Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Venres, 13 de xuño de 1997 Páx. 5.670

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 5 de xuño de 1997 pola que se declara provisionalmente o río Tea como espacio natural en réxime de protección xeral.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, no seu artigo 21.2º faculta as comunidades autónomas coas competencias na materia para establecer figuras de protección distintas ás establecidas no seu artigo 12.

Con base nisto e en virtude das competencias establecidas no artigo 27.3.d) do Estatuto de autonomía para Galicia, asumidas pola Xunta de Galicia polo Real Decreto 1535/1984, do 20 de xuño, foi regulada a figura de espacio natural en réxime de protección xeral mediante o Decreto 82/1989, do 11 de maio.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, facendo uso da facultade outorgada polo artigo 6 do devandito Decreto 82/1989, do 11 de maio, con carácter preventivo e para salvagardar certos espacios ante posibles riscos ou ameazas de degradación e para garanti-lo mantemento dos ecosistemas,

DISPÓN:

Artigo 1º

Iníciase o trámite de inclusión no rexistro de espacios naturais de Galicia do río Tea, cos límites que se describen no artigo 3º da presente orde.

Artigo 2º

Perante a necesidade de dotar este río dunha protección preventiva, declárase provisionalmente espacio natural en réxime de protección xeral, de acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 82/1989, do 11 de maio.

Artigo 3º.-Límites:

O espacio natural en réxime de protección xeral o constitúe o leito principal do río Tea, desde o seu nacemento no monte Mancelo, parroquia de Fraga, municipio do Covelo ata a parroquia de Corzáns, termo municipal de Salvaterra de Miño, onde desemboca no río Miño.

Estarán incluídas, ó mesmo tempo, a zona de servidume de 5 metros de largo para uso público que linda co leito do río, regulada na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para desenvolver certas cuestións de carácter xeral que se deriven da aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

4521