Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Martes, 01 de xullo de 1997 Páx. 6.384

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 1997 pola que se convoca unha bolsa de investigación para o Instituto da Lingua Galega.

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto da Lingua Galega, convoca unha bolsa de investigación para o proxecto Base de datos lexicográfica para un diccionario da lingua galega.

1. Duración.

A bolsa terá unha duración dun ano, con posibilidade de renovación.

2. Dotación económica.

A dotación económica será de 65.000 ptas. mensuais.

Para atende-lo gasto que supón a bolsa existe crédito suficiente na aplicación 6025.CI36.64200 do orzamento vixente.

3. Requisitos.

Poderán optar á bolsa tódolos membros da UE, maiores de idade e con plena capacidade para obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Seren licenciados universitarios na especialidade de Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Filoloxía Románica (especialidade Galaico-Portugués) ou Traducción (con galego como lingua A).

b) Teren nota media igual ou superior a 2 puntos nos tres últimos anos de carreira ou sobresaliente no grao de licenciatura. A media calcularase dividindo o total de puntos polo número de convocatorias, tendo en conta que aprobado vale 1 punto, notable 2 puntos, sobresaliente 3 puntos e matrícula de honra 4 puntos.

c) Non seren traballadores por conta propia ou allea, nin recibiren remuneración de ningún tipo ou gozaren dunha bolsa ou axuda semellante.

4. Solicitudes.

Os solicitantes entregarán na sede do Instituto da Lingua Galega (Praza da Universidade, 4, Santiago de Compostela), dentro do prazo de dez días contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

-Instancia de solicitude dirixida ó director do Instituto da Lingua Galega.

-Certificado de estudios que acredite a titulación universitaria, as cualificacións obtidas e o número de convocatorias consumidas en cada unha das materias dos tres últimos cursos da carreira.

-Currículum vitae con indicación dos estudios, actividades, publicacións e outros méritos, acompañado da documentación acreditativa de tódolos méritos que se aleguen.

-Declaración xurada de non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin gozar de bolsas ou axudas equiparables á convocada.

5. Tribunal.

O tribunal estará composto polo vicerrector de Investigación ou persoa delegada, e polos seguintes membros do ILG: o director, o secretario, un membro do Consello Científico e un representante dos bolseiros.

6. Selección dos bolseiros.

A selección dos bolseiros será realizada polo tribunal, que fará unha valoración dos méritos achegados. Ademais do expediente académico, tomaranse en consideración outras titulacións, os estudios de terceiro ciclo, a experiencia investigadora, publicacións e outros méritos que se aleguen. Valorarase de maneira especial a experiencia en proxectos de investigación e as publicacións relacionadas con lexicografía, lexicoloxía, diccionarios e onomástica. De consideralo necesario o tribunal poderá facerlles unha entrevista ós candidatos preseleccionados.

7. Nomeamento.

Os bolseiros serán nomeados polo vicerrector de Investigación e do Terceiro Ciclo por delegación do rector de acordo coa proposta do tribunal. Os bolseiros seleccionados deberán presentarse na sede do Instituto da Lingua Galega dentro dos dez días seguintes ó da notificación da súa selección.

8. Incidencias.

A solicitude de bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Universidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 1997.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

5152