O Decreto 121/1992, do 14 de maio (DOG nº 96, do 21 de maio) regula a estructura orgánica e as funcións da Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Para o desempeño de determinados postos de traballo, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia (DOG nº 104, do 1 de xuño), modificada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo (DOG nº
51, do 13 de xuño) no seu artigo 27.2º, establece como requisito necesario estar en posesión de diploma específico.
A Orde do 6 de maio de 1992 (DOG nº 88, do 11 de maio) establece que para o desempeño dos postos de traballo de inspectores e subinspectores de servicios será requisito necesario estar en posesión do diploma de inspección de servicios expedido pola EGAP (artigo 1), engadindo que, para a obtención do citado diploma, será necesario consegui-lo resultado favorable no curso convocado para o efecto (artigo 2).
En consecuencia, convócase o IV curso para a obtención do diploma de Inspección de Servicios, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
1ª Obxecto do curso.
O presente curso ten por obxecto ofrece-la formación específica e os coñecementos prácticos necesarios que garanten que os que o superen reúnan as esixencias de idoneidade necesarias para poder acceder, se é o caso, ós postos de traballo correspondentes a inspectores e subinspectores de servicios.
2ª Solicitantes.
De acordo co disposto no artigo 3 da Orde do 6 de maio de 1992, poderán solicita-la súa participación no curso os funcionarios que, con referencia ó último día do prazo de presentación de instancias, reúnan os seguintes requisitos:
a) Pertencer ó corpo ou escala dos grupos A ou B de calquera Administración pública.
b) Estar en situación de servicio activo ou servicios especiais nalgunha das administracións públicas.
c) Ter prestado servicios en calquera Administración pública por un tempo mínimo de 3 anos.
3ª Instancias, memoria e prazo de presentación.
As instancias presentaranse segundo o modelo que figura como anexo I da presente convocatoria. A elas uniranse as certificacións ás que fai referencia o anexo II, así como os documentos (orixinais o copias compulsadas) xustificativas destas.
Os solicitantes deberán presentar, xunto coa instancia, unha memoria sobre o seguinte tema: reflexión persoal sobre posibles medidas de reforma nas administracións públicas españolas. A dita memoria terá unha extensión máxima de dez folios.
Os anexos I e II, xunto coa documentación que corresponda, se é o caso, así como a memoria e a autorización do superior xerárquico para participar no curso, presentaranse no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo nº 1 de San Caetano, ou por calquera dos medios previstos pola normativa reguladora do procedemento administrativo.
O prazo de presentación é de quince días hábiles, contados a partir de seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
4ª Comisión de selección.
A selección dos participantes no curso será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:
Presidente: o director xeral da Inspección Xeral de Servicios.
Vocais: o director xeral, xefe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, o director xeral de Función Pública, o director da Escola Galega de Administración Pública, o director do curso, un representante das organizacións sindicais presentes na mesa de negociación da Xunta de Galicia e un inspector de servicios designado polo director xeral da Inspección Xeral de Servicios, que fará de secretario da comisión, con voz, pero sen voto.
5ª Selección dos participantes.
A selección dos participantes faraa a comisión en dúas fases:
-Baremo de méritos.
-Entrevista persoal.
6ª Baremo de méritos.
No baremo valoraranse, ata un máximo de 4 puntos, os seguintes méritos adquiridos ata a data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
A) Pertenza ós grupos A ou B:
Por pertencer ó grupo A: 2 puntos.
Por pertencer ó grupo B: 1 punto.
A pertenza a un ou outro grupo deberá ser certificada, segundo o anexo II, polo responsable dos servicios de persoal de que dependa o solicitante.
En caso de que unha persoa pertenza ós dous grupos, só se valorará a pertenza ó grupo A.
B) Experiencia en postos de traballo relacionados con tarefas de organización, racionalización e administración orzamentaria, de persoal e sistemas de información, tanto na Administración pública como na empresa privada: 0,10 puntos por cada ano ata un máximo de 2 puntos.
A experiencia desenvolvida na Administración pública deberá ser certificada, segundo o anexo II, polo responsable dos servicios de persoal de que dependa o solicitante. As datas de referencia, para efectos do cómputo do tempo, serán as que figuren nas dilixencias de toma de posesión e de cesamento.
A experiencia desenvolvida na empresa privada acreditarase mediante a presentación de copia compulsada do correspondente contrato e/ou certificación da empresa na que consten a categoría profesional, as funcións desenvolvidas e a duración do contrato de traballo.
7ª Entrevista persoal.
A entrevista valorarase de 0 a 4 puntos e orientarase a determina-las condicións intelectuais e profesionais, calidades humanas e idoneidade dos aspirantes para o desenvolvemento dos postos de inspector e subinspector de servicios. Para este efecto a comisión de valoración formularalle ó aspirante as preguntas que considere procedentes sobre a estructura, contido e conclusións da memoria presentada.
8ª Relación de participantes.
Efectuada a valoración dos méritos, publicarase no taboleiro de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, co fin de que no prazo de 5 días os aspirantes formulen as alegacións que xulguen convenientes.
Finalizadas as entrevistas, a relación de admitidos publicarase igualmente no taboleiro de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sen prexuízo de comunicárllelo directamente ós interesados.
Contra a citada publicación poderase interponer recurso ordinario no prazo dun mes perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.
9ª Características do curso.
-Número de plazas: 25.
-Lugar de celebración: Escola Galega de Administración Pública. Polígono das Fontiñas, s/n, Santiago de Compostela.
-Duración: 65 horas, durante os meses de setembro, outubro e novembro de 1997, ademais do tempo necesario para a realización dos traballos prácticos.
-Horario: xeralmente os xoves e venres, en sesións de mañá e tarde, en semanas alternas.
10ª Modificacións.
A Inspección Xeral de Servicios poderá modifica-la duración, datas e horarios mencionados para adaptalos ás necesidades administrativas e ás continxencias que xurdan no desenvolvemento do curso.
11ª Contido do curso.
Estará constituído polo desenvolvemento teórico-práctico dos seguintes módulos:
-Módulo I.
Título: aptitudes e habilidades para o traballo de inspector e subinspector de servicios.
Contido: efectos humanos da relación do inspector de servicios coas unidades. Variables que se deben
ter en conta na implantación dun sistema de control. A utilización dos resultados do control para a mellora da xestión. A relación de entrevista.
-Módulo II.
Título: técnicas de descrición e análises de procedementos e procesos administrativos.
Contido: técnicas de descrición de procedementos: fluxogramación e documentación. Metodoloxía de análises de procedementos e oportunidades de simplificación e racionalización. O SXPA: o papel da Inspección de Servicios.
-Módulo III.
Título: análises de estructuras e cargas de traballo. Avaliación do rendemento.
Contido: técnicas de análises de cargas de traballo. Análises de estructuras organizativas. Técnicas de avaliación do rendemento.
-Módulo IV.
Título: metodoloxía e técnicas de inspección operativa de servicios.
Contido: modalidades de proxectos de intervención organizativa. Técnicas de inspección e auditoría operativa. Proxectos de mellora organizativa: metodoloxía.
12ª Asistencia.
É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A ausencia xustificada deberá ser autorizada polo director do curso.
A falta de asistencia, aínda que estea xustificada, en máis do 20% das horas lectivas, determinará tamén a cualificación de non apto no curso.
13ª Avaliación do curso.
Ó longo do curso efectuarase unha avaliación do traballo realizado polos participantes nel, considerando, para tal efecto, o seu grao de dedicación e o aproveitamento obtido do contido dos diversos módulos.
14ª Expedición do diploma.
Finalizado o curso, o seu director elevará proposta dos participantes considerados aptos ó inspector xeral de Servicios, que dictará resolución definitiva. A Escola Galega de Administración Pública procederá á expedición do diploma de Inspección de Servicios.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1997.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración
Pública
4867