Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 12 de xuño de 1997 Páx. 5.634

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do transporte de mercadorías por estrada da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de transporte de mercadorías por estrada da provincia de Lugo (código 2700505), da provincia de Lugo, asinado o día 24 de abril de 1997, pola representación da Asociación de Transportes Discrecionales de Mercancías por Carretera (Tradime), da Asociación de Empresarios de Agencias de Carga Fraccionada, da Asociación de Agencias de Carga Completa e das centrais sindicais CC.OO., CIG e UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 20 de maio de 1997.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de transporte de mercadorías

por estrada da provincia de Lugo

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As disposicións do presente convenio obrigan a tódalas empresas e traballadores da provincia de Lugo que teñan as súas actividades reguladas pola Ordenanza laboral de transportes por estrada e, para maior concreción, indícanse seguidamente:

Servicios regulares de mercadorías, servicios discrecionais de mercadorías, transporte de peixe, transportes frigoríficos, transportes líquidos, transportes especiais (guindastres, etc.), transportes locais de mercadorías, explotación de túneles e autoestradas, garaxes, aparcamentos e servicios de lavado e engraxamento, despachos auxiliares ou centrais de FFCC con vehículos automóbiles, transportes de mobles, mudanzas gardamobles, servicios de alugueiro de coches con ou sen conductor.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación en toda a provincia de Lugo, quedando sometidas a el tanto as empresas xa existentes como as de nova creación

deste ámbito territorial ou que, aínda tendo o seu domicilio social noutro lugar, teñan establecementos na provincia de Lugo, en canto ó persoal adscrito a elas.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1997 e finalizará o día 31 de decembro de 1998.

Artigo 4º.-Denuncia.

Ó extinguirse o período de aplicación e vixencia do presente convenio este considerarase expresamente denunciado, sen necesidade de efectuar ningún trámite.

Artigo 5º.-Interpretación do convenio.

Para a interpretación do contido deste convenio, vixia-lo seu cumprimento e, en xeral, para atender a aquelas cuestións que poidan derivarse da súa aplicación, crearase unha comisión mixta paritaria, formada por dous representantes de cada unha das partes que no seu momento designen as asociacións patronais e centrais sindicais que asinan o convenio.

No caso de desacordo, as partes someteranse á arbitraxe do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación, sen prexuízo das competencias que correspondan á xurisdicción laboral.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

No caso de nulidade parcial por modificación de calquera das condicións, quedará na súa totalidade sen eficacia práctica e deberá negociarse todo o seu contido.

Artigo 7º.-Lexislación supletoria.

En todo o non recollido no presente convenio aplicarase o que determine a Ordenanza laboral do transporte por estrada, a pesar de estar derrogada, na medida en que non contradiga a lexislación laboral vixente e en tanto non se aprobe un acordo marco estatal ou autonómico sobre a materia.

Artigo 8º.-Condición máis beneficiosa.

Respectaranse as situacións persoais que en cómputo anual excedan destas normas. Toda vez que as melloras que se implantan en virtude deste convenio teñen carácter de mínimas estimadas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito implantadas polas empresas que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Capítulo II

Xornada, vacacións e descansos

Artigo 9º.-Xornada.

A xornada laboral será de 1.816 horas en cómputo anual, sendo de aplicación ó respecto o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o Real decreto 1561/1995.

Artigo 10º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio colectivo desfrutará de 30 días naturais de vacacións dentro do ano natural, sen distinción de antigüidade ou categoría profesional e de acordo coa normativa laboral vixente.

Para os traballadores que ingresen ou rematen o seu contrato no transcurso do ano, ratearanse os días de vacacións en función do tempo de prestación de servicios.

As empresas e os representantes legais dos traballadores/as ou, en ausencia destes, os propios traballadores, procurarán pactar un calendario de vacacións nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 11º.-Permisos.

Independentemente dos xa establecidos no Estatuto dos traballadores, e que se relacionan a continuación, para todo o persoal afectado polo presente convenio colectivo establécese un día non laborable e non recuperable dentro da xornada de 1.816 horas.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, o traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia.

No suposto no que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Tendo en conta a existencia dun grande número de traballadores en paro, tenderase á eliminación das horas extras durante a vixencia do presente convenio. En calquera caso, as empresas terán que respectar escrupulosamente os topes legais existentes.

Capítulo III

Retribucións

Artigo 13º.-Salario de convenio.

Será para o ano 1997 o que se establece para cada categoría na correspondente columna do anexo adxunto, aplicándose con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1997 e servirá de base ou módulo para o cálculo de tódolos complementos persoais de posto de traballo, de cantidade e de calidade. Con independencia desta retribución establécese un salario mínimo de 84.666 pesetas mensuais, como mínimo, sexa cal sexa a categoría profesional de que se trate.

O incremento salarial pactado para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 1997 é dun 3%.

Para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 1998 o incremento salarial será dun 3%.

Artigo 14º.-Revisión salarial.

Para o ano 1997 establécese unha cláusula de revisión para o caso de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 1997 rexistrase un incremento superior ó 3%. Nese caso efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1997, servindo de base para o incremento do ano 1998.

Para o ano 1998, no suposto de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 1998 rexistrase un incremento, con relación á mesma data de 1997, superior ó 3%, efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1998 e servirá de base para o incremento do ano 1999.

Artigo 15º.-Atrasos de convenio.

Os atrasos que resulten da aplicación do presente convenio faránselles efectivos ós traballadores como máximo durante os trinta días seguintes á publicación deste convenio no BOP de Lugo.

Artigo 16º.-Plus de convenio.

Establécese para todo o persoal no ano 1997 un plus de 11.120 pesetas mensuais, cotizable á Seguridade Social.

Artigo 17º.-Antigüidade.

Para todo o persoal afectado polo presente convenio establécense as percepcións que seguidamente se relacionan polo concepto de antigüidade con carácter de máximas:

-2 anos, 1.500 pesetas mensuais.

-4 anos, 3.000 pesetas mensuais.

-9 anos, 6.000 pesetas mensuais.

-14 anos, 9.000 pesetas mensuais.

-19 anos, 12.000 pesetas mensuais.

-24 anos, 15.000 pesetas mensuais.

-29 anos, 18.000 pesetas mensuais.

O disposto anteriormente enténdese sen prexuízo dos dereitos adquiridos respecto a cantidades xa consolidadas e que veñen percibindo actualmente os traballadores.

Artigo 18º.-Pagas extra.

As pagas serán tres: Nadal, xullo e beneficios, pagadeira esta última no mes de marzo. O importe destas pagas será, cada unha delas, igual ó salario base de 30 días establecido no convenio máis antigüidade.

Artigo 19º.-Complemento persoal de idiomas.

Para todo aquel persoal incluído no ámbito deste convenio que para o desempeño do seu traballo faga uso dalgún idioma estranxeiro, establécese un complemento persoal de 11.783 pesetas mensuais para cada idioma empregado.

Para o recoñecemento deste complemento requirirase o uso utilitario do idioma cun nivel adecuado para o entendemento básico nun nivel de conversación comercial.

Para a determinación da aptitude necesaria e do dereito á percepción deste complemento polos traballadores afectados, a comisión mixta paritaria do convenio establecerá anualmente un mínimo dunha convocatoria de probas que se levará adiante coa concorrencia de técnicos titulados nos idiomas correspondentes, que serán os que determinarán o contido das probas que se efectuarán e valorarán as condicións dos concorrentes ás probas, sen menoscabo da súa ratificación polos representantes que integran a comisión mixta paritaria do convenio.

Artigo 20º.-Plus de perigosidade.

Para os traballadores ó servicio da empresa á entrada en vigor do convenio de transporte de mercadorías por estrada do ano 1993 e que manipulen ou transporten habitualmente mercadorías explosivas, inflamables ou tóxicas, establécese un plus de perigosidade na contía de 40.000 pesetas.

Para os traballadores que se contratasen a partir da entrada en vigor dese convenio e que realicen as tarefas indicadas no apartado anterior, establécese un plus de 40.000 pesetas no caso de que se contraten por tempo inferior a un ano. Se a contratación é por tempo superior a un ano ou indefinida, a contía do referido plus é de 22.000 pesetas.

Artigo 21º.-Axudas de custo.

A contía das axudas de custo queda establecida nas cantidades que seguidamente se relacionan:

-Destacamento, 3.925 pesetas.

-España e Portugal, 4.490 pesetas.

-Resto de Europa, 5.670 pesetas.

A axuda de custo de destacamento entrará en vigor cando o traballador leve, como mínimo, 15 días de permanencia na mesma praza.

Para o ano 1998 o importe das axudas de custo será o resultado de aplicar ás axudas de custo vixentes no ano 1997 un incremento do 3%.

Artigo 22º.-Incapacidade temporal derivada de accidente de traballo e incapacidade temporal con hospitalización.

Para tal suposto, as empresas completarán a prestación económica da Seguridade Social ata o 100% do salario regulador.

Igualmente, a empresa satisfará o 100% do salario en caso de IT que motive hospitalización e polo período de duración dela. Cando, a xuízo da empresa, existan indicios razoables para presumir algunha irregularidade, poderá requiri-lo traballador para que se someta a recoñecemento do facultativo que a empresa designe, sendo a cargo desta os gastos que se orixinen por tal motivo.

Artigo 23º.-Seguro de invalidez ou morte.

As empresas comprendidas no ámbito de aplicación deste convenio contratarán, no prazo máximo de 30 días a partir da súa publicación no boletín oficial deste texto articulado, unha póliza de seguros con primas íntegras ó seu cargo, para tódolos traballadores, que cubrirán os riscos de morte e invalidez permanente (graos de total, absoluta e grande invalidez) derivados de accidente de traballo, incluído in itinere.

As contías serán as seguintes:

-Morte do traballador: 3.600.000 pesetas.

-Invalidez permanente: 4.100.000 pesetas

Artigo 24º.-Xubilacións.

Os traballadores que, con 10 anos como mínimo de antigüidade na empresa, decidan voluntariamente xubilarse anticipadamente e sempre e cando exista acordo previo entre o traballador e a empresa, recibirán unha gratificación mínima das contías que seguidamente se relacionan:

-Ós 60 anos de idade, 1.246.300 pesetas.

-Ós 61 anos de idade, 1.081.500 pesetas.

-Ós 62 anos de idade, 906.400 pesetas.

-Ós 63 anos de idade, 700.400 pesetas.

-Ós 64 anos de idade, 545.900 pesetas.

A solicitude de xubilación anticipada deberá efectuala o traballador cun mes de antelación ó cumprimento da idade na que se pretende acoller a este beneficio.

Ó cumprir os 65 anos de idade a xubilación será obrigatoria para o traballador, sempre e cando reúna o período de carencia necesario para acceder á correspondente prestación e coa única excepción de que solicitase con anterioridade ó asinamento deste convenio a xubilación anticipada e esta se encontrara en trámite ou pendente de acordo coa empresa, excepción esta que rexerá exclusivamente durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 25º.-Cláusula de inaplicación salarial.

Cando unha empresa das incluídas no ámbito de aplicación deste convenio pretenda a inaplicación do

nivel retributivo establecido nel, deberá proceder do seguinte xeito:

1. A empresa interesada na inaplicación deberá solicitala remitindo á comisión paritaria do convenio escrito polo que comunique a súa intención de acollerse ó presente artigo e a causa ou causas que invoque para iso, debendo así mesmo remitir á comisión paritaria, nos 30 días seguintes a tal comunicación, a documentación que acredite a causa ou causas invocadas, documentación entre a que figurará, necesariamente, a presentada pola empresa con carácter obrigatorio ante o Ministerio de Facenda, Rexistro Mercantil e outros organismos oficiais referida ó último exercicio.

2. A comisión paritaria terá un termo dun mes, desde a presentación da documentación a que se fai referencia no punto anterior, para resolver. Dentro deste termo dun mes escoitarase a representación dos traballadores da empresa solicitante, así como ós representantes da propia empresa solicitante ante os sindicatos e organizacións empresariais partícipes da mesa negociadora.

3. Será requisitos necesarios para obte-la inaplicación do nivel retributivo do convenio estar ó día no seu aboamento ata a data de resolución da comisión paritaria, salvo nos casos nos que a comisión paritaria considere oportuno o incumprimento deste requisito.

4. Así mesmo, a empresa debe dar conta da situación de inestabilidade no exercicio anterior e demostrar que, no caso de aplica-lo réxime salarial pactado no convenio, tería que proceder a medidas de extinción ou suspensión de contratos.

5. No caso de estimar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo que se aplicará na empresa afectada, que en ningún caso debe afecta-la estructura establecida para o salario deste convenio.

6. En todo caso, o beneficio de inaplicación só se entende ata o remate do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no momento da solicitude ou, se é o caso, para o prazo que estimase a comisión paritaria.

7. A comisión paritaria expedirá copia fidedigna da súa resolución remitindo exemplares dela á representación da empresa, ós seus traballadores e ós sindicatos e organizacións empresariais que participaron no proceso. Tamén a remitirá á autoridade laboral, para efectos de rexistro, depósito e publicación.

Capítulo IV

Disposicións adicionais

Primeira.-Carné de conducir.

Os conductores e quen como consecuencia de conducir un vehículo da empresa por orde e conta dela ós que, se lles retire o seu permiso de conducción por tempo non superior a 6 meses, serán acoplados este tempo a outro traballo, aínda que sexa de categoría

profesional inferior, nalgún dos servicios de que dispoña a empresa, e seguirá percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto na presente disposición non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores que se viran privados do permiso de conducir a consecuencia do consumo de drogas ou de inxestión de bebidas alcohólicas en cantidade superior á permitida pola lei.

Segunda.-Dereitos sindicais.

As empresas poderán deducir, a través das nóminas, as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais que correspondan. Os interesados deberán solicitalo por escrito á dirección da empresa. Os importes retidos serán entregados á persoa ou entidade que designe a central sindical correspondente.

Terceira.-Garantías sindicais.

Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte, se é o caso, do remate do seu mandato, salvo que esta se produza por revogación ou demisión, e sempre que o despedimento ou sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación.

Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedeceran a outra causa, deberá tramitarse expediente contradictorio no que serán oídos, á parte do interesado, o comité de empresa ou delegado sindical, no suposto de que estea recoñecido como tal na empresa.

Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón do desempeño da súa representación.

Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación publicando ou distribuíndo, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, comunicando todo iso previamente á empresa exercendo tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para o efecto.

Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

Sen excede-lo máximo legal, poderán ser consumidas horas retribuídas de que dispoñen os membros de comités de empresa ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia a cursos de formación organizados polos sindicatos.

Cuarta.-Taboleiro de anuncios.

Tódalas empresas afectadas por este convenio facilitaranlles ós traballadores un taboleiro de anuncios. A súa utilización estará circunscrita a temas de carácter laboral ou sindical, entendidos amplamente. O taboleiro de anuncios poderá ser empregado tamén polas empresas para a inclusión de calquera anuncio ou comunicación que consideren de interese.

Quinta.-Formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes das asociacións provinciais de empresarios de transportes de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten ó sector de transportes, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha como nos que poidan programar en diante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a definir a organización e programación daquela, tanto ocupacional como regulamentada (observatorio ocupacional).

-Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do Mercado Único.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Táboa salarial convenio transporte mercadorías por estrada

Vixencia 1-1-1997 ó 31-12-1997

Categoría profesional

Soldo

base

Plus

convenio

Retribuc.

anual

Grupo 1. Persoal técnico superior

Subgrupo A
Xefe de servicio129.38111.1202.074.155
Inspector principal115.45011.1201.865.190
Subgrupo B
Enxeñeiro e licenciados114.88611.1201.856.730
Enxeñeiros técnicos e auxiliares titulados96.18211.1201.576.170
Axudante técnico sanitario89.30911.1201.473.075

Grupo 2. Persoal administrativo
Xefe de sección99.06011.1201.619.340
Xefe de negociado93.37911.1201.534.125
Oficial de 1ª87.57311.1201.447.035
Oficial de 2ª85.10011.1201.409.940
Auxiliar administrativo85.10011.1201.409.940

Sección 2ª. Persoal de axencias de transporte
Encargado xeral102.08511.1201.664.715
Encargado de almacén98.21811.1201.606.710
Capataz94.35111.1201.548.705
Auxiliar de almacén e báscula85.10011.1201.409.940
Mozo especializado (día)2.83911.1201.425.185
Mozo carga e descarga e reparto (día)2.83911.1201.425.185

Subgrupo B. Transporte de mercadorías
Xefe de tráfico de 1ª102.08511.1201.664.715
Xefe de tráfico de 2ª98.21811.1201.606.710
Xefe de tráfico de 3ª94.35111.1201.548.705
Conductor mecánico (día)3.05411.1201.523.010
Conductor (día)2.97511.1201.487.065
Conductor motocicleta e furgoneta (día)2.88911.1201.447.935
Axudante (día)2.83911.1201.425.185
Mozo especializado (día)2.83911.1201.425.185
Mozo (día)2.83911.1201.425.185

Sección 1ª. Grupo E: garaxes e aparcamentos
Encargado xeral de 1ª102.08511.1201.664.715
Encargado xeral de 2ª98.22011.1201.606.740
Encargado de almacén94.35111.1201.548.705
Engraxador-lavacoches (día)2.83911.1201.425.185
Garda caixeiro2.83911.1201.425.185
Gardas de noite e día. Mozo (día)2.83911.1201.425.185

Categoría profesional

Soldo

base

Plus

convenio

Retribuc.

anual

Sección 2ª. Grupo F: estacións de lavado e engraxe
Encargado de 1ª102.08511.1201.664.715
Encargado de 2ª98.22011.1201.606.740
Engraxador. Mozo de servicio (día)2.60511.1201.318.715

Subgrupo F. Transporte de mobles. Mudanzas

e gardamobles

Xefe de tráfico102.08511.1201.664.715
Inspector visitador98.21811.1201.606.710
Encargado de almacén gardamobles. Capataz94.35111.1201.548.705
Mozo especializado (día)2.85811.1201.433.830
Mozo (día)2.83911.1201.425.185
Carpinteiro (día)2.94611.1201.473.870
Conductor mecánico (día)3.05411.1201.523.010
Conductor (día)2.97411.1201.486.610
Conductor furgonetas e motocicletas (día)2.88911.1201.447.935
Capitonista (día)2.86511.1201.437.015

Grupo 4. Persoal de talleres
Xefe de taller105.86611.1201.721.430
Encargado ou contramestre94.78211.1201.555.170
Encargado xeral91.49111.1201.505.805
Encargado de almacén88.00611.1201.453.530
Xefe de equipo (día)3.09511.1201.541.665
Oficial de 1ª (día)3.01711.1201.506.175
Oficial de 2ª (día)2.88911.1201.447.935
Oficial de 3ª. Mozo de taller (día)2.83911.1201.425.185

Grupo 5. Persoal de guindastres
Conductor mecánico (día)3.96211.1201.936.150
Conductor operador de guindastre (día)3.64711.1201.792.825
Operador de guindastre (día)3.33211.1201.649.500

Persoal subalterno
Cobrador de facturas, telefonista, porteiro e vixilante86.29011.1201.427.790
Limpadora (por horas)1.13611.120650.320

4322