Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 12 de xuño de 1997 Páx. 5.621

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xuño de 1997 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Vigo-Sida.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Vigo-Sida con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. César Martínez Vázquez, en calidade de representante legal da fundación, en escrito do 19 de decembro de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña José Luis Lorenzao Areán, co número mil cincocentos oitenta e tres do seu protocolo, por Carlos Fernández Grassi, César Antonio Martínez Vázquez, Javier de la Fuente Aguado, Antonio Ocampo Hermida, Celia Miralles Álvarez, Maximiliano Álvarez Fernández, Isabel María Iglesias Martín, María Isabel Otero Varela, Pedro Rodeiro Segade e Marta Iglesias Mojón, que interveñen no seu propio nome. Esta escritura foi complementada por outra posterior, con data do vintecatro de abril de mil novecentos noventa e sete, ante o mesmo notario e co número mil douscentos sesenta e un do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, promove-la investigación e tratamento de enfermidades infecciosas na área de influencia hospitalaria asignada oficialmente ó Complexo Hospitalario Xeral-Cíes, poñendo ó alcance dos investigadores os medios da fundación para alcanzar unha investigación de alta calidade.

4. O padroado da fundación estará constituído por Carlos Fernández Grassi como presidente, César Antonio Martínez Vázquez como vicepresidente, Bernardo Sopeña Pérez Argüelles como director científico, Javier de La Fuente Aguado como director administrativo e Antonio Ocampo Hermida, Celia Miralles Álvarez, Maximiliano Álvarez Fernández, Isabel María Iglesias Martín, María Isabel Otero Varela e Pedro Rodeiro Segade como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Vigo-Sida, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de

organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinteseis de maio de mil novecentos noventa e sete.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Vigo-Sida e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

4338