Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 1997 Páx. 5.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector da carpintería de ribeira.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector da carpintería de ribeira, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-4-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de la madera, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT, en data 24-3-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que

consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 15 de abril de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de carpintería de ribeira da provincia de Pontevedra para 1997

Artigo 1º.-Partes asinantes.

1. Son partes asinantes do presente convenio, en representación empresarial: a Asociación Provincial de Empresarios de la Madera (ASEMA) e, representando ós traballadores as centrais sindicais: Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.).

2. Ámbalas partes recoñécense mutuamente lexitimación para negociaren o presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

1. Territorial: afectará a tódalas empresas da provincia de Pontevedra.

2. Funcional: o convenio é de aplicación a tódalas empresas do sector de carpintería de ribeira incluídas no anexo I, ámbito funcional do convenio estatal do sector da madeira, BOE do 20 de maio de 1996.

3. Persoal: afectará a totalidade do persoal que preste os seus servicios nas empresas afectadas.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia.

1. Terá unha duración desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1997. A vixencia será a da totalidade da súa duración.

Co fin de evitar baleiro normativo, denunciado o convenio e ata que non se logre acordo expreso, perderán vixencia as súas cláusulas obrigacionais, manténdose as normativas ata o asinamento do convenio que o substitúa.

2. A denuncia pola que se propoña a revisión do presente convenio deberá presentarse por calquera das partes deliberantes cunha antelación mínima de tres meses. Desta comunicación enviarase copia, para efectos de rexistro, á Delegación Provincial da Consellería de Relacións Laborais.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, o presente convenio será nulo e quedará sen efecto no suposto de que a xurisdicción competente anulase ou invalidase algún dos seus pactos. Se se dese tal suposto, as partes signatarias deste convenio comprométense a reunirse dentro dos dez días seguintes ó da firmeza da resolución correspondente, co obxecto de resolve-lo problema suscitado.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas no presente convenio establécense con carácter de mínimas.

Os pactos ou situación existentes en calquera empresa que no seu conxunto impliquen condicións máis beneficiosas, respecto ás convidas, serán respectadas.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria composta por un máximo de doce membros que serán designados por metade por cada unha das partes, sindical e empresarial, na forma en que decidan as respectivas organizacións e coas funcións que se especifican no artigo seguinte.

A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

A) Vixilancia e seguimento deste convenio.

B) Interpretación da totalidade dos proxectos do presente convenio.

C) Cantas outras funcións de maior eficacia práctica do presente convenio se deriven do estipulado no seu texto e anexos que forman parte del.

Os acordos da comisión paritaria adoptaranse en todo caso por maioría das partes e aqueles que inter

preten este convenio terán a mesma eficacia que a norma que fose interpretada.

Como trámite que será previo e preceptivo a toda a actuación administrativa ou xurisdiccional que se promova, as partes signatarias do presente convenio obríganse a poñer en coñecemento da comisión paritaria cantas dúbidas, discrepancias e conflictos colectivos, de carácter xeral, puidesen suscitarse coa interpretación e aplicación deste convenio colectivo, sempre que sexa da súa competencia consonte o establecido no apartado anterior, co fin de que mediante a súa intervención se resolva o problema formulado, ou, se iso non fose posible, emita dictame ó respecto. O dito trámite previo entenderase cumprido en caso de que transcorrese o prazo previsto no seguinte apartado, sen que emitise resolución ou dictame.

Establécese que as cuestións propias da súa competencia que se promovan ante a comisión paritaria adoptarán a forma escrita, e o seu contido será suficiente para que poida examinar e analiza-lo problema co necesario coñecemento de causa, debendo ter como contido obrigatorio:

A) Exposición sucinta e concreta do asunto.

B) Razóns e fundamentos que entenda que asisten ó propoñente.

C) Proposta ou petición concreta que se lle formule á comisión.

Ó escrito-proposta achegaranse cantos documentos se entendan necesarios para a mellor comprensión e resolución do problema.

A comisión poderán solicitar por vía de ampliación canta información ou documentación coide pertinente para unha mellor e máis completa información do asuntos; para este efecto, concederalle un prazo ó propoñente que non poderá exceder de cinco días hábiles.

A comisión paritaria, unha vez recibido escrito-proposta ou, se é o caso, completada a información pertinente, disporá dun prazo non superior a vinte días hábiles para resolve-la cuestión suscitada, ou se iso non for posible, emiti-lo oportuno dictame.

Transcorrido o dito prazo sen se producir resolución nin dictame, quedará aberta a vía administrativa ou xurisdiccional competente.

Cando sexa preciso facer consultas o prazo poderá ser ampliado no tempo que a propia comisión determine.

Artigo 7º.-Condicións xerais de ingreso.

1. O contrato de traballo poderase celebrar nas diferentes formas establecidas pola normativa laboral en cada momento, formalizándose por escrito nos supostos en que o considere a lexislación e de acordo con ela, entregándolle copia deste contrato ó interesado.

2. Realizaranse por escrito as prórrogas que se formalicen, así como o aviso previo de finalización do contrato.

O contrato de traballo deberá formalizarse antes do comezo da prestación de servicios.

3. A empresa, previamente ó seu ingreso poderá realizarlles ós interesados as probas de selección, prácticas e psicotécnicas que consideren necesarias para comprobar se o seu grao de aptitude e preparación son as axustadas á categoría profesional e posto de traballo que vaia desenvolver.

4. O empresario entregaralles, nun prazo non superior a dez días desde a formalización do contrato, ós representantes legais dos traballadores unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

5. As empresas quedan obrigadas a publicar no seu taboleiro de anuncios o modelo TC-2 correspondente ó último mes en que se fixese efectiva a liquidación.

Artigo 8º.-Contrato fixo de cadro de persoal.

Entenderase como contrato de traballo fixo de cadro de persoal o que se concerte entre a empresa e o traballador, para a prestación laboral durante tempo indefinido.

Artigo 9º.-Contrato de aprendizaxe.

O contrato de aprendizaxe que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional do presente convenio terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O dito traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional relacionada co posto de traballo que se vai desempeñar.

O contido do contrato, igual cás súas posibles prórrogas, deberase formalizar por escrito e figurará nel de modo claro a actividade ou profesión obxecto da aprendizaxe.

En ningún caso se poderá realizar este tipo de contrato naquelas actividades nas que concorren circunstancias de tipo tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estarán prohibidas a realización de horas extraordinarias.

A idade do traballador cun contrato destas características non poderá ser inferior a 16 anos nin superior ós 22 anos.

A) A duración máxima será de tres anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector do presente convenio.

B) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase á formación teórica. Concretarase no contrato as horas e días dedicadas á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previo á formación práctica ou alternarse con esta de forma racional.

No contrato deberá figura-lo nome e categoría profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz así como de tódolos riscos profesionais.

O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

D) O salario que vai percibi-lo aprendiz será o establecido nas táboas salariais deste convenio para a dita categoría, e en ningún caso poderá ser inferior ó 75%, 85% e 95%, do salario do axudante do convenio colectivo, durante o primeiro, segundo o terceiro ano do contrato, respectivamente.

No caso de cesamento na empresa entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, en que constará a duración dela.

E) Mentres subsistan os pluses extrasalariais, estes percibiranse en contía íntegra durante os días en que dure o contrato de traballo.

Artigo 10º.-Contrato de substitución por anticipación da idade de xubilación.

Por acordo entre empresa e traballador, este poderá xubilarse á idade de 64 anos e a empresa terá a obriga de contratar un traballador que o substitúa co obxecto de que o primeiro poida acollerse ós beneficios establecidos no R.D. 1194/85, do 17 de xullo, ou a norma que puidese substuílo.

A representación dos traballadores e a empresarial pactan no presente convenio que, de calquera modo, a idade máxima para traballar será de 65 anos, sen prexuízo de que poidan completarse os períodos de carencia para a xubilación.

Artigo 11º.-Contratos eventuais por circunstancias da producción.

1º De acordo co que dispón o artigo 15.1b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e o Real decreto 2546/94, do 29 de decembro, a duración máxima dos contratos eventuais por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderá ser de ata 24 meses traballados dentro dun período de 30 meses.

2º Os contratos de duración inferior a seis meses poderán prorrogarse cantas veces as partes acorden, dentro deste período máximo, sen limitación temporal ningunha.

A partir dos seis meses de duración poderán concertarse prórrogas semestrais ata chegar ó período máximo de 2 anos. Se non existise prórroga ó vencemento dalgún dos prazos, entenderase o contrato prorrogado ata o límite máximo de 2 anos.

3º Os contratos celebrados con anterioridade á publicación do presente convenio poderán prorrogarse ata os 2 anos e coas condicións do presente artigo.

4º O sector da madeira, obxecto de regulación, resulta fluctuante na súa intensidade productiva en función das circunstancias conxunturais e cíclicas da economía. Esta conclusión conduce, inevitablemente, a que as posibilidades do sector se enmarquen no amplo concepto de esixencias circunstan

ciais do mercado que levan consigo transitorias acumulacións de tarefas ou exceso de pedidos. Estas circunstancias resultan ser ciclicamente constantes no tempo e de relativa permanencia temporal dentro dos ciclos cambiantes da economía.

Por todo iso, as partes asinantes do presente convenio acordan proceder a unha adecuada regulación do contrato de traballo previsto no artigo 15.1 b) do TRLET adaptándoo ás condicións singulares do sector da madeira en tanto persistan as circunstancias de emprego e productividade.

5º Ó remate do contrato, a empresa virá obrigada a lle satisfacer ó traballador unha indemnización de 20 días de salario por ano de servicio ou a parte proporcional que corresponda.

6º Con independencia do establecido no parágrafo precedente, os contratos de duración inferior a 4 meses non terán dereito á dita indemnización.

7º Os contratos que se fagan baixo esta modalidade conterán unha referencia expresa ó presente escrito.

Artigo 12º.-Contrato para obra ou servicio determinado.

De acordo coas competencias atribuídas pola Lei 1/1995, TRLET, no seu artigo 15.1 a) as partes asinantes do presente convenio conveñen en identificar determinados traballos ou tarefas con substantividade propia dentro das actividades das empresas do sector, definidas como tales no artigo 11º do presente texto normativo.

En consecuencia, só se poderán realizar contratos ó abeiro do artigo 15.1 a) do ET, é dicir, para obra ou servicio determinados, para as seguintes actividades:

A) Traballos de reparación das instalacións.

B) Para a realización dunha obra ou servicio determinado, con substantividade propia fóra das instalacións da empresa, aínda tratándose da súa actividade normal incluíndose os labores na propia empresa, inherentes á preparación delas.

C) Traballos de rematantes, serradoiros e industrias da madeira auxiliar de actividades agrarias, tales como envases e paletas para productos hortofructícolas.

Artigo 13º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas afectadas por este convenio cando contraten os servicios de empresas de traballo temporal garantirán que os traballadores postos á súa disposición teñan os mesmo dereitos laborais e retributivos que lles corresponden ós seus traballadores en aplicación do seu correspondente convenio colectivo. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta a disposición realizado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada polo presente convenio.

Artigo 14º.-Xornada.

A xornada laboral ordinaria será de 40 horas semanais de traballo efectivo realizadas de luns a venres.

Non obstante o establecido no parágrafo anterior, cando na mañá do sábado se teña que efectuar unha

operación de varada ou lanzamento dun buque, o persoal necesario para realizala, a xuízo da empresa e do delegado de persoal, virá obrigado a iso, para o cal será avisado o día anterior. Para estes efectos entenderase como media xornada un máximo de catro horas.

Naquelas empresas nas que estea establecida a súa xornada de traballo de forma continuada, os traballadores terán dereito a un descanso de quince minutos, coñecido como tempo de bocadillo e que para tódolos efectos, será considerado como traballo efectivo.

Con vixencia exclusiva para 1997, considéranse como non laborables e retribuídos os días 2 de maio, 24 de outubro, 24 e 25 de decembro.

Por acordo entre empresa e representantes dos traballadores poderase modifica-la data de desfrute dalgún ou algúns dos días que se fixan como non laborables e retribuídos.

Artigo 15º.-Salarios.

Os soldos ou salarios do presente convenio serán os que figuran na táboa anexa.

Artigo 16.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos ó consumo establecido por INE rexistrase o 31 de decembro de 1997 un incremento superior ó 3,2% sobre a cifra que resultase do dito IPC o 31-12-1996, efectuarase unha revisión salarial, tan pronto se constante oficialmente a dita circunstancia no exceso sobre a indicada cifra. Tal incremento aboarase con efectos do primeiro de xaneiro de 1997, servindo por conseguinte como base de cálculo para o incremento salarial de 1998 e para levalo a cabo tomaranse como referencia os salarios ou táboas utilizadas para realiza-los aumentos pactados no dito ano. A revisión salarial realizarase sobre os conceptos retributivos que figuran no convenio.

A porcentaxe de revisión resultante gardará, en todo caso, a debida proporción en función do nivel salarial pactado inicialmente en cada convenio, co fin de que aquel se manteña idéntico no conxunto dos doce meses.

A revisión salarial aboarase nunha soa paga durante o primeiro trimestre do ano 1998.

Artigo 17º.-Antigüidade consolidada.

En virtude do establecido no artigo 50 do convenio estatal da madeira, recollido no artigo 17 do anterior convenio colectivo de carpintería de ribeira da provincia de Pontevedra, a tódolos traballadores afectados polo presente convenio que o 31 de decembro de 1996 viñesen percibindo o complemento persoal de antigüidade consolidada manteráselle-lo dito concepto ou contía.

Artigo 18º.-Gratificacións extraordinarias.

Consideraranse gratificacións extraordinarias os complementos salariais de vencemento periódico superior ó mes.

-Establécense dúas gratificacións extraordinarias coa denominación de paga de verán e paga de Nadal,

que serán aboadas respectivamente antes do 30 de xuño e 20 de decembro, e serán devengadas por semestres naturais, e por cada día natural en que fose devengado o salario base.

-Devengo de pagas: paga de verán, do 1 de xaneiro ó 30 de xuño. Paga de Nadal, do 1 de xullo ó 31 de decembro

-A contía destas pagas extraordinarias é a que figura nas táboas salariais deste convenio, incrementada, en caso que proceda, co plus de asistencia e a antigüidade que corresponda.

-A paga de marzo establecida neste convenio seguirase aboando na forma en que se realizou ata a data e a razón de vintecatro días para tódalas categorías sobre os salarios da táboa anexa, aboándose o día laboral inmediatamente anterior ó 19 de marzo, nas mesmas condición cás gratificacións de verán e Nadal.

-Ó persoal que ingrese ou cese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

1. Son horas extraordinarias de forza maior aquelas cunha realización que está motivada por un acontecemento extraordinario orixinado por causas alleas á propia actividade empresarial: incendio, inundación, explosión, derrubamento, etc.

2. Son horas extraordinarias estructurais as necesarias para facer pedidos en períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade, sempre que non poida ser substituída pola utilización de modalidades de contratación previstas na lei.

3. As horas extraordinarias, en todo caso pola súa natureza, serán voluntarias, excepto as que teñan a súa causa en forza maior.

4. O número de horas extraordinarias que realice cada traballador, agás nos supostos de forza maior, non excederá de 80 ó ano.

A retribución das horas extraordinarias determinarase seguindo os seguintes criterios:

A) As realizadas en día laborable sufrirán un incremento do 50% sobre o valor da hora ordinaria.

B) As realizadas en día non laborable sufrirán un incremento do que se pacte en cada empresa e sempre será superior ó valor da hora extra en día laborable.

O valor da hora ordinaria (VHO) calcularase de acordo coa seguinte fórmula:

SB/dx(365+PE)

VHO=

Xornada laboral máxima ordinaria

SB/d= salario base día.

PE: días pagas extras.

Poderase optar entre aboa-las horas extraordinarias, conforme o previsto no apartado 1 deste artigo ou compensalas con tempo de descanso retribuído. Se se exerce esta última opción por cada hora extraordinaria realizada nun día laborable haberá que compensa-lo traballador cunha hora e 30 minutos de descanso retribuído; se a hora extraordinaria se realiza en día non laborable, a compensación regulamentaria consistirá no valor equivalente en descanso en que teña a hora extraordinaria nos casos en que se opte pola súa retribución.

No caso de que o traballador teña horas de descanso acumuladas ó desfrute del será sempre pactado entre o empresario e o traballador.

Artigo 20º.-Plus de transporte.

Establécese para todo o persoal das empresas afectadas por este convenio un plus de transporte a distancia para cada día efectivamente traballado, repartido de luns a venres, a razón de 537 pesetas diarias. Non se terá dereito a este plus os días en que se traballe menos de media xornada. No caso de traballar un sábado, pagarase a parte proporcional, sendo o mínimo de media xornada.

Artigo 21º.-Desgaste de ferramentas.

As empresas que non lles entreguen ós seus traballadores as ferramentas necesarias para a realización do seu traballo e fosen propiedade destes aboarán, en compensación ó desgaste destas, 217 pesetas por día traballado.

Artigo 22º.-Plus de asistencia.

Establécese un plus de puntualidade e asistencia para todo o persoal afectado polo presente convenio.

O dito premio consistirá nunha cantidade mensual de 3.674 pesetas e a súa percepción estará suxeita ás seguintes regras:

1. Entenderase por falta de puntualidade cando o traballador non estea a toque de sirena ou similar a disposición do encargado para comeza-la súa xornada laboral.

Tamén se entenderá falta de puntualidade a súa incorporación ata 30 minutos despois de iniciada a xornada de traballo.

2. Nos supostos anteriores, o traballador perderá o 5% do premio de puntualidade e asistencia por cada un dos atrasos.

Non obstante o parágrafo anterior, para efectos de plus de asistencia, a primeira falta de puntualidade non se computará entrementres non exceda de 30 minutos.

3. Se a incorporación do traballador se produce despois dos primeiros 30 minutos de comezada a xornada laboral, considerarase como falta de asistencia de media xornada; perderase o 10% do premio cada vez que se produza a dita falta.

4. A falta de asistencia dunha xornada de traballo ocasionará a perda do 25% do premio.

5. Os permisos e licencias establecidos no Estatuto dos traballadores e convenio estatal do sector da

madeira non serán considerados como falta de puntualidade e asistencia.

Artigo 23º.-Traballos penosos, molestos e toxicidade.

1. Ós traballadores que teñan que realizar labores que resulten excepcionalmente penosos, tóxicos ou perigosos deberá aboárselles un incremento do 30% sobre o seu salario base. Se estas funcións se efectuasen durante a metade da xornada ou en menos tempo, o incremento será do 15%, aplicado ó tempo realmente traballado.

2. As cantidades iguais ou superiores ó incremento fixado neste artigo que estean ou sexan establecidas polas empresas serán respectadas sempre que fosen concedidas polos conceptos de penosidade, toxicidade ou perigosidade; neste caso non será esixible o aboamento dos incrementos fixados neste artigo.

3. Se por calquera causa desaparecesen as condicións de especial penosidade, toxicidade ou perigosidade, deixarán de aboarse os indicados incrementos, non tendo polo tanto carácter consolidable.

Artigo 24º.-Vacacións.

Fíxase o período de vacacións en 30 días naturais para tódalas categorías afectadas polo presente convenio, que se farán efectivas sobre o salario que se fixa na táboa anexa do convenio, incrementándose a dita cantidade cos aumentos de antigüidade e plus de asistencia. Non se computarán para efectos vacacionais os días fixados neste convenio como retribuídos e non laborables.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute das vacacións, a excepción das horas extraordinarias.

Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano terán dereito a que na liquidación que se lles faga no momento da súa baixa na empresa se lles integre o importe da remuneración correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas.

Polo contrario e nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballor desfrutase das súas vacacións, a empresa poderá deducir da liquidación que se lle faga a parte correspondente ós días desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para efectos de devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal fose a súa causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase aquel se no vencemento deste o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación por incapacidade temporal de ser aquela de superior contía. O mesmo criterio aplicarase para os supostos de cesamento por finalización de contrato.

Artigo 25º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo polo tempo e nas condicións establecidas no anexo II, cadro de permisos e licencias.

O aviso previo será sempre obrigatorio, agás nos supostos e situacións excepcionais e imprevisibles que non permitan avisar con antelación da ausencia, caso no que se acreditará no seu momento suficientemente.

Artigo 26º.-Accidentes de traballo.

As empresas aboaranlles ós productores accidentados por traballo, a partir do primeiro día do accidente, a diferencia que exista entre a prestación económica que perciba do seguro e a cantidade declarada para efectos de cotización á Seguridade Social na súa base de accidentes de traballo.

Artigo 27º.-Enfermidade.

As empresas aboaranlles ós traballadores a partir do décimo quinto día da enfermidade e mentres o pagamento da IT sexa por conta da empresa, a diferencia que exista entre a prestación que perciban dela e a cantidade declarada para efectos de cotización á Seguridade Social.

As empresas están obrigadas a aboarlle-lo 50% do seu salario durante os catro primeiros días da primeira baixa de cada ano. Para asistir ó médico especialista, o traballador terá dereito a catro horas ó día por cada unha das ocasións en que deba acudir a el, e nos casos do médico de cabeceira terá dereito a dispoñer de ata 16 horas ó ano.

Artigo 28º.-Baixa hospitalaria.

No caso de baixa hospitalaria, as empresas complementarán a prestación económica por incapacidade temporal que aboe a Seguridade Social ou a Mutualidade Patronal ata o 100% da base de cotización, mentres o pagamento da IT sexa por conta da empresa.

Artigo 29º.-Revisión médica.

Tódalas empresas estarán obrigadas a concertar unha revisión médica anual para os seus traballadores. Estes disporán, durante a xornada laboral e sen perda de retribución, do tempo necesario para efectua-lo mencionado recoñecemento. Os gastos de desprazamento necesarios correrán por conta da empresa.

Artigo 30º.-Acción asistencial das empresas.

A todo o persoal da empresa que, levando como mínimo cinco anos de antigüidade nela e tendo cumprida a idade mínima para recibir pensión, solicite e obteña da mutualidade a xubilación regulamentaria, a empresa entregaralle un premio de vinculación nela consistente no importe dunha mensualidade da retribución asignada para a súa categoría profesional na táboa de salarios do presente convenio, incrementada cos aumentos de antigüidade.

Por outra banda, terán dereito ó premio indicado no parágrafo anterior os traballadores que, tendo

unha antigüidade como mínimo de dez anos, sexan declarados polo organismo competente na situación de invalidez permanente para a profesión habitual ou para todo traballo.

Artigo 31º.-Axuda por falecemento.

No caso de falecemento dun traballador, debido á enfermidade común ou accidente non laboral, as empresas complementarán ata trinta días a axuda por defunción que con carácter xeral establece en quince días o Decreto do 2 de marzo de 1994, aboándose esta axuda no mesmo modo e contía que establece o dito decreto e cando o traballor falecido deixe algún dos familiares que a seguir se expresan segundo a orde de relación seguinte: viúva, descendentes lexítimos, lexitimados, ilexítimos ou naturais recoñecidos, menores de 18 anos ou inútiles para o traballo, irmáns orfos menores da mencionada idade que estivesen ó seu cargo, solteiras ou viúvas, ascendentes pobres sen dereito á pensión, con tal que sexan sesaxenarios.

As empresas concertarán seguros colectivos de accidentes con primas integradas ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións: accidente laboral con resultado de morte, 1.150.250 de pesetas; accidente laboral con resultado por invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez, 1.723.000 pesetas.

Artigo 32º.-Roupa de traballo.

As empresas entregaranlles ós seus productores dúas fundas e dous pares de botas de seguridade homologadas, por ano, ó cabo do cal pasarán a ser propiedade do traballador.

Artigo 33º.-Seguridade no traballo.

Tódolos traballadores están obrigados a levar e utiliza-las medidas de seguridade e protección que facilite a empresa para evita-lo accidente do traballo. Especialmente destaca-la obriga de leva-lo casco de protección e as botas de seguridade.

O incumprimento do presente artigo por parte dos traballadores, considérase como falta e será sancionado segundo a lexislación vixente.

Artigo 34º.-Dereitos sindicais.

Os membros do comité de empresa e delegados de persoal terán como representantes legais dos traballadores dereito a dispoñer de 16 horas mensuais retribuídas como máximo para o exercicio das súas funcións de representación. Non obstante o parágrafo anterior, poderán acumularse cada mes as horas dos distintos membros do comité de empresa e, se é o caso, dos delegados de persoal, nun ou varios dos seus compoñentes sen supera-lo máximo total, podendo ser relevado ou relevados do traballo sen prexuízo da súa remuneración.

As saídas efectuadas haberán de xustificarse debidamente.

Artigo 35º.-Solución extraxudicial de conflictos laborais.

As partes asinantes asumen o contido do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo

(AGA) publicado no DOG do 8 de abril de 1992, que desenvolverá os seus efectos nos ámbitos do presente convenio co alcance previsto no propio AGA.

Artigo 36º.-Lexislación subsidiaria.

Ámbalas partes deliberantes comprométense a observa-la normativa xeral vixente e o convenio estatal do sector da madeira, BOE do 20-5-1996.

TÁBOAS 1997

Categorías

Salario

base

Antigüidade

consolidada

-Xeral
Encargado3.621235
Calafate3.177206
Axudante de calafate3.100201
Oficial 1º3.381220
Oficial 2º3.177206
Axudante3.100201
Peón especializado3.070199
Peón3.031197
Aprendiz 2º ano2.612170
Aprendiz 1º ano2.443159

-Sección pintura
Encargado3.381220
Oficial 1º3.177206
Oficial 2º3.145204
Axudante3.100201

-Administrativos
Xefe140.9499.157
Oficial 1º124.2998.075
Oficial 2º100.7566.545
Auxiliar administrativo90.4235.874
Aspirante74.2764.825

-Subalternos
Capataz de peóns93.0056.042
Porteiros e almacenista87.8425.707

97-3149