Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 1997 Páx. 4.496

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 de abril de 1997 pola que se convoca a VI Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 97.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude desenvolve, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, no que se establece a súa estructura orgánica.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten o feito de facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca cada no unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca a VI Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 97, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

A mostra obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

VI Mostra Galega de Novos Creadores de Moda

Xuventude 97

I. Participantes.

Xoves deseñadores de moda galega ou residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, cumpridos durante o ano 1997 en grupo ou individualmente.

II. Condicións xerais.

1. As coleccións versarán sobre Primavera-Verán 98.

2. As coleccións deben ser orixinais e non ter participado noutros certames ou mostras.

3. Os participantes presentarán os seus deseños en láminas de 42 x 32 cm como mínimo, con deseño de fronte e de costas.

4. Poderanse presentar un máximo de tres coleccións, constando cada unha de 10 a 15 modelos.

5. Cada colección levará no reverso unicamente o título dela co seudónimo do autor/es.

6. Xunto coas obras deberá entregarse un sobre pechado co seudónimo no seu exterior, e no interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III debidamente cuberto, fotocopia do seu DNI por ámbalas dúas caras e currículo do autor/es.

7. En ningún caso nos deseños pertencentes ás coleccións presentadas deberán figurar datos que identifiquen ós deseñadores, para garanti-lo anonimato en todo momento; isto non imposibilita a descrición dos materiais e complementos da colección.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II.

Os participantes deberán presenta-las obras xunto coa solicitude e o sobre pechado no Servicio de

Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

r/ Ronda de Fingoi, s/n, 27002 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales, 20, entreplanta, 36203 Vigo e

r/ Benito Corbal, 47-2º, 36002 Pontevedra

antes do día 22 de setembro de 1997.

IV. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará 10 participantes cunha colección de cada un deles. A selección será feita ante notario.

Os seleccionados confeccionarán catro dos modelos para o pase que se vai realizar na cidade de Vigo, no Centro Cultural Caixa Vigo, no mes de novembro de 1997.

V. Premios.

Establécense os seguintes premios e axudas:

Para cada un dos dous primeiros clasificados, un premio de 250.000 pesetas e unha bolsa de 500.000 pesetas para cubri-los gastos de formación e aloxamento con modistos galegos de renome internacional. As bolsas serán outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio dentro das accións para a promoción do téxtil galego.

Axudas: 100.000 ptas. por cada un dos 10 seleccionados como apoio á confección dos modelos.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos participantes na fase final dun diploma que acredite a súa participación nesta Mostra Galega de Novos Creadores de Moda.

VI. Xurado.

O xurado será nomeado polo director xeral de Xuventude e estará formado por personas cualificadas do mundo da moda, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra.

Contra a decisión do xurado non caberá recurso.

VII. Dereitos.

As obras e, se é o caso, os informes dos seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Xuventude durante o período da actividade.

Queda implícita a autorización do autor ou autores das obras seleccionadas para a reproducción e publicación da imaxe ou contido delas por parte da Consellería de Familia, Muller e Xuventude por calquera dos medios que esta considere oportuno.

Queda implícita na inscrición e participación nesta convocatoria a aceptación do contido das bases. Calquera dúbida sobre a súa interpretación ou calquera modificación destas será resolta pola Dirección Xeral de Xuventude.

3589