Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 1997 Páx. 4.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 6 de maio de 1997 pola que se dictan normas para a concesión de subvencións a proxectos de accións de investigación-acción que teñan relación co esforzo global anti VIH/SIDA.

Dentro do marco das actividades anti VIH/SIDA en Galicia dáselle prioridade a atende-la demanda e financiamento de proxectos ou actividades de investigación/acción co obxectivo dobre de que ó mesmo tempo que se contribúe directamente á acción global antiVIH tamén, mediante a avaliación e valoración desas experiencias, se poidan estender aquelas que aporten resultados positivos e útiles no proceso de lograr unha maior esixencia das nosas accións, aconsellado polas estratexias e directrices marcadas no contorno da infección por VIH/SIDA.

A brusca aparición do virus de inmunodeficiencia humana mostrouno-las carencias e limitacións no campo da atención social e sanitaria, e as experiencias de máis de quince anos de esforzos para facerlles fronte demostran a necesidade de formular alternativas, así como buscar novas iniciativas que aporten solucións eficientes para a súa implantación no futuro.

Seguindo esta liña marcada anteriormente e cos obxectivos de potenciar e avaliar estas actividades, convócanse estas axudas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O obxecto da presente orde é a convocatoria de axudas económicas para proxectos ou accións de investigación/acción, actividades de interese comunitario no campo da vixilancia epidemiolóxica, información, prevención, detección, tratamento e atención do VIH/SIDA.

Estas axudas irán dirixidas a aquelas persoas ou institucións que desenvolvan as anteditas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial consideración das solicitudes presentadas por institucións públicas ou benéfico-privadas sen ánimo de lucro.

Artigo 2º.-As actividades que se van desenvolver que poden ser obxecto das subvencións reguladas na presente orde estarán encadradas dentro das actividades anti VIH/SIDA no campo da saúde pública.

Así terán consideración preferente aquelas actividades que aborden os seguintes contidos:

a) Estudios de nivel de información, actitudes e comportamentos de poboación galega en relación con esta infección.

b) Realización de accións preventivas sobre colectivos de especial interese para evita-la transmisión do VIH/SIDA e avaliación dos seus resultados. Defínense como colectivos de especial interese os de prostitución, institucións penitenciarias, homosexualidade e usuarios de drogas por vía parenteral (UDVP).

c) Recollida, realización e difusión continuada de información relacionada co VIH.

d) Investigación social para evita-la discriminación.

e) Atención e soporte psíquico do afectado e o seu contorno.

f) Actividades de grupos de autoapoio de portadores de VIH/SIDA.

g) Actividades de formación de persoal que realice a súa actividade no campo do VIH/SIDA.

h) Todas aquelas actividades que se encadren nas pautas establecidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en relación co VIH/SIDA.

Artigo 3º.-As axudas concedidas irán destinadas a cubri-la totalidade ou parte dos gastos de financiamento do proxecto ou acción de acordo cos seguintes conceptos:

a) Materiais e recursos necesarios para levalos a cabo.

b) Desprazamentos e actividades de organización relacionadas co seu desenvolvemento.

c) Actividades formativas dos propios membros do grupo de intervención.

d) Deseño e dirección.

Artigo 4º.-O importe total das axudas reguladas pola presente orde ascenden a 15.000.000 de ptas., que se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.313A.785.1, na que existe crédito orzamentario suficiente.

Artigo 5º.-As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e presentaranse cunha memoria explicativa do proxecto ou acción que se pretende realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II cunha extensión máxima de 15 páxinas.

Artigo 6º.-As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública e maila documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral

da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou polos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Para a selección das solicitudes formuladas valoraranse as seguintes características:

a) Adecuación de contidos ós recollidos no artigo 2º.

b) Proxectos coordinados entre distintos servicios e/ou institucións dunha mesma zona que teñan incidencia positiva no esforzo global anti VIH/SIDA entre a súa poboación.

c) Previsión dunha acción continuada en anos posteriores.

d) Solidez e coherencia na concepción dos proxectos ou accións, expresadas polo rigor e concreción dos obxectivos, poboación diana, consistencia metodolóxica, tipo e temporalización das actividades, recursos que se mobilizarán e sistema de avaliación deseñados.

e) Axuste entre o custo e o orzamento presentados.

Artigo 8º.-Para a selección e aprobación definitiva das axudas constituirase unha comisión integrada por:

-O director xeral de Saúde Pública ou persoa en que delegue, que actuará como presidente.

-A subdirectora xeral de Programas de Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

-O xefe do Servicio de Prevención e Control da Infección por VIH/SIDA e doutras Enfermidades Transmisibles.

-Un técnico do dito servicio.

-Un funcionario da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que actuará como secretario.

Artigo 9º.-A resolución da presente convocatoria será publicada no DOG, facéndose consta-la contía da axuda concedida.

Se as solicitudes non se resolvesen no prazo de tres meses, contados a partir da data establecida no artigo 6 como prazo máximo para a realización das solicitudes, entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-O pagamento das axudas ós proxectos ou accións seleccionadas, cando non exceda de 5.000.000 de ptas., poderase realizar mediante pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os gastos realizados, sen que estes pagamentos poidan supera-lo 80% da subvención concedida.

O resto do importe librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida.

Cando o importe das subvencións supere a cifra de 5.000.000 de ptas., poderanse efectuar pagamentos parciais por conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias previstas no artigo 36.2.B.2º da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

En todo caso, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o beneficiario da subvención acreditará, antes de proceder ó seu cobramento, que está ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente o pagamento de ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública na Comunidade Autónoma. Non estarán suxeitos a esta obriga os beneficiarios das subvencións cando a súa contía sexa inferior a 250.000 ptas., de acordo co sinalado no artigo 40, apartado 2 C, da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Artigo 11º.-Unha vez realizado o proxecto ou acción, que en ningún caso poderán pasar do 31 de decembro de 1997, deberá remitirse á Dirección Xeral de Saúde Pública no prazo de 30 días a memoria xustificativa da aplicación definitiva dos fondos recibidos e que conterá as distintas fases de realización así como os resultados e conclusións.

Se o proxecto ou acción non fose realizado na súa totalidade no prazo establecido, ou concorrese algunha das causas establecidas no artigo 78.5º da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, procederase á revogación da axuda concedida e á devolución do diñeiro percibido cos correspondentes xuros de demora.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos ou accións seleccionadas.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Saúde Pública para dicta-las instruccións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

e Presidente do Servicio Galego de Saúde

ANEXO II

Aspectos que deben considerarse na memoria do proxecto ou acción para o cal se solicita a subvención:

1. Datos de identificación:

-Título.

-Coordinador/a ou representante.

-Lugar de realización.

-Datos bancarios xuntando certificación.

-Datos persoais, profesionais e función dos compoñentes do grupo (se é o caso).

-Outros profesionais, entidades ou colectivos cos que se interactúa.

2. Deseño.

-Xustificación do proxecto.

-Obxectivos que se pretenden.

-Actividades que se realizan para cada obxectivo e temporalización delas.

3. Recursos necesarios.

-Materiais.

* Materiais útiles dos que xa se dispón para o proxecto.

* Materiais que é necesario adquirir.

-Orzamento.

* Deseño e dirección.

* Gastos de desprazamento e organización.

* Outros gastos.

-Outras axudas solicitadas ou dispoñibles.

4. Criterios e modelos deseñados para avalia-los resultados.

3581