Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Xoves, 03 de xullo de 1997 Páx. 6.464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 165/1997, do 18 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de edificio da biblioteca e servicios administrativos do campus universitario de Lugo.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 28 de marzo de 1994, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe no que se indica:

«Non existe inconveniente desde o punto de vista urbanístico para a realización da expropiación que se pretende, coas seguintes puntualizacións:

* A expropiación debe realizarse tendo en conta o sinalado no texto refundido da Lei do solo sobre xestión do planeamento por medio de unidades de execución, en particular nos seus artigos 144.1º e 171.1º.

* A urbanización efectuarase conforme o que se sinale no proxecto de urbanización do campus, tal como esixe o artigo 16 das normas do PERI.

* O proxecto de execución final adaptarase ás determinacións do planeamento aplicable».

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras sinaladas porque a execución do dito proxecto se considera de suma urxencia toda vez que, segundo indica a Deputación Provincial de Lugo:

«Asinouse un convenio de colaboración entre esta entidade, o Concello de Lugo, a universidade e a Xunta de Galicia o 4 de xullo de 1988, para levar a cabo diversas actuacións no campus universitario de Lugo, establecéndose que é obriga da Deputación de Lugo a adquisición de terreos con destino a el.

O Concello de Lugo, en sesión celebrada o día 28 de outubro de 1988, acordou delegar nesta deputación tódolos trámites necesarios para levar a puro e debido efecto a execución da presente modificación do planeamento urbanístico municipal (nova delimitación do campus univesitario).

Sendo, como queda exposto, obriga desta deputación a adquisición de terreos, é necesario que por esta entidade, se tramite expediente de expropiación

forzosa urxente e para ós efectos previstos no artigo 92 do texto refundido de disposicións vixentes en materia de réxime local (R.D.L. 781/1986, do 18 de abril), é dicir, co obxecto de cederlle os ditos terreos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que tramitará o expediente de contratación das obra.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de edificio da biblioteca e servicios administrativos do campus universitario de Lugo.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5125