Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 1997 Páx. 5.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 5 de maio de 1997 pola que se autoriza a modificación das tarifas de servicios públicos regulares permanentes de viaxeiros de uso xeral por estrada, de competencia da Xunta de Galicia.

A evolución do prezo dos elementos que integran a estructura de custos das explotacións de servicios regulares de transporte de viaxeiros de uso xeral fai necesaria a actualización das tarifas aplicables a estes servicios, de acordo co establecido a este respecto nos artigos 18 e 19 da Lei de ordenación dos transportes terrestres e 29 do regulamento que a desenvolve.

Mantense o sistema de percepción do suplemento tarifario por aire acondicionado, que lles permite ás empresas distribuír ó longo do ano o custo adicional que supón este servicio, e establecese a posibilidade de redondea-lo prezo dos billetes para axiliza-la súa expedición.

Considéranse tamén, na regulación tarifaria, os supostos das reduccións de tarifas, así como os de suplementos por servicios de calidade.

Na súa virtude, oído o Consello Galego de Transportes, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

As empresas concesionarias de servicios públicos regulares permanentes de uso xeral de transporte de viaxeiros por estrada, de competencia exclusiva da Xunta de Galicia poderán, a partir da entrada en vigor da presente orde, proceder á actualización das súas tarifas.

Esta actualización será autorizada pola Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes sempre que a variación non supoña un incremento das tarifas superior ó 2,3%.

Artigo 2º

Para os incrementos superiores ós establecidos no artigo anterior, as empresas concesionarias deberán presentar perante a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes unha solicitude de revisión individualizada de cada concesión para a que se pida o aumento, e corresponderalle a súa aprobación ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

As revisións individualizadas xustificaranse co oportuno estudio económico da concesión ou pola simple aplicación da fórmula polinómica. Nas revisións fundamentadas na aplicación da fórmula polinómica non poderá autorizarse un incremento superior ó 3,2 %.

Artigo 3º

O incremento porcentual ó que se refiren os artigos anteriores referirase unicamente á tarifa partícipe-empresa. O mínimo de percepción será, en todo caso, o establecido no artigo 8º da presente orde.

Artigo 4º

Para os efectos previstos no artigo 2º, a revisión das tarifas das empresas que xa se acollesen anteriormente ó procedemento de revisión individualizada e coa súa estructura de custos axustada á establecida no anexo da presente orde, efectuarase segundo a particular estructura de custos xa aprobada, sempre que esta non sufrise modificacións substanciais; neste caso seguiríase o procedemento establecido no artigo seguinte.

Artigo 5º

Aquelas empresas que non tivesen aprobada unha estructura de custos axustada á establecida no anexo da presente orde deberán, tanto no suposto previsto no artigo 1º como no considerado no artigo 2º e 4º da presente orde, presentar un estudio económico baseado na citada estructura de custos que permita, ademais de determina-lo incremento que proceda sobre as tarifas vixentes na concesión, fixa-la estructura correspondente da concesión para a aplicación da fórmula polinómica nas futuras revisións de tarifas.

Do mesmo xeito procederase, despois da oportuna xustificación no estudio económico individualizado, a modifica-la estructura de custos da concesión cando aquela sufrise modificacións substanciais nos seus elementos.

Artigo 6º

Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes poderá autorizar suplementos tarifarios para expedicións singulares pola súa calidade ou nas que concorran circunstancias que así o xustifiquen.

Artigo 7º

Os servicios provinciais de transportes poderán autorizar tarifas reducidas para billetes de ida e volta ou para tarxetas de abono.

Para as reduccións xeneralizadas de tarifas deberá presentarse o correspondente estudio económico que fundamente a solicitude. A modificación da tarifa resultante destas reduccións deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, establecendo, se é o caso, as limitacións que aconsellen a harmónica regulación do sector e o respecto ás normas de competencia. Nas concesións con tráficos comúns, aínda cando os servicios se presten por distinto itinerario, non poderán autorizarse reduccións xeralizadas superiores ó 20 por cento, salvo supostos excepcionais e sempre que queden salvagardados os dereitos e intereses lexítimos dos concesionarios afectados. En todo caso, as reduccións deberanse aplicar ó conxunto da explotación concesional.

A reducción ós membros das familias numerosas aplicarase sobre a tarifa partícipe-empresa e quedará á votade do concesionario acumulala a outros tipos de descontos que, voluntariamente, se teñan establecidos por parte do concesionario.

Artigo 8º

1. O mínimo de percepción por billete fíxase en 102 ptas., e a percepción mínima por facturación de encargos e excesos de equipaxe establécese en 300 ptas. O mínimo de percepción por billete non engloba nin o IVE nin o canon por uso de estacións que deberá, se é o caso, agregarse á contía da percepción mínima nos percorridos con orixe ou destino nas estacións de autobuses.

2. A tarifa mínima poderase aplicar nunha contía inferior á prevista no presente artigo, sempre que non sexa menor á que resulte da aplicación da tarifa partícipe-empresa na distancia realmente percorrida, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 7º.

3. Sobre o mínimo de percepción non será de aplicación a reducción tarifaria ós membros das familias numerosas.

Artigo 9º

1. Poderán solicitar, perante o Servicio Provincial de Transportes, autorización para o cobramento do suplemento tarifario por aire acondicionado aquelas empresas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter dotados de equipo de aire acondicionado tódolos vehículos adscritos á concesión no momento da solicitude, así como calquera outro vehículo que, de

conformidade co disposto na lexislación aplicable, se utilice para realizar substitucións ou para facer fronte ás eventuais intensificacións de tráfico, ou en concepto de utilización indistinta de material, tanto se se tratase de vehículos de titularidade da empresa concesionaria como se son vehículos contratados para o efecto a outras empresas.

b) Que fagan constar nos cadros de tarifas expostos ó público que a empresa presta tódolos seus servicios con vehículos dotados de equipo de aire acondicionado, polo que queda autorizada a cobrar un suplemento tarifario por este concepto.

2. Para o cálculo da contía do dito suplemento, aplicarase a seguinte fórmula:

SAI = 0,1216 + 0,1416T/365

SAI = suplemento por aire acondicionado por viaxeiro/Km.

T = Número medio de días ó ano nos que a temperatura máxima supera os 20 graos centigrados no traxecto da concesión, de acordo cos datos do Instituto Nacional de Meteoroloxía.

Artigo 10º

Aquelas empresas que non opten polo sistema previsto no artigo anterior poderán elevar ata 0,4610 pesetas/viaxeiro/quilómetro a cantidade que vaian percibir en concepto de suplemento por aire acondicionado, nas expedicións realizadas co equipo en funcionamento, manténdose sen ningún aumento a que viñesen aplicando, se fose superior a aquela.

Os billetes que se expidan con suplemento de aire acondicionado deberán reflectir tal circunstancia.

Artigo 11º

As empresas concesionarias deberán someter á aprobación do Servicio Provincial de Transportes competente os cadros de tarifas de aplicación, que recollerán as modificacións autorizadas, incluídos se é o caso os suplementos por aire acondicionado e os impostos correspondentes.

Artigo 12º

A Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes poderá autoriza-lo redondeo por exceso do prezo total dos billetes, unha vez incluídos os impostos e o canon de estación cando proceda, para suprimir fraccións distintas de múltiplos de 5.

O redondeo do prezo dos billetes solicitarase ante o Servicio Provincial de Transportes correspondente ó presenta-los cadros das tarifas de aplicación para a súa comprobación.

Artigo 13º

Formulada a solicitude de actualización das tarifas e sempre que a variación non supoña un aumento superior ó establecido no artigo 1º, as empresas poderán proceder á súa aplicación provisional ata que se resolva a súa solicitude de forma expresa.

Artigo 14º

O incumprimento do disposto nesta orde será sancionado de conformidade coa Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres e o seu Regulamento de desenvolvemento, do 28-9-1990.

Artigo 15º

As empresas que incrementasen as súas tarifas no ano 1996 a través do estudio individualizado ou con motivo da convalidación non poderán aplicar automaticamente o incremento previsto no artigo 1º, en relación co 13º.

As solicitudes de aumento de tarifas que en tales supostos se realicen resolveraas a dirección xeral aplicando a porcentaxe correspondente ó período transcorrido desde a resolución que aprobou a tarifa anterior.

Disposicións adicionais

Primeira.-As solicitudes de modificación de tarifas, tanto na modalidade prevista no artigo 2º como as baseadas en estudios individualizados, presentaranse xunto co impreso que xustifique o aboamento da taxa.

Segunda.-Aqueles concesionarios que, voluntariamente, se acollan ó réxime de ampliación do prazo concesional, de cinco anos, establecido no artigo 167 da Lei do 30 de decembro (BOE do 31 de decembro de 1996), de medidas fiscais, administrativas e de orde social, deberán presentar renuncia expresa ó aumento das tarifas durante os anos 1997 e 1998, e asemade, unha proposta de modernización do material móbil; á vista da dita proposta, a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes resolverá sobre a procedencia ou non da dita prórroga.

En calquera caso, a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes poderá condiciona-lo outorgamento da prórroga, nos supostos nos que o peticionario sexa titular de varias concesións, que a solicitude desta se estenda a aquelas de explotación deficitaria.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 26 de decembro de 1995, reguladora de tarifas de servicios públicos regulares permanentes de uso xeral de transportes de viaxeiros por estrada, de competencia da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes para dictar cantas instruccións sexan precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1997.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO

Concesión:

Denominación:

Titular:

I. Estructura de custos da concesión

Conceptos

Custos sen

IVE

Custo total

anual (Ca)

Custo por

vehículo/km

Porcentaxe

Persoal (1)
Amortización (2)
Custo financeiro do investimento
Carburantes e lubricantes
Seguros
Reparación e conservación (3)
Pneumáticos
Peaxe de autopistas
Varios (4)

Total custos100,0

(1) Este concepto engloba, ademais dos custos de persoal de movemento, os relativos ós gastos xerais e de estructura de persoal da empresa imputables á concesión, incluíndo en tódolos supostos os gastos de Seguridade Social. Non se inclúen os gastos de persoal de talleres, conservación e mantemento.

(2) Este apartado inclúe a amortización do material móbil da concesión que non esgotase o prazo previsto para esta.

(3) Comprende os gastos de reparación e conservación do material, incluíndo os gastos de persoal de talleres no suposto de que estas actividades se efectúen nos talleres das empresas.

(4) Baixo o concepto de varios inclúense tódolos custos non comprendidos nos outros conceptos, como licencia fiscal, taxas de estacións, alugueiros, gastos de enerxía, etc.

II. Datos de tráfico.

A= Total vehículos-quilómetro/ano.

B= Total de viaxeiros-quilómetro/ano.

B

Ocupación media de viaxeiros/vehículo=

A III. Custos por unidade de tráfico

Custo total anual (Ca)

Custo vehículo-quilómetro=

A Custo total anual (Ca)

Custo viaxeiros-quilómetro=

B

IV. Tarifas de aplicación

I= Ingresos da concesión por conceptos distintos ó de tarifa de usuarios (equipaxes, encargos, publicidade, etc.).

BE= Beneficio industrial (máximo 15 por cento sobre custo anual (Ca)).

Custo total anual (Ca) + BE

Tarifa partícipe empresa (Tp)=

B

Pesetas/viaxeiro/quilometro

Total partícipe empresa (Tp)

IVE= 7%

Tarifa usuario Suma

3885