Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Luns, 09 de xuño de 1997 Páx. 5.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 134/1997, do 22 de maio, sobre desconcentración de competencias sancionadoras en materia de vivenda nos delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

O artigo 103.1º da Constitución elevou a desconcentración ó rango de principio inspirador da actuación administrativa.

A desconcentración opera como instrumento para lograr unha maior eficacia no funcionamento da Administración e como medio de acadar un maior achegamento ó administrado.

A Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda, establece que en defecto de procedemento específico haberá que aterse ó procedemento sancionador xeral. Na súa disposición derradeira primeira autoriza o Consello da Xunta a dictar cantas disposicións de aplicación e desenvolvemento sexan necesarias.

O Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, R.D. 1398/1993, do 4 de agosto, establece a posibilidade de desconcentración por unha disposición administrativa de carácter xeral da titularidade e o exercicio das competencias sancionadoras en órganos xerarquicamente dependentes daqueles que as teñan atribuídas.

O artigo 12.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común establece así mesmo a posibilidade de que a titularidade e o exercicio das competencias atribuídas ós órganos administrativos poidan ser desconcentradas noutros xerarquicamente dependentes daqueles.

A propia estructura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a organización do traballo das súas unidades administrativas fan necesaria unha desconcentración das competencias sancionadoras atribuídas na Lei de infraccións en materia de vivenda ó conselleiro e ó director xeral do IGVS, nos delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo

de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintedous de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desconcéntranse nos delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda as competencias para a imposición das sancións que, segundo a Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda, correspondan ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e ó director xeral do IGVS.

Artigo 2º

As resolucións dictadas en virtude de desconcentración poderán ser obxecto de recurso ordinario.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

4340