Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 1997 Páx. 5.028

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 13 de maio de 1997 pola que se convoca proceso de selección para o nomeamento de recadadores.

O Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, prevé unha convocatoria pública de selección para o nomeamento dos recadadores que van estar á fronte das zonas de recadación creadas no seu artigo 8.

Con tal fin, en uso da autorización contida na disposición adicional do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase proceso de selección para o nomeamento dos recadadores que van estar á fronte das zonas de recadación de: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Artigo 2º

1. Poderán participar na presente convocatoria aquelas persoas que á entrada en vigor desta orde reúnan os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario de carreira a algún dos corpos seguintes:

1º Corpo superior de inspectores de finanzas do Estado ou da escala superior de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2º Corpo de xestión da facenda pública do Estado ou da escala técnica de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar cunha antigüidade de catro anos de servicios prestados nos corpos ou escalas do apartado anterior.

c) Atoparse en posesión do diploma de aptitude para o desempeño do cargo de recadador da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Ministerio de Economía e Facenda.

d) Non ter notas desfavorables ou sancións non canceladas ou prescritas, nin estar inhabilitado para o exercicio do cargo.

2. Será obrigatorio para os solicitantes participar no proceso de selección de tódalas zonas que se convocan no artigo 1º.

Artigo 3º

1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Tributos desta consellería, conforme o modelo que figura como anexo, no prazo de 20 días a partir do seguinte ó da publicación desta orde. Nelas indicará a orde de preferencia en relación con tódalas zonas das que o seu proceso de selección se convoca.

2. Ás solicitudes achegarase a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos ós que se refire o artigo anterior, así como certificacións, expedidas polos órganos competentes, en relación coas circunstancias obxecto de baremo previstas no artigo seguinte.

3. Ademais, xuntarase unha memoria relativa á organización, funcionamento e tarefas para desenvolver nunha zona ideal de recadación, que necesariamente incluirá unha simulación do número de valores cargados e contía destes, con proposta do cadro de persoal necesario para a súa xestión.

Artigo 4º

Para a selección dos recadadores baremaranse as seguintes circunstancias:

1. Por cada ano de antigüidade como funcionario de carreira do corpo superior de inspectores de finanzas do Estado ou da escala superior de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,20 puntos.

Por cada ano de antigüidade como funcionario de carreira do corpo de xestión da facenda pública ou da escala técnica de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,10 puntos.

O límite máximo deste baremo será de 2 puntos.

2. Por cada ano de experiencia no desempeño de funcións recadatorias ó servicio de administracións públicas de carácter territorial ou institucional, 0,25 puntos cun límite máximo de 3 puntos.

3. Os solicitantes someteranse a unha entrevista que versará sobre o contido da memoria presentada, así como sobre aspectos puntuais do procedemento recadatorio en vía de constrinximento.

Esta entrevista valorarase entre 1 e 5 puntos.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

97-4021