Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Luns, 14 de xullo de 1997 Páx. 6.906

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 1997 pola que se aproba o proxecto de execución e se autoriza a Enagás, S.A., a instalación de diversos tramos da Rede da Coruña, nos termos municipais de Arteixo, Bergondo, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.

Vistos os escritos e documentación presentados pola empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, e tendo en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-Con data do 15 de abril de 1996, esta consellería outorgou a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada e A Coruña.

Segundo.-Con data do 8 de febreiro de 1995, a referida empresa solicitou ó abeiro do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles e para os efectos previstos no artigo 20 en relación co Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, a aprobación do proxecto de execución denominado gasificación de Galicia, ramal e rede da Coruña, e a autorización das instalacións descritas nel; acompañando a dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As características técnicas básicas das instalacións serán as seguintes:

-Lonxitude do ramal: 12.839 m.l.

-Lonxitude da rede: 49.681 m.l.

-A calidade do aceiro utilizado nas conduccións será do tipo API-5L-X42 para o ramal á Coruña e API-5L-Gr.B para as conduccións das redes, con diámetros de 10" para o ramal e de 12" a 2" para las redes de distribución, en función das condicións da explotación, dotadas de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica, sendo a presión máxima do gas natural de 16 bar para as redes de distribución e de 72 bar para o ramal.

-As conduccións deseñáronse para transportar un caudal de 38.000 Nm/h.

-A denominada posición I-015.1., situada no termo municipal de Culleredo, require subministración de enerxía eléctrica para o seu correcto funcionamiento, polo que o proxecto estipula a seguinte instalación auxiliar:

-Liña aérea de media tensión a 15 kV, de 136 m de lonxitude, en conductor LA-56, de 54,6 mm e apoios metálicos.

-Centro de transformación intemperie de 25 kVA de potencia e relación de transformación 13,2/20-0,4/0,231 kV, situado no apoio nº 3 de fin de liña.

-Acometida en baixa tensión desde o centro de transformación ó armario de protección e medida sito no valado da posición.

O orzamento das obras ascende a 1.266.011.100 ptas.

Terceiro.-Por resolución desta dirección xeral, do 10 de xuño de 1996, someteuse a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto de 1996, no BOP da Coruña, do 3 de abril de 1996, e no diario La Voz de Galicia, do 26 de xullo de 1996 e exposto, igualmente, nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.

Cuarto.-Con data do 13 de maio de 1997, e debido á necesidade de realizar variantes ó trazado orixinal como consecuencia da constatación da construcción de novas infraestructuras e urbanizacións residenciais nos terreos afectados, Enagás solicita a aprobación do proxecto do ramal á Coruña nos termos municipais de Arteixo, Bergondo, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada, nos seguintes tramos que non se van a ver afectados por variantes:

-Ramal 1:

Vértices VC-0 ó VC-13.

Vértices VC-17 ó VC-37.

Vértices VC-38 ó VC-43.

Vértices VC-45 ó VC-49.

-Ramal 1.1:

Vértices VC-0 ó VC-22.

-Ramal 1.2:

Vértices VC-3 ó VC-17.

Vértices VC-33 ó VC-85.

-Acom. 1.1.1:

Vértices VC-0 ó VC-18.

-Tódolos subramais e acometidas que se derivan do vértice VC-33 do ramal 1.2.

-Ramal 2:

Vértices VC-0 ó VC-11.

Vértices VC-13 ó VC-20.

Vértices VC-43 ó VC-51.

Vértices VC-52 ó VC-56.

-Acom. 2.3:

Vértices VC-0 ó VC-18.

-Acom. 2.5:

Vértices VC-0 ó VC-2.

-Acom. 2.6:

Vértices VC-0 ó VC-6.

Vértices VC-7 ó VC-18.

Quinto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto referidas os mencionados termos municipais de Arteixo, Bergondo, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada nos tramos afectados:

1) O Concello de Cambre solicita que se redacte novo proxecto polo que se faga discorre-lo trazado pola zona de servidume da autovía do noroeste, camiños públicos e demais servidumes de paso, contando para iso coa colaboración do concello; tamén solicita que se inclúa nos planos as conduccións e conexións de protección catódica coa súa incidencia nas zonas de servidume permanente, a valoración dos custos adicionais en futuras obras públicas ou privadas que se vexan afectadas polas conduccións e a elaboración dos criterios que han de seguirse nos permisos da Administración ante a prohibición de distancias de protección e funcionamiento das instalacións pola súa incidencia sobre o planeamento urbanístico municipal; finalmente solicita que se describan os dispositivos de seguridade apropiados que impidan sobrepresións do encanamento.

2) Urbanizadora Inmobiliaria Fadesa, S.A. (FADESA) manifesta un erro na titularidade do predio C-CM-178; indica ademais que sobre o dito predio existe un proxecto de compensación denominado Plan Parcial da Barcala, estando actualmente construídas un total de 969 vivendas, tratándose por tanto de solo urbano consolidado, polo que é necesaria una modificación do trazado.

3) Mª Isabel Boado Elorza manifesta erros, tanto na titularidade dos predios C-CM-271, 274 e 276, que son da súa propiedade, como na afección a elas; engade que o predio C-CM-277 que figura na relación como de titular descoñecido pode ser da súa propiedade, polo que pide comprobación sobre o terreno; indica tamén que os predios C-CM-271 e 274 se atravesan pola metade, polo que solicita a modificación do trazado facéndoo pasar por un dos seus lindeiros; finalmente solicita que se lle indemnice cun prezo xusto.

4) Antonio Gómez Villar, propietario do predio C-CM-278 manifesta que o predio se encontra en solo apto para urbanizar no sector SAU-BD nº 5, polo que solicita que se realice un novo trazado de forma que non afecte o solo urbanizable.

5) José Iglesias Barbeito manifesta que os predios C-CU-105, 106, 107, 109, 110, 111, 112, 112/1, 115, 117, 118 e 119 son da súa propiedade, polo que solicita que se entendan con el as dilixencias sucesivas.

6) Pablo Iglesias Atocha e 6 máis manifestan que o predio C-CN-155, atribuído na relación de bens

e dereitos a José Manuel Pose Silvariño, é en realidade da súa propiedade; engaden que a servidume de paso que se formula supón na práctica unha privación da propiedade, polo que solicitan que se desvíe o trazado ó límite do predio, ou no caso de non ser posible, pola zona de servidume das estradas e camiños existentes nas inmediacións.

7) Pilar Fuentes Pardo e 4 máis manifestan a existencia de erros de titularidade respecto ós predios C-C-152, 154, 157, 160 , 161 e 162, que son da súa propiedade; solicitan ademais unha modificación do trazado que estaría comprendida entre o predio C-C-149 e a 163, seguindo o trazado en liña recta.

8) Concepción Naya Vázquez e outros 265 interesados manifestan que o trazado discorre nos predios C-AX-1 a 66 polas beirarrúas de edificios destinados a vivendas e locais comerciais carrexándolles a tódolos veciños un gravísimo perigo; que o trazado do encanamento de gas ten como obxecto subministrar gas a Repsol Petróleo, S.A. e á empresa Artabra, podendo cumprirse o mesmo obxectivo a través dos ramais 1-1 e 1-2.

9) Mercedes Mosquera Jaspe, propietaria do predio C-AX-2/1 manifesta a existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados.

10) María Amelia Becerra Reguera manifesta erro na titularidade do predio C-AX-81 e solicita a modificación do trazado polo predio C-AX-131, da súa propiedade, de forma que discorra polos seus lindeiros.

11) Rita Sande Martínez, propietaria dos predios C-AX-121 e 122 manifesta erro na titularidade deste último predio, e solicita ademais a desviación do trazado entre os vértices V-13 e V-16 de forma que o encanamento se desvíe polo fondo dos predios afectados dentro da servidume da estrada de Morás a Santa Icía.

12) O Concello de Oleiros realiza unha serie de manifestacións sobre a necesidade de garanti-la reposición ó estado actual, nas condicións actuais e nas rasantes dos terreos afectados; a alteración da capacidade edificatoria dos soares afectados, e sobre a afección a vías públicas e infraestructuras municipais xa instaladas ou que se instalen no futuro, e manifesta que deben ser en todo momento compatibles os intereses municipais cos da empresa subministradora do gas, debendo solicitar esta a necesaria información do concello.

13) Marisa Vázquez Longueira, José Mato Maneiro e Eduardo López, propietarios dos predios C-OS-43, 42 e 44 respectivamente, solicitan unha modificación do trazado desprazando o vértice VC-3.

14) Mª del Socorro Oteiro Boutureira, propietaria do predio C-SD-40 solicita a modificación do trazado co fin de que discorra polo lindeiro do predio.

15) Blanca Hervella Arias de Castro, propietaria do predio C-SD-81 manifesta a existencia de erros na cartografía base do proxecto, pola presencia de edificacións que xa non existen e pola non representación dunha fonte pública co seu manancial, e postes de enerxía eléctrica, o que ó seu entender levou a realiza-lo trazado proxectado, que evita a mencionada edificación sen ter en conta a fonte, polo que propón tres alternativas ó trazado.

16) Juana Varela Domínguez, propietaria do predio C-SD-172, manifesta que o encanamento causa un grave prexuízo ó seu predio, así como o C-SD-173, polo que solicita que se modifique o trazado desprazándose o vértice VC-9.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Sexto.-Con data 5 de xullo de 1996 a dirección xeral remitiulles ós distintos organismos afectados pola construcción do referido proxecto as separatas técnicas correspondentes, co fin de que emitisen o preceptivo informe, significándolles que, de non recibir resposta no prazo de trinta días a contados desde a recepción entenderase emitido en sentido favorable.

Sétimo.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente se acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, co Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, co Decreto 132/1982, do 4 de novembro e co Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación coa citada Lei 10/1987, do 15 de xuño, cos decretos 2913/1973, do 9 de decembro e 1775/1967, do 22 de xuño, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano por razón da materia para a tramitación da Unidade de expediente e resolución única do procedemento.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa Enagás,

S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1) Respecto ás alegacións formuladas polo Concello de Cambre, a empresa beneficiaria aceptou realizar unha variante ó trazado que satisfaga os intereses de ámbalas partes; por outra banda, non existen cables de protección catódica nese termo municipal. En canto á valoración de futuros custos adicionais que deban realizarse como consecuencia de obras públicas ou privadas que afecten ás conduccións de gas, estes serán similares ós producidos por calquera outra infraestructura municipal, xa sexa de abastecemento de auga, de rede de sumidoiros ou de enerxía eléctrica. Da mesma forma que a empresa beneficiaria ha de proceder a realiza-las obras de forma que non interfiran sobre as infraestructuras xa existentes, cando o concello ou calquera outra compañía subministradora precise cruzar unha conducción de gas, deberá realiza-las obras necesarias de acondicionamento para que ámbalas infraestructuras sexan compatibles. Unha vez instalados os encanamentos, calquera obra que teña que

realizarse dentro da zona de prohibición de construír deberá contar co correspondente permiso da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña que, en cada caso concreto, determinará as medidas de seguridade que haberán de adoptarse para que non se corra risco ningún como consecuencia das ditas obras. Por último, os dispositivos de seguridade contra sobrepresións situaranse na posición de válvulas I-615-I situada no termo municipal de Culleredo.

2) Enagás procederá no momento do levantamento de actas previas á ocupación, á que serán citados persoalmente os alegantes co fin de que aporten a documentación acreditativa correspondente, á descrición real dos bens afectados, emendando desta forma os erros padecidos, tanto no que respecta á titularidade como á cualificación dos terreos ou superficie da afección, na relación de bens e dereitos sometida a información pública.

3) Respecto á alegación de Urbanizadora Inmobiliaria Fadesa, S.A., a empresa beneficiaria, Enagás, aceptou realizar unha variante ó trazado a partir do vértice VC-18 que evitará a afección á zona urbana.

4) Deben desestimarse as alegacións presentadas por Mª Isabel Boado Elorza, Antonio Gómez Villar, Pablo Iglesias Atocha, Mª Amelia Becerra Reguera, e Mª del Socorro Oteiro Boutureira, posto que a servidume que se establece é unicamente subterránea de paso de gas mediante encanamento, e restituirase o terreo á sua condición orixinal unha vez realizada a obra e reporanse igualmente os valados de cerramento; a prohibición de plantar árbores establécese nunha franxa de catro m (dous a cada lado do eixe) que non interfire sensiblemente o aproveitamento forestal dos predios, por canto que en toda plantación

arbórea ha de respectarse un marco de plantación case sempre superior a esa distancia; respecto á prohibición de edificar, non é unha prohibición absoluta senón unha limitación ó dominio consistente na necesidade de pedir permiso para realizar obras na franxa de cinco metros a cada lado do encanamento, permiso que se outorga con carácter xeral sempre que se cumpran determinadas medidas de seguridade para as instalacións; o trazado do encanamento seguindo os lindeiros dos predios e viais públicos non é viable nunha obra destas dimensións, xa que os custos constructivos que implicaría superan enormemente os posibles prexuízos ocasionados pola instalación, ademais de implicar a novos propietarios non afectados polo expediente. Durante o replanteo do encanamento sobre o terreno a empresa verificará a viabilidade das modificacións puntuais solicitadas sobre os predios afectadas, que procederán sempre que non existan impedimentos técnicos, non se incremente innecesariamente o trazado e non

se afecte a terceiros non implicados no expediente. Os danos causados a consecuencia da servidume e a ocupación do terreo indemnizaranse conforme o seu valor real, non sendo a fixación do prezo xusto obxecto desta fase do expediente.

5) Debe desestimarse a alegación presentada por Concepción Naya Vázquez e 265 interesados máis, xa que o pasa-lo trazado pola beirarrrúa das vivendas que sinalan non ocasiona perigo ningún, sendo un servicio público máis dos que discorren por calquera beirarrúa; por outra banda as alternativas propostas para a subministración ás empresas Artabra e Repsol Petróleo son inviables, xa que, no primeiro caso, o trazado afecta a novos propietarios non incursos no expediente, e por se-lo punto de subministración a Repsol Petróleo o máis idóneo desde o punto de vista técnico.

6) Respecto ás alegacións presentadas por Pilar Fuente Pardo, Rita Sande Martínez, e Juana Varela Domínguez, a empresa beneficiaria procederá a realiza-las modificacións propostas sempre que exista o consentimento expreso do resto dos propietarios afectados.

7) Respecto ás alegacións presentadas polo Concello de Oleiros, a empresa beneficiaria aceptou realizar unha variante ó trazado que satisfaga os intereses de ámbalas partes. Por outra banda, puntualizar que as limitacións ó dominio que comporta o establecemento do encanamento de gas se refiren ás propiedades particulares e non ás infraestructuras municipais xa instaladas ou que se instalen; a empresa deberá realiza-las obras de forma que non se interfira cos diversos servicios públicos existentes, polo que deberá solicitar, tanto do concello como das compañías subministradoras doutros servicios públicos, a información necesaria para a sua perfecta localización, proporcionando á totalidade de organismos e compañías as características dos cruzamentos co fin de non interferi-lo servicio; da mesma

forma procederá á restitución do pavimento e o resto dos terrenos afectados.

8) Con respecto á alegación de Marisa Vázquez Longueira, José Mato Maneiro e Eduardo López, a empresa beneficiaria procederá a modifica-lo trazado do proxecto, ó discorrer esta modificación integramente polos predios dos alegantes.

9) Respecto á alegación de Blanca Hervella Arias de Castro, a alternativa que propón seguindo a chamada Corredoira de Caño é inviable por canto representa un incremento do trazado e un custo engadido de execución, a todas luces excesivo; a alternativa que discorre polo outro lado da vivenda existente no predio estremeiro C-SD-80 é evidentemente, a que máis acurta o trazado e, en principio a máis conveniente; sen embargo, discorre moi próximo á citada edificación, polo que o propietario desta poderá poñe-los mesmos reparos que a alegante respecto á súa vivenda, polo que para aceptarla debe contarse co consentimento do seu propietario. Pódese acepta-la terceira alternativa, se ben a súa definición exacta deberá realizarse sobre o terreno facéndoa discorrer o máis próximo ó lindeiro entre as parcelas C-SD-80 e 81, evitando ademais a proximidade ó manancial existente.

Terceira: Enagás procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Por tódolo anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos citados no apartado cuarto dos antecedentes, correspondente ós termos municipais de Arteixo, Bergondo, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

-Outorgar a Enagás, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto do ramal e rede da Coruña, nos tramos relacionados previamente, correspondente os termos municipais de Arteixo, Bergondo, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada, consonte as seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten ós datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar a esta

dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas en alta presión A e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión, aprobadas pola Orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: Clasificación de asentamentos de canalización con risco de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo, así mesmo, estableceranse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de tres meses a contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña deberá realizar durante as obras e unha vez terminadas estas as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización de probas e controis regulamentarios, todo isto con antelación suficiente, acreditando posteriormente perante a citada delegación provincial que os ensaios previstos se realizaron por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras, remitiráselle á dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou,

se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo do informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Uno.-Expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se construirán as instalacións fixas en superficie.

Dous.-Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 4 m de largo, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá enterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta franxa estará suxeita, por razóns de seguridade, ás seguintes limitacións de dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm, así como de plantar árbores ou arbustos, a unha distancia inferior a 2 m contados desde o eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar algún acto que puidese danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a 10 m do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así

como realiza-las obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres.-Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 1 m de largo, por onde discorrerán enterrados os cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica, que estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros.

2. Prohibición de plantar árbores ou arbustos así como o dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbese a unha distancia inferior a 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións.

3. Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación en unha franxa de 3 m de largo, 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións.

4. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

C) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se encontren as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo, deberá facilitarlles ós servicios de bombeiros, concellos afectados e organismos con competencias en materia de protección civil, copias dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes a contado desde o día seguinte ó da publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director Xeral de Industria

97-5208