexa a convocatoria, a aceptación da oferta de integración no novo modelo.

b) Se a praza na que se obtivo a excedencia pertence a outra institución do Sistema Nacional de Saúde, que a dita praza estivese integrada nun equipo de atención primaria.

4. Poderán participa-los profesionais fixos das categorías obxecto de concurso con destino en institucións sanitarias no nivel de atención especializada.

Artigo 7º

1. En execución das previsións contidas no apartado 4, parágrafo 1º, da disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, na redacción dada a este polo Decreto 161/1996, no dito concurso de traslados poderán participa-los funcionarios dos corpos e escalas sanitarias da Xunta de Galicia pertencentes ás clases de médicos titulares e de practicantes titulares, nas categorías, respectivamente, de médicos xerais e de ATS/DUE.

2. A participación dos ditos funcionarios no concurso de traslados realizarase en igualdade de requisitos e condicións co resto do persoal estatutario fixo e, en especial, no relativo á integración no sistema de ordenación da atención primaria.

3. Ós funcionarios desas clases ós que se lle adxudique destino no concurso de traslados seralles de aplicación o disposto na Orde do 30 de maio de 1996 (DOG nº 123, do 24 de xuño) polo que se sistematiza o réxime xurídico do persoal pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares como consecuencia da posta en funcionamento da ordenación da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Selección de persoal

Artigo 8º

1. En tódalas categorías nas que se convoque oferta de emprego, o sistema de selección será o concurso-oposición.

2. Tódalas prazas que se inclúan na oferta terán a condición de prazas básicas da correspondente categoría de persoal estatutario.

Artigo 9º

1. En ningún caso a puntuación da fase de concurso poderá ser aplicada para supera-los exercicios da fase de oposición, que terán carácter eliminatorio.

2. Serán valorados, en todo caso, na fase de concurso os servicios prestados na correspondente categoría ou clase nunha institución sanitaria de atención primaria.

3. Así mesmo, poderán valorarse, aínda que con menor puntuación, os servicios prestados noutra categoría ou clase ou, na mesma categoría, noutro nivel asistencial.

4. Igualmente, nos termos que prevexa a convocatoria, valorarase a formación acreditada.

Artigo 10º

Para dar cumprimento á normalización do idioma galego e garanti-lo dereito dos usuarios dos distintos servicios que integran a atención primaria do Servicio Galego de Saúde ó uso do galego, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega nos termos que establezan as correspondentes convocatorias.

Artigo 11º

1. Nos termos previstos nas correspondentes convocatorias, con respecto á lexislación básica contida nos artigos 14 e 15 do Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro, poderá reservarse ata un máximo do 25 por cento das prazas convocadas para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Na fase de concurso, os aspirantes que concorran polo sistema de promoción interna terán dereito, nos termos que se fixen na correspondente convocatoria, a unha puntuación adicional que se outorgará atendendo fundamentalmente ó contido funcional da categoría estatutaria de procedencia, así como ós servicios prestados nela con praza en propiedade e ó desempeño, se é o caso, de postos específicos da estructura das institucións sanitarias.

O máximo da puntuación adicional á que se refire o parágrafo anterior non poderá exceder do 15 por cento da puntuación máxima posible do conxunto dos exercicios da fase de oposición.

3. A fase de oposición polo sistema de promoción interna terá o mesmo contido que a idéntica fase do proceso selectivo polo sistema xeral de acceso libre.

4. As prazas non cubertas pola fase de promoción interna incrementaranse ás convocadas pola fase de acceso libre.

Artigo 12º

1. De acordo co establecido na Lei 13/1992, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, na oferta de emprego público serán admitidas as

persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cós demais aspirantes.

2. Nas convocatorias establecerase unha reserva do 3 por cento das prazas convocadas, para os que teñan a condición legal de persoas con minusvalidez acreditada polo organismo público competente.

Artigo 13º

O contido das probas selectivas de que conste a fase de oposición adecuarase ás funcións que se van desenvolver na categoría estatutaria correspondente.

En todo caso, para o persoal facultativo a proba deberá consistir polo menos na contestación a un cuestionario de preguntas con respostas alternativas. No resto do persoal, ademais da dita proba do cuestionario de preguntas, deberá realizarse, polo menos, necesariamente un exame de carácter práctico.

Artigo 14º

Correspóndelle á autoridade convocante aproba-los programas que rexen a fase de oposición, así como o nomeamento dos distintos tribunais que xulguen o proceso selectivo.

Disposicións adicionais

Primeira.

Queda expresamente excluído do presente decreto o persoal, calquera que sexa o seu vínculo xurídico, que desempeña funcións de matrona no ámbito da atención primaria de saúde, que se rexerá pola normativa específica que se dicte ó abeiro do establecido na disposición transitoria cuarta do Decreto 200/1993, na redacción dada a este polo artigo 6 do Decreto 161/1996, do 25 de abril.

Segunda.

1. Naqueles casos nos que, como consecuencia da resolución do primeiro concurso de traslados convocado consonte o previsto no presente decreto, deba producirse o cesamento do persoal estatutario temporal das categorías obxecto do concurso que ocupe praza vacante con anterioridade ó 31-12-1996, adxudicada nel ó persoal fixo, ou se trate de cesamentos producidos, respecto deste persoal interino, con posterioridade ás devanditas adxudicacións, o Servicio Galego de Saúde garantirá ata a resolución do proceso selectivo, previsto neste decreto, a recolocación en tracto sucesivo de todo o citado persoal temporal cesado, mediante a cobertura de prazas vacantes existentes ou de nova creación, da mesma categoría, pertencentes ó organismo; exceptuándose, deste xeito, e para este único fin, a aplicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria con diversas centrais sindicais, sobre vinculación temporal de persoal estatutario nas institucións sanitarias xestionadas polo Servicio Galego de

Saúde, publicado pola Resolución do 28 de febreiro de 1997 (DOG nº 47, do 10 de marzo, e nº 67, do 9 de abril).

2. Para a mencionada recolocación do persoal afectado seguiranse criterios obxectivos, a determinación dos cales, en canto ó seu ámbito territorial, mellor

dereito e, se é o caso, nivel asistencial, farase logo da negociación na mesa sectorial do persoal sanitario.

3. Para a devandita recolocación, dos profesionais cesados polas adxudicacións do concurso, establecerase un prazo máximo de 3 meses a partir da publicación da resolución definitiva do concurso de traslados, sen prexuízo de que a Administración procure, na medida que sexa posible, simultanea-los procesos de toma de posesión e recolocación.

Terceira.

1. No conxunto dos procesos que se regulan no presente decreto, ofertaranse en cada categoría as prazas vacantes existentes que pertenzan a unidades e servicios de atención primaria do Servicio Galego de Saúde. A determinación de cada unha das porcentaxes realizarase con base en satisface-la mobilidade do persoal estatutario fixo, así como en atención á estructura socio-laboral do colectivo que, sen ese carácter, veña prestando servicios neste nivel asistencial. O número total de prazas ofertadas en concurso de traslados non poderá supera-lo 50 por cento da totalidade de vacantes.

2. O número de prazas obxecto do concurso de traslados que se convoque por primeira vez trala entrada en vigor do presente decreto é o seguinte:

-Médicos xerais: 151.

-Pediatras: 48.

-Odontólogos: 14.

-ATS/DUE: 117.

-Fisioterapeutas: 14.

3. O Consello da Xunta de Galicia pronunciarase posteriormente sobre a determinación concreta do número de prazas que se van incluír no primeiro proceso selectivo que se convoque trala entrada en vigor do presente decreto, tendo en conta que este se fará unha vez resolto definitivamente o concurso de traslados e que ata o dito momento é previsible que se incremente, respecto á situación actual, o número de prazas integradas en unidades e servicios de atención primaria.

Disposicións transitorias

Primeira.-O concurso de traslados a que fai referencia o presente decreto deberá convocarse no prazo máximo dun mes a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e tramitarse e resolverase de forma que antes do 31 de decembro de 1997 conclúa o prazo de incorporación dos adxudicatarios ós correspondentes destinos.

Segunda.-O proceso selectivo a que se fai referencia no presente decreto, no que concirne á categoría de médicos xerais, non será convocado ata a resolución efectiva da problemática de homologacións de títulos académicos, intitulación dos profesionais e logo da negociación dos baremos ponderados de méritos. Así mesmo, terase en conta, coa maior relevancia posible, a valoración da lingua galega, tamén a consideración insoslaiable, coa

máxima entidade normativamente admisible, da experiencia profesional dos aspirantes e a procura, se é o caso, dunha vehiculación simultánea dos procesos selectivos en tódolos servicios de Saúde do Sistema Nacional de Saúde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o Servicio Galego de Saúde para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente en funcións

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5395