Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 30 de maio de 1997 Páx. 5.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Secope, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo de Secope, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13-3-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo delegado de persoal o día 9-3-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Adminis

tración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 17 de abril de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa

Limpiezas Secope, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación a tódolos traballadores da empresa limpezas Secope, S.A., que presten os seus servicios no centro de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos do Concello de Ribeira.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórrogas.

O presente convenio entrará en vigor, independentemente da data do seu asinamento, o 1 de xaneiro de 1997.

A súa duración será de 2 anos, até o 31 de decembro de 1998.

A súa denuncia será de carácter automático.

As partes comprométense, tres meses antes do seu remate, a inicia-la negociación dun novo convenio.

Este convenio considérase automaticamente prorrogado durante o tempo que medie entre a data de expiración e a de aprobación do novo convenio ou norma que o substitúa.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Do non recollido no presente convenio haberá que aterse ó disposto no recollido no convenio do sector (convenio xeral do sector de limpeza pública, viaria, regos, recollida, tratamento e eliminación de residuos e limpeza e conservación da rede de sumidoiros).

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza e orixe delas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de aplicación

xeral, só poderán afectar as condicións pactadas no presente convenio, cando, consideradas, as novas retribucións en cómputo anual, superen as aquí pactadas.

En caso contrario, serán absorbidas e compensadas por estas últimas, subsistindo o presente convenio nos seus propios termos e sen ningunha modificación nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º.-Comisión mixta de garantías.

Estará formada por 1 representante da parte económica e 1 representante da parte social, que será o delegado de persoal. Ambas partes poderán contar con asesores e xuntaranse por instancia de calquera delas, cantas veces sexa preciso, debendo celebrarse a reunión dentro dos seguintes cinco días hábiles á convocatoria. As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica da totalidade das cláusulas deste convenio.

2. Estudio de valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio, que puidesen afecta-lo seu contido.

3. Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflictos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio serán sometidas á comisión mixta paritaria antes de presenta-la reclamación pertinente ante o organismo competente.

A dita comisión deberá emiti-la súa resolución non prazo máximo de cinco días hábiles, a partir do día en que foi solicitado.

As funcións e actividades da comisión mixta de garantías non obstruirán, en ningún caso, o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lei.

Organización do traballo.

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da empresa.

A empresa facilitará o exercicio do traballo de maneira que o persoal non sufra atrasos no desenvolvemento do seu cometido debido a persoas ou feitos alleos á dita empresa.

Cada traballador realizará o traballo propio da súa categoría. Se por necesidade do servicio un traballador viñese desempeñando funcións de categoría superior, cobrará, desde o primeiro día, o salario desa mesma categoría.

Artigo 8º.-Promoción.

No caso de existiren prazas de superior categoría terá preferencia, para acceder a elas, o persoal activo da empresa do centro de traballo, polo que se promocionará para as ditas categorías ó persoal que demostre a súa aptitude, logo da superación das probas selectivas, cunhas bases e requisitos necesarios que marcará a empresa, para o que esta se compromete a da-las facilidades para que o traballador poida acadala formación precisa, ós traballadores que pretendan acceder ás ditas prazas y que reúnan os requisitos adecuados.

No caso de que as prazas quedasen vacantes a empresa podería solicitar ós distintos profesionais das oficinas de emprego.

Artigo 9º.-Categorías profesionais.

As categorías profesionais para este convenio, só no relativo ás condicións económicas, son as que figuran na táboa salarial do anexo I do convenio.

Artigo 10º.-Contratación.

A contratación de novos traballadores farase sempre por medio do INEM, en oferta pública, renunciando a outro tipo de contratacións, especialmente daquelas empresas que practiquen a cesión temporal (ETTs).

Condicións de traballo.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada será de 38 horas semanais, o que supón unha xornada diaria de 6 horas de luns a sábado, con 2 horas máis este día (sábado) pola tarde para a limpeza do mercado, e incluíndo 20 minutos para o bocadillo, como tempo efectivo de traballo.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas conforme a táboa salarial achegada como anexo I. No salario das vacacións incluiranse os conceptos salariais seguintes: salario, antigüidade, TPeP e plus de asistencia.

O persoal que se incorpore á empresa ó longo do ano desfrutará da parte proporcional das vacacións que lle correspondan. Se a dita contratación fose despois do 30 de setembro, desfrutará da parte proporcional dentro do mesmo ano nunha data que se acordará coa empresa.

As vacacións desfrutaranse ó longo de todo o ano, agás nos meses de xuño a agosto, de acordo co calendario exposto nos taboleiros da empresa, de acordo entre os traballadores e esta, de xeito que non existan discriminacións, e se non hai acordo, estas serán rotativas entre os traballadores.

Artigo 13º.-Permisos e licencias.

O persoal terá dereito ó desfrute de permisos e licencias retribuídas nos seguintes supostos:

a) 15 días hábiles en caso de contraer matrimonio.

b) 3 días en caso de enfermidade grave de familiares en primeiro grao. Se o feito se produce fóra da localidade de residencia, o permiso será de 5 días.

c) 3 días en caso de falecemento de calquera familiar en primeiro grao, e 2 días se o é de segundo grao, se o feito ocorre fóra da localidade, o permiso será de 2 días máis.

d) 3 días en caso de nacemento de fillos/as. Se o feito ocorre fóra da localidade de residencia, o permiso será de 5 días.

e) 1 día por traslado de domicilio habitual.

f) 1 día por matrimonio de fillos/as e 2 se é fóra da localidade.

g) O desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando se cursen estudios para a obtención dalgún título, tanto académico coma profesional. Deberá ser acreditada sempre a concorrencia ós ditos exames.

h) O tempo necesario para recibir asistencia médica ou sanitaria, sempre que sexa por un médico especialista, debendo acreditarse documentalmente.

i) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

j) Polo tempo necesario para a renovación do carné de conducir, aqueles traballadores que teñan a categoría de conductor.

k) Catro días laborables ó ano sen xustificar, que se desfrutarán antes do 31 de decembro de cada ano, logo da petición con 48 horas de antelación.

A empresa resérvase o dereito de non concede-las ditas licencias cando as solicitudes coincidentes nunha mesma data supoñan unha grave deterioración no servicio. Estes días non terán carácter acumulativo dun ano a outro, non poderán ser remunerados en caso de renunciar ó seu desfrute. Neste punto consideranse laborables aqueles festivos que por ser consecutivos sexa necesario realiza-lo servicio de recollida. As licencias e permisos serán retribuídos a salario real, como se se estivese traballando.

As licencias e permisos empezarán a contar na data en que se produza o feito que os motiva, ou no día seguinte se o traballador tivese finalizado xa a quenda de traballo. Cando se fala de días enténdense días naturais.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal.

No caso de baixa por incapacidade temporal derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, contraída como consecuencia da prestación de traballo neste centro, a empresa complementará ata o 100% do salario real, mentres dure a situación de IT. En caso de enfermidade común, a empresa complementará o 100% do salario durante os primeiros 3 meses de IT, agás o plus de nocturnidade e transporte. En caso de maternidade ou hospitalización tamén terá dereito á dita prestación.

Artigo 15º.-Aviso previo de cesamentos.

Haberá que aterse ó que dispoña a lexislación vixente nesta materia en cada momento.

Artigo 16º.-Pezas de roupa.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e a empresa facilitada cada ano as seguintes pezas de roupa:

Conductores: 2 fundas ó ano, 1 anorak, 1 par de botas de seguridade, luvas anticorte.

Peóns: 3 fundas ó ano, 1 anorak ou peza de roupa térmica similar, 2 pares de botas de seguridade, 1 par de botas de agua, 1 traxe de agua, luvas anticortes.

A roupa entregarase do 1 ó 15 de maio, e a roupa precisa para o inverno do 15 ó 30 de setembro.

Condicións sociais.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

En caso de accidente laboral ou enfermidade profesional como consecuencia da actividade desenvolvida para a empresa, da que se derive morte, incapacidade laboral permanente absoluta ou gran invalidez para calquera actividade laboral, o traballador ou os seus beneficiarios percibirán en concepto de indemnización a cantidade de 3.000.000 de ptas., independentemente das prestacións que puidesen corresponderlle por este motivo.

Artigo 18º.-Excedencias.

Terá dereito a solicita-la excedencia todo traballador que teña unha antigüidade mínima dun ano na empresa, concedéndose esta por un período comprendida entre 1 e 5 anos.

A petición de excedencia deberá facerse cun mes de antelación, como mínimo.

A incorporación ó posto de traballo deberá ser solicitada 1 mes antes de ter finalizado a excedencia.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A excedencia considerada forzosa, cando sexa debida a algunha das causas seguintes:

1. Nomeamento para cargo público, político ou sindical.

2. Enfermidade.

3. Servicio militar ou civil substitutorio.

O traballador por lactación dun fillo menor de 9 meses, terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, que poderá ser ó principio ou ó final da xornada de traballo; esta ausencia poderá prorrogarse ata que o fillo cumpra 9 meses.

Poderá solicitar excedencia todo traballador en activo que posúa un cargo sindical, tanto sexa da estructura directiva da central sindical á que pertenza, como a institución galega ou estatal en calquera das súas modalidades; esta excedencia será con dereito a reserva de posto de traballo, debéndose avisar, cando menos, cunha antelación dun mes da

súa reincorporación á empresa, que se fará de xeito automático, contándose o tempo de excedencia para efectos de antigüidade na empresa.

O traballador enfermo pasará a situación de excedencia forzosa cando se agote o prazo máximo de permanencia na incapacidade temporal (IT).

A duración desta excedencia será a establecida pola lexislación da Seguridade Social para invalidez provisional.

O traballador deberá solicita-lo reingreso, que será automático dentro dos trinta días seguintes ó de alta por curación, en caso de non facelo así, agás causa de forza maior, causará baixa na empresa.

Do non especificado neste artigo haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Servicio militar ou civil substitutorio.

Os traballadores pasarán a situación de excedencia polo tempo que dure o seu servicio militar ou civil substitutorio, debendo pórse a disposición do seu centro de traballo, como máximo un mes despois do seu licenciamento, xa que, en caso de non facerse así, considerase extinguida a relación laboral, agás nos casos debidamente xustificados.

Artigo 20º.-Cobertura por retirada do carné de conducir.

Nos casos de retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará ó conductor afectado a outro posto de traballo, conservándolle a categoría e soldo durante un período máximo de tres meses; transcorrido o dito prazo adaptaráselle, tanto o soldo coma a categoría ó seu novo posto de traballo. O traballador reintegrarase á súa categoría e posto anterior nun prazo de 3 meses a partir da devolución do mencionado carné.

Este beneficio non terá efecto cando a dita retirada sexa por imprudencia temeraria, conducción baixo os efectos das drogas ou alcohol.

Artigo 21º.-Axuda escolar.

A empresa achegará, a partir do curso académico 1997-1998, anualmente e dunha soa vez unha axuda para estudios oficiais de fillos de traballadores, que terá un importe de 5.000 ptas. por fillo para EXB, ou gardería, 8.000 ptas. ano por fillo en ensinanzas medias, e 25.000 ptas. ano por fillo para estudios superiores, para o curso 1997-1998, que se aboará na primeira quincena de marzo de 1998.

Artigo 22º.-Comité de seguridade e hixiene.

Haberá que aterse ó disposto na Lei de prevención de riscos laborais neste tema.

Artigo 23º.-Revisións médicas.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio, terán dereito de pasar unha revisión médica anual, gratuíta por conta da empresa, e en horas de traballo. Así mesmo, todo traballador que o solicite será vacinado contra da gripe e da hepatite B.

Dereitos sindicais.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

O delegado de persoal disporá dun crédito de horas sindicais mensuais retribuídas a salario real (como se estivese traballando), para o desenvolvemento das súas funcións representativas e sindicais. Estas horas poderán acumularse mensualmente. A empresa poderá pedir certificación xenérica da utilización destas horas.

As reunións para a negociación do convenio colectivo, así como as que convoque a representación empresarial, non se computarán a efectos do consumo de crédito de horas sindicais.

A empresa manterá en bo estado os taboleiros de anuncios de cada centro, así como lle facilitará ó delegado o acceso ós medios de reproducción da empresa, sempre que os escritos ou documentos teñan relación coa actividade do delegado dentro da empresa.

Artigo 25º.-Cota sindical.

A empresa descontará da nómina dos traballadores que o soliciten por escrito a cota sindical correspondente.

Condicións salariais.

Artigo 26º.-Retribucións salariais.

A estructura do salario está constituída polos seguintes conceptos:

Salario base.

Antigüidade.

Plus de asiduidade.

Plus de nocturnidade.

Plus tóxico, penoso ou perigoso.

Plus de transporte.

Pagas extraordinarias.

Artigo 27º.-Salario base.

É o que está recollido para cada categoría na táboa salarial que figura como anexo I deste convenio colectivo. Devengarase por día natural.

Artigo 28º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade queda establecido por bienios ó 5% sobre o salario base de cada categoría, ata un máximo dun 15% (tres bienios), e a partir deles devengaranse quinquenios dun 7%, sobre o salario base de cada categoría, respectando o tope máximo do artigo 25 do Estatuto do traballadores.

Este complemento devengará os mesmos días có salario base.

Artigo 29º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte lineal de 7.400 ptas., non cotizable, para tódalas categorías, que se devengará en 11 pagas.

Artigo 30º.-Plus de nocturnidade.

Todo o persoal afecto a este convenio que realice máis da metade da súa xornada laboral diaria entre as 22 e as 6 horas percibirá un plus de nocturnidade por cada día efectivo de traballo, consistente nun 25% do salario base diario.

Artigo 31º.-Plus de asiduidade.

Por cantidade e calidade do traballo e día efectivo de traballo, cada traballador recibirá un plus denominado de asiduidade, que está recollido para cada categoría no anexo I deste convenio.

Artigo 32º.-Plus tóxicos, penosos e perigosos.

Todo o persoal afecto ó servicio que desempeña ás súas funcións nos servicios de varrido, recollida e talle mecánico, recibirá un plus denominado tóxico, penoso ou perigoso, que consistirá nun 20% do salario base diario, e que se aboará por día efectivo de traballo.

Artigo 33º.-Pagas extraordinarias.

Durante o transcurso do ano percibiranse tres pagas extraordinarias, que serán as seguintes:

1. Paga extraordinaria de verán, que se aboará coa mensualidade de xuño e se devengará semestralmente día a día desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño.

2. Paga de Nadal, que se aboará coa mensualidade de decembro e se devengará semestralmente e día a día, desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro.

3. Paga de beneficios, que se aboará coa mensualidade de marzo, computándose anualmente día a día, e rateándose naqueles traballadores que non teñan cumprido o ano na empresa.

Artigo 34º.-Horas extraordinarias.

Acórdase reducir ó mínimo as horas extraordinarias; estas só se realizarán en casos excepcionais, por necesidades perentorias dos servicios, danos

extraordinarios e urxentes, sendo comunicadas ós representantes dos traballadores e tendo a consideración de horas estructurais; serán aboadas de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 35º.-Anticipos.

O persoal que así o solicite por escrito, terá dereito a percibir un anticipo a conta do traballo realizado durante a mensualidade en que se solicita, por importe de ata o 80% do salario devengado.

Os anticipos deberán solicitarse con 24 horas de antelación.

Artigo 36º.-Pagamento do salario.

O aboamento dos salarios será mensual e o pagamento realizarase mediante transferencia bancaria, para iso a empresa ordenará as ditas transferencias, como límite, antes dos 4 primeiros días dos mes posterior ó que corresponda o pagamento.

Outras condicións.

Artigo 37º.-Subrogación.

Ó remate, rescisión ou abandono da contrata pola concesionaria, neste caso Secope, S.A., tódolos traballadores adscritos ó servicio de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do Concello de Ribeira, pasarán a ser adscritos á nova empresa titular da dita contrata, respectando os dereitos e condicións laborais, económicas e sociais, así como as obrigas que contén este convenio colectivo.

A empresa facilitará toda a documentación e información necesaria para que poida efectuarse a dita adscrición coa nova empresa contratista.

Artigo 38º.-Dereito supletorio.

Nas materias non reguladas no presente convenio haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

Artigo 39º.-Incrementos salariais.

1. Para o ano 1997.

Apróbase a táboa salarial achegado como anexo I.

ANEXO I

CategoríaSalario basePlus Trans.TP y PPlus Asid.P. ExtrasVacaciónsTotal anual

Encargado xeral184.4047.40036.88115.000184.404236.2853.470.032
Encargado111.7517.40022.35015.000111.751149.1012.205.865
Conductor-mecánico93.5747.40018.71515.00093.574127.2891.889.590
Conductor83.5747.40016.59715.00083.574115.3011.714.304
Peón79.8787.40015.82615.00079.878111.4981.650.276
Aux. Adm.111.7517.400-15.000111.751126.7511.937.665
Administr.153.2207.400-15.000153.220168.2202.559.700

2. Para o ano 1998 a subida salarial será, para tódolos conceptos, a do persoal funcionario do Concello de Ribeira.

3209