Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 1997 Páx. 4.452

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 9 de abril de 1997 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A pesca foi cualificada como de importancia estratéxica dentro do tecido socioeconómico galego, tanto pola súa transcendencia económica como polas actividades xeradas arredor do sector puramente extractivo.

O Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, no seu artigo 6, recolle que a posible alternancia entre as distintas artes será establecida pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Ante a reiterada demanda do sector, a necesidade desta regulación xa considerada pola Administración pesqueira e unha vez clarificados basicamente os permisos de explotación da flota de baixura que exerce a súa actividade desde os portos situados ó longo do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia, parece chegado o momento de regula-la alternancia de artes.

Ó ser competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado con respecto á ordenación do sector pesqueiro, entendendo por tal a regulación do sector productivo da pesca, e ó estar establecido na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, a regulación da pesca en augas interiores, o exercicio das actividades marisqueiras e de cultivos mariños sobre os recursos que habitan o mar territorial e a zona económica exclusiva española do litoral de Galicia e a ordenación pesqueira, parece lóxico regula-la alternancia para todas aquelas embarcacións que figuren no censo operativo nacional e teñan base nos portos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como para aqueloutras que, aínda con porto base noutras comunidades autónomas, estean autorizadas para exerce-la actividade pesqueira en augas competencia da Comunidade Autónoma galega.

Recoñecendo como feito indubidable, e de forma xeral, o sometemento dos nosos recursos pesqueiros a un sobreesforzo, enténdese que a alternancia debe conxuga-la necesaria limitación do esforzo exercido sobre os recursos coa posibilidade de poder pescar durante todo o ano, de maneira que se poida garanti-la rendibilidade económica das embarcacións.

Por outra parte, dadas as peculiaridades das nosas costas, os usos e costumes e a profesionalidade dos armadores, enténdese que deben ser estes os que establezan as artes ás que dedicarán as súas embarcacións. De calquera forma, e dado que non se parte de cero, este dereito debe vir limitado polos antecedentes das artes empregadas ata hoxe por cada embarcación e polo esforzo pesqueiro potencial existente na actualidade en cada unha das zonas do litoral galego.

Polas razóns anteriormente expostas, e oído o Consello Galego de Pesca na súa sesión do día quince de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Sección primeira. Consideracións xerais

Artigo 1º

Enténdese por alternancia a posibilidade que ten cada embarcación de pescar coas diferentes artes incluídas no seu permiso de explotación, cambiando dunha a outra, sen máis limitacións que as consideradas na presente orde e nos decretos 424/1993, do 17 de decembro, e 369/1994, do 2 de decembro.

Artigo 2º

1. Queda prohibido calquera tipo de simultaneidade, e non se poderá pescar con máis dunha arte ou aparello de pesca o mesmo día, nin manter calada unha arte, aínda cando non se vire, se se está empregando outra.

2. Igualmente queda prohibido ter a bordo artes ou aparellos diferentes ó indicado no derradeiro recadro cuberto do libro de rexistro da actividade pesqueira a que se refire o artigo 11º da presente orde, máis pezas de aparellos das permitidas, así como artes ilegais ou con mallas ou medidas antirregulamentarias.

Sección segunda. Da elección de artes

Artigo 3º

1. Tódalas embarcacións de baixura que figuran no censo operativo nacional de artes menores con base nos portos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán dispoñer no seu permiso de explotación dun máximo de cinco artes de pesca.

2. Aquelas artes que se declaren a extinguir ou non selectivas non poderán ser obxecto de elección para a súa inclusión no permiso de explotación.

Artigo 4º

1. Aquelas embarcacións que a entrada en vigor da presente orde dispuxesen no seu permiso de explotación de máis de cinco artes de pesca, terán que renunciar ó exceso que posúan; o armador será o que decida ás que renuncia. Esta renuncia deberá facerse efectiva nun prazo non superior a tres meses naturais, contados a partir da data de entrada en vigor da orde.

2. Se, transcorrido o prazo de tres meses sinalado no parágrafo anterior, non se producise a renuncia, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura actuará de oficio, e terá en conta a rendibilidade das artes, porto base da embarcación e esforzo pesqueiro potencial existente na zona costeira do litoral galego onde se atope o porto base. A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura expedirá un novo permiso de explotación que lle será remitido ó armador e susbtituirá para tódolos efectos, o anterior.

Artigo 5º

1. Para aquelas embarcacións que á entrada en vigor da presente orde dispuxesen no seu permiso de explotación de menos de cinco artes de pesca, o seu armador poderá solicitar aquelas que coide máis oportunas ata o máximo de cinco, coas limitacións recollidas no artigo 9º da presente orde.

2. De non levarse a cabo esta solicitude entenderase que o armador renuncia a ela e, non poderá resolverse a posible ampliación do número de artes ata que os servicios técnicos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura realicen unha valoración global do esforzo potencial das diferentes artes segundo zonas costeiras do litoral galego e decidan a conveniencia ou non do aumento de esforzo.

Artigo 6º

1. Os armadores das embarcacións que á entrada en vigor da presente orde dispuxesen no seu permiso de explotación de cinco artes, poderán cambiar unha delas, coas limitacións recollidas no artigo 9º da presente orde.

2. De non levarse a cabo este cambio entenderase que o armador renuncia a el, e non poderá resolverse unha posible solicitude de cambio ata que os servicios técnicos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, realicen unha valoración global do esforzo potencial das diferentes artes segundo zonas costeiras do litoral galego e decidan a conveniencia ou non do aumento do esforzo.

Artigo 7º

A presentación das solicitudes a que se refiren os artigos 5º e 6º da presente orde farase efectiva segundo o calendario que para tal efecto se publique mediante resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 8º

1. No caso de nova construcción, se as unidades aportadas como baixas reunisen máis de cinco artes diferentes no conxunto dos permisos de explotación, o armador da nova embarcación terá que renunciar ó exceso de artes que posúa.

2. Se as artes dos permisos de explotación das unidades aportadas como baixas non alcanzansen as cinco estipuladas no artigo 3º da presente orde, o armador poderá acollerse ó determinado no artigo 5º. O dito artigo 5º será de enteira aplicación para o presente suposto.

3. Se as artes dos permisos de explotación das unidades aportadas como baixas totalizasen as cinco consideradas no artigo 3º da presente orde, o armador poderá acollerse o estipulado no artigo 6º. Este artigo 6º será de enteira aplicación para este suposto.

4. Nos casos de venda dunha embarcación e co obxecto de optimiza-lo seu rendemento en función dos coñecementos do novo patrón e/ou armador, resultará de aplicación o sinalado nos artigos 4º, 5º e 6º da presente orde, segundo o caso.

Artigo 9º

O esforzo potencial existente na actualidade en cada unha das zonas costeiras do litoral galego actuará como factor limitante á hora de autorizarse novas artes nos permisos de explotación. Con carácter xeral o número de artes por zonas costeiras do litoral galego non poderá incrementarse por riba do 20% sobre o número das existentes á entrada en vigor da presente orde, salvo que a situación dos recursos así o permita.

No caso de que as solicitudes superasen o 20% a que se refire o parágrafo anterior resolverase en función das vendas por TRB da embarcación. Para iso, chegado o caso, o solicitante deberá aportar certificación do órgano responsable da explotación das lonxas correspondentes, comprensiva das vendas, expresadas en pesetas, realizadas polo armador solicitante durante os tres últimos anos. Esta cifra será dividida polo TRB da embarcación e o cociente así obtido será utilizado para resolve-las solicitudes, e daráselle prioridade ó cociente máis alto.

Artigo 10º

As cinco artes de que dispoñan no seu permiso de explotación as embarcacións de baixura manteranse ata a renovación do citado permiso. Nese momento o armador poderá solicita-lo cambio de artes, se ben este estará limitado polo estado dos recursos e polo esforzo pesqueiro potencial existente en cada unha das zonas costeiras do litoral galego; será de aplicación o criterio xeral recollido no artigo 9º.

Sección terceira. Rexistro da actividade pesqueira.

Artigo 11º

Co obxecto de facilita-la alternancia de artes por parte da flota de baixura e o control da actividade pesqueira e marisqueira creáse o libro de rexistro da actividade pesqueira.

O dito libro constará dunha primeira folla onde figurarán os datos identificativos, censo e características da embarcación, seguida doutras follas onde se indicará a modalidade, arte ou aparello que en cada momento utilice a embarcación en cuestión. As ditas follas axustaranse ós modelos reflectidos nos anexos I e II.

Este libro deberá estar dilixenciado polas delegacións da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, os cales cubrirán a folla de datos identificativos e características, na cal figurará o conforme do armador.

Artigo 12º

O libro de rexistro da actividade pesqueira constitúe un elemento indispensable de control da actividade e esforzo pesqueiro exercido nos caladoiros en que habitualmente pesca a flota de baixura galega, por iso deberá, obrigatoriamente, levarse a bordo, debidamente cuberto.

Artigo 13º

1. Cando un patrón ou armador desexe pescar a unha arte diferente á que está utilizando, para facer efectiva a alternancia de artes incluídas no seu permiso de explotación, deberá proceder do seguinte modo: ben persoalmente ou a través dun representante comparecerá na confraría de pescadores á que estea asociado co libro de rexistro da actividade pesqueira da súa embarcación. Na confraría cubriranse os recadros correspondentes á arte ou aparello e data a partir da cal se vai utilizar, selado co selo da confraría.

Aquelas embarcacións desprazadas do seu porto base como consecuencia da actividade pesqueira poderán realiza-lo trámite a que se refire o parágrafo anterior na confraría na que lles resulte máis operativo por proximidade, descarga ou descanso.

No caso de que non estivese afiliado a ningunha confraría, o trámite a que se refire o parágrafo primeiro

terá que facelo na correspondente delegación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Sempre que se rexistre alternancia, a confraría de pescadores comunicará diariamente, á delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da que dependa, mediante fax ou calquera medio telemático que permita deixar constancia da comunicación, a relación de embarcacións que cambien de arte, con expresión do nome e folio da embarcación, nova arte que se vai empregar e data a partir da cal vai ser efectivo o cambio.

3. Entenderase que unha embarcación non poderá pescar cunha arte diferente á que figure na última anotación do libro de rexistro da actividade pesqueira.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presente orde, coa excepción da sección segunda, será de aplicación para os barcos doutras comunidades autónomas autorizados a exerce-la actividade pesqueira ou marisqueira en augas de competencia da Comunidade Autónoma galega. Os trámites oportunos a que se refire a orde serán realizados na delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que proceda.

Segunda.-A aplicación do prevido na presente orde para elección de artes realizarase sen prexuízo das limitacións recollidas na normativa vixente sobre embarcacións pesqueiras, actividade pesqueira e modalidades de pesca.

Terceira.-Dado o esforzo pesqueiro existente na actualidade sobre as diversas especies de moluscos bivalvos, exclúense como artes elixibles o raño, a gancha e o

angazo, coas que tradicionalmente se vén exercendo o marisqueo a flote.

Cuarta.-Para os efectos de aplicación da presente orde entenderanse como zonas costeiras do litoral galego as consideradas no anexo V da Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira (DOG nº 125, do 30 de xuño).

Disposicións transitorias

Primeira.-En tanto non se regulen específicamente as artes que se van extinguir ou non selectivas, e para os efectos da presente orde, serán consideradas como tales o voitirón, a nasa fanequeira, o boliche, o bou de vara, o bou de man e o racú. Estas artes extinguiranse cando a embarcación cause baixa definitiva ou cambie de porto base a unha zona onde xa non estean autorizados na actualidade.

Segunda.-As embarcacións de nova construcción, con autorización para iso ou solicitude presentada para ela, antes da entrada en vigor da presente orde, poderán incorpora-lo permiso de explotación á arte ou artes que se van extinguir ou non selectivas autorizadas na súa zona que figurasen nos permisos de explotación da embarcación ou embarcacións aportadas como baixas.

Disposicións derradeiras

Facúltase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

3276