Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 1997 Páx. 4.581

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 7 de maio de 1997 pola que se regula a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se crea o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

A producción agraria ecolóxica ou biolóxica constitúe un método diferenciado de producción de alimentos, que é conveniente regular asegurando a transparencia en tódalas fases, tanto da mesma producción como da elaboración e comercialización.

O Regulamento CEE 2092/1991, do Consello, do 24 de xuño, sobre a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos productos agrarios e alimenticios, establece unha serie de normas para a presentación, o etiquetado, a producción, a elaboración, o control e a importación de países terceiros, dos productos procedentes da agricultura e gandería ecolóxica ou biolóxica, que foi complementado e modificado polos regulamentos (CEE) 2083/1992, do 14 de xullo; 2608/1993, do 23 de setembro; 2381/1994, do 30 de setembro; 1935/1995, do 22 de xuño, e demais normativa afín.

A norma comunitaria prevé que o control da producción agraria ecolóxica debe ser realizado por autoridades designadas polos estados membros, sen

do en España competencia das comunidades autónomas designa-la autoridade competente e a autoridade de control, segundo recoñece o artigo 5º do Real decreto 1852/1993, do 22 de outubro, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Procede, en consecuencia, establece-la autoridade competente e a autoridade de control, así como aplicar e desenvolve-las disposicións contidas na normativa comunitaria sobre agricultura ecolóxica ou biolóxica, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; e polo tanto, de conformidade co artigo 30.I. 3º e 4º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

As disposicións contidas na presente orde teñen por obxecto a regulación, no ámbito das respectivas competencias e para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de:

a) A producción, a elaboración e a comercialización dos productos relacionados nas alíneas a) e b) do artigo 1 do Regulamento CEE 2092/1991, do Consello, do 24 de xuño, sobre a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos productos agrarios e alimenticios.

b) Os instrumentos de fomento, promoción, control e asesoramento en materia de agricultura ecolóxica ou biolóxica.

Artigo 2º.-Indicacións protexidas.

1. Para os efectos do que dispón a presente orde, e de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento CEE 2092/1991, do 24 de xuño, considérase que un producto leva indicacións referentes ó método ecolóxico de producción cando no seu etiquetado, publicidade ou en documentos comerciais este producto e/ou os seus ingredientes están caracterizados por:

a) As mencións en reconversión cara a agricultura ecolóxica, obtido sen o emprego de productos químicos de síntese, ecolóxico, biolóxico, orgánico, biodinámico, ou os seus respectivos nomes compostos.

b) Os prefixos eco e bio, acompañados ou non do nome do producto, dos seus ingredientes ou da súa marca comercial.

c) En xeral, calquera indicación ou cualificativo que permita ó consumidor entender que o producto e/ou os seus ingredientes foron obtidos de acordo coas normas de producción contidas nos artigos 6 e 7, e nos anexos I, II, III e IV do Regulamento CEE 2092/1991, do 24 de xuño, e en todas aquelas disposicións que o complementen, desenvolvan ou modifiquen.

2. Só poderán utiliza-las indicacións citadas no apartado anterior os operadores que produzan, elaboren, e/ou importen productos que cumpran as normas de producción citadas e que notifiquen a/as súa/s actividade/s á autoridade competente e sometan a/as súa/s empresa/s ó sistema de control establecido no artigo 9 do Regulamento CEE 2092/91, do 24 de xuño.

3. Para os efectos do que dispón o apartado anterior a autoridade competente para recibi-la notificación será a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, en relación ós titulares de empresas agrarias de producción e ós titulares de industrias elaboradoras.

4. O uso das indicacións mencionadas no primeiro apartado deste artigo realizarase de acordo co establecido no artigo 5º do Regulamento CEE 2092/91, do 24 de xuño.

5. Nos productos agrarios e alimenticios distintos dos regulados na presente orde, prohíbese a utilización de nomes, marcas, expresións e sinais que por similitude fonética ou gráfica cos protexidos, poidan inducir a que se confundan con eles, aínda no caso de que vaian precedidos polas expresións tipo, estilo, gusto, sabor, producido, elaborado, envasado ou outras análogas.

Artigo 3º.-Normas de producción e elaboración.

Os operadores que utilicen calquera das indicacións citadas no artigo 2 desta orde deberán producir e/ou elabora-los seus productos de acordo coas normas de producción establecidas nos artigos 6 e 7 do Regulamento CEE 2092/91, do 24 de xuño, así como nas demais disposicións complementarias referidas ó mesmo obxecto que sexan de aplicación.

Artigo 4º.-Autoridade competente.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, exercerá no ámbito das súas competencias e para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as funcións de autoridade competente, de acordo co disposto nos artigos 8 e 9 do Regulamento CEE 2092/1991, do 24 de xuño.

Artigo 5º.-O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

1. Créase o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, como órgano desconcentrado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para exerce-las funcións de autoridade única de control no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia será o encargado de aplicar, no ámbito das súas competencias, o sistema de control establecido nos artigos 8 e 9, e no anexo III do Regulamento CEE 2092/1991, do 24 de xuño.

Artigo 6º.-Rexistros.

1. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, para efectos de facilita-lo control, levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de operadores titulares de empresas agrarias de producción, no subsector vexetal.

b) Rexistro de operadores titulares de empresas agrarias de producción, no subsector animal.

c) Rexistro de operadores titulares de empresas de elaboración.

d) Rexistro de operadores titulares de empresas importadoras de países terceiros.

2. O Consello Regulador, para efectos de promoción, levará as seguintes relacións:

a) Relación de titulares de empresas de comercialización de productos ecolóxicos ou biolóxicos.

b) Relación de asociacións de consumidores de productos ecolóxicos ou biolóxicos.

Artigo 7º.-Dereitos e obrigas dos operadores.

1. Só os operadores sometidos a control segundo o establecido no artigo 2 desta orde poderán utilizar nas súas etiquetas, publicidade ou documentos comerciais, indicacións referentes ó método ecolóxico ou biolóxico de producción.

2. Só se aplicarán mencións relativas a agricultura ecolóxica ós productos que cumpran as normas esixidas pola lexislación vixente, tanto nas fases de producción, como de elaboración e de importación, se é o caso.

3. Tódolos operadores que realicen a súa actividade no campo da agricultura ecolóxica quedan obrigados ó cumprimento do especificado nos artigos 8 e 9 do Regulamento CEE 2092/1991, do 24 de xuño, sobre a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos productos agrarios e alimenticios e demais lexislación concordante.

4. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia adoptará e rexistrará un emblema ou logotipo como símbolo da denominación, unha vez aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Funcións do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia exercerá as funcións seguintes:

a) Elabora-lo proxecto de Regulamento interno da agricultura ecolóxica de Galicia e do seu consello regulador, e as súas posteriores modificacións, que deberán elevarse ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a súa aprobación.

b) Aplica-las disposicións da presente orde e do regulamento particular, velando polo seu correcto cumprimento.

c) Adoptar, logo do informe vinculante do comité de cualificación, as medidas previstas nos artigos 9.9 e 10.3 do Regulamento CEE 2092/91, do 24 de xuño.

d) Prestar apoio técnico para a elaboración de estudios e a execución de proxectos de reconversión productiva de explotacións agrarias e empresas agroalimentarias que desexen iniciar produccións ou elaboracións de productos segundo o sistema da producción agraria ecolóxica, así como plans de mellora e optimización dos procesos productivos.

e) Difundi-lo coñecemento e a aplicación dos sistemas de producción ecolóxica ou biolóxica, dando asesoramento técnico ás empresas que realicen produccións ecolóxicas ou que queiran iniciar esta actividade, nos termos que establece esta orde.

f) Promove-la difusión e o consumo dos productos agroalimentarios ecolóxicos ou biolóxicos.

g) Promover e coida-las formas de venda que mellor comuniquen ó consumidor e á sociedade en xeral o labor medioambiental dos operadores inscritos, vixiando, pola súa vez, o correcto uso das indicacións de identificación.

h) Promover e apoia-lo asociacionismo entre os operadores e a apertura de canles propias de comercialización, especialmente a venda directa.

i) Levar e manter actualizados os rexistros e relacións previstos no artigo 6 desta orde.

j) Propo-lo logotipo propio que deberá identifica-los productos agropecuarios ecolóxicos de Galicia, que deberá ser aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

k) Aproba-la memoria anual de funcionamento do consello, que se presentará, antes do 31 de marzo de cada ano seguinte, ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a súa ratificación.

l) Aproba-lo proxecto de orzamento anual do consello, que se presentará acompañado dunha breve memoria explicativa, antes do 15 de novembro do ano anterior, ante a citada consellería para a súa ratificación.

ll) Propor á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes posibles actuacións en materia de producción agraria ecolóxica ou biolóxica.

m) Resolver sobre a conformidade ou desconformidade co réxime de control dos operadores de productos agroalimentarios ecolóxicos ou biolóxicos, logo do informe vinculante do comité de cualificación.

n) Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

Artigo 9º.-Composición do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

1. Neste consello regulador estarán representados os operadores titulares de empresas de producción,

elaboración e/ou comercialización de productos ecolóxicos ou biolóxicos, así como as asociacións de consumidores, sempre que figuren inscritos nos correspondentes rexistros e relacións establecidos.

2. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) estará constituído por:

a) O presidente.

b) O vicepresidente.

c) Catro vocais titulares, cos seus correspondentes suplentes, en representación do sector productor:

-Dous vocais representando o subsector productivo vexetal.

-Dous vocais representando o subsector productivo animal.

d) Catro vocais titulares, cos seus correspondentes suplentes, en representación do sector elaborador e comercial:

-Dous vocais representando as empresas elaboradoras.

-Un vocal representando o subsector comercial, incluídos importadores de países terceiros.

-Un vocal representando as asociacións de consumidores de productos ecolóxicos ou biolóxicos.

e) Dous vocais técnicos en representación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, designados por esta.

3. Os vocais representantes da producción, das empresas elaboradoras, da comercialización e das asociacións de consumidores serán elixidos democraticamente, de entre os que están inscritos nos rexistros e relacións correspondentes e se sometan ó réxime de control establecido.

4. Os vocais elixidos por pertenceren en calidade de directivos ou representantes a unha firma inscrita, cesarán no seu cargo ó cesaren como directivos ou representantes da dita sinatura, aínda que seguisen vinculados ó sector por pasaren a outra empresa, procedendo no dito caso a designar substituto.

5. Unha mesma persoa natural ou xurídica non poderá ter no consello regulador doble representación, nin directamente nin a través de entidades filiais ou socios dela.

6. Os vocais serán renovados cada catro anos, e poderán ser reelixidos. O sistema e procedemento electoral serán establecidos por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no marco da lexislación vixente.

7. Causará baixa o vocal que durante o período de vixencia do seu cargo sexa sancionado nas materias que regula a normativa en vigor, ben persoalmente ou ben a firma á que representa.

8. O presidente do consello regulador será nomeado polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta dos vocais electos.

O vicepresidente será designado polo conselleiro de Industria e Comercio.

Artigo 10º.-Sesións do consello regulador.

1. Poderase reunir:

a) En sesión ordinaria, mediante convocatoria do presidente ou da persoa en quen delegue, cunha periodicidade mínima dunha vez ó trimestre.

b) En sesión extraordinaria, mediante convocatoria para tal efecto do presidente ou por solicitude de polo menos, un tercio dos seus membros.

2. O réxime de organización e funcionamento das sesións e o réxime de adopción de acordos serán establecidos no Regulamento interno da agricultura ecolóxica de Galicia e do seu consello regulador.

3. O pleno do consello regulador poderá tomar acordos cando estean presentes máis da metade dos seus membros.

En ningún caso se admitirá a delegación do voto.

O presidente terá voto de calidade.

4. O consello regulador debe remitir unha copia da acta das súas sesións á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes no prazo improrrogable de oito días hábiles a partir da data da reunión.

Artigo 11º.-O presidente do consello regulador.

1. As súas funcións son:

a) A representación do consello regulador.

b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do consello e ordena-los pagamentos, de acordo co establecido polo pleno.

d) Convocar e presidi-las sesións do consello, sinalando previamente a orde do día, e executa-los acordos adoptados polo pleno.

e) Organiza-lo réxime interior do consello.

f) Proporlle ó consello a contratación e resolución dos contratos do seu persoal.

g) Informar á Administración pública correspondente das incidencias que ocorran na producción e mercado.

h) Todas aquelas outras funcións que o consello acorde ou que lle encomende a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos, e poderá ser reelixido.

3. O presidente cesará:

a) Ó expira-lo período do seu mandato.

b) Por petición propia, unha vez aceptada a súa demisión.

c) Por decisión da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de incoación e resolución do expediente para o efecto, por incorrer nalgunha das

causas xerais de incapacidade establecidas na lexislación vixente ou por perda da confianza do pleno, manifestada en votación secreta por maioría de dous tercios dos seus membros.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. No caso de cesamento ou morte, o consello regulador proporá un novo candidato a presidente, no prazo dun mes, ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a súa designación.

5. As sesións de constitución do consello e aquelas nas que se estudie a elección de presidente serán presididas por unha mesa de idade, composta polo vocal de maior idade e os dous máis novos.

6. Correspóndelle ó vicepresidente do consello regulador substituí-lo presidente nos casos de ausencia, enfermidade e demais previstos na lexislación vixente.

No exercicio das súas funcións en defecto do presidente, o vicepresidente terá as mesmas competencias e obrigacións que aquel.

Artigo 12º.-Persoal do consello regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia contará co equipo humano necesario, de acordo co cadro de persoal aprobado polo pleno, sempre que figure dotado economicamente no seu orzamento.

2. O consello disporá de:

a) Director técnico.

b) Persoal técnico.

Encargarase de asesorar a tódolos operadores interesados, tanto desde o punto de vista da reconversión productiva, como na difusión do coñecemento e aplicación dos sistemas de producción e elaboración de productos ecolóxicos.

c) Persoal inspector ou vedores.

Encargarase do control e vixilancia, de acordo cos criterios do consello e do comité de cualificación e respectando, en todo caso, os sistemas de control establecidos pola lexislación vixente.

3. Os vedores serán designados polo consello regulador, por proposta do comité de cualificación, correspondéndolle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a súa habilitación.

4. Os vedores terán as seguintes atribucións inspectoras:

-Sobre os predios situados na zona de producción.

-Sobre as instalacións de elaboración e envasado.

-Sobre as empresas importadoras de países terceiros, unha vez autorizada e recibida comunicación ó respecto da Administración xeral do Estado.

-Sobre os productos protexidos, no ámbito desta denominación.

5. O consello regulador poderá contrata-lo persoal necesario para efectuar traballos urxentes, sempre que teña aprobado no seu orzamento dotación económica para este concepto.

6. A todo o persoal do consello, tanto con carácter fixo coma eventual, seralle de aplicación a lexislación laboral vixente.

Artigo 13º.-O director técnico.

1. O director técnico será nomeado e cesado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

O dito cargo deberá recaer en persoa que acredite coñecementos suficientes sobre a agricultura ecolóxica ou biolóxica.

2. As súas funcións serán as seguintes:

a) Exercer como secretario do consello regulador, o que implicará:

-Dar soporte técnico ó consello para o cumprimento das súas funcións e a execución dos seus acordos.

-Coordina-lo persoal técnico e de inspección, exercendo a xefatura inmediata sobre eles, de acordo coas directrices fixadas polo pleno e polo comité de cualificación.

-Asistir ás sesións do consello, con voz pero sen voto; cursa-las convocatorias, levanta-las actas e custodia-los libros e demais documentos que lle afecten.

-Todas aquelas que lle poidan ser encomendadas por acordo do consello regulador e pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

b) Presidi-lo comité de cualificación.

Artigo 14º.-O Comité de Cualificación da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

1. Composición.

a) O comité de cualificación estará integrado por tres membros:

-O director técnico, que actuará como presidente.

-Dous técnicos, funcionarios, de recoñecido prestixio en agricultura ecolóxica ou biolóxica, que serán nomeados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

b) O comité de cualificación adoptará os acordos por unanimidade dos seus membros. O seu funcionamento establecerase por regulamento de réxime interior e garantirase, en todo caso, a súa operatividade.

2. Funcións.

a) Informar sobre a natureza e calidade da producción, elaboración e comercialización dos productos relacionados nas alíneas a) e b), do artigo 1, do Regulamento CEE 2092/91, do 24 de xuño.

b) Emitir informe preceptivo e vinculante, con carácter previo á inscrición, á cualificación ou descualificación ou á imposición de calquera sanción ós operadores de productos agroalimentarios ecolóxicos, por parte do consello regulador.

c) Colaborar co consello na aplicación das disposicións establecidas na presente orde e demais lexislación afín.

d) Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

Artigo 15º.-Financiamento.

O financiamento das actividades e obrigas do Consello Regulador e do Comité de Cualificación da Agricultura Ecolóxica de Galicia efectuaráse cos recursos seguintes:

a) As cantidades aportadas polos operadores que sometan a súa empresa ó sistema de control, de acordo co establecido no artigo 2 desta orde.

b) As subvencións, legados, donativos e demais transmisións de bens e dereitos a título gratuíto das que sexa beneficiario o consello regulador.

c) As cantidades que puidese percibir en concepto de indemnizacións por danos e prexuízos ocasionados ó consello ou ós intereses que representa.

d) Os bens que constitúan o seu patrimonio e os seus productos e vendas.

e) Aqueloutros que por calquera título lle correspondan.

Artigo 16º.-Infraccións, sancións e procedemento.

1. As infraccións e o réxime de sancións será o establecido nos artigos 9.9 e 0.3, do Regulamento CEE 2092/91, do 24 de xuño; sen prexuízo do disposto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

2. O procedemento sancionador axustarase ó establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e ó Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, que aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, e a cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre esta materia.

3. Contra os actos e resolucións que adopte o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia poderase interpor recurso ordinario ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento do establecido na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

3641