Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Venres, 04 de xullo de 1997 Páx. 6.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de xuño de 1997 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Eugenio Granell.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Eugenio Granell, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Natalia Isabel Fernández Segarra, na súa calidade de secretaria do Padroado da fundación en escrito do catro de novembro de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 21 de abril de 1995, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Manuel Peregil Cambón co número cincocentos dous do seu protocolo, por Xerardo Denis Felipe Estévez Fernández, Eugenio Fernández Granell, Amparo Fernández Granell, Natalia Fernández Segarra, Xosé Denis Hombre, José Manuel Villanueva Prieto, interveñen o primeiro en nome e representación do Concello de Santiago de Compostela e os demais no seu propio nome e dereito. Esta escritura foi emendada por outra posterior con data do 27 de maio de 1997, outorgada perante o mesmo notario e co número oitocentos cincuenta e oito do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, a creación e mantemento dun Museo Eugenio Granell na cidade de Santiago de Compostela, así como o fomento do estudio e difusión do conxunto da obra de creación de Eugenio F. Granell.

4. A composición do padroado da fundación está regulada nos artigos 16, 17 e 18 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Eugenio Granell, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de xuño de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Eugenio Granell e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5129