Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Luns, 30 de xuño de 1997 Páx. 6.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de xuño de 1997 pola que se clasifica como benéfico asistencial a Fundación para o Desenvolvemento e Progreso Social de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento e Progreso Social de Galicia, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. Carlos Talaván Figueredo na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito de 18 de febreiro de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día nove de xaneiro de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Antonio Rodríguez González co número noventa e catro do seu protocolo por Carlos Talaván Figueredo, Rafael González Cortés e María Belén Zapata Rodríguez, interveñen todos no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto da fundación é , entre outros, a potenciación e desenvolvemento dos recursos humanos da Comunidade Autónoma de Galicia a través da realización de actividades dirixidas fundamentalmente á promoción da familia e dos movementos familiares da infancia e da xuventude así como ó fomento da investigación en materia de formación profesional ocupacional e social dos traballadores con especial atención á formación de desempregados con necesidades especiais de reinserción no mercado de traballo (xoves de primeiro emprego, mulleres e parados de longa duración).

4. O padroado da fundación estará constituído por Carlos Talaván Figueredo como presidente, María Belén Zapata Rodríguez como secretaria e Rafael González Cortés como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico asistencial da Fundación Para o Desenvolvemento e Progreso Social de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese benéfico social e a súa adscrición á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 19 de maio de 1997. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico asistencial a Fundación Para O Desenvolvemento e Progreso Social de Galicia e adscribila á Consellería de Familia, Muller e Xuventude que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

4968