Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 1997 Páx. 4.797

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 7 de febreiro de 1997 pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado mediante o Decreto 2065/1974, do 30 de maio, establece no seu artigo 108 as normas xerais e o dereito dos beneficiarios a unhas prestacións sanitarias en relación ás próteses cirúrxicas fixas, ás ortopédicas permanentes ou temporais, así como á súa oportuna renovación, e os vehículos para inválidos.

Transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde, mediante o Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, correspóndelle a concesión destas prestacións ó Servicio Galego de Saúde, no ámbito da dita Comunidade Autónoma.

O Real decreto 63/1995, do 20 de xaneiro sobre ordenación de prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde inclúe no grupo de prestacións complementarias a prestación ortoprotésica, axustándose en todo caso ó indicado no catálogo debidamente autorizado.

A Orde do 18 de xaneiro de 1996 do Ministerio de Sanidade e Consumo, de desenvolvemento do real decreto anteriormente citado, dispón que as administracións públicas competentes na xestión da prestación ortoprotésica elaborarán os correspondentes catálogos adaptados no seu contido á relación de anexos á orde citada, así como as condicións de acceso, prescrición, xestión, aplicación do catálogo e, se procede, de recuperación dos artigos.

A dita orde concede un prazo dun ano a partir da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, para que por parte das diferentes administracións públicas competentes nesta materia se adapten as condicións de desenvolvemento da prestación ortoprotésica ó seu contido.

Tendo en conta o Real decreto 414/1996, do 1 de marzo, polo que se regulan os productos sanitarios.

De acordo coa Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

Considerando a disparidade de criterios existentes actualmente na aplicación, -en canto a prescrición, elaboración, dispensación e aboamento das prestacións ortoprotésicas- do contido do referido artigo 108 da Lei xeral da Seguridade Social por parte das distintas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde, a ausencia dunha normativa que unifique a complexa terminoloxía utilizada para a descrición dos productos ortoprotésicos, xunto coa importancia sociosanitaria destas prestacións, e co fin de establecer un adecuado procedemento na xestión destas con obxecto de facilitar con garantía e rapidez ós usuarios os productos que se lles prescriban,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Catálogo de Material Ortoprotésico que figura como anexo á presente orde. O dito catálogo

será de aplicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e contén aqueles productos sanitarios suxeitos a financiamento polo Servicio Galego de Saúde ás persoas con dereito a cobertura sanitaria dentro do Sistema Nacional de Saúde e que precisen algunha das prestacións regulamentarias incluídas no artigo 108 da Lei xeral da Seguridade Social.

Tamén se inclúe a renovación e reparación destes productos sanitarios, salvo cando estean motivadas pola mala utilización por parte do usuario.

Artigo 2º

Do mesmo modo mediante a aprobación do catálogo procédese á fixación de contías máximas que se financiarán para cada producto, cantidade que está especificada en cada caso, distinguíndose:

-Para os productos incluídos nos grupos de próteses externas e cadeiras de rodas, as cantidades que financiará o Servicio Galego de Saúde serán as sinaladas no catálogo.

-Para os productos incluídos nos grupos de órteses e próteses especiais nos que igualmente se consignan os importes máximos que financiará o Servicio Galego de Saúde especifícanse, ademais, as cantidades que aportarán para cada producto os beneficiarios da prestación.

Artigo 3º

A prescrición de próteses externas, cadeiras de rodas, órteses e próteses especiais serán efectuadas en tódolos casos polos facultativos do Servicio Galego de Saúde, tanto os da rede propia como os dos hospitais vinculados ó Servicio Galego de Saúde mediante concerto singular, especialistas na materia correspondente á clínica que xustifique a prescrición, e a cal se adaptará na súa descrición e nas súas especificacións técnico-sanitarias -incluíndo de forma obrigada a denominación e o código do producto do que se trate- a lista de ortopróteses que integran o catálogo de referencia que se aproba mediante esta orde (anexo II).

No caso da non correspondencia entre a descrición do producto e o seu código prevalecerá a descrición do producto.

Artigo 4º

4.1. Para a prescrición dos ditos productos ortoprotésicos utilizarase o modelo de informe clínico folla de prescrición que se incorpora como anexo I (anverso e reverso) a esta orde, documento que substituirá os diferentes tipos de modelos que ata a data puideran estarse utilizando nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

4.2. As follas de prescrición terán unha validez de 15 días naturais para a súa recepción polos establecementos de ortopedia, contados a partir da data de prescrición nelas consignada e quedarán automaticamente caducadas e sen efectos, polo transcurso do dito prazo.

En tódolos productos nos que sexa procedente ou así se determine, o especialista prescritor comprobará que o dito producto se axusta rigorosamente ás súas indicacións e se adaptará perfectamente ó paciente, para o que deberá asina-lo visto e prace á adaptación que figura na folla de prescrición descrita.

Os facultativos prescritores deberán, así mesmo, en tódolos casos consignar ademais a orixe da continxencia.

4.3. As prescricións dos productos ortoprotésicos realizaranse en centros asistenciais que dispoñan dos medios suficientes e o equipo adecuado para o control da adaptación ó producto facilitado ó paciente.

Artigo 5º

5.1. A partir da entrada en vigor desta orde só se poderán financiar por parte do Servicio Galego de Saúde os productos ortoprotésicos incluídos no referido catálogo.

5.2. En ningún caso as direccións provinciais do Sergas aboarán os productos non incluídos no catálogo xeral de material ortoprotésico vixente en cada momento.

Artigo 6º

6.1. As próteses cirúrxicas fixas continuaranas facilitando os propios hospitais, con cargo ó orzamento destes, e deberán en tódolos casos cumpri-los requisitos de adquisición dispostos na lexislación sobre contratos das administracións públicas e as normas específicas de desenvolvemento que establezan a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Servicio Galego de Saúde deberá aprobar e publica-lo catálogo de implantes, adaptado ó contido do anexo I da orde ministerial do 18 de xaneiro de 1996 e que será de obrigado cumprimento para a totalidade dos centros hospitalarios.

6.2. Os productos ortoprotésicos incluídos no catálogo xeral dentro doutros grupos distintos ó de próteses cirúrxicas fixas non poderán ser financiados directamente por parte do propio hospital nin tramitada a súa concesión por ningún outro procedemento diferente ó do reintegro do gasto, salvo o establecido nos artigos 7.4 e 11.2 da presente orde.

Artigo 7º

7.1. O procedemento da prestación ortoprotésica, polo que respecta á súa tramitación administrativa e concesión, adaptarase ós seguintes criterios:

a) Tendo en conta que os prezos que figuran no catálogo teñen o carácter de máximos, en ningún caso o importe do reintegro poderá supera-lo dito importe, impostos incluídos.

b) De igual modo, e como consecuencia do antedito, non será necesaria a presentación por parte do solicitante de ningún orzamento, sendo suficiente a factura orixinal correspondente.

7.2. As solicitudes acompañaranse da seguinte documentación:

-Acreditación de ser beneficiario das prestacións do Servicio Galego de Saúde e de residir no ámbito da provincia na que se solicita o reintegro dos gastos.

-Prescrición e informe técnico do correspondente facultativo especialista do Servicio Galego de Saúde,

emitidos no modelo de informe clínico folla de prescrición descrita no artigo 4.1. desta orde.

-Factura orixinal de adquisición do material ortoprotésico na que figure de forma expresa o producto dispensado, o código que segundo catálogo lle corresponde e o importe aboado.

A factura deberá cumpri-los requisitos legais ós que a empresa subministradora este suxeita.

-Solicitude de reintegro asinada polo usuario ou o seu representante legal na que conste NIF do perceptor da prestación así como os datos identificativos da conta bancaria.

7.3. Para aqueles productos que poidan ser considerados no catálogo xeral como de especial prescrición e control (EPC) por parte da Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica de Galicia requirirase, ademais, un informe clínico completo que xustifique a prescrición realizada por un facultativo do Servicio Galego de Saúde especialista na materia correspondente á clínica que xustifique a prescrición e adscrito a un centro hospitalario propio que dispoña de unidade ou servicio de rehabilitación.

Os ditos productos requirirán, ademais, o visado previo a súa dispensación por parte da inspección sanitaria.

Así mesmo tamén precisará o visado por parte da inspección sanitaria tódolos productos ortoprotésicos prescritos por facultativos de centros concertados co Servicio Galego de Saúde.

No caso de pacientes ingresados en centros hospitalarios propios non será preciso o visado da inspección sanitaria.

7.4. Nos supostos daqueles productos para os que a cantidade financiable supere as 75.000 ptas., e sempre que o beneficiario da prestación cumpra criterios de necesidade social debidamente obxectivados, facúltase as direccións provinciais do Sergas para que autoricen, logo do correspondente informe por escrito das circunstancias do caso e aceptación por parte da empresa subministradora, o endoso do valor da prótese prescrita á citada empresa.

7.5. Tódolos expedientes resolveranse nun prazo máximo de 3 meses contados desde o momento en que se presente a solicitude do reintegro do gasto.

Artigo 8º

Procederán as reparacións ou renovacións, así como as modificacións ou substitucións dos productos ortoprotésicos, unha vez finalizado o período de garantía, cando sexan efectuadas por indicación do especialista correspondente.

As ditas solicitudes serán denegadas cando o suposto sexa consecuencia da mala utilización por parte do usuario do producto solicitado.

Artigo 9º

As axudas para deambulación: cadeiras de rodas, bastóns, muletas e andadores, teñen o carácter de recuperables para a súa posible reutilización, polo que poderá ser requirida a súa devolución polo Servicio Galego de Saúde unha vez finalizado o seu uso, sendo por tanto procedente a existencia dun compromiso escrito

por parte dos beneficiarios destas prestacións a facer efectiva tal devolución.

Artigo 10º

10.1. Os dereitos dos beneficiarios das prestacións ortoprotésicas son:

-Liberdade de elección do establecemento dispensador da prótese prescrita, segundo os criterios de planificación establecidos polo Sergas.

-Renovación periódica da prestación, se procede.

-Posibilidade de acudir á inspección sanitaria en caso de desconformidade coa prestación.

-Posibilidade de elevar reclamación, en última instancia, ante a Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica da Comunidade Autónoma de Galicia.

10.2. Serán obrigas dos beneficiarios:

-Cumpri-las instruccións do facultativo especialista prescritor.

-Facer bo uso da prestación prescrita e conservala.

Artigo 11º

11.1. Co fin de realizar adecuadamente o seguimento destas prestacións así como as modificacións normativas e do catálogo (inclusións e exclusións de productos entre outras) que procedan en cada momento, créase a Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia; a súa composición será a seguinte:

-Presidente: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Sergas, quen poderá delegar no director xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde.

-Vicepresidente: o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e secretario xeral do Sergas.

-Vocais: o/a subdirector/ra de atención especializada do Servicio Galego de Saúde.

O/a subdirector/ra de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O/a subdirector xeral de Información Sanitaria do Servicio Galego de Saúde.

O/a subdirector/a xeral de Presupostos da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

Dous facultativos especialistas en rehabilitación, un por cada provincia da Comunidade Autónoma, designados pola Dirección Xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde.

Un facultativo especialista en traumatoloxía e cirurxía ortopédica designado pola Dirección Xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde.

Actuará como secretario/a, sen voz e sen voto, un/unha administrativo/a designada polo secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Cando a comisión o considere oportuno poderá convoca ás súas reunións ata un máximo de tres membros non fixos, que actuarán con voz pero sen voto, entre persoas das que, por razóns profesionais se considere necesaria a intervención.

A comisión reunirase unha vez cada dous meses con carácter ordinario e con carácter extraordinario cando o considere necesario o presidente ou a metade máis un dos seus compoñentes.

Entre as súas funcións incluiranse:

-Prepara-lo contido dos catálogos de próteses cirúrxicas fixas e ortopédicas permanentes ou temporais.

-O asesoramento técnico para a resolución de dúbidas que poidan presentarse desde as direccións provinciais e xerencias de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde en relación coa prestación ortoprotésica, así como o que precise o representante da Comunidade Autónoma vocal na Comisión Técnica Asesora sobre prestación ortoprotésica do Ministerio de Sanidade e Consumo, prevista na orde ministerial do 18 de xaneiro de 1996.

-Desenvolve-lo sistema de información que permita realiza-lo control e o seguimento adecuados da prestación ortoprotésica no ámbito da Comunidade Autónoma.

-Posibilidade de establecer que determinados productos queden sometidos a visado por parte da inspección sanitaria, con carácter previo á súa dispensación.

-Velar polo cumprimento e aplicación da normativa vixente en cada momento na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Establecer e actualiza-las cantidades que se financiarán para cada un dos productos incluídos no Catálogo de Prestacións Ortoprotésicas, as contías e como máximo limitarase o financiamento ós beneficiarios por parte do Servicio Galego de Saúde.

-Determina-las inclusións e exclusións do catálogo vixente.

-Atende-las posibles reclamacións de usuarios dirixidas á propia Comisión Central.

11.2. Así mesmo, a Comisión Central poderá autoriza-la realización de concursos públicos de determinados productos ortoprotésicos que polas súas especiais características así o aconsellen.

Artigo 12º

A Unidade de Prestacións da Inspección Sanitaria de cada unha das direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde realizará un programa continuo de seguimento desta prestación ortoprotésica, emitindo semestralmente un informe de avaliación a este respecto, co fin de constata-lo adecuado cumprimento das normas establecidas na presente orde así como a evolución dos custos económicos.

Os ditos informes serán remitidos ó/á secretario/a da Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tódalas solicitudes de productos ortoprotésicos formuladas con posterioridade á data da entrada en vigor desta orde deben ser tramitadas e recoñecidas seguindo as presentes instruccións:

Ás solicitudes formuladas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde e que se encontrasen

en trámite de resolución seralles de aplicación a normativa reguladora máis favorable para o beneficiario.

Segunda.-A partir da data de publicación da presente normativa reguladora establécese un período transitorio de dous meses, durante o que se procederá á edición, impresión e difusión do catálogo de material ortoprotésico á totalidade de especialistas prescritores e distintos niveis administrativos e sanitarios do Servicio Galego de Saúde e ás súas direccións provinciais impli

cadas na temática, así como establecementos dispensadores de productos ortoprotésicos.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

CATÁLOGO XERAL DE MATERIAL ORTOPROTÉSICO

ANEXO II

PRÓTESES EXTERNAS

ANEXO III

CADEIRAS DE RODAS

ANEXO IV

ÓRTESES

ANEXO V

PRÓTESES ESPECIAIS

3841