Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 1997 Páx. 4.815

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de maio de 1997 pola que se anuncian subvencións para a reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural.

Diante da situación de actividade primaria existente no noso espacio rural que xeraba unhas grandes fluctuacións económicas e provocaba o éxodo da poboación, a Xunta de Galicia decidiuse desde os últimos anos a incentivar e fomentar alternativas de investimento co fin de corrixir esta circunstancia. A liña de actuación, desde o plano turístico, pasou por fomentar que os cidadáns do medio rural dedicaran as súas vivendas á nova modalidade de turismo rural.

Este novo concepto de turismo enmarcábase en catro liñas básicas. Por unha banda creaba para os cidadáns unha nova alternativa de lecer. Outra liña era a potenciación e comercialización, mediante restauración e rehabilitación do noso patrimonio arquitectónico rural. En terceiro lugar, isto levaba consigo unha dinamización económica da zona na que se localizaban. Finalmente, e desde a perspectiva turística, pretendíase con esta actuación incidir nunha desestacionalización e diversificación do noso turismo, xerando con iso un turismo sostible.

Desde a Xunta de Galicia e a pesar da valoración positiva do acadado ata o momento, entendemos que debemos mellorar esta oferta de turismo rural incidindo, fundamentalmente, na calidade.

A presente orde busca esta finalidade para os establecementos xa abertos que se concreta nunha adaptación das instalacións dos establecementos, á Orde do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural. Polo tanto, coa presente orde preténdense pequenos investimentos que leven a adapta-las casas á normativa do 95.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo asignados para esta finalidade na Lei de presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural e, polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

Poderán ser beneficiarios de subvención, consonte o sinalado na presente orde, as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos de turismo rural.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia concederá as ditas subvencións con cargo á aplicación 04.05.651A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1997. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, rexerá o que dispón o artigo 40.Dous.B).2.e) da sinalada Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1997, e se é o caso, a de 1998.

Artigo 3º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos a:

1º. Adaptación e reforma das instalacións e servicios dos establecementos de turismo rural, abertos con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, coa finalidade de que estes establecementos axusten as súas instalacións e servicios ás esixencias que, para este tipo de establecementos, se sinalan nos artigos 10º e 11º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola orde do 7 de maio de 1996.

2º. Mellora-la oferta turística que están a da-los establecementos de turismo rural, abertos con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, aínda que non precisen axusta-las súas instalacións e servicios ás esixencias da antedita orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995.

En todo caso, e para os efectos de valoración das solicitudes, a prioridade para a concesión das subvencións, sempre e cando o expediente cumpra tódolos requisitos que se determinan nesta orde, será a seguinte:

1º.-Obras de adaptación.

2º.-Obras de reforma.

3º.-Obras de mellora.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material do investimento como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o equipamento, a excepción do telefónico, nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 4º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita orde de ordenación, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos, cando impliquen a realización de calquera tipo de obra, serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa

estructura da edificación nas súas relacións co lugar; así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais e a sectorización segundo as plantas. Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas. O proxecto deberá formular solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) A superficie pechada destinada a cuartos (e os seus baños) non poderá ser maior que a destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación, salvo que un informe técnico determine que o investimento que posibilite o esixido neste apartado sexa de tal magnitude que resulte antieconómico.

c) Os investimentos que sexan obxecto de subvención terán que empezar durante o año 1997 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada das obras realizadas, asinada por técnico facultativo e visada polo correspondente colexio oficial.

d) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos:

1. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data que se lle concedeu por vez primeira, pola Administración turística, a autorización provisional para o funcionamento do establecemento pois, en caso contrario, e consonte o sinalado no artigo 78.5.c da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de presupostos xerais do Estado do exercicio correspondente.

2. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante once meses ó ano e adscribirse á Central de Reservas de Turgalicia.

4. Asumi-la xestión do establecemento cando sexa unha persoa física pero, non obstante, nos casos de forza maior, poderase facer cargo desta xestión, de modo temporal, outra persoa que resida co titular da vivenda subvencionada, ou con carácter definitivo, nos casos de morte, xubilación ou incapacidade do sinalado beneficiario. En todo caso, calquera destas alteracións precisará autorización previa da Administración turística.

Se a titularidade do establecemento de turismo rural que se subvencione corresponde a unha persoa xurídica, nos clasificados como Hospedería, deberá residir na vivenda, alomenos unha persoa física con poder dabondo para representala e xestiona-lo establecemento. Este apoderamento, que deberá figurar inscrito no Rexistro Mercantil, presentarase coa suficiencia verificada pola Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, no momento de solicitude de reapertura do establecemento. No caso de que o establecemento estea clasificado como residencia, o titular do establecemento comprométese a todo o sinalado neste parágrafo, agás o deber de residencia na vivenda.

e) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos servicios provinciais de Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

f) Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/1992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-1992), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento do investimento subvencionable cando este se refira á execución dun dos investimentos recollidos no artigo 5º.1.f).1º desta orde ou de ata o 30% cando o investimento sexa un dos contemplados no artigo 5º.1.f).2º desta Orde. En todo caso a porcentaxe de subvención concedida con respecto ó investimento subvencionable poderase incrementar nun 10% máis se o proxecto implica a creación de comedor para o establecemento.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo de un mes, contado desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e) Certificación bancaria actualizada da conta onde se aboará a subvención, se é o caso.

f) 1º. Proxecto básico asinado por técnico facultativo competente, facendo consta-lo seu número de colexiado, cando o investimento se refira á realización de obras. Así mesmo será preceptivo remiti-lo dito proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vinculadas coa seguridade del ou da dos seus usuarios.

2º. Memoria explicativa, asinada así mesmo por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento telefónico, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións, sempre e cando estes investimentos non se atopen vinculados coa seguridade do establecemento ou da dos seus usuarios. Á dita memoria achegaránselle os correspondentes certificados de idoneidade técnica.

En calquera de ámbolos casos, é dicir, tanto co proxecto como coa memoria explicatica, farase constar no expediente, obrigatoriamente, o seguinte:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia a súa catalogación ou inventariado cando a edificación para a que se solicita a subvención non a percibise con anterioridade da Secretaría Xeral para o Turismo.

-Fotografías actuais do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do investimento e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, segundo corresponda, e especificándose o importe detallado de cada un deles, os elementos ou os capítulos que conforman o investimento; así como, se é o caso, o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Planos do estado actual e do proxectado, a escala mínima 1:50, cando o investimento afectar á distribución ou uso das instalacións existentes.

-Indicación dos materiais e acabados propostos.

-Características técnicas do investimento.

-Prazo previsto para a execución.

g) Documento actualizado de estar de alta no Imposto de Actividades Económicas.

h) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita a subvención.

i) Documentos acreditativos, se é o caso, de asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou de persoal ó servicio do establecemento. Neste caso terá que de achegarse o TC1 correspondente.

k) Declaración xurada, se é o caso, na que se determine que, logo do remate das obras que se

subvencionen ó abeiro desta orde, solicitarase polo interesado o cambio da clasificación do establecemento, da modalidade de Residencia á de Hospedería.

2. Os interesados emendarán, por requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Secretaría Xeral para o Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, e no que se deberá indica-las faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á orde de ordenación, a súa data de autorización así como un informe de valoración da prestación do servicio de oferta de turismo rural conforme a normativa vixente do establecemento para o que se solicita subvención.

As ditas solicitudes serán estudiadas por unha Comisión de Valoración e Selección constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, ou funcionario en quen delegue, que a presidirá, actuando como vocais os xefes dos servicios de fomento e promoción e de ordenación do turismo da Secretaría Xeral para o Turismo, o xefe da área de turismo rural de Turgalicia e os xefes dos servicios provinciais de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do servicio de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-Reconverte-lo establecemento da modalidade de Residencia á de Hospedería.

-A zona onde se sitúa o establecemento, en función da súa oferta, servicios, recursos e calidade medioambiental.

-As características do investimento, en función das necesidades do establecemento, para o que se solicita subvención.

-O informe do xefe do servicio provincial de turismo a que se fai referencia no parágrafo primeiro do artigo 6º desta orde.

-O informe do xefe do servicio de supervisión de proxectos e contratación sobre o investimento proxectado.

-O estado actual das instalacións e oferta de servicios.

-As sancións firmes impostas ó establecemento por un funcionamento defectuoso na calidade dos servicios ofertados.

-A ocupación dos últimos 2 anos ou se é o caso desde a súa apertura.

-A asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou de persoal ó servicio do establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará, cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevaralle ó secretario xeral para o Turismo proposta de concesión ou denegación de subvención. Todo o acordado pola Comisión de Valoración e Selección recollerase na correspondente acta.

3. O secretario xeral para o Turismo, vista a proposta elevada pola Comisión de Valoración e Selección, dictará as resolucións de concesión, ou se é o caso, de denegación de subvencions. A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, 1998 e, se é o caso de 1999.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que no recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 8º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle á Secretaría Xeral para o Turismo a aceptación ou renuncia a elas. Se polo beneficiario se comunicase a aceptación, deberase achegar esta no modelo sinalado no anexo III da presente orde. Se transcorridos os sinalados quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. No prazo de dous meses, contados dende a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitirán á Secretaría Xeral para o Turismo licencia urbanística de obras, expedida polo concello, que posibilite a execución do investimento obxecto de subvención. Excepcionalmente, e por razóns non imputables ó interesado, poderase aplaza-la presentación deste documento. De non pre

cisarse a dita licencia será preciso que o concello así o certifique.

Así mesmo, cando o investimento fose un dos determinados no artigo 5º.1.f.1º desta orde, o beneficiario, á parte do sinalado achegará, por duplicado exemplar:

Proxecto definitivo da acción subvencionada, visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento.

Ó dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, achegaráselles informe favorable do xefe do servicio de supervisión de proxectos e contratación da Secretaría Xeral para o Turismo.

Se transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o secretario xeral para o Turismo, vista a proposta que se lle formule pola comisión de selección de proxectos, poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos das correspondentes comisións de valoración.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuiu en dúas ou máis anualidades terán como data límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1997: 15 de novembro de 1997.

Fase de 1998: 30 de xuño de 1998, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999

Se a subvención se imputou só ó exercicio de 1997, a data límite de presentación será o 15 de novembro de 1997.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial, no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacións previstas no artigo 5º.1.f).1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións previstas no artigo 5º.1.f).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas deberase especificar, polo interesado, a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social, así como de estar ó corrente no imposto sobre actividades económicas.

3.4. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegase con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.5. Certificación de residencia do titular, emitida polo concello da localización do investimento subvencionado, se o solicitante é persoa física; e certificación, expedida polo Rexistro Mercantil, do domicilio social da empresa no municipio de localización do investimento subvencionado, se o beneficiario é persoa xurídica. Esta certificación, en calquera de ámbolos casos, será obrigatorio presentala coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos.

3.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 4º.d) da presente orde.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1997 ou, se é o caso, de 1998, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 40.Dous.B).2 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

4. Para o non previsto anteriormente, terá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición transitoria

Os establecementos que reciban subvención ó abeiro desta orde e que estean sometidos a obriga de adecua-las súas instalacións e servicios no prazo sinalado na disposición transitoria primeira da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, determínaselle que o dito prazo será o que teñan sinalado como data límite de xustificación da subvención concedida. No caso de solicitala e non recibila por mor de limitacións orzamentarias, sinalarase na resolución comunicatoria deste feito o prazo de adecuación das súas instalacións e servicios, que en ningún caso poderá supera-lo 30-6-1999.

Disposición adicional

Primeira.-Excepcionalmente admitiranse nos proxectos obras «ex novo» que sirvan para dar cumprimento ós requisitos establecidos nos artigos 10º e 11º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996, sempre e cando o titular do establecemento asuma a xestión del na modalidade de hospedería. En calquera caso, esta excepción non exime de que o establecemento cumpra tódalas demais condicións particulares establecidas no artigo 3º da presente orde.

Segunda.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 1999. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.- As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-En todo o non recollido na presente orde rexerá o disposto, para esta materia, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Terceira.-Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dicta-las resolucións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

3712