Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 18 de xuño de 1997 Páx. 5.878

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CULLEREDO

ANUNCIO.

O Pleno Municipal, en sesión celebrada o día 27 de maio de 1997, acordou:

Suspender, de conformidade co apartado 1 do artigo 34 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, o outorgamento de licencias de parcelación de terreos, edificación e demolición nas áreas que seguidamente se describen e que se reflicten no plano elaborado polo equipo encargado da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal que consta no expediente. Esta suspensión extinguirase no prazo dun ano, sen prexuízo da posibilidade dunha nova suspensión trala aprobación inicial do documento que se elabore, nas zonas en que así proceda.

Áreas obxecto de suspensión do outorgamento de licencias:

a) Nunha franxa de 50 metros de largura a cada lado, medida a partir do eixe dos sistemas xerais de viario de nova creación establecidos no plano de Clasificación do Solo do avance de planeamento, seguintes:

-Viario de conexión no próximo ós Magnolios-nó de Ledoño. Exclúese o ámbito do Plan Parcial de ordenación na Zapateira (Augas Mansas). No treito comprendido entre Augas Mansas e o nó próximo ós Magnolios o ámbito de suspensión alcanza, polo leste, o viario que conecta Augas Mansas coa estrada de Castro á Zapateira por Laxe e polo oeste na forma que se reflicte no plano.

-Alternativas viarias á variante da N-550 a Carral desde o nó de Ledoño ata o límite do termo municipal.

-Conexión Arteixo-aeroporto de Alvedro.

-Conexión da autovía A-6 co viario á Coruña polo leste de Souto.

-Viario de conexión desde o nó próximo ós Magnolios que bordea polo sur Laxe e Cadaval ata a súa conexión con Ermida.

-Variante de Ledoño, situada ó leste deste.

-Variante da LC-400 en Celas, situada ó oeste de Celas e Vinseira Pequena.

b) No ámbito do solo urbanizable non programado Área-2 do vixente Plan Xeral de 1987 delimitado por:

-Ó norte o límite do termo municipal.

-Ó leste pola autoestrada A-9.

-Ó sur polo límite do solo urbano así clasificado no avance de planeamento correspondente ó núcleo Laxe.

-Ó oeste por unha liña paralela a 50 m, desde o eixe do viario de nova creación, situado ó sur dos Magnolios, agás no tramo xa urbanizado da estrada de Castro á Zapateira por Laxe, na fronte dos Magnolios e a residencia universitaria Rialta onde se medirán os 50 m, desde o bordo exterior da borda da beirarrúa existente.

c) No ámbito establecido, no avance de planeamento, como centro loxístico de transportes no plano, titulado Clasificación do Solo, do dito documento.

d) No ámbito establecido, no avance de planeamento, como solo urbanizable no plano titulado Clasificación do Solo e cualificado como uso global industrial no plano Usos Globais do Solo e delimitado por:

-Ó norte pola autovía A-6.

-Ó sur polo solo rústico común apto para urbanizar.

-Ó oeste polo centro loxístico de transportes.

e) No ámbito establecido, no avance de planeamento, como uso global industrial no plano Usos Globais do Solo ó oeste da N-550 e lindante con esta.

O que se fai público para xeral coñecemento e sen prexuízo da notificación persoal ós solicitantes de licencias afectadas pola suspensión acordada.

O acordo adoptado ponlle fin á vía administrativa e pode ser impugnado perante a xurisdicción contencioso-administrativa nos prazos e forma previstos na súa lei reguladora.

Culleredo, 29 de maio de 1997.

Julio Sacristán de Diego

Alcalde

4709