Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 1997 Páx. 4.577

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de abril de 1997 pola que se aproba o regulamento interno do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais.

Cumprido o trámite previsto na disposición adicional primeira do Decreto 223/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais.

Esta consellería, de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira do citado decreto,

DISPÓN:

Artigo único.-Queda aprobado o texto do regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais que figura no anexo desta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Regulamento de funcionamento interno do Consello

Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais

Capítulo I

Natureza e atribucións

Artigo 1º.-Finalidade.

O Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais constitúese como órgano consultivo de participación institucional e diálogo entre organizacións sindicais e empresariais e de asesoramento do Consello da Xunta de Galicia en materia de formación profesional inicial e ocupacional.

Artigo 2º.-Sede do consello.

O Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais terá a súa sede na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en Santiago de Compostela, e poderá celebra-las súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-Atribucións.

Serán atribucións do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais as relacionadas no artigo 2º do Decreto 223/1994, do 7 de xullo.

Capítulo II

Organización do consello

Artigo 4º.-Órganos de goberno.

a) Órganos colexiados.

O Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais poderá funcionar en:

-Pleno.

-Comisión permanente.

-Comisións de traballo.

-Gabinete técnico.

b) Órganos unipersonais.

-Presidente.

-Vicepresidentes.

-Secretario.

Artigo 5º.-Composición.

A composición do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais será a indicada no artigo 3º do referido Decreto 223/1994, do 7 de xullo.

Para garanti-lo quórum das sesións, a Administración e as organizacións representadas designarán un suplente por cada vocal titular que posúan. Para estes efectos deberán comunicarlle ó presidente, antes de abri-la sesión do consello, se algún dos titulares non pode comparecer por causa xustificada e cal dos suplentes o substitúe.

Os suplentes, cando ocupen o posto dun titular, participarán nos debates e votacións nas mesmas condicións daqueles ós que substitúen.

Capítulo III

Órganos colexiados

Artigo 6º.-O pleno.

1. Ó pleno, que estará composto por tódolos membros do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, correspóndenlle, as seguintes funcións:

a) Crear e regula-la composicións e funcións das comisións de traballo, sinalándolle-los seus obxectivos.

b) Elaborar, modificar e aproba-las normas de funcionamento interno do consello da presente orde.

c) Aproba-lo proxecto de gastos no marco do exposto no artigo 4º desta orde.

d) Aproba-la memoria anual sobre a actuación do consello e render informe sobre a utilidade no eido laboral de Galicia dos distintos graos e especialidades da formación profesional.

e) Adoptar acordos e emitir informes sobre materias que constitúen as competencias do consello.

f) Aprobar, rexeitar ou modifica-los proxectos, informes e acordos que lle sometan as comisións de traballo en tódalas cuestións nas que actúen.

g) Delegar na comisión permanente as decisións ou realizacións de asuntos concretos, non podendo delega-las competencias dos apartados a, b, c e d deste artigo.

2. Reunións do pleno.

a) O pleno reunirase con carácter ordinario polo menos dúas veces ó ano e, con carácter extraordinario, por iniciativa do seu presidente, a pedimento da comisión permanente ou por proposta de 7 vocais do consello. Neste caso, a petición formulada por escrito deberá conte-los motivos e os temas que se propoñen para tratar na orde do día, debendo o presidente convoca-lo pleno nun máximo de 15 días.

b) Considérase validamente constituído cando estean presentes a maioría absoluta dos seus membros compoñentes.

3. Adopción de acordos.

a) Os acordos do pleno do consello adoptaranse pola maioría absoluta dos membros compoñentes.

b) En caso de empate o presidente poderá facer uso do voto de calidade.

Artigo 7º.-A comisión permanente.

1. A Comisión Permanente do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais estará composta por un dos vicepresidentes, que de forma alternativa a presidirán asumindo as competencias do presidente, o secretario do consello e nove vocais, que serán membros do consello, dos que tres serán representantes das organizacións empresariais, tres das organizacións sindicais máis representativas e tres da Administración autonómica.

Os membros da comisión permanente poderán ser substituídos, en cada ocasión, de entre os nomeados como titulares ou suplentes polas respectivas organizacións ou polos conselleiros dos departamentos representados neste órgano.

Serán funcións da comisión permanente, entre outras:

a) Prepara-las sesións do pleno e propoñe-la orde do día, a data e achega-la documentación necesaria para a súa celebración, coa suficiente antelación.

b) Estudiar, tramitar e resolver cantas cuestións lle sexan encomendadas polo pleno.

c) Apoiar e impulsa-las actividades das comisións de traballo que constitúa o pleno e coordina-lo seu funcionamento.

d) Elabora-la estimación de gastos de funcionamento ó amparo do artigo 4 desta orde.

e) Calquera outra que o pleno do consello lle confira ou delegue. A comisión permanente reunirase de xeito ordinario polo menos catro veces ó ano e, de xeito extraordinario, cada vez que o convoque o seu presidente.

2. Considérase validamente constituída a comisión cando estean presentes a maioría absoluta dos seus membros compoñentes.

3. Os acordos da comisión permanente adoptaranse por maioría dos seus membros presentes.

Artigo 8º.-Comisións de traballo.

O Pleno do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais poderá constituí-las comisións de traballo que considere necesarias determinando a súa composición e cometido específico. As comisións de traballo examinarán os temas que o pleno decida e remitiranlle as propostas, os estudios e traballos encomendados.

As comisións de traballo manterán unha proporcionalidade similar á do pleno do consello e terán como competencias as que determine este órgano colexiado.

Os membros das comisións de traballo poderán estar asistidos por asesores e expertos no tema que se trate, do modo que decida o pleno do consello. En todo caso, a asistencia de expertos e asesores será sen dereito a voto.

En función do traballo e número de comisións, o pleno poderá nomea-las persoas que actúen como secretarios/as delas.

As comisións de traballo, a través dos seus secretarios/as, elevarán os estudios ou informes elaborados ó pleno do consello, a través do seu presidente, e farán constar, se houbese, os acordos a as opinións diverxentes; neste caso por petición da parte interesada.

As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren necesaria, tendo en conta a urxencia e outros aspectos da tarefa encomendada.

Artigo 9º.-O gabinete técnico.

Dependente da presidencia do consello existirá un gabinete técnico que, como órgano de estudio, será o encargado da realización dos informes, traballos e estudios que, sobre aquelas cuestións relacionadas coa formación profesional en particular e co mercado de traballo en xeral, lle sexan encargadas polo pleno do consello ou pola comisión permanente.

O gabinete técnico estará formado por sete técnicos da administración, cun perfil axeitado ás funcións do gabinete, un por cada unha das sete consellerías que interveñen no pleno do devandito consello, con plena dedicación e a xornada completa, que serán propostos polos titulares dos respectivos departamentos.

Capítulo IV

Órganos unipersoais

Artigo 10º.-A presidencia.

1. Correspóndelle ó presidente do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, entre outras, as seguintes funcións:

a) Asumir e ostenta-la representación do consello, actuando como o seu portavoz.

b) Acorda-la orde do día, tendo en conta as propostas da comisión permanente ou as peticións dos membros do Consello, formuladas coa debida antelación, segundo establecen respectivamente os puntos 6º.2.a e 7º.a desta orde.

c) Convocar, presidir e levanta-las sesións do pleno. Antes de inicia-la orde do día, dará conta das comunicacións que afecten a este órgano.

d) Dirixi-las deliberacións, velar polo mantemento da orde e pola observancia do regulamento, conceder e retira-lo uso da palabra, someter a votación as propostas e proclama-los resultados en tódolos órganos que existan no consello.

e) Referenda-las actas e autorizar coa súa sinatura a documentación que afecte ó consello e ós seus órganos.

f) Delegar nos vicepresidentes do consello algunhas das súas funcións.

g) Tódalas que sexan propias da condición de presidente dun órgano colexiado.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade e outras causas de imposibilidade o presidente poderá ser substituído provisionalmente por un dos vicepresidentes.

Artigo 11º.-As vicepresidencias.

1. Como xa queda establecido corresponde ós vicepresidentes nos casos de vacante, enfermidade, ausencia, delegación expresa e outras causas de imposibilidade, substituír provisionalmente ó presidente nas sesións dos plenos e órganos do consello que el presida, asumindo as súas competencias.

Neste caso, a orde que debe seguirse é a establecida na prelación protocolaria entre as consellerías.

No caso de delegacións de determinadas funcións asumirán as expresamente conferidas.

2. Atender e, se é o caso, presidir en representación do presidente, aquelas comisións de traballo que o pleno do consello determine constituír.

3. Os vicepresidentes, en canto que representan a dúas consellerías, poderán delegar en caso enfermidade e ausencia nos respectivos subdirectores xerais.

Artigo 12º.-O secretario.

Son funcións do secretario do consello as seguintes:

1. Efectua-las convocatorias das reunións do pleno e da permanente por orde do presidente.

2. Dar curso por instancia do presidente, ás medidas que sexan necesarias para a efectividade dos acordos.

3. Redacta-las actas de cada sesión do pleno e da comisión permanente na que figurarán:

a) Lugar, data e hora do comezo da reunión.

b) Nome e apelidos dos membros do órgano colexiado presentes e ausentes que escusaran a súa asistencia, así como das persoas que foron chamadas para comparecer. Faranse constar, así mesmo, os ausentes que non xustificaran a súa falta de asistencia.

c) Carácter ordinario ou extraordinario da xuntanza.

d) Asuntos que figuran na orde do día.

e) O resultado das votacións. Cando no se consiga chegar a acordos, poderase recoller na acta esta circunstancia, facendo consta-los motivos das discrepancias, no caso de que sexa solicitado expresamente.

f) Hora de remate da sesión.

No caso de ausencia ou enfermidade o secretario poderá ser substituído por un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria designado polo titular desta.

Cando non se celebre a sesión, por calquera motivo, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia autenticada coa súa sinatura e a do presidente na que se fará consta-la causa da non celebración e, se procede, o nome dos asistentes e dos que se escusaran.

As actas, logo de aprobadas, ben polo pleno ou ben pola comisión permanente, serán asinadas polo secretario e referendadas polo presidente. O secretario será o responsable da custodia das actas.

O secretario expedirá certificación dos acordos contidos na acta, por solicitude dalgún membro do consello. Esta certificación deberá ir asinada polo secretario e co visto e prace do presidente.

Artigo 13º.-Vocais.

Os vocais titulares do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais e os seus suplentes serán designados polas respectivas organizacións e polos conselleiros dos departamentos representados neste órgano.

O nomeamento de tódolos membros do consello, titulares e suplentes, será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Correspóndelles ós vocais:

1. Coñecer previamente a orde do día das reunións e a información precisa sobre os temas incluídos.

2. Exerce-lo seu dereito ó voto.

3. Participar nos debates das sesións.

4. Propoñer ó presidente temas que ó seu xuízo deban incluírse na orde do día, a través da comisión

permanente, cunha antelación mínima de 15 días naturais á súa celebración.

5. O dereito á información xeral necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas ó Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais.

6. Cantas funcións sexan intrínsecas á súa condición de vocais. Os vocais non poderán atribuírse a representación ou facultade do consello, salvo que expresamente se lles outorgara por acordo do pleno do consello, e para cada caso concreto.

Perderase a condición de vocal por algunha das seguintes causas:

a) Por acordo de substitución adoptado polo órgano decisorio correspondente á organización á que representa, comunicado por escrito á secretaría do consello.

b) Por renuncia aceptada polo órgano correspondente á organización á que representa, comunicado por escrito á Secretaría do Consello.

Capítulo V

Réxime de funcionamento

Artigo 14º.-Convocatorias.

1. Correspóndelle ó presidente do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais ordena-la convocatoria das xuntanzas dos diferentes órganos do consello.

2. As convocatorias faranse sempre por escrito e polos medios máis idóneos para garantir adecuadamente a súa recepción coa debida antelación, que será de dez días hábiles para as sesións ordinarias e de catro para as extraordinarias. Non obstante, o presidente, no caso de especial urxencia e inaprazable necesidade, poderá altera-lo devandito prazo, neste caso a urxencia deberá ser aprobada polo órgano colexiado, como trámite previo á súa deliberación e sempre que se garanta ós vocais do consello o coñecemento previo das convocatorias.

3. As convocatorias deberán comunica-lo día, hora e lugar da xuntanza que se vai celebrar, así como a orde do día, e incluír, en todo caso, a documentación adecuada para o seu estudio previo. Indicará, ademais, de se-lo caso, o seu carácter urxente.

4. Na citación das reunións plenarias incluirase unha segunda, tendo en conta que entre as dúas convocatorias deberá transcorrer polo menos media hora.

Artigo 15º.-Orde do día das sesións.

1. A orde do día das sesións ordinarias conterá a lectura e, se é o caso, a aprobación da acta da sesión anterior e os demais puntos que se acorden legalmente.

2. A orde do día das sesións extraordinarias conterá os temas propostos pola presidencia ou as partes que regulamentariamente o solicitaron.

Artigo 16º.-Réxime xurídico.

Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste regulamento, os órganos colexiados do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais rexeranse polo disposto no capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo VI

Réxime económico e persoal

Artigo 17º.-Financiamento.

Para realiza-las súas funcións, o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais utilizará os fondos das consellerías implicadas, segundo a medida dos traballos que se desenvolvan.

En todo caso, co obxecto de garanti-lo funcionamento, disporase dos fondos que para tal efecto habilite a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18º.-Réxime de persoal.

O persoal ó servicio do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais poderá ser ou ben funcionario ou ben laboral, sen prexuízo da posibilidade de contratación, cando sexa necesario, de servicios de asesoramento técnico.

O pleno do consello proporá o persoal necesario para consegui-los seus obxectivos.

Todo o persoal, sexa funcionario ou laboral, que preste servicios no Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, agás o referido no artigo 9º, dependerá organicamente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 19º.-Asistencia ás sesións.

Os membros dos órganos de goberno e das comisións do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais recibirán unha compensación económica pola súa asistencia ás reunións.

A contía que percibirán os membros do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais que teñan dereito a ela será de 10.000 ptas. por reunión. En todo caso haberá que aterse ó disposto, con carácter xeral, polo Consello da Xunta de Galicia para este tipo de actividades.

Os representantes que o sexan en representación de organizacións empresariais, estudiantís ou sindicais poderán facer cesión destas compensacións a favor das súas respectivas organizacións, e deberano manifestar expresamente, por escrito, ante o habilitado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo VII

Reforma do regulamento

Artigo 20º.-Reforma do regulamento.

O presente Regulamento do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais poderá ser modi

ficado, total ou parcialmente, por proposta do presidente ou mediante proposta acordada pola maioría dos membros que constitúen o pleno.

A proposta de modificación deberá incluírse na orde do día e ser discutida no pleno do consello.

Capítulo VIII

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non sexa transferida a totalidade das competencias que en materia de formación profesional mantén o Instituto Nacional de Emprego, este poderá designar un representante con voz e sen voto neste consello.

Segunda.-En tanto non se produzan as transferencias ás que se refire o parágrafo anterior poderase solicitar do devandito instituto a oportuna información sobre os planos plurianuais de formación elaborados polo referido organismo que afecten a Galicia, para efectos da necesaria coordinación.

Capítulo IX

Disposición derradeira

Única.-Este regulamento aplicarase despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3653