Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Luns, 07 de xullo de 1997 Páx. 6.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de xuño de 1997 pola que se clasifica como de interese docente a Fundación Xoana de Lestonnac.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Xoana de Lestonnac, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Francisco Ramón Durán Villa, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito do vinteún de xuño de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día catorce de xuño de 1996, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Ildefonso Sánchez Mera, co número tres mil douscentos sete do seu protocolo, por Josefa María Fernández-Novo Carracedo, María Lourdes Martínez Lage, Ana María García Agudín, Francisco Ramón Durán Villa e Mercedes González Pagliery, interveñen no seu propio nome, agás Josefa María que o fai en nome da Congregación Orden da Compañía de María Nosa Señora. Esta escritura foi emendada por outra posterior con data do catro de xuño de 1997, outorgada perante o mesmo notario co número dous mil novecentos vinteseis do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos a fundación ten por obxecto potenciar tódolos labores docentes, educativos, culturais e formativos, actuais e futuros, desenvolvidos polos centros educativos para que poidan conseguir obxectivos tan diversos como: ampliar e profundiza-lo traballo de aprendizaxe relativo ás áreas ou materias do Plan de Estudios, atender aspectos da educación integral non considerados nos ditos plans, e calquera outra actividade tendente a acada-las finalidades formativas que comporta a oferta do modelo educativo expresado no carácter propio dos centros e que supoñan un labor de acordo cos seguinte principios xerais: visión cristiá da persoa, educación na liberdade, responsabilidade e solidariedade. Nos centros potenciarase igualmente a galeguidade.

4. O padroado da fundación estará constituído por María Lourdes Martínez Lage como presidenta, Ana María García Agudín como vicepresidenta, Francisco Durán Villa como secretario e Mercedes González Pagliery como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da

Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese docente a Fundación Xoana de Lestonnac, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dezaseis de xuño de 1997. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese docente a Fundación Xoana de Lestonnac e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5186