Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 1997 Páx. 4.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Aguas de Cabreiroá, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. (código nº 3200012) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial o día 25-3-1997, subscrito en representación da parte económica, pola empresa, e, da parte social, polos delegados de persoal, na reunión celebrada o día

7-3-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 24/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación á representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 4 de abril de 1997.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de Aguas de Cabreiroá, S.A.

Ano 1997

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio é de ámbito empresarial e de aplicación obrigatoria á empresa Aguas de Cabreiroá, S.A., con domicilio social en Verín (Ourense), dedicada á explotación e envasado de augas minerais-naturais. Igualmente afectará ás factorías, dependencias, sucursais ou delegacións que a empresa teña con persoal ó seu servicio, incluído en nómina dentro da provincia ou fóra dela.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado polo presente convenio o persoal da empresa a que fai mención o artigo 1 salvo as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Así mesmo, as partes entenden que para mellora-lo precario sistema de contratación actual, a empresa contratará preferentemente a traballadores procedentes do INEM, aínda que se fose imprescindible a contratación de traballadores a través de empresas de traballo temporal, para labores distintos ós de producción, o salario que se aplicará a estes traballadores acercaríase o máis posible ó vixente para a mesma categoría, nesta empresa, condición que se fará constar na oferta de emprego.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración deste convenio será de 1 ano, comezando os seus efectos económicos o 1 de xaneiro de 1997 e a súa vixencia se rematará o 31 de decembro de 1997.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano, se non fora denunciado por calquera das partes

con tres meses de antelación alomenos ó remate da súa vixencia. As condicións da denuncia serán as que determine o Estatuto dos traballadores, permanecendo vixente o texto, ata a sinatura dun novo.

Artigo 4º.-Compensacións e absorción.

Tódalas melloras que se implanten por norma xeral serán compensadas e absorbidas ata onde acaden as do presente convenio de forma individualizada e en cómputo anual.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puideran xurdir sobre a aplicación do convenio, constitúese unha comisión mixta composta polos vocais que interviron na negociación e elaboración do convenio.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal.

Complétase a ordenanza vixente coa definición das seguintes categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que co título de facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o productor experto en análises e traballos de laboratorio que, sen título facultativo, leva a cabo as funcións indicadas como auxiliar técnico titulado.

-Capataz: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas ás que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

-Peón: é o operario que executa labores nos que se require predominante esforzo físico, sen necesidade de práctica operativa ningunha. Esta categoría só poderá aplicarse ó persoal contratado por tempada para carga e descarga e non ó ingreso como fixo no cadro de persoal como operario de embotellado.

-Operario de fabricación de envases: é o operario encargado da supervisión, control e manipulación das máquinas de fabricación de envases.

Artigo 7º.-Xornadas de traballo.

Establécese unha xornada de 1.800 horas efectivas de traballo en cómputo anual, equivalente a 40 horas efectivas de traballo semanal. A xornada diaria será de 8 horas de luns a venres. A devandita xornada será flexible e a empresa distribuirá ó longo do ano atendendo as necesidade de envasado é os períodos de maior demanda. Poderá establecerse xornada continuada ou partida, respectándose en todo caso os máximos legais.

No caso de realizarse xornada continuada, os traballadores terán dereito a 15 minutos para bocadillo por conta da empresa, que se computarán como xornada efectivamente traballada para tódolos efectos.

A empresa poderá establecer quendas de traballo cando as necesidades de organización do traballo así o aconsellen, sen que isto supoña variación ningunha na retribución do persoal afectado. Os representantes dos traballadores serán informados de calquera variación no sistema de quendas.

Calquera cambio na composición e horario das quendas deberá ser coñecida polos interesados o penúltimo día laborable da semana anterior.

As quendas na sección de estrusión serán de oito horas efectivas de luns a venres, acumulándose 15 minutos diarios en horas de vacacións, que serán desfrutadas polo persoal desta sección en forma adicional ó pactado no artigo 8, durante os meses de outubro a decembro.

Na organización das quendas teranse en conta as circunstancias persoais de cada empregado, sempre que non deterioren a organización do traballo.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a trinta días naturais de vacacións durante o ano 1997.

O salario que se percibirá durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio.

As vacacións concederanse de acordo coas necesidade do persoal, se ben a empresa reserva para si a facultade de concedelas fóra da época de campaña, comprendida entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ámbalas dúas inclusives.

O calendario laboral, no que se inclúe o período de vacacións, será negociado entre os representantes dos traballadores e a empresa.

Para o desfrute dos 23 días fóra da tempada de verán teranse en conta que deben pasar como mínimo dúas semanas entre o desfrute dos sete días de verán e os próximos que se van desfrutar.

Para evitar que unha enfermidade a fin de ano prive a un traballador das súas vacacións, establécese que cando o período de vacacións desfrutadas mailos días que por calquera causa estivera de baixa sexan menos de 35 días naturais, os días que lle quedan de vacacións pendentes ó remata-lo ano, desfrutaranse no seguinte.

Artigo 9º.-Retribucións.

A retribución constará de:

-Salario base.

-Complementos salariais.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salario anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade consistente en trienios do 4% sobre o salario base.

Artigo 12º.-Gratificación de carencia de incentivos.

Establécese unha gratificación de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia.

A gratificación de carencia de incentivos consistirá na percepción por cada traballador, individualmente e por cada día laborable, das cantidades que constan

na táboa de salarios do presente convenio por este concepto. A devandita gratificación, en vacacións, aboarase polos días naturais do período vacacional.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á producción non podendo ser menos en cómputo anual, os establecidos no convenio como gratificación de incentivos.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en dúas pagas extraordinarias, dunha mensualidade de salario base máis antigüidade, cada unha, pagadoiras unha en xullo e outra en decembro.

Ademais a empresa pagará, en concepto de participación de beneficios, outra mensualidade de salario base máis antigüidade que deberá facerse efectiva no primeiro trimestre de cada ano e por anos vencidos.

A percepción de cada unha das pagas realizarase dentro dos 15 primeiros días do mes que corresponda.

Artigo 15º.-Xubilación.

Ó cesa-lo traballador na empresa por xubilación, concederáselle unha indemnización de salario base máis antigüidade en proporción ós seus anos de servicio na empresa de acordo coa seguinte escala:

-5 anos: 2 mensualidades.

-10 anos: 3 mensualidades.

-15 anos: 4 mensualidades.

-20 anos: 5 mensualidades.

-25 anos: 6 mensualidades.

-De 30 anos en adiante: unha anualidade.

Artigo 16º.-Gratificación de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade, establécese unha gratificación para os que exerzan as devanditas funcións, consistentes no 10% do salario base.

Artigo 17º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, ós tres anos de exerce-las devanditas funcións na empresa, deberán ascender automaticamente á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 18º.-Seguro de vida e accidente.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado por convenio que cubra as seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 1.000.000 de pesetas.

-Morte por calquera outra causa: 500.000 pesetas.

-Invalidez permanente absoluta e total: 1.000.000 de pesetas.

Os beneficiarios deste seguro serán o cónxuxe viúvo ou, se é o caso, os que teñan dereitos do traballador asegurado.

O prazo para concretar este seguro para o persoal de novo ingreso será de seis meses, a partir do día no que o traballador cause alta na empresa.

Artigo 19º.-Gratificación por matrimonio.

Tódolos traballadores cunha antigüidade de alomenos tres anos na empresa, terán dereito cando casen a unha gratificación dun mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores da empresa comprométense a facilita-la xubilación anticipada ós 60 anos, acolléndose ós convenios e normativas que poidan establecerse co réxime da Seguridade Social.

A empresa permitirá a xubilación anticipada da seguinte maneira:

A xubilación ós 61 anos: 4 mensualidades.

A xubilación ós 62 anos: 3 mensualidades.

A xubilación ós 63 anos: 2 mensualidades.

A xubilación ós 64 anos: 1 mensualidade.

Artigo 21º.-Salario anual.

En función do establecido no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, establécese un salario anual para a categoría de peón en función das 1.800 horas anuais de 1.270.455 ptas., sen consta-la antigüidade.

Para os efectos do presente convenio, entenderase por mensualidade a doceava parte da anualidade.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída de tres días por falecemento de pais, cónxuxe, fillos ou irmáns, segundo establece o artigo 37 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e o seu correspondente na ordenanza laboral.

O persoal afectado neste convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día por falecemento de familiares de segundo grao e sobriños.

Igualmente terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día, no caso de voda dun fillo, cando esta sexa en día laborable ou sexa nun emprazamento noutra provincia distinta a de Ourense.

Igualmente poderá asistir á consulta da Seguridade Social en Verín (incluso para acompañar a fillos menores de 12 anos), e queda obrigado a entregar xustificante emitido polo médico, en calquera caso.

Artigo 23º.-Excedencia.

Todo o persoal afectado por este convenio terán dereito á excedencia de acordo coas normas establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 24º.-Vestiario.

A empresa subministrará ós traballadores dous equipos de traballo ó ano.

É obriga dos empregados, coida-los equipos de traballo e preocuparse da súa limpeza e correcto uso.

Artigo 25º.-Cota sindical.

A requirimento dos traballadores/as afiliados/as ás centrais ou sindicatos, a empresa descontará nas

nóminas mensuais dos traballadores/as o importe das cotas sindicais correspondentes. O traballador/a interesado/a en tal operación, remitirá á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato ó que pertence, a contía da cota, así como o número da conta á que deberá ser transferida a correspondente cantidade.

Artigo 26º.-Accidente laboral.

No caso de accidente laboral ou enfermidade profesional, a retribución será do 100% do salario, que se contabilizará desde a consideración como baixa por accidente laboral, ou enfermidade profesional.

Artigo 27º.-Lexislación complementaria.

Mentres non se estableza unha lei que regule as relacións laborais, as partes acóllense ó que determinan: o Estatuto dos traballadores, a Lei de liberdade sindical e a ordenanza laboral do sector.

Artigo 28º.-Aprendices.

En caso de que se realicen contratos de aprendizaxe, o salario para estes traballadores será igual ó salario do axudante de embotellado.

TÁBOA SALARIAL ANO 1997

Categorías

Salario base

mes

Gratificación

(día)

-Persoal técnico
Licenciados ou titulados134.838
Técnico titulado115.523

-Non titulados
Encargado xeral115.523
Encargado sección107.821

-Persoal administrativo
Xefe 1ª85.2771.250
Xefe 2ª85.2771.250
Oficial 1ª83.487938
Oficial 2ª82.869830
Auxiliar81.453583
-Persoal mercantil
Xefe de vendas120.581938
Inspector de vendas83.487938
Viaxante83.487938
Corredor de praza83.487938

-Persoal obreiro
Capataz83.487938
Operario de embotellamento81.453583
Aprendiz81.453583
Oficial 1ª83.487938
Conductor repartidor83.487938
Oficial 2ª82.869830
Oficial 3ª82.869830
Axudante81.453583
Conductor81.453583
Laborante81.453583

-Fabricación de envases
Operario fabricación envases81.453583
Compensación mes12.906
Oficial de 2ª82.869830
Compensación mes12.906830
Oficial de 3ª82.869830
Compensación mes12.906

Categorías

Salario base

mes

Gratificación

(día)

-Persoal subalterno
Peón75.381464
Almacenista75.381464
Ordenanza75.381464
Viaxante75.381464
Porteiro e conserxe75.381464
Telefonista75.381464
Limpadores75.381464
Mozos recados75.381464

3473