Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 29 de maio de 1997 Páx. 5.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 28 de maio de 1997 pola que se impoñen servicios mínimos mentres dure a folga convocada no transporte da Ría de Vigo.

Resultando que a central sindical UGT, e cumprindo os requisitos legais, presentou preaviso de folga para todo o transporte de viaxeiros na Ría de Vigo, con carácter indefinido desde o día 29 de maio.

Considerando que o Real decreto lei 17/1977, que regula o dereito de folga, determina no seu artigo 10 apartado 2º que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acorda-las medidas necesarias para asegura-lo funcionamento dos servicios.

Considerando que, como servicios esenciais da comunidade, o mantemento dos cales delimita o contido do dereito de folga, hai que entede-los que lles fan posible ás persoas o exercicio dos dereitos e liberdades básicas, incluíndose, polo tanto, a libre circulación, o acceso ós lugares de traballo e o libre transporte, e que se ben existe a posibilidade de transporte alternativo entre as localidades de Cangas, Moaña e Vigo, o transporte a través da ría constitúe un medio tradicional e necesario ó permitir un máis cómodo e rápido acceso a Vigo dos traballadores que se desprazan á devandita cidade.

Considerando que por Real decreto 323/1991 do 15 de marzo, se regulou a prestación de servicios

mínimos no transporte marítimo regular de cabotaxe de pasaxeiros e mercadorías.

Considerando por Real decreto 383/1996, do 13 de setembro que se lle transferiu á Xunta de Galicia a competencia sobre transporte marítimo realizado entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma e ó ser de competencia exclusiva da Xunta de Galicia o transporte da Ría de Vigo compete a esta Comunidade Autónoma a determinación dos servicios mínimos.

Considerando que en defecto de normativa específica reguladora da materia, procede a aplicación supletoria do Real decreto 323/1991, en virtude do establecido no artigo 38.2º do Estatuto de autonomía para Galicia, terá que entenderse referida ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a asignación competencial do ministro de Obras Públicas contida no artigo 2 do devandito real decreto.

Vistos a Constitución española, a Lei orgánica 1/1981, de 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia, o Real decreto lei 17/1977, o Real decreto 383/1996, do 13 de setembro, o Real decreto 323/1991, así como as sentencias do Tribunal Constitucional do 17 de julio de 1981, 8 de abril de 1981 e 5 de maio de 1986. Esta consellería, oído o comité de folga,

RESOLVEU:

Establece-los seguintes servicios mínimos durante os días que dure a folga:

* Servicios Cangas-Vigo:

2 servicios antes das 8 h.

1 servicio ás 15 h.

2 servicios despois das 19.30 h.

A capacidade mínima será de 200 prazas, salvo nunha das expedicións da mañá que deberá ser de 400.

* Servicio Moaña-Vigo:

2 servicios antes das 8 h.

1 servicio ás 15 h.

2 servicios despois das 19.30 h.

Os servicios prestaranse cunha capacidade mínimo de 100 prazas, agás un dos que se prestarán antes das 8 h. que deberá cubrirse cunha capacidade de 200 prazas.

As saídas de Vigo con destino a Cangas e a Moaña efectuarase media hora máis tarde da establecida para as saídas de Cangas e Moaña e cunha capacidade de 200 e 100 prazas respectivamente.

A empresa deberá notificarlle á Capitanía Marítima de Vigo as tripulacións que efectuarán os servicios mínimos.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 1997.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

97-3929