Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Xoves, 10 de xullo de 1997 Páx. 6.808

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 1997, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de San Martiño de Pazó, no concello de Allariz, provincia de Ourense.

Por Decreto do 3 de xuño de 1931 (Gaceta de Madrid de 4 de xuño), foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento a igrexa de San Martiño de Pazó, no concello de Allariz, provincia de Ourense.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

Vistos os informes dos servicios técnicos desta dirección xeral, así como dos órganos consultivos da Consellería de Cultura e Comunicación Social en materia de bens culturais, sendo uns e outros favorables á incoación do expediente para a delimitación do contorno de protección da igrexa de San Martiño de Pazó, no concello de Allariz, provincia de Ourense, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección da igrexa de San Martiño de Pazó, no concello de Allariz, provincia de Ourense, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola mentada incoación do xeito que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II da presente resolución.

Terceiro.-Continua-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Cuarto.-Darlle traslado da resolución ó Concello de Allariz, provincia de Ourense, e notificarlle que segundo o disposto no artigo 10.3 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia a incoación dun expediente para a declaración dun ben de interese cultural determinará, respecto do ben afectado, a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados. No caso de bens inmobles, ademais será aplicable o estipulado no artigo 35.1 da presente lei.

Quinto.-Notificárlle-la presente resolución ós interesados, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Sexto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 1 mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1997.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

A delimitación quedaría segundo o plano anexo e a seguinte descrición da liña:

1-2 coincidente coa liña que delimita a zona de protección de patrimonio histórico artístico recollida nas NN.SS. municipais aprobadas o 11 de marzo de 1994.

2-3 coincidente coa liña que delimita o solo non urbanizable do núcleo rural de Pazó (zona leste), recollido nas NN.SS. municipais de 1994.

3-4 coincidente coa liña que delimita o solo urbano do núcleo rural de Pazó recollido nas NN.SS. municipais de 1994.

4-l coincidente coa liña que delimita o solo non urbanizable do núcleo rural de Pazó (zona oeste), recollido nas NN.SS. municipais de 1994.

5410