Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 12 de xuño de 1997 Páx. 5.613

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 2 de xuño de 1997 pola que se desenvolve unha liña de axudas ó aseguramento dos riscos das operacións de exportación da empresa galega.

Mediante o Decreto 454/1996, do 26 de decembro, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 8, do 14 de xaneiro de 1997, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega, créanse dúas novas liñas de axudas financeiras tendentes a apoiar, por unha banda, o aseguramento dos riscos inherentes ás operacións de exportación a países non pertencentes á Unión Europea que realicen as empresas radicadas en Galicia e, por outra banda, o establecemento destas últimas no estranxeiro.

O artigo 2 do decreto mencionado establece que corresponderá á Consellería de Economía e Facenda a aprobación da normativa reguladora das distintas convocatorias de axudas, debéndose fixar nesta normativa ou nas convocatorias específicas aquelas disposicións relativas á delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións delas, así como os prazos de presentación, modelos de solicitude e demais trámites para a concesión.

A presente orde apróbase co obxecto de desenvolve-la normativa reguladora e realiza-la convocatoria das axudas correspondentes ó programa de subvencións a fondo perdido sobre o custo das primas de seguro que se concerten en cobertura de riscos de natureza comercial, política ou catastrófica, incluído na liña de axudas de apoio ó aseguramento dos riscos inherentes ás operacións de exportación prevista no Decreto 454/1996, para os efectos de incentiva-las pequenas e medianas empresas galegas na súa actividade de comercio internacional.

Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Pola presente orde desenvólvese a normativa reguladora e convócanse as axudas correspondentes ó programa de subvencións a fondo perdido sobre o custo das primas de seguro que se concerten en cobertura de riscos de natureza comercial, política ou catastrófica correspondentes a operacións de exportación que realice o beneficiario con destino a países non membros da Unión Europea, incluído na liña de axudas de apoio ó aseguramento dos riscos inherentes ás operacións de exportación, creada polo Decreto 454/1996, do 26 de decembro, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 8, do 14 de xaneiro de 1997, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega.

Con independencia da convocatoria de axudas a que se fai referencia no parágrafo anterior, que se realiza mediante a presente orde, o Igape poderá subscribir convenios con compañías de seguros co obxecto de establece-los mecanismos de colaboración necesarios que faciliten a tramitación, xestión e liquidación das axudas recollidas nela e permitan ás pequenas e medianas empresas a obtención das condicións financeiras máis vantaxosas posibles. Os convenios que, se é o caso, se subscriban faranse públicos á través de resolución do Igape publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2º.-Concesión e xestión das axudas.

2.1. A concesión e xestión das axudas a que se refire esta orde será efectuada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con cargo ós conceptos de gastos 0443 71350 77001 do programa de promoción do seu orzamento para o exercicio 1997, quedando subordinada a súa concesión en exercicios futuros ás dispoñibilidades orzamentarias que anualmente se establezan, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. A resolución de concesión de subvencións efectuarase ordenadamente por data de presentación de solicitudes mentras exista crédito orzamentario suficiente no exercicio de que se trate, procedéndose á súa denegación sen máis causa no momento que se esgote o dito crédito, o que, se é o caso, se fará público a través de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

3.1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas pola presente orde aquelas sociedades mercantís e sociedades cooperativas que teñan a consideración de pequenas e medianas (Pemes), conforme a definición establecida pola Unión Europea. Para os ditos efectos, terá a consideración de Peme a unidade económica con personalidade xurídica que, á data de peche do último exercicio, reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores e

b) Que teña ben un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de Ecus, ou ben un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de Ecus, e

c) Que cumpra o criterio de independencia. Para estes efectos consideraranse empresas independentes aquelas nas que o 25% ou máis do seu capital ou os seus dereitos de voto non pertenza directa ou indirectamente a outra empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de Peme segundo os tres requisitos establecidos, salvo se se trata de sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investimentos institucionais, sempre que estes non exerzan ningún control sobre a empresa.

Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste apartado, terase en conta o seguinte tipo de cambio do Ecu: 1 Ecu=160 pesetas.

En caso de que durante a vixencia desta orde, a Unión Europea establecese unha definición de Peme diferente da anterior, será de aplicación para estes efectos a nova definición que se estableza, o que será obxecto da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3.2. Tamén poderán ser beneficiarias das ditas axudas as sociedades mercantís e sociedades cooperativas que, sen te-la condición de Peme, presenten expedientes de solicitude comprendidos no marco da presente orde e que se consideren de especial interese socioeconómico polo Igape ou respecto ás que a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos declarase a necesidade ou conveniencia de apoio.

3.3. Quedan expresamente excluídas das axudas reguladas pola presente orde as compañías que teñan actividade puramente comercial ou de trading.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As empresas beneficiarias das axudas obxecto desta orde deberán te-lo seu enderezo social e fiscal e o centro principal da súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Actividades subvencionables.

Son subvencionables ó abeiro desta orde as actividades económicas seguintes:

a) As de extracción, procesamento e transformación das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento e transformación de minerais e os seus derivados.

c) A industria transformadora e os servicios de apoio industrial.

Artigo 6º.-Modalidade e destino das axudas.

A axuda consistirá en subvencións a fondo perdido sobre o custo das primas dos seguros que se concerten a partir da resolución do Igape con compañías de seguros, en cobertura de riscos de natureza comercial, política ou catastrófica, sempre que as ditas compañías estean legalmente autorizadas a operar nalgunha das modalidades de seguro descritas e a cobertura se refira exclusivamente a operacións de exportación con pagamento aprazado que realice o beneficiario con destino a países non pertencentes á Unión Europea.

As operacións de seguro subvencionables haberán de referirse exclusivamente á cobertura de riscos de exportacións que realice a empresa beneficiaria a partir da formalización do contrato de seguro, nunca a exportacións xa efectuadas e pendentes de cobramento.

En ningún caso se considerarán subvencionables as comisións ou gastos derivados da póliza ou contrato que non se correspondan estrictamente co custo da prima de seguro, nin os tributos ou recargos legalmente repercutibles que se inclúan nas primas.

Artigo 7º.-Características dos contratos de seguro subvencionables e axuda financeira do Igape.

7.1. Importe da operación de seguro subvencionable.

O importe máximo de exportacións aseguradas con dereito a prima subvencionada, determinarase baseándose nalgún dos seguintes factores referidos ó exportador: o volume total de exportacións a países non pertencentes á Unión Europea do último exercicio, a evolución do volume de vendas histórico de exportación e as perspectivas futuras da empresa solicitante con base na carteira actual de pedidos en firme.

O importe máximo anual de exportacións aseguradas con prima de seguros subvencionada por empresa beneficiaria será de 1.000 millóns de pesetas.

7.2. Período de vixencia do seguro e da subvención.

A vixencia da póliza ou contrato de seguro subvencionable non poderá supera-los tres anos a partir da data de resolución do Igape, subvencionándose unicamente o custo das primas que se devenguen durante o prazo máximo de 1 ano a partir da data da dita resolución, que se considerará o período de vixencia da subvención.

En ningún caso se subvencionará o custo das primas pagadas por anticipado que non se correspondan con operacións de exportación realizadas durante o período de vixencia da subvención.

Non obstante o establecido nos parágrafos anteriores, logo de solicitude polo beneficiario ó Igape, o que se efectuará cunha antelación mínima de 2 meses respecto ó remate do período de vixencia da subvención, e coa conformidade da compañía aseguradora, o Igape, en consideración ó grao de utilización da póliza subvencionable e ás perspectivas futuras de exportación, poderá conceder ata dúas ampliacións do período de vixencia da subvención por un ano adicional cada unha delas. Nas resolucións individuais de modificación mediante as que se aprobe calquera das dúas ampliacións do período de vixencia previstas, establecerase un novo importe máximo de exportacións aseguradas con prima subvencionable para o dito período, podéndose revisar igualmente a porcentaxe de subvención aprobada, todo iso en función dos factores arriba mencionados así como da demanda de novas solicitudes recibidas e as dispoñibilidades orzamentarias existentes.

7.3. Contía da axuda.

A subvención a fondo perdido por empresa beneficiaria axustarase ós seguintes límites cuantitativos:

a) Con carácter xeral, ata un 30% do importe da prima do seguro considerada subvencionable.

b) No caso de empresas que exporten por primeira vez, sempre que iso resulte suficientemente acreditado, a subvención poderá acadar ata un 50% do importe da prima considerada subvencionable.

En ningún caso o importe final de subvención por empresa beneficiaria superará a cantidade de 16 millóns de pesetas nun período de tres anos.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes e documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será o dos dez primeiros meses de cada ano natural.

As solicitudes de axuda dirixiranse ó Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e incluirán os documentos relacionados a continuación, sempre que os mesmos non obrasen xa actualizados no Igape en virtude doutro expediente correctamente identificado, e que non teñan unha antigüidade superior a seis meses:

1) Instancia dirixida ó Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conforme o modelo que figura como anexo I da presente orde.

2) Proposta de contrato de seguro que se pretende subscribir e acreditación da súa aprobación por compañía de seguros legalmente habilitada para operar na modalidade de seguro de que se trate. Na mesma deberá constar, entre outros extremos, a previsión inicial de exportacións a países non pertencentes á Unión Europea que se pretende asegurar e a porcentaxe de prima que se vai aplicar.

3) Documentación acreditativa das circunstancias persoais e rexistrais do solicitante: copia da tarxeta de identificación fiscal e copia da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos, así como, se é o caso, as modificacións deles.

4) Certificación dos administradores ou do secretario do consello de administración da empresa solicitante, co visto e prace do presidente, na que figure:

-A composición actual do consello de administración.

-O detalle de accionistas con participación superior ó 10%, con indicación do nome ou razón social e da porcentaxe de participación.

-O número de traballadores actuais, así como o volume de negocios e o activo total neto referidos ambos á data de peche do último exercicio.

-No caso de que a empresa estivese implantada no estranxeiro, identificación detallada das filiais, sucursais ou establecementos no que participe ou que posúa o beneficiario ou as súas filiais en cada un dos países.

5) No caso de solicitudes correspondentes a empresas participadas por outras empresas en porcentaxe superior ó 25%, deberán presentar certificación das empresas accionistas, emitida por representante con poder bastante, na que figure a composición do seu capital, o seu número de traballadores actuais e o volume de negocios e activo total neto correspondente á data de peche do último exercicio.

6) Copia compulsada da alta no imposto de actividades económicas do solicitante e do último recibo pagado por este imposto.

7) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitidas polos organismos competentes.

8) Certificación de que o beneficiario non ten contraída débeda algunha coa Xunta de Galicia.

9) Copia compulsada da declaración do Imposto de Sociedades correspondente ó último exercicio.

10) Copia simple emitida polo Rexistro das Contas Anuais completas e, se é o caso, do informe de auditoría alí depositados, correspondentes ó último exercicio.

11) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou que ten previsto solicitar para o mesmo proxecto, especificando o organismo concedente, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

12) Certificación do órgano de administración da sociedade na que figuren os seguintes datos:

-O volume de exportacións a países non pertencentes á Unión Europea referido ó último exercicio, con indicación expresa da distribución xeográfica por productos e países de destino. Deberá xuntarse fotocopia dos correspondentes documentos oficiais de exportación.

-A evolución do volume histórico de exportacións e perspectivas futuras consonte a carteira actual de pedidos en firme.

O Igape poderá solicitarlle ó interesado calquera outra información e documentación que considere conveniente para os efectos da correcta análise da solicitude.

No caso de que, de acordo co disposto no artigo 1, o Igape subscriba convenios de colaboración con compañías de seguros que teñan por obxecto facilita-la tramitación, xestión e liquidación das axudas recollidas nesta orde, as solicitudes de axuda e a documentación que deba acompañalas que se relaciona neste artigo deberán presentarse na dita compañía de seguros, nos termos establecidos no respectivo convenio, o que tramitará as solicitudes por ela autorizadas ó Igape. Neste caso o prazo de solicitudes establecido de dez meses será de aplicación á propia compañía de seguros, de tal forma que as solicitudes que estas tramiten con posterioridade ó vencemento do prazo límite quedarán fóra do ámbito de aplicación desta orde.

Artigo 9º.-Resolución.

O Igape, á vista da documentación presentada e de acordo cos requisitos e condicións establecidos, resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de corenta e cinco días desde a recepción da solicitude coa documentación completa establecida no artigo 8. As solicitudes de axuda

que non fosen resoltas no dito prazo poderán considerarse desestimadas.

A resolución que se dicte seralles notificada ós solicitantes e á compañía aseguradora, no caso de que con esta última se concertase convenio de colaboración, facéndose constar polo menos nela, en caso de concesión, o límite de exportacións con prima subvencionable, a porcentaxe de prima subvencionada e a contía máxima de subvención concedida, así como o período de vixencia da subvención.

En caso de resolución de concesión e sempre que non se interpuxese recurso administrativo contra ela, os beneficiarios deberán manifestar ó Igape a súa aceptación á resolución recaída e ás condicións establecidas nela dentro do prazo de quince días contados desde a súa notificación. Transcorrido o dito prazo sen que os beneficiarios manifesten expresamente a súa aceptación quedará sen efecto a concesión da subvención.

A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumpri-las condicións e obrigas establecidas na resolución, nesta orde e demais disposicións que sexan de aplicación.

A resolución que se dicte non porá fin á vía administrativa, podendo interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes contado desde a súa notificación.

Artigo 10º.-Formalización do contrato de seguro.

Unha vez comunicada a resolución do Igape, o seguro formalizarase entre as partes conforme os procedementos e condicións xerais establecidos ó respecto pola compañía de seguros, tramitándose mediante unha póliza ou contrato no que se faga constar, polo menos, os seguintes extremos: a característica de estar acollido ás axudas reguladas mediante esta orde, o límite de exportacións a asegurar con prima subvencionada, que en ningún caso será superior ó establecido na resolución, a porcentaxe de prima que se vai aplicar así como o seu devengo e a periodicidade con que deban de facerse efectivas as mesmas, a vixencia do seguro, e, se é o caso, a posibilidade de prórrogas, e que a cobertura do seguro referirase única e exclusivamente a riscos derivados de operacións de exportación que realice o beneficiario con destino a países non pertencentes a Unión Europea.

O prazo máximo para a formalización do seguro a partir da data da comunicación da concesión da subvención será dun mes, a partir do dito prazo esta considerarase sen efecto, salvo autorización expresa do Igape, a vista da solicitude de prórroga razoada do beneficiario coa conformidade da compañía de seguros, efectuada antes do vencemento do respectivo prazo.

Artigo 11º.-Xustificación e aboamento da subvención.

Unha vez finalizado o período de vixencia establecido inicialmente na resolución de concesión e,

se é o caso, o de cada unha das prórrogas aprobadas, e satisfeitas á compañía aseguradora a totalidade das primas devengadas durante o dito período, o beneficiario poderá presentar no Igape a solicitude de cobramento de subvención correspondente á anualidade de primas de seguro subvencionables de que se trate, de tal forma que como máximo se poderán efectuar tres solicitudes de cobramento no caso de que se autorizasen as dúas ampliacións de prazo previstas no artigo 7.2.

A solicitude de cobramento realizaraa o beneficiario dentro dos 4 meses seguintes ó do remate do prazo de vixencia, e axustarase ó modelo que figura como anexo II a esta orde, debéndose acompañar dos seguintes documentos:

-Fotocopia compulsada da póliza ou contrato de seguro subvencionable subscrito e xustificación, se é o caso, das súas prórrogas.

-Xustificación á data de presentación da solicitude de cobramento do cumprimento por parte da empresa das súas obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, así como de non ter contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia, o que se efectuará mediante a aportación de certificacións emitidas polos organismos competentes.

-Certificación emitida polo beneficiario, na que se describa con suficiente detalle as operacións de exportacións aseguradas con prima subvencionada, debéndose de facer constar nela a súa distribución por partidas arancelarias, países de destino, clientes, data de expedición, data de vencemento, divisa, tipo de cambio e importe en pesetas. A dita certificación estará soportada polos correspondentes documentos oficiais de exportación: o DUA ou o que corresponda segundo a normativa en vigor, dos que se xuntarán copias compulsadas.

-Certificación do beneficiario na que se exprese con suficiente detalle o importe das primas subvencionables devengadas durante o período de vixencia, que fosen pagadas, acompañada dos documentos xustificativos correspondentes: liquidacións da compañía de seguros, recibos de pagamento e extracto da conta bancaria na que figure o cargo.

Unha vez que o Igape considere xustificados os extremos arriba sinalados e en xeral cumpridas as condicións establecidas na resolución individual, procederá ó aboamento da subvención correspondente.

Nos convenios de colaboración que, se é o caso, se subscriban con compañías de seguros, poderanse establecer sistemas de xustificación e pagamento da subvención con intervención das ditas compañías que faciliten e axilicen a xestión dos expedientes, sempre e cando os requisitos anteriores resulten suficientemente acreditados.

Artigo 12º.-Idioma dos documentos aportados.

Tódolos documentos que deba presenta-lo beneficiario para os efectos da presente axuda, deberán

vir redactados en galego ou castelán o, noutro caso, acompañados da súa traducción oficial a calquera dos idiomas anteriores.

Artigo 13º.-Incidencias posteriores á concesión e modificación da subvención.

O Igape resolverá as incidencias relativas ó expediente de concesión das axudas que se produzan con posterioridade a ela e, en especial, os supostos de cambios de titularidade, modificacións da actividade e prórrogas para a xustificación das condicións establecidas, así como as modificacións por ampliación do período de vixencia a que se refire o artigo 7.2º.

O Igape poderá incoar procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, en base á solicitude do beneficiario. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da subvención.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

14.1. Procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o momento de calquera pagamento con cargo á subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-las condicións requeridas para iso.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumprimento das condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto dos anteriores, poderá dar lugar a un incumprimento parcial e o seu alcance será determinado en función do grao e a entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta delas.

14.2. Coa notificación do correspondente acordo de cancelación da subvención iniciarase o proceso de xestión recaudatoria previsto por esta consellería para o reintegro de axudas e subvencións.

14.3. Así mesmo, o Igape poderá esixi-las correspondentes responsabilidades ás partes implicadas nos convenios de colaboración que, se é o caso, se subscriban, no caso de actuación con neglixencia grave ou dolo, en detrimento do cumprimento das finalidades destas subvencións.

Artigo 15º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea, salvo que nos convenios ou normas que se dicten para o desenvolvemeno das axudas

reguladas pola presente orde se estableza a non compatibilidade delas con outras axudas da mesma natureza ou finalidade.

Artigo 16º.-Información e inspección.

Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, o Igape, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designe, poderá efectua-las inspeccións que considere oportunas para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento dos seus requisitos. Os beneficiarios e as compañías de seguros participantes nos convenios de colaboración que se é o caso se subscriban, deberán facilitar ó máximo o dito labor inspector e aporta-la documentación ou información ó respecto que lles sexa solicitada.

Disposicións adicionais

Primeira.-Corresponde ó Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nesta orde, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten en aplicación dela.

Segunda.-Correspóndelle ó Igape a facultade de concertar convenios coas compañías de seguros, así como de fixa-las súas condicións para a instrumentación e xestión das axudas recollidas na presente orde.

Terceira.-Modificación da Orde do 25 de febreiro de 1997 pola que se desenvolve unha liña de axudas ó establecemento no estranxeiro da empresa galega, no que respecta á definición da pequena e mediana empresa:

1. Suprímese o seguinte parágrafo do artigo 4.1.: «Para o cálculo dos umbrais a) e b), adicionaranse as cifras correspondentes á empresa beneficiaria e de tódalas empresas que posúan o 25% ou máis do seu capital ou dos dereitos de voto».

2. No artigo 4.1, substitúese: «No caso de que durante a vixencia desta orde, a Unión Europea establecese unha definición de Peme diferente da anterior, será de aplicación para estes efectos a nova definición que se estableza», por: «En caso de que durante a vixencia desta orde, a Unión Europea establecese unha definición de Peme diferente da anterior, será de aplicación para estes efectos a nova definición que se estableza, o que será obxecto da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

97-4445