Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Luns, 23 de xuño de 1997 Páx. 6.031

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 1997 pola que se anuncia o sometemento a información pública das peticións de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento de augas con destino á producción de enerxía eléctrica de potencia nominal non superior a 5.000 kVA no río Tins ou Santabaia, xunto cos proxectos e estudios de avaliación medioambiental do expediente DH.A15.7269 (6/201/3).

Neste organismo autónomo Augas de Galicia achegáronse as peticións de outorgamento de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico con potencia nominal de ata 5.000 kVA dun tramo libre do río Tins ou Santabaia, presentadas cos proxectos das obras e instalacións e estudios medioambientais correspondentes.

No anexo que se inclúe máis abaixo transcríbese a relación individualizada por peticionarios dos aproveitamentos solicitados, onde figuran os datos máis relevantes que os definen, ademais dunha breve descrición das obras que se van executar, facendo constar, se é o caso, a petición de declaración de utilidade pública do aproveitamento para os efectos de expropiación forzosa e imposición de servidumes, e a relación concreta na que se recollen os bens e/ou dereitos afectados cos seus propietarios. Tamén se fai mención da clase de estudio ambiental achegado polo promotor, logo da cualificación do proxecto do aproveitamento, segundo dispón a lexislación vixente.

Co presente anuncio, para darlle cumprimento ó disposto nos artigos 6 do R.D. 916/1985, do 25 de maio, en concordancia co artigo 2.1º do dito R.D. 916/1985 segundo a redacción establecida polo R.D. 249/1988, do 18 de marzo; e 2.4º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, que regula a avaliación dos efectos ambientais para Galicia, sométense de forma simultánea, unha vez rematadas as actuacións de comprobación e de remisión ás consellerías e organismos competentes por razón da materia dos documentos presentados, ó trámite de información pública, no uso das facultades conferidas polo Decreto 63/1997, do 14 de marzo, as peticións e documentación técnica e ambiental que se tratan en concreto no anexo para os efectos do seu coñecemento xeral, co fin de que aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren afectadas nos seus dereitos poidan formular, por escrito, cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións consideren procedentes (indicando a clave do concurso sinalada no

encabezamento e o proxecto ou estudio do peticionario ó que se refiran), persoalmente ou por medio do seu representante con poder suficiente, perante o rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda -Edif. Advos. San Caetano, s/n, 15071 Santiago de Compostela- e dentro do prazo improrrogable de vinte (20) días hábiles.

O prazo comezará a contarse e entenderase aberto a partir da data da derradeira das publicacións que corresponden facer da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Lugo. Transcorrido o dito período de tempo non se admitirá nin se terá en conta escrito ningún.

Para os expresados efectos, este anuncio, ademais da súa inserción nos diarios oficiais mencionados, será obxecto de exposición ó público no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Mazaricos (A Coruña).

Este trámite realízase igualmente para os fins do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, cando os titulares dos bens e/ou dereitos propostos polos peticionarios sexan descoñecidos e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal no seu momento as dilixencias que se produzan destes, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Os que se consideren interesados terán para os devanditos efectos informativos á súa disposición copias das peticións e dos exemplares da documentación técnica e estudios ambientais para que poidan ser examinados, nos días e horas habituais de oficina, nas seguintes dependencias administrativas:

-Proxectos das obras constitutivas dos aproveitamentos e das instalacións electromecánicas da central, subestacións de transformación e liñas de media e baixa tensión e copias das peticións.

* Servicios centrais do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Edif. Advos. San Caetano, s/n, 15071 Santiago de Compostela.

* Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio: Edif. Advos. Monelos, Praza Luis Seoane, 1ª planta, 15008 A Coruña.

* Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente: r/ Algalia de Arriba nº 31, 15071 Santiago de Compostela.

-Estudios de efectos ambientais.

* Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente.

* Comisión Provincial de Medio Ambiente da Coruña, Praza de Pontevedra, 22-2º, 15003 A Coruña.

* Concello de Mazaricos, Avda. Trece de Abril, 59, A Picota-Mazaricos-A Coruña.

(O pagamento do importe deste anuncio, así como das anteriores actuacións realizadas neste procedemento e daquelas que se vaian realizar con posterioridade a esta publicación, serán por conta, no caso de que o houbese, do adxudicatario).

Santiago de Compostela, 27 de maio de 1997.

Emilio García Gallego

Presidente de Augas de Galicia

ANEXO

-Peticionario e promotor: Aluminios Cortizo, S.A.

Representante: José Manuel Cortizo Soñora.

Enderezo: Lugar Extramundi, s/n, 15900 Padrón, A Coruña.

Denominación do aproveitamento: Central Hidroeléctrica no río Santabaia.

* Os aspectos máis destacados son:

Obxecto: producción de enerxía eléctrica.

Caudal: 750 l/s.

Corrente de derivación: río Tins ou Santabaia.

Tramo ocupado (cotas): 302-83 m.

Desnivel: 219 m.

Altura do azude: 6 m.

Potencia: 1.350 kV.

Termo municipal onde radica a toma e demais obras: Concello de Mazaricos (A Coruña).

* Breve descrición das características principais das obras e instalacións:

Azude de derivación e obra de toma.

O azude de derivación é de tipo gravidade cunha lonxitude de coroación aproximada de 18 m (cota de coroación 304 m). Presenta un vertedoiro de perfil Creager do cal o labio se encontra á cota 302 m, cunha lonxitude de vertido de 10 m. O azude de derivación ten unha planta recta e sitúase transversalmente ó leito, presentando no seu estribo esquerdo unha escala para peixes e a toma do aproveitamento.

A obra de toma encóntrase no estribo esquerdo do azude, que é un bocal consistente nun abocinamento da tubería forzada no paramento augas arriba do azude.

Tubería forzada.

A tubería de carga discorre pola ladeira esquerda do río desde a toma no azude ata o edificio da central. Presenta un diámetro de 0,7 m e desenvólvese enterrada ó longo de 2.230 m.

Central.

Proxéctase un edificio de planta rectangular de dimensións 20 mx25 m situada a 6 m do leito do río, á cota 85,5 m. A estructura do edificio é de formigón armado e cuberta de fibrocemento e tella.

Canle de desaugamento.

A descarga proxéctase mediante unha canle de aliñación de alineación recta, cunha sección rectangular construída en formigón, sendo a cota de desaugamento 83 m.

Equipos electromecánicos.

Na casa de máquinas do aproveitamento proxéctanse os seguintes equipos electromecánicos:

-Un grupo xerador formado por unha turbina Pelton dous chorros, 500 r.p.m., para 0,75 m/s e un salto

de 214,5 m (potencia 1.900 C.V.); o alternador é síncrono de 1.350 kVA, 6 kV de tensión e 500 r.p.m.

-Transformador de 1.400 kVA e elevación de 6,3 kV a 20 kV.

-Equipos auxiliares.

* Afeccións:

Efectúase a solicitude de declaración de utilidade pública do aproveitamento, sendo os bens e/ou dereitos afectados polas obras e instalacións ós fins da necesaria expropiación forzosa e/ou imposición de servidumes que sexan procedentes, os que de seguida se indican:

Concello de Mazaricos:

Polígono 89: parcelas 12 á 20; Polígono 90: parcelas 11 á 38, 100, 170; Polígono 91: parcelas 190 á 206; Polígono 93: parcelas 52 á 70; Polígono 94: parcelas 9 á 13; Polígono 95: parcelas 1 á 8, 32 á 46; Polígono 96: parcelas 237 á 244; Polígono 101: parcelas 127 á 130; Polígono 103: parcela 346; Polígono 104: parcelas 220 á 222; Polígono 105: parcelas 1 á 11.

* Estudio de efectos ambientais:

Este documento presentouse conforme a normativa aplicable.

4720