Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 1997 Páx. 5.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 26 de maio de 1997 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de dezasete mil millóns de pesetas.

Con base no artigo 27.1º da Lei 11/1996, de 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 27/1997, do 6 de febreiro, autorizou a realización das operacións financeiras consideradas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, ó conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións nas ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Obtida a autorización, establecida no artigo 14 apartado 3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de Ministros, con data do 18 de abril 1997, disponse a emisión de débeda pública interior por un importe de 17.000 millóns de pesetas.

Artigo 2º

Esta emisión realízase baixo a forma de obrigas da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en conta, ó abeiro do artigo 55 da Lei 24/1988, de 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a continuación:

-Importe: 17.000 millóns de pesetas.

-Data da emisión: 24 de xuño de 1997.

-Data de desembolso: 24 de xuño de 1997.

-Prezo da emisión: á par libre de gastos para o subscritor.

-Nominal das obrigas: 100.000 pesetas.

-Subscrición: realizarana directamente as entidades aseguradoras, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas.

-Período de suscrición: do día 26 de maio ó 23 de xuño de 1997.

-Cupón: os cupóns anuais vencerán o 24 de xuño de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non actúe en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo procedemento establecido na

resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, con data do 22-10-1993 (DOG 8-11-1993).

- Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, e haberá que aterse ó establecido no Real decreto 505/1987, do 3 de abril e os demais preceptos legais aplicables na materia.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Reserva minorista: reservarase un 10% do importe total da emisión para investimentos non superiores a 5 millóns de pesetas.

-Amortización: dunha soa vez á par, ós dez (10) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 6,65%.

-Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión e a prezos de mercado, a liquidez das obrigas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 1997.

José Antonio Orza Fernández.

Conselleiro de Economía e Facenda

4010