Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 26 de maio de 1997 Páx. 4.870

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de abril de 1997 pola que se establece o procedemento que cómpre seguir nas reclamacións das cualificacións outorgadas no segundo curso do bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 29.2º que será necesaria a superación dunha proba para que os alumnos que obtivesen o título de bacharelato accedan ós estudios universitarios.

A Orde do 10 de decembro de 1992 (BOE do 12 de xaneiro de 1993) que regula con carácter transitorio e experimental as probas de acceso á universidade dos alumnos que cursaron as ensinanzas do bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, durante o período de implantación anticipada destas ensinanzas, establece nos seus considerandos a conveniencia de manter no maior grao posible semellanza entre as dúas modalidades de acceso á universidade, a correspondente ós alumnos do curso de orientación universitaria e a correspondente ós alumnos das modalidades do bacharelato previstos na Lei orgánica 1/1990.

A Orde do 15 de maio de 1996 (DOG do 31), respectando as liñas básicas das probas de acceso ás universidades establecidas pola citada orde, do 10 de decembro de 1992, estructura as probas de acceso á universidade en consonancia cos deseños curriculares base da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio) pola que se regula a avaliación e a cualificación dos alumnos de bacharelato establecida na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, establece no seu artigo 11.3º que os alumnos ou os seus representantes legais poderán presentar reclamacións sobre as cualificacións finais obtidas nas convocatorias ordinaria e extraordinaria, conforme o procedemento que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Resolución do 3 de maio de 1995, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), en virtude do disposto na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 5 de abril de 1995, e sen prexuízo das normas establecidas na Resolución do 2 de febreiro de 1972 (BOE do 4) establece o procedemento para a revisión e resolución das reclamacións presentadas polos alumnos do curso de orientación universitaria nas cualificacións finais, correspondéndolle tal resolución á Xunta de Supervisión da CIUG.

Cómpre, pois, proceder á elaboración dun procedemento complementario de xeito semellante ó regulado para os alumnos do curso de orientación universitaria, que permita a aplicación duns criterios análogos, na revisión das reclamacións sobre as cualificacións finais presentadas polos alumnos do 2º curso das modalidades de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, curso terminal da educación secundaria e que dá acceso ós estudios superiores, e ó mesmo tempo permita coñece-lo alumno reclamante a súa situación académica antes do inicio das probas de acceso e evita-los prexuízos que se deriven da dilatada tramitación.

De acordo co anteriormente exposto, por proposta do director xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPOÑO:

Primeiro.-A presente orde é de aplicación ós alumnos do 2º curso das modalidades de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Segundo.

1. Os alumnos e os seus representantes legais poderán reclamar perante a dirección do centro contra as cualificacións finais obtidas nas convocatorias ordinaria e extraordinaria.

2. Os alumnos poderán presenta-la reclamación se consideran que o seu rendemento escolar non foi avaliado obxectivamente por inadecuación da proba proposta ós obxectivos e ós contidos mínimos previstos nas programacións da materia, ou ben por unha incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos.

3. O director do centro someterá as reclamacións á consideración do seminario ou departamento correspondente quen dictará resolución motivada.

4. Se o seminario ou departamento considera procedente rectifica-la cualificación reclamada, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación.

5. No suposto de que o seminario ou departamento ante o que se presentou a reclamación ratifique a cualificación, e o alumno o manifeste expresamente, o director remitiralle ó expediente á Subdirección Xeral de Inspección Educativa, que fará a resolución correspondente.

6. O prazo de resolución do procedemento será de 5 días; correspóndelle á dirección do centro o establecemento dos distintos prazos e datas, garantindo en todo caso un prazo de dous días para que os alumnos poidan presenta-las reclamacións polas cualificacións, trala publicación destas.

Terceiro.-Na Subdirección Xeral de Inspección Educativa constituirase unha comisión de supervisión, presidida polo subdirector xeral de Inspección e constituída por un inspector central e un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, membro do grupo de traballo nas probas de acceso á universidade dos alumnos do bacharelato, previsto na Lei 1/1990 do 3 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

4051