Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 20 de xuño de 1997 Páx. 5.940

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 11 de xuño de 1997 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico e execución de cartografía.

Nos concellos que non dispoñen de planeamento urbanístico propio resultan de aplicación as normas

complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Aínda que estas normas son un instrumento de ordenación urbanística que está a paliar dun xeito salientable a deficiencia de planeamento municipal, resulta preciso conseguir instrumentos que permitan a específica ordenación urbanística do termo municipal, dando a necesaria resposta á dinámica social do Concello.

Por outra banda, procede prestar especial consideración e a axuda necesaria a aqueles concellos que inicien a adaptación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, das figuras de planeamento urbanístico vixentes ou que estean en proceso de tramitación.

Así mesmo, é preciso tamén ter presente o esforzo daqueles concellos que xa acometeron a planificación urbanística xeral e que están a consegui-lo seu desenvolvemento mediante a formulación de plans parciais ou especiais.

Un dos obxectivos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda é que tódolos concellos galegos posúan a súa propia planificación urbanística. Esta circunstancia compromete a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo a renova-las accións desenvolvidas con anterioridade, aplicando parte do seu orzamento a sufraga-los gastos de redacción de planeamento urbanístico municipal.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto da presente orde a concesión de axudas a entidades locais que o soliciten, para a realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico e execución de cartografía, de acordo co disposto no apartado seguinte.

2. Poderán ser obxecto de axuda os seguintes traballos:

a) A redacción, revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento de ámbito municipal previstos na lexislación urbanística, así como plans parciais ou especiais de desenvolvemento de iniciativa pública.

b) A execución de cartografía base para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería. En calquera caso, suporá a entrega, pola entidade local, dos documentos orixinais e demais documentación á consellería.

3. Poderán acollerse ás axudas previstas aqueles concellos que á entrada en vigor da presente orde tiveran xa contratados traballos dos recollidos anteriormente, sempre que os procedementos seguidos se adapten ós que se establecen nesta orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. As axudas outorgadas conforme o disposto na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.332.A.760.00, recollida na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 3º.-Orde de prelación.

1. Para establecer prioridades na selección de solicitudes que presenten os concellos, establécese a seguinte orde de prevalencia:

1º) Redacción de planeamento municipal de concellos que carecen del.

2º) Revisión ou adaptación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, do planeamento municipal vixente.

3º) Adaptación de planeamento municipal en tramitación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

4º) Redacción de plans parciais ou especiais de iniciativa pública.

5º) Execución de cartografía base.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen poderán alcanza-lo 90% do orzamento de contratación previsto.

Non obstante, a axuda poderá alcanza-lo 100% naqueles casos de traballos en curso nos que se produza unha modificación deles como consecuencia da transformación da figura de planeamento en tramitación para a súa adaptación legal.

2. Os orzamentos ós que fai referencia este artigo serán, en calquera caso, os calculados ou aceptados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, logo do informe dos seus servicios correspondentes.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, proveñan de entes públicos ou privados, e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá pór en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

4. A concesión das axudas reguladas na presente orde terá como límite global o crédito orzamentariamente asignado para tal fin, que será o seguinte:

Anualidade de 1997: 40.000.000 de ptas.

Anualidade de 1998: 94.207.718 ptas.

Anualidade de 1999: 214.535.400 ptas.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo dun mes a partir da entrada en vigor desta orde, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no das súas delegacións provinciais, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria na que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita subvención e se determine o orzamento previsto para eles.

b) Para o caso previsto no artigo 1º.3 da presente orde, certificación na que se faga consta-la existencia do contrato de elaboración dos traballos e o seu importe.

Artigo 6º.-Resolución.

1. As solicitudes serán resoltas pola Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo por proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo e Arquitectura.

2. Na notificación das resolucións de concesión das subvencións indicarase a documentación que terá que achega-la entidade local, a contía da subvención, os prazos para a xustificación da realización dos traballos e, se procede, as condicións particulares que en relación coa execución destes deba cumpri-la entidade subvencionada.

3. En ningún caso poderá entenderse concedida a subvención por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo dun mes, contado a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunica-la aceptación da subvención. Para tal efecto deberá achega-la seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, e se manifeste o compromiso de efectua-lo libramento da totalidade dos fondos correspondentes á entidade local con anterioridade ás contribucións da consellería.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existiren, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facer fronte ás contribucións que deberá realiza-la entidade local.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a citada comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impedisen facelo, a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo poderá deixar sen efecto a subvención.

Artigo 8º.-Condición resolutoria.

1. As axudas concedidas de acordo con esta orde deixarán de ter efecto, sen máis trámites, ademais de polo disposto no artigo 7º.2, cando por parte da entidade local beneficiaria se produza unha inactividade na formulación e impulsión dos traballos que conduza ó incumprimento dos prazos fixados na resolución de concesión da subvención, salvo que o incumprimento se deba a circunstancias excepcionais, que deberán xustificarse, en todo caso, con anterioridade ó vencemento dos correspondentes prazos e a satisfacción da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Igual trato terá calquera outro incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión da subvención.

Artigo 9º.-Pregos de prescricións técnicas.

1. As entidades beneficiarias das subvencións empregarán no proceso de contratación dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo. No caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da consellería.

Artigo 10º.-Representantes da consellería.

1. Nas mesas de contratación que se constitúan para a adxudicación dos traballos obxecto de subvención deberá incluírse, como vocal, un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que será designado pola Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo.

Artigo 11º.-Garantías e xustificación do investimento e pagamento.

1. Para garanti-lo adecuado investimento e rendemento das axudas concedidas ó abeiro desta orde, establécense as seguintes regras:

a) A entidade local deberá acredita-lo libramento da totalidade dos fondos correspondentes á súa contribución, de acordo coa porcentaxe establecida na resolución de concesión, como requisito previo ás contribucións da consellería.

b) As contribucións da consellería faranse conforme as porcentaxes establecidas na resolución de concesión, e logo da xustificación da realización da correspondente fase dos traballos.

c) A supervisión e control dos traballos obxecto das axudas serán realizados polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo. Para estes efectos, poderán ter acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das diferentes fases, co obxecto de coordina-la súa execución de acordo coa presente orde. Os informes favorables dos servicios técnicos serán preceptivos para a tramitación e efectividade das axudas.

Artigo 12º.-Investimento plurianual.

1. As axudas previstas na presente orde poderán concederse con carácter plurianual, de conformidade coa lexislación vixente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo para dicta-las resolucións necesarias para realizar novas convocatorias de axudas en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes, así como para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-As entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde deberán someterse, ademais de ás actuacións de comprobación que acorde a entidade concedente, ó disposto no artigos 78.4º, 78.5º e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 4 de xullo de 1996, pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico e execución de cartografía.

Disposición transitoria

Primeira.-Os expedientes resoltos ó abeiro da orde derrogada axustaranse ás prescricións dela, que manterá a súa vixencia para estes únicos efectos.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 1997.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

4795