Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 1997 Páx. 4.500

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 1997 pola que se convoca un curso básico para auxiliares de policía local.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso básico para auxiliares de policía local, segundo o previsto na disposición adicional II da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que sexan contratadas para desenvolve-la función de auxiliar de policía local durante a temporada de verán, nos concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta, antes do 27 de maio de 1997 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito a Academia Galega de Seguridade, na que soliciten a participación no curso, no que figure a lista de persoas que van ser contratadas como auxiliares de policía local para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 27 de maio de 1997.

3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outras as seguintes materias:

-Intervención policial.

-Tráfico e seguridade vial.

-Policía administrativa.

-Primeiros auxilios.

-Dereito penal.

-Dereito procesual-penal.

O curso terá unha duración de 10 días, cun total de 70 horas lectivas.

Lugar.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade, sita na rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela.

Datas.

O curso desenvolverase do 2 ó 13 de xuño, en horario de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Certificado.

Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable supera-la fase de formación teórica, na cal o alumno ten que superar tódalas materias que figuran no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridad poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

2820