Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Luns, 14 de xullo de 1997 Páx. 6.902

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución e se lle autoriza a Enagás, S.A., a instalación do ramal da Coruña, nos termos municipais de Abegondo, Carral e Cambre.

Vistos os escrito e documentación presentados pola empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, e tendo en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-Con data do 15 de abril de 1996, esta consellería outorgoulle a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada e A Coruña.

Segundo.-Con data do 8 de febreiro de 1995, a referida empresa solicitou ó abeiro do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles e para os efectos previstos no artigo 20 deste en relación co Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, a aprobación do proxecto de execución denominado gasificación de Galicia, ramal e rede da Coruña, e a autorización das instalacións descritas nel; achégaselle á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As características técnicas básicas das instalacións serán as seguintes:

-Lonxitude do ramal: 12.839 m.l.

-Lonxitude da rede: 49.681 m.l.

-A calidade do aceiro utilizado nas conduccións será do tipo API-5L-X42 para o ramal á Coruña e API-5L-Gr.B para as conduccións das redes, con diámetros de 10" para o ramal e de 12" a 2" para as redes de distribución, en función das condicións da explotación, dotadas de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica, sendo a presión máxima do gas natural de 16 bar para as redes de distribución e de 72 bar para o ramal.

-As conduccións deseñáronse para transportar un caudal de 38.000 Nm/h.

-A denominada posición I-015.1., situada no termo municipal de Culleredo, require subministración de enerxía eléctrica para o seu correcto funciona

mento, polo que o proxecto considera a seguinte instalación auxiliar:

-Liña aérea de media tensión a 15 kV, de 136 m de lonxitude, en conductor LA-56, de 54,6 mm e apoios metálicos.

-Centro de transformación intemperie de 25 kVA de potencia e relación de transformación 13,2/20-0,4/0,231 kV, situado no apoio nº 3 de fin de liña.

-Acometida en baixa tensión desde o centro de transformación ó armario de protección e medida sito no valado da posición.

O orzamento das obras ascende a 1.266.011.100 ptas.

Terceiro.-Por resolución desta Dirección Xeral de Industria, do 10 de xuño de 1996, someteuse a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto de 1996, no BOP da Coruña, do 3 de abril de 1996, e no diario La Voz de Galicia, do 26 de xullo de 1996 e exposto, igualmente, nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.

Cuarto.-Con data do 28 de abril de 1997, e debido á necesidade de realizar variantes ó trazado orixinal como consecuencia da constatación da construcción de novas infraestructuras e urbanizacións residenciais nos terreos afectados, Enagás solicita a aprobación do proxecto do ramal á Coruña nos termos municipais de Abegondo, Carral e Cambre, entre os vértices VC-1 e VC-35, tramo que non se vai ver afectado por variantes.

Quinto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto referidas ós mencionados termos municipais de Abegondo, Carral e Cambre nos tramos afectados:

1) Aquilino Penedo Reboredo, propietario do predio C-AG-503 manifesta que o encanamento atravesa o seu predio e solicita a realización dun desvío de aproximadamente 10 m co fin de achega-lo trazado máis ós lindeiros do seu predio.

2) A Secretaría Xeral do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, titular dos predios C-AG-514 e C-AG-516 manifesta que a obra proxectada atraviesa a finca do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo nunha lonxitude de 2.250 m, e como o dito predio ten o carácter de dominio público, é inexpropiable. Debido ós graves problemas que a conducción orixina á función investigadora do centro e ás súas instalacións, manifesta que se estudien outras alternativas de paso menos prexudiciais a través do predio; en concreto propón que a conducción discorra polo límite do predio; por último indica que a obra debe realizarse no menor tempo posible e na época na que ocasione menor problema e que os traballos deben ser coordinados por persoal directivo do centro.

3) Juan Mª Loureda Martiñán, copropietario do predio C-AG-520 manifesta que existe erro na relación de bens e dereitos por canto o predio está cualificado como rústico sendo en realidade solo urbanizable, solicitando que se modifique o trazado facéndo o discorrer por solo non urbanizable.

4) Jorge de Vargas y Quiroga, propietario dos predios C-AG-524, 525 e 526, indica que o predio C-AG-525, cualificado como camiño público é en realidade un camiño particular para servicio da súa propiedade; solicita ademais a modificación do trazado xa que discorre pola zona de reserva urbana de Mabegondo, limitando a súa futura expansión; e outra porque afecta ó Castro de Mabegondo, protexido como ben de valor aqueolóxico e cultural.

5) Mª Dolores Muíño Muíño, propietaria do predio C-CM-9, manifesta un erro na relación de bens e dereitos por canto o predio aparece cualificado como de terra de labor, sendo en realidade un predio pechado cun muro de pedra e urbanizado, no que se asenta unha vivenda unifamiliar, o destino da cal non é o agrícola; tamén indica que de levarse a efecto o trazado do proxecto suporía tira-lo muro de formigón recuberto de pedra do seu predio en dous sitios, polo que solicita unha modificación do trazado de forma que discorra fóra do valado de cerramento do predio.

6) Mª Rosa Suárez aduce erro na titularidade do predio C-CM-13, declarando que é da súa propiedade.

7) Faustino Pérez Duarte, propietario do predio C-CM-18, indica que o encanamento discorre pola metade do predio causándolle un grave prexuízo, solicitando a modificación do trazado, así como a corrección na relación de bens e dereitos da cualificación de pradería pola de labradío.

As alegacións fóronlle remitidas á empresa beneficiaria.

Sexto.-Con data do 5 de xullo de 1996, esta Dirección Xeral de Industria remitiulles ós distintos organismos afectados pola construcción do referido proxecto as separatas técnicas correspondentes, co fin de que emitisen o preceptivo informe, significándolles que, de non recibir resposta no prazo de trinta días a contados desde a recepción, se entenderá emitido en sentido favorable.

Sétimo.-A solicitude obxecto deste expediente foi informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente conforme o Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado

polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación coa citada Lei 10/1987, do 15 de xuño, cos decretos 2913/1973, do 9 de decembro e 1775/1967, do 22 de xuño, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa Enagás, S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1) Non se pode acepta-la alegación presentada por Aquilino Penedo Reboredo, xa que o trazado que propón afecta ó seu predio e ós sus estremeiros, sen que por iso reporte unha lonxitude menor de afección a ningún deles, e sen indica-la presencia de elementos singulares no predio que xustifiquen a modificación; non se produce, como afirma o alegante, pérda de terreo ningún como consecuencia da instalación do encanamento xa que unha vez enterrada se procederá á restitución do terreo e dos valados de cerramento, deixando o terreo apto para o seu posterior cultivo.

2) Respecto á alegación presentada pola Secretaría Xeral de Patrimonio, Enagás realizará unha modificación do trazado de forma que este discorra, de acordo coas indicacións do persoal técnico do Centro de Investigacións Agrarias, polos límites do predio, co fin de que a afección sexa mínima.

3) Non se pode acepta-la modificación do trazado proposta por Juan Mª Loureda Mantiñán, xa que se trasladaría a afección a novos propietarios non incursos no expediente; sen embargo, durante a fase constructiva poderá facerse un axuste de obra que sen afectar a novos propietarios faga discorrer a traza por onde o impacto urbanístico sexa menor.

4) Respecto á afección á zona de reserva urbana de Mabegondo exposta por Jorge de Vargas y Quiroga, Enagás procederá a realizar un axuste dentro do predio co fin de diminuí-la afección; en canto á afección ó Castro de Mabegondo, Enagás realizará un seguimento arqueolóxico do trazado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, co fin de velar polo máis estricto respecto ó Patrimonio Cultural Gallego.

5) Non se pode acepta-la modificación solicitada por Mª Dolores Muíño Muíño, xa que o trazado do encanamento nas proximidades do predio da súa pro

piedade está condicionado pola existencia de vivendas unifamiliares próximas, así como un pozo, postes eléctricos, etc., que dificultan a súa modificación. Non obstante, durante a fase de obra a empresa deberá estudia-la posibilidade de efectuar algún pequeno axuste no sentido manifestado pola alegante, sen afectar a terceiros. En calquera caso, a empresa está obrigada, unha vez rematada a obra, a restituí-los terreos e elementos afectados ó seu estado orixinal, polo que o cerramento do predio deberá ser debidamente reposto.

6) Respecto á alegación de Mª Rosa Suárez Domínguez, Enagás rectificará a relación de bens e dereitos no sentido do sinalado pola alegante, sen prexuízo de que durante o levantamento da acta previa, á que se lle citará persoalmente, achege os títulos acreditativos da súa propiedade.

7) En canto á solicitude de Faustino Pérez Duarte, se ben os prexuízos pola instalación do encanamento nun predio de labradío non son relevantes, tendo en conta que unha vez enterrada se procederá á restitución do terreo deixándoo apto para o seu posterior cultivo, durante a fase de construcción Enagás deberá ver, de acordo co propietario, a posibilidade de realizar un axuste dentro do predio co fin de diminuí-la afección.

Terceira: Enagás procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia no tramo comprendido entre os vértices VC-1 e VC-35, correspondente ós termos municipais de Abegondo, Carral e Cambre.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

-Outorgarlle a Enagás, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se consideran no proxecto do ramal e rede da Coruña, no tramo delimitado polos vértices VC-1 e VC-35, correspondente os termos municipais de Abegondo, Carral e Cambre, conforme as seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten ós datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a esta

dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas en alta presión A e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión, aprobadas pola Orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: Clasificación de lugares de canalización con risco de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, e deberán así mesmo estableceranse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de tres meses contados desde a data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña deberá realizar durante as obras e unha vez terminadas estas as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización de probas e controis regulamentarios, todo isto con antelación suficiente, acreditando posteriormente perante a citada delegación provincial que os ensaios previstos se realizaron por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras, remitiráselle á dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando

as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo do informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Uno.-Expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se construirán as instalacións fixas en superficie.

Dous.-Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 4 m de largo, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá enterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta franxa estará suxeita, por razóns de seguridade, ás seguintes limitacións de dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm, así como de plantar árbores ou arbustos, a unha distancia inferior a 2 m contados desde o eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar acto ningún que puidese danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a 10 m do eixe do trazado, a un e outro lado deste. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido

e instalación da canalización e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres.-Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso en unha franxa de terreo de 1 m de largo, por onde discorrerán enterrados os cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica, que estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros.

2. Prohibición de plantar árbores ou arbustos así como o dereito a cortar ou arrinca-los árbores ou arbustos que houbese a unha distancia inferior a 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións.

3. Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación en unha franxa de 3 m de largo, 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións.

4. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

C) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se encontren as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo, deberá facilitarlles ós servicios de bombeiros, concellos afectados e organismos con competencias en materia de protección civil, copias dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes a contado desde o día seguinte ó da publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director Xeral de Industria

97-5151