Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 29 de maio de 1997 Páx. 5.070

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 16 de maio de 1997 pola que se convocan bolsas de iniciación á investigación agraria en centros dependentes do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria.

Coa finalidade de que os estudiantes do último curso de especialidades agrarias ou recentemente titulados, adquiran máis coñecementos e práctica, en temas propios dos seus estudios que lles facilite unha máis ampla formación profesional, establécese unha liña de axuda económica en forma de bolsas para prácticas.

Polo exposto, en virtude das atribucións que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente, e os artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse dez bolsas de iniciación á investigación no eido da mellora xenética de cereais, que se desenvolverá no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo, A Coruña), cunha dotación mensual por bolsa de 80.000 ptas. (oitenta mil pesetas).

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das devanditas bolsas os solicitantes maiores de idade que resulten seleccionados e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Demostrar estar matriculados no último curso das carreiras de enxeñería superior ou enxeñería técnica en especialidades agrícolas durante o ano académico 1996-1997 ou te-las titulacións indicadas.

b) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

c) Ter veciñanza administrativa en Galicia ou ser natural de Galicia ou fillo de emigrantes galegos no exterior.

d) No caso de títulos expedidos por centros non pertencentes á Unión Europea, será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Carácter da bolsa.

A concesión da bolsa, dado o seu carácter formativo, non suporá ningún tipo de vínculo laboral

ou estatutario entre o beneficiario e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes subscribirá unha póliza de seguro colectivo de accidentes ós bolseiros, que cubrirá os riscos durante o período de concesión da bolsa.

Artigo 4º.-Período da bolsa e contía.

A duración do período de desfrute da bolsa será dun mes, comprendido este entre os meses de xullo e setembro, segundo as datas que se determinen, e a súa contía global máxima é de 80.000 ptas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán presentarse no rexistro da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes irán dirixidas ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, segundo modelo normalizado do anexo I, xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte.

b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados debidamente cotexados.

c) Expediente académico completo de cualificacións, e certificación orixinal ou compulsada de estar matriculado no último curso das carreiras de enxeñeiros superiores ou enxeñeiros técnicos en especialidades agrícolas no ano académico 1996-1997 ou te-las titulacións indicadas.

d) Declaración orixinal na que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións e ó desfrute doutras bolsas ou axudas.

e) Ademais do exame da documentación, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A documentación achegada será examinada e avaliada por unha comisión integrada por:

Presidente: o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Vocais: o director do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, o director e dous investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Secretario: un funcionario administrativo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, sen voz nin voto.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación e selección.

A selección realizarase tendo en conta o expediente académico completo de cada solicitante e os méritos alegados, segundo o seguinte baremo:

a) Valoración das cualificacións académicas:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

-Disciplinas pendentes de cursos anteriores (aínda que non se presentasen): 0 puntos.

b) Valoración expediente académico:

(Suma puntos de notas x 10) / (número de materias)

c) Valoración polo título acadado:

-Título de enxeñeiro superior (especialidades agrícolas): 2 puntos.

-Título de enxeñeiro técnico agrícola: 1,50 puntos. (Valoración máxima 2 puntos).

d) Outras valoracións:

Poderanse valorar tamén, sempre que veñan perfectamente acreditados documentalmente:

-Coñecementos informáticos: ata 3 puntos.

-Coñecementos de galego:

-Curso de iniciación: 2 puntos.

-Curso de perfeccionamento: 4 puntos.

(Valoración máxima 4 puntos).

-Outros idiomas: ata 3 puntos.

e) O resultado xeral da selección será publicado nos taboleiros de anuncios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, sen prexuízo da comunicación persoal ós solicitantes que resulten adxudicatarios.

Artigo 8º

En virtude do artigo 43º.2 C) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, quedarán desestimadas tódalas peticións que non puidesen ser resoltas expresamen

te no prazo legal, con independencia da obriga da Administración de dicta-la oportuna resolución.

Artigo 9º

A falsidade na documentación achegada ou a ocultación de datos darán lugar á denegación da bolsa solicitada ou a perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades ás que houbese lugar.

Artigo 10º.-Obrigas dos bolseiros:

a) O beneficiario deberá incorporarse ó centro indicado na convocatoria, no prazo sinalado na comunicación de adxudicación. De non incorporarse perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, entrando en substitución o primeiro suplente seleccionado e sucesivamente.

b) Realiza-las tarefas encomendadas polo titor asignado no ámbito da mellora xenética (polinizacións, contaxes, etc.), nos tempos e lugares que se lle indiquen.

c) Presentar ó final do período de desfrute da bolsa o correspondente informe sobre o labor realizado ou sobre o interese que os traballos de iniciación e investigación lle merecen desde o punto de vista da súa futura orientación profesional.

Artigo 11º

Ó termo do período da bolsa, o Centro de Investigacións Agrarias emitirá unha certificación a favor do bolseiro co fin de que poida incorporala ó seu currículum vitae.

Artigo 12º

Esta convocatoria financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.432B.480.0 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, por un importe máximo de 895.000 ptas.; deste global destinaranse 95.000 ptas. para contratar unha póliza de seguro de accidentes que cubrirá os riscos para 10 bolseiros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

3120